‘O cuarto de invitados’, o terco latexo da vida

Helen Garner.

Helen Garner.

Helen Garner conta n’O cuarto de invitados, publicado en galego por Rinoceronte, a historia da súa relación (non sabemos se real ou inventada, iso dá igual) coa súa amiga Nicola, doente de cancro que vai vivir canda ela unhas semanas mentres se somete a un tratamento “alternativo” baseado na vitamina C. A novela repasa, dun xeito exhaustivo e naturalista na convivencia entre as dúas mulleres. O resultado é excepcional e este libro serve moi ben para explicar con feitos para que serve a literatura no noso tempo.

Garner, autora australiana que compaxina a literatura co cinema e o xornalismo, consegue algo aparentemente imposible: extraer beleza dun dos momentos máis difíciles de dúas persoas. E non o fai, como sería lexítimo e usual, recorrendo á fantasía ou á evasión, propoñendo para as súas personaxes unha vía de saída á difícil situación na que se encontran. Non, a escritora opta pola vía complicada, polo risco. E o risco neste caso ten recompensa: En que consiste a vía? En explorar, mediante a explicación da cotidianidade, o que realmente somos cando se pon derriba da mesa a esencia da vida, é dicir, cando o que está en xogo é a continuidade no mundo, a nosa e a dos nosos seres queridos. O contrapunto das personaxes de Helen (a propia autora? Seguramente. Ou non) e de Nicola (unha persoa que realmente existiu? Seguramente. Ou non) permite deseñar unha tensión narrativa que vai evolucionando dun xeito natural e verosímil e formula na mente do lector unha necesaria reflexión: por que facemos o que facemos. Que é o que guía a vida.

O amor, o compromiso cos demais, a solidariedade, a obriga social, o que o mundo espera de nós… todo iso está neste libro mais tamén ese terco latexo da vida, ese compromiso irrenunciable a continuar pelexando, incluso cando parece que o tempo acaba, que non hai xeito de agocharse da morte. O personaxe de Nicola é fascinante: tanto polas súas contradicións, o seu infantilismo diante da enfermidade, o seu estoicismo sorrinte, certa incapacidade para asumir tanto a debilidade propia coma a influencia que exerce sobre a xente próxima. O de Helen, menos complexo e quizais afectado polo pudor da propia autora (ao final é un trasunto de si mesma) ten, en troca, unha profundidade difícil de conseguir na literatura. Especialmente a través da técnica de Garner.

Porque a australiana escolle para esta historia de dor e falsas esperanzas unha técnica narrativa que non alimenta precisamente o sentimentalismo. Ben ao contrario, opta pola contención e o distanciamento. Coñece a novelista tan ben a materia que novela que consegue encontrar fortaleza literaria en calquera cousa, en calquera escenario, na penumbra do cuarto arrumbado para a amiga (non tan íntima) que chega e vai ser a nosa convidada, na sala de espera dunha clínica que en realidade non é unha clínica… Ese dominio tamén o traslada aos diálogos. Son realistas pero non vacuos, encontra Garner o xeito de convertelos en motor da acción da novela sen que iso signifique que non ten máis combustible narrativo senón, ao contrario, porque é quen de equilibrar entre as palabras e os silencios as grandes mensaxes da condición humana, esas preguntas que aparecen nos manuais de filosofía pero que custan un mundo verbalizar a rentes da terra, nunha sociedade laica, avanzada, racionalista e urbana coma a das protagonistas desta novela.

En definitiva, O cuarto de invitados é outro acerto da Casa Rinoceronte, unha obra moi interesante e que debera lerse nos moitos clubs de lectura que afortunadamente existen en Galicia. Literatura adulta que nos obriga a pensarmos sobre a nosa propia carne mortal con ferramentas dialécticas de hoxe en día.

♦ O cuarto de invitados, de Helen Garner. Tradución de Moisés Barcia, Rinoceronte, 2015 143 páxinas. ♠16€

César Lorenzo Gil.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s