O III Congreso de Poesía de Compostela do 1954. Apuntamentos

Desde a esquerda: Luis Felipe Vivanco, Luis Rosales, Rodrigo Uría, Dionisio Ridruejo, Pedro Laín, Gonzalo Torrente e Antonio Tovar.

Desde a esquerda: Luis Felipe Vivanco, Luis Rosales, Rodrigo Uría, Dionisio Ridruejo, Pedro Laín, Gonzalo Torrente e Antonio Tovar.

Xesús González Gómez.

No 2012, en Galàxia Gutemberg/Cercle de Lectors, ao coidado de Valentí Soler i Noguera, deuse ao prelo a Obra completa de Tomàs Garcés: Poesía (comprendidas as traducións), Dietarios e Memorias, Ensaio e Xornalismo: 1540 páxinas, contando as 70 de índices e procedencia, así como as corenta do prólogo do curador. O libro, como obxecto, como todos os libros publicados nesta colección, un gozo nas mans.

Tomàs Garcés (1901-1993), fillo de inmigrante (de Guadalaxara) e de catalá, deuse a coñecer moi novo como poeta e crítico, publicou diversos libros de poesía, dietarios, colaborou en revistas e xornais e fixo traducións . En 1954, por conta propia, publicou un folleto: Déu poemes gallecs (Quaderns de poesia). A tradución destes dez poetas (cun poema cada un) era unha homenaxe que facía a Galicia e algo así como un aviso, xa que decidiu publicalo ao se negar a ir ao Congreso de Poesía que ese ano se desenvolvería en Santiago de Compostela, despois de participar nos dous anteriores.

Haberá tempo de falarmos de Garcés na segunda parte deste artigo. Mais antes fagamos un pouco de historia deste III Congreso de Poesía. Deste Congreso tense falado moito, mais un pensa que se falou moi superficialmente, por iso nós faremos a súa “historización” parcial da man dun dos participantes, deixando de lado todos os escritos que se publicaron no seu día (Antonio Vilanova e Joan Perucho en Destino, Carlos Polo en Faro de Vigo, etc,) e os posteriores.

A cousa iniciouse no anterior congreso, o do ano 1953, que se celebrara en Salamanca. Alá, Dionisio Gamallo Fierros, un dos participantes, pediu que o próximo congreso se celebrase na cidade compostelá. Os organizadores, sobre todo o seu secretario, Rafael Santos Torroella, un mes e medio antes de se iniciar o congreso, paseou por Galicia, da man dun falanxista, naquel momento, ilustre: o catedrático da universidade de Santiago Carlos París. Visitaron a alcaldes, xornalistas, delegacións de Ensino e de Información e Turismo, etc., e cando tiveron todo ben atado, deuse a noticia que se celebraría o Congreso en Compostela. Como así foi. Con todo, talvez non estará de máis lembrar que Borobó, en La Noche, nun dos seus “Anacos”, “Coronación poética” (12-VI-1954), demandaba que o acto culminante do congreso fose a coroación de Ramón Cabanillas, coroación que non tivo lugar durante ese congreso, mais que se realizou case catro anos máis tarde, o 8 de abril de 1958.

En 1954, na última semana do mes de xullo, do 24 ao 29, tivo lugar, xa que logo, en Santiago de Compostela o III Congreso de Poesía. Estes congresos estaban organizados polo Ministerio de Educación por medio de entidades “autónomas” e nel reuníanse poetas franquistas e poetas antifranquistas de todas as tendencias poéticas. Hoxe, cando a barbarie revisionista alcanzou homes que se denominan de esquerda, moitos estudosos (Mainer, Gràcia, Amat…) están a ver neles un embrión de diálogo entre vencedores e vencidos: parece como se non quixesen percibir que para os franquistas só podía existir diálogo se eles tiñan o mando. En fin, miserias, da erudición universitaria.

O III destes Congresos tivo lugar, como dixemos, en Santiago, e foi inaugurado con todas as autoridades (evidentemente, franquistas) presentes: alcalde, reitor da Universidade (o tenebroso Lagaz), directores xerais, etc. Un dos factótums destes congresos era Dionisio Ridruejo, que aínda non rompera co franquismo e pugnaba por unha reforma. Unha das súas mans dereitas era o poeta e crítico de arte Rafael Santos Torroella, que oficiaba de secretario. Torroella fora condenado a morte en 1940 e logo, condonada esta pena, pasou varios anos no cárcere. Os primeiro e segundo congresos (Segovia, 1952 e Salamanca, 1953) reuniron poetas españois e cataláns, maiormente: Carles Riba, Foix, Marià Manent, Tomàs Garcés, etc.,  participaron neles, e foron criticados por “colaboracionismo” –adxectivo ben aplicado e que pon enfermos os mencionados Amat, Gràcia, Mainer, etc. Si, eran colaboracionistas, porque aqueles congresos non serviron absolutamente para nada, agás, talvez, para que algún falanxista abandonase a Falanxe e rompese totalmente co franquismo (Ridruejo, único caso coñecido), e só servían de propaganda cultural para o Réxime, que continuaba a ser tan duro como, por exemplo, dez anos atrás. Os participantes nos congresos, que logo se arrepentisen ou non, foron, por usarmos unha expresión tan querida polas dereitas, “tontos útiles”, até que se deron conta e non houbo máis congresos, xa que o de Santiago foi o terceiro e derradeiro. No entanto, Santos Torroella continuou a colaborar, como tantos outros, coas institucións culturais do Réxime. Mais vaiamos ao Congreso de Santiago.

Un dos convidados por parte catalá, en realidade, oficialmente, representaba a parte valenciana, foi Joan Fuster. Fuster publicou en 1969 o tomo dous das súas obras completas, Diari 1952-1960. Neste Diari, por mor da censura, non se incluíron dous cadernos pertencentes aos anos 1954 e 1955. Os cadernos viron lume postumamente, no 2004: Dos Quaderns inédits, Valencia, Edicions Bromera, Introdución e notas de Francesc Pérez Moragon. No Diari, Fuster fala do Congreso nunhas dez páxinas (da 134 á 144), nestes cadernos o congreso ocupa case 30 páxinas (da 131 á 165, mais polo medio está o cambio de caderno, unhas páxinas en branco). Fuster no seu diario publicou uns anacos destes Quaderns, Quaderns nos que fai un pormenorizado informe do que foi o congreso e pouco fala dos actos oficiais, que debían ser dun aburrido insoportábel.

O día 15 de xullo de 1954, Joan Fuster consigna no seu diario (no primeiro destes dous Quaderns –a partir de agora, calquera anotación do diario estará tirada dos Quaderns): “Unha sorpresa. Acabo de recibir unha carta de Rafael Santos Torroella para convidarme ao III Congreso de Poesía que hogano se celebrará en Santiago de Compostela. Non sei que indicaría aos organizadores a conveniencia de levarme. Talvez Riba ou Manent. Gustarame facer esta viaxe pola dupla oportunidade de facer a viaxe a Galicia e coñecer xente interesante. Da cuestión do ‘diálogo’ xa falaremos á volta. O Congreso corre cos gastos de desprazamentos desde Madrid (e regreso), a estadía en Santiago e as excursións por Galicia”. O 31 do mesmo día, polo serán, consigna: “Acabo de volver do Congreso de Poesía, de Santiago. Fixérame o propósito de anotar diariamente o que acontecese, mais non foi posíbel: non nos deixaron respirar; levábannos de excursión en excursión, correndo dun lado a outro, ora unha sesión, ora –e sempre– un viño de honra…”, e avisa que a partir da súa memoria intentará facer un resumo dos aspectos máis importantes ou que máis o impresionaron desta viaxe, deste congreso.

Logo de falar durante unhas páxinas da viaxe –en autocar– e da paisaxe de Castela, chega a Compostela. Aloxáronse no Colexio Maior San Clemente: “Santiago é unha cidade magnífica. No se esgota nunca á contemplación do forasteiro. En cada rúa, unha igrexa, un convento, un palacio, por todas as partes a delicia das esculturas románicas. Todo, en Galicia, ten un vago ar románico”, etc.

Capa de 'Dos quaderns inédits', de Joan Fuster.

Capa de ‘Dos quaderns inédits’, de Joan Fuster.

O congreso: “Como tal congreso, foi unha estafa. Claro, que tipo de sesións podían ter poetas de tantas distintas idades e tendencias como estabamos reunidos? Unha que fixemos, sobre a poesía social, xa foi abondo para calibrarmos a imposibilidade radical, non soamente dun acordo –que non era necesario –, senón mesmo dun simple diálogo frutífero”. E afirma que a calidade dos congresistas este ano era menor que a do ano anterior, só tres pesos pesados: Carles Riba, Gerardo Diego e Luis Rosales. “Noutro plano, estaban Ory, Celaya, Serrahima e algún máis que pagaba a pena. O resto eran os habituais directores e colaboradores das innumerábeis revistas españolas de poesía, tipos dunha mediocridade tenebrosa. ‘No se quién ha convencido a García Nieto de que es poeta’, dicía Rosales…”

O grupo catalán estaba formado polo matrimonio Clementina Arderiu-Carles Riba, Ricard Permanyer (Fuster non se explica por que), Maurici Serrahima, Joan Perucho, Antonio Vilanova, Antoni Comas e el propio. Tamén ía Francesc Gali, “é un rapaz dun 35 anos, perfectamente insignificante, falanxista, e que escribe ás veces en catalán” e que se integrou no seu grupo. Julián Andúgar, “un murciano que colaborou bastante en Verbo [revista dirixida por Fuster e José Albi], recomenda a un poeta galego: ‘No vayas mucho con el grupo catalán, que ha venido con una misión política’”. Do grupo, Antonio Vilanova non é moi catalanista, aínda que fixo causa común con eles. Perucho non parou de facer “labor político”. Serrahima fixo un papel brillante; “encargóuselle o discurso de clausura, no que tocou o problema catalán e en certa maneira obrigou o director xeral de Ensino Universitario, Pérez Villanueva, a retomar o tema na súa contestación”. Antoni Comas o máis novo: 23 anos, reservado e formal, a quen lle molestaba o humor mordaz de Fuster: un día Comas recitoulle de memoria desde a Xénese até a Albert Manent. O problema é que Comas caeu baixo a influencia do “idiota de Galí, con quen desaparecía nos momentos –poucos– máis interesantes do Congreso… E eu? Axudei a Perucho e Comas no ‘labor político’ do diálogo e a información. Especialmente cos galegos”.

O diálogo. Non podía ser moi eficaz dada a calidade dos interlocutores. “Non quero dicir que ‘nós’ fósemos ‘mellores” ca eles senón que eles non tiñan ningunha curiosidade por saber o que facemos ou pensamos nós”. E continúa liñas máis abaixo “Foi cos galegos con quen as relacións foron máis fortes e propicias. Puidemos decatarnos dunha poesía en galego moi interesante, e da existencia de todo un movemento cultural de moitas posibilidades. Están moi lonxe aínda de acadar, non digo a normalidade, senón nin tan só a pista da normalidade. Mais van facendo, e xa cun sentimento bastante claro do que é un rexurdimento nacional… Ora ben, é inútil a presenza dos cataláns nestes Congresos de Poesía? Non o foi até o de agora, e mesmo este ano –á parte dos enlaces con Galicia– foi proveitosa”. A verdade é que os cataláns estaban dispostos a non asistiren, concorreron para intentaren que se lles concedese permiso para a publicación dunha revista en catalán (Monitor). Os organizadores do Congreso, os homes do ministro de Educación, Joaquín Ruíz-Giménez, estaban desexosos de concedelo, mais todo dependía de Gabriel Arias Salgado, o ministro de Información. Semella ser que este non puxera inconveniente, mais dixo que o tiña que levar ao Consello de Ministros! (Evidentemente, nunca houbo tal autorización –só anos máis tarde, en 1966, se concedeu o permiso de publicar un semanario en catalán, Tele/Estel, que durou até 1970: á parte da censura, o semanario non podía falar de política, fose nacional ou internacional; con esta eiva o normal é que durase pouco, como así foi). “Os galegos, pola súa conta –continúa Fuster– tamén puxeran obxeccións ao Congreso. A censura de Juan Aparicio ten retido, desde hai meses, un número de Ínsula, en castelán!, dedicado á literatura galega… En fin…”. Lembremos que tal número só viu lume en xullo de 1959, tendo en conta que en xullo do 1954 levaba meses retido na censura, case seis anos despois!

Fuster describe logo varios dos congresistas: Carlos Edmundo Ory, quen afirmaba “el poeta de hoy tiene que ser un golfo”, Cuña Novás (barbado) “é un tipo da pasta de Carlos [Edmundo Ory] mais sen a súa personalidade. Ambos son uns entusiastas de Antonin Artaud e amigos de Palau-Fabre. Cuña ten máis de snob que Carlos, pero non é insincero”. Maurici Serrahima. A este semella que “Espriu lle puxo o mal nome de Mau Mau, e así o chamamos os cataláns durante estes días. Semella que é un señor un pouco pesado e, sobre todo, dunha certa megalomanía. Chegou a nos explicar pouco máis ou menos que el era o inventor das camisas tal como se usan hoxe […] Un xenio. Vaia”. Santos Torroella explícalle que está a ordenar a correspondencia de Joan Miró e que a Dalí o atacan porque é o marchante dos seus propios cadros, sen pasar polas galerías. Tamén afirma Fuster que talvez a tertulia que fixo con Rosales foi a única sesión do Congreso de Poesía que merecía tal nome, aínda que foi fóra de programa. Panero non puido ir, Celaya atacouno, recitando un epigrama que circulaba polo congreso a respecto do Canto personal (Carta perdida a Pablo Neruda), que escribiu Panero e levaba un vergonzoso prólogo de Dionisio Ridruejo, prólogo e libro aos que engadiron as súas firmas José María Valverde, Laín Entralgo, Luis Rosales, Luis Felipe Vivanco e outros elementos de tal caste:

¿Dices que carta perdida,

                                               Y va con tanto franqueo?

                                               ¡No lo creo, no lo creo!

“Rosales molestouse pola alusión a Panero e penso que despois lle pediu explicacións a Celaya”, que, supomos, Fuster non di nada a tal respecto, o enviaría a aquel sitio, a non ser que Rosales usase do seu poder para que Celaya baixase a caluga. (Lembremos que o Canto personal quería ser unha resposta poética e ideolóxica ao Canto general, de Pablo Neruda, e non é máis ca unha mostra do que deu de si a poesía franquista, ou a poesía fascista española, por usarmos a expresión de Julio Rodríguez Puértolas.)

Non esquezamos que o tal poema de Panero se publicara o ano anterior, 1953, é dicir, que era recente, e que no prólogo Ridruejo dicía cousas como : “No nos duele a nosotros que el mundo haya contado cada día de cárcel del pobre Miguel [Hernández] o cada gota de sangre del pobre Federico [García Lorca]… No nos duele, y hasta nos consuela saber que, al menos, la vida de dos españoles –entre doscientos mil pasados en silencio y entre todo un millón pasado por alto –haya sido tenida tan en cuenta. Pero ya es demasiada farsa seguir hablando de esto después de Katin y Nuremberg y de Hiroshima y de los bombardeos en masa y de los campos de concentración de todo el mundo”: este era o home co que se dialogaba nos Congresos de Poesía: aínda un fascista puro que até lle sabía mal o xuízo de Nuremberg ao xefes nazis; e esquecía que Hernández morreu no cárcere por negarse a recoñecer o réxime franquista, etc. En fin, miserias do fascismo cotián. No que respecta ao Canto personal de Panero, velaí unha mínima mostra:

Una guerra es un íntimo combate

                                   y no una voluntad a sangre fría:

                                   donde cae Federico el agua late;

                                   donde cayó un millón la tierra es mía:

                                   unos caen, otros quedan, nadie dura;

                                   y tan sólo el Alcázar no caía.

                                   La arisca independencia es nuestro estilo;

                                   el Dos de Mayo, nuestro sacro uso;

                                   y el sueño en vida, nuestro eterno asilo.

                                   porque España es así (y el ruso, el ruso),

                                   hoy preferimos en retrato de Cristo

                                   a progresar en un espejo ilusorio. (sic)

(Talvez o verso “donde cayó un millón la tierra es mía” debeu ser “donde cayó un millón la sinecura es mía” –ou nosa).

Aquí acaba o primeiro caderno, Quadern VIII (30-IV-1954 / 31-VII-1954). O seguinte caderno, Quadern IX (31-VII-1954 / 2-X-1955), iníciase da seguinte maneira:

31 de xullo,  1954. Continuación

Retrato de José María Castroviejo.

Retrato de José María Castroviejo.

“CASTROVIEJO. Jose M. de (sic) Castroviejo, poeta galego que escribe en castelán, dirixía a expedición ás illas Cíes. Á volta, por un altofalante da cuberta da nave, organizou un recital de poesía galega de tema marítimo, aceptábel por regra xeral, e con algún poema francamente bo. Tales illas son pequenas e case desérticas. Comemos nunha pequena taberna e ao volver á costa, Castroviejo –xa decididamente embriagado– mandou enfiar a motora océano adiante. Castroviejo fíxoo cunha intención de miúra:

Para que se jodan los poetas castellanos.

O mar estaba movido mais non moito. Abondo movido, con todo, para que un certo número de congresistas se marease horribelmente. Houbo escenas lamentábeis. Ory foi unha das primeiras vítimas. A carón da cheminea da embarcación estabamos Riba e a súa muller, Manuel María –outro galego a quen pola súa conversa pesada, chamabamos El rollo que no cesa, o matrimonio Vanderhaven e mais eu. Riba estaba entusiasmado:

–Isto é do que eu gusto”.

Castroviejo, bébedo perdido, achegouse a Riba e empezou a lle contar non sabe que historia das lexións romanas cando se achegaron a Fisterra. Levárono e deixounos tranquilo. Castroviejo sempre ía co irlandés Walter Starkie e cun comerciante de Vigo, gordiño e louro como Starkie a quen Castroviejo lle concedera o título de “fillo honorario” do irlandés: os tres pasaban o día a beber. En fin, no barco acabaron por se divertir, xa que Ory, recuperado, tomou o altavoz e e berrou: “¡Mamá!”, e un amigo seu lanzou un chamamento de socorro: “Se perdió un niño llamado Gerardo Diego; es muy serio y muy formal; sus papás lo buscan”. Fuster non sabe se Diego, que estaba na embarcación, o escoitou.

Poesía social. Un dos relatorios a discutir foi a dedicado á poesía social. Aquí houbo enfrontamentos, e Celaya atacou a Panero polo seu Canto personal. “Un andaluz, con cara de colaborador de Garcilaso [revista de poesía imperial] –que non sei se lle chaman Romero Moliner [debía ser o poeta Joaquin Romero Murube, que non era garcilasista, senón un fillo menor da xeración chamada de 1927]– atacou a tese de Celaya” a favor da poesía social. Fuster estaba contra a poesía social e na súa axuda acudiu… Filgueira Valverde. A sesión foi movida e non se trata de resumila polo miúdo.

Política. O día que se clausurou o Congreso, ían paseando Fuster a Vilanova cara ao Colexio San Clemente e topáronse con Carmen Conde, outra das participantes, que estaba moi cabreada porque un poeta galego dixera diante dela “Mi patria termina donde termina mi lengua!/ Polo que semella, o da frase era Manuel Maria. Conde berraba: Eso es impolítico; una ofensa para los demás; una enorme estupidez, etc./ Eu díxenlle: “Mira, no te preocupes. Eso es, poco más o menos, lo que decía Unamuno –¿Qué? –‘La lengua es la sangre de mi alma./ Mi patria es allí donde ella suena’. O algo por el estilo./ A poeta castelá ficou desconcertada. Entón respondeume: “Bueno, eso lo podía decir Unamuno porque hablaba castellano. Pero, chico, si los gallegos piensan igual se van a quedar con una patria muy pequeñita./ Lamentémolo polos galegos”.

As damas. Como poetas acudiron ao congreso a propia Carmen Conde, Clementina Arderiu, Tina Mercader e Amparo _Gastón, “que firma con Celaya [este era o seu compañeiro] un libro, pero que facía cara de todo menos de poeta”, Pura Vázquez e “algunhas outras escritoras indíxenas cuxo nome non aprendín nin ganas. Interviñeron soamente nos actos dedicados a Rosalía de Castro”.

Noutra sesión, os da revista Espadaña, de León, un dos seus fundadores, o reverendo Antonio G. Lama, atacou a poesía dos de Garcilaso, García Nieto, o seu fundador, molestouse e púxose a ler o xornal de maneira ostensíbel. Como os ataques ían a máis, erguese e marchou. Logo interveu Fuster falando de poesía en catalán e castelán no País Valenciano: improvisou sobre a marcha.

Final. “Non sei que dicir. Como dicía Julián Ayesta que dicía unha tía súa: ‘Ni fu ni fa: más bien fa’. Nin tanto como aseguran os congresófilos, nin tan pouco como pretenden os congresófobos. Talvez, ademais, a incómoda sensación de estar dependendo dos cartos dos contribuíntes sen unha razón moi xustificada. Isto non quere dicir que se o ano que venme convidan non volva a asistir. Naturalmente, sempre que vaia algún do Principado bastante responsábel”.

Pura Vázquez.

Isto foi o que deu o Congreso, para Joan Fuster. Un Congreso no que houbo 72 participantes (todos pagados polo Estado, evidentemente). Como unha das conclusións, os congresófobos e os congresófilos cataláns confirmaron que nada cabía esperar do Estado franquista: deron por finalizada a colaboración. No entanto, algúns –por non dicir todos– dos participantes cataláns no congreso non admitían a acusación de colaboracionismo, mais, con todo, algunha “prenda” lles doía. Tomàs Garcés, anos despois, en 1980, na revista de historia L’Avenç (nº 24), nun artigo titulado “Un Congrès de Poesia”, dicía, entre outras moitas cousas: “Deberiamos preguntarnos, xa que logo, se a despeito da boa vontade de Santos Torroella, Dionisio Ridruejo e o propio Pérez Villanueva [o director Xeral de Ensino], a nosa presenza no Congreso –se non manipulada e explotábel de cara ao exterior– podía semellar ‘a posteriori’ desconcertante e contraditoria”. Desconcertante e contraditoria porque, como escribe no mesmo artigo Garcés: “En Ciudad Rodrigo e en Salamanca podiamos ler e publicar poemas cataláns. Mais na nosa terra éranos imposíbel comentalos publicamente nunha conferencia. Nos actos que organizaba de tanto en tanto a Llibreria Catalònia, naquel íntimo e acolledor subterráneo, para os cales, naturalmente, había que pedir permiso a ‘Jefatura’, non se podía abrir a boca ‘en prosa’ se non era en castelán”. Outra proba máis de que o colaboracionismo, aínda que se pense que non é tal senón diálogo co inimigo, só conduce a un proveito a favor do inimigo. O diálogo só se dá entre iguais, e cando un mantén unha posición de forza pode tolerar algunhas manifestacións do inimigo, pero non a súa totalidade, porque a famosa tolerancia non é máis ca iso: condescendencia e paternalismo do forte cara ao débil.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s