Manuel María: “A poesía sempre che abre un camiño, de fantasía ou de beleza”

axenda_manuel-mariaPara celebrarmos o 17 de Maio, Biosbardia fai unha viaxe no tempo e entrevista a Manuel María Fernández Teixeiro (Outeiro de Rei, 1929). Xuntando respostas a varias entrevistas das que deu en vida, compoñemos este perfil que mellor axude a coñecer un dos escritores máis populares, prolíficos e polifacéticos do século XX.

Cal é a orixe social de Manuel María?

Eu procedo dunha familia de labregos acomodados. As nosas terras en Outeiro de Rei, cando eu era neno, viñan mantendo once vacas e 30 fanegas de rendas. A miña familia podíase definir como unha liñaxe de subcaciques da comarca e de cregos. Desde o século XIX varios dos meus devanceiros foron alcaldes. Un tío do meu pai, logo meu pai… Eu recordo as sesións do Concello na cociña da nosa casa… Des que el morreu, no 1943, xa foron alcaldes tamén varios meus parentes.

Como recorda a súa infancia?

A miña infancia en Outeiro de Rei foi moi feliz. Sempre fun moi extravertido e aberto e os veciños déronme grande atención. Fun á escola en Rábade. Tiven un mestre (co que nunca conseguín falar en galego) que dedicaba as clases dos sábados a ler e comentar poemas en galego, das escolmas de Carré Aldao e Álvaro de las Casas.

O seu pai morre no 1943 e vostede, que ten na altura 14 anos, pasa a criarse cun tío seu que era crego.

Meu tío era cura de vocación serodia. Era ademais profesor no Instituto Feminino de Lugo, onde daba Filosofía. Fixera o doutoramento na Universidade Gregoriana de Roma. Era un home moi intelixente, moi culto, comprensivo e simpático. Nunca o entendín ben, no entanto. Malia ser galegofalante era antigaleguista. Dedicábase moito á lectura e ao estudo da Filosofía. Tiña unha boa biblioteca aínda que perdera parte dela nos anos da guerra.

Estando vostede en Lugo, fíxose asiduo das tertulias literarias da cidade. Con que escritores coincidiu naquel tempo?

Con Luís Pimentel, Ángel Johán, Ánxel Fole, Celestino Fernández de la Vega, Aquilino Iglesia Alvariño, Ramón Piñeiro, Álvaro Cunqueiro, Dionisio Gamallo Fierros…

No 1949 funda a revista de poesía Xistral. Ten vostede 20 anos.

Manuel Antonio Sopena e mais eu tiñamos ganas de publicar unha revista de poesía nos tempos do Bacharelato. Animounos Pimentel, quen ademais suxeriu o nome. Non pedimos permiso para publicala, algo que era obrigado naquel tempo. Non tiñamos diñeiro así que se non chega a ser pola nai de Sopena, que era mestra, queda o proxecto na imprenta. Saíron dous números porque non tiñamos aforros para máis. Sopena era un rapaz moi romántico que morreu tuberculoso antes de facer os 20 anos.

Vivindo xa en Santiago, vostede convértese en convidado na casa de Otero Pedrayo. Como foi o conto?

El era catedrático e vivía coa muller, Josefa Bustamante, Fita, no Hotel España, da rúa Nova. Houbo unha vez que a nai de Otero, Eladia, se puxo mala e Fita foi coidala a Ourense. Entón Otero díxome: “Quedo só quince días e non teño con quen falar. Fágame a caridade de vir xantar comigo entrementres Fita non volta de Ourense”. E así foi como comín canda el aqueles días. A verdade é que non falei nada. Escoitar a Otero era un pracer. Sabíao todo e contábao moi ben.

Os seus primeiros libros encádranse no movemento existencialista.

A xente do meu tempo criouse baixo o abafante nacionalcatolicismo, formámonos con profesores depurados. O primeiro foi coñecer a nosa literatura… eu lía algúns libros en galego que tiña meu pai e valeume coñecer eses escritores dos que antes falaba… e logo entender que Galicia tiña unha personalidade, unha lingua, unha cultura de seu… Para a miña xeración (Cuña Novás, Novoneyra e mais eu), desorientada e xurdida dese contorno, o existencialismo era unha filosofía que explicaba ben un país que perdera a guerra… Despois as cousas fóronse clarexando e viraron cara a posicións nacionalistas.

Nesa viraxe, houbo unha persoa fundamental para vostede: o pintor Carlos Maside.

Si. Foi un home clave para min. Eu fiquei fascinado por el e cultivamos unha grande amizade. Eu fixen o servizo militar entre o 1952 e o 1953 en Santiago e nese tempo podo dicir que me formei na Biblioteca Maside, é dicir, entre os libros que el posuía. Maside foi quen nos transmitiu a min e a outros, caso de Uxío Novoneyra, ese sentimento nacionalista. E tamén o pensamento marxista. Nas moitas conversas que mantivemos soubo transmitirnos a teoría política de Castelao conxugada cos conceptos do internacionalismo proletario.

Cando empeza vostede a militar no nacionalismo galego?

Xa vivía eu en Monforte, no comezo do 1960. Dese ano foron as primeiras reunións en Lugo. Daquela convivencia política e cultural (hai que lembrar que é o tempo do nacemento da Nova Narrativa) xurdirá no 1963 o Consello de Mocidade, xermolo das dúas ponlas do nacionalismo galego contemporáneo: o PSG e a UPG.

Nese tempo, a súa poesía evoluciona canda o seu ideario político.

Na década do 1960 chegou o boom da poesía social. Eu o que fixen foi intentar escribir unha poesía progresista, unha poesía o máis clara posible, nacionalista e patriótica, que servise un pouco para abrirmos os ollos, que apoiase os demais procesos de concienciación. A poesía sempre serve para algo, sempre che abre un camiño, de fantasía ou beleza; sempre é didáctica.

No 1975 participa vostede na creación da Fronte Cultural Galega.

Coido que foi nese ano si, na fraga de Caaveiro. Francisco Rodríguez e mais eu compartiamos unha conferencia en Pontedeume. Antes tiveramos unha xuntanza clandestina nesa fraga de Caaveiro cuns 30 rapaces. Falámoslles de nacionalismo galego. Esa foi a orixe da fronte, que se fundou, coido que na igrexa san Martiño de Noia máis tarde. Asistiu xente de toda Galicia, traballadores da cultura. Segundo iamos chegando ao lugar que tiñamos marcado, levábannos á igrexa. O coordinador daquel encontro fora Moncho Reboiras.

Por que decidiu ser un militante político?

Pola sinxela razón de que o único xeito de normalizar a nosa cultura e o noso idioma e a través das medidas políticas, non só con poemiñas, novelas ou contos ou ensaíños.

Cando muda esa perspectiva política na súa poesía?

Reoriéntase xa na década do 1980, cando empezo a pensar novamente no meu pasado, na paisaxe. Seguindo a Antonio Machado, o poeta “canta sobre o que perde”.

Sentiuse vostede un escritor marxinado pola “oficialidade”?

Ao vivir en Monforte, estou a desmán, por exemplo, para saír na televisión. Pero fóra dunha cuestión xeográfica, penso que si estou marxinado pola cultura oficial. Será que sempre procurei manter a miña dignidade e non facerlle concesións a ningún poder e menos aínda a ningún poder antigalego.

Por que incluíu na súa obra textos específicos para a infancia?

Cando era pequeno botaba en falta libros de poemas infantís que falasen daquilo que nos arrodeaba. Moitos poemas escribinos por solicitude das propias crianzas. Tamén para que valesen entre os profesores como escusa para explicarlles aos alumnos a historia de Galicia.

Vostede é un dos grandes coñecedores da xeografía. A súa sección Andando a terra, que publicou durante anos A Nosa Terra, é xa un dos clásicos da literatura xornalística de viaxes.

Coñezo o país regular. Coido que as xeracións máis novas, en especial os poetas (espero equivocarme) non coñecen ben Galicia. Coñecer a fondo o país é esencial para calquera galego. E non falo de visitar unicamente os arrabaldos das cidades.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s