Antonio Manuel Fraga: “Gañar un premio non te converte automaticamente en bo escritor”

Antonio Manuel Fraga/OLLO DE VIDRO-ACAB

Antonio Manuel Fraga/OLLO DE VIDRO-ACAB

César Lorenzo Gil.

Non é fácil nestes tempos ter unha obra publicada no andel de novidades da literatura galega. Menos dúas. Ese é o caso de Antonio Manuel Fraga (Pontedeume, 1976). Falamos con el desas dúas novelas, Querido H. P. Lovecraft (Urco) e Tártarus (Xerais).

 

Nunha entrevista que concedeu tituláronlle que “nunca tería coñecido a Lovecraft sen Agustín Fernández Paz”. Como influíu ese autor no feito de se converter vostede en escritor?

O que dixen exactamente é que a primeira porta ao xeito de concibir o terror de Lovecraft foron as obras de Fernández Paz, concretamente Aire negro e Cartas de inverno. Especialmente a segunda novela, que para min ten un interese persoal moi grande, xa que está ambientada en Pontedeume, de onde son eu. A casa na que sucede todo é real e para min converteuse, logo de ler o libro, nun espazo máxico, nun escenario literario que podemos definir como metáfora de algo que me estaba pasando: eu como lector tiña envexa dos escritores que eran capaces de crear eses universos que me atrapaban. E non só me refiro a Fernández Paz senón a moitos outros, autores que a través das súas lecturas me inocularon as ganas de escribir literatura. A influencia de Fernández Paz, con todo, non só se circunscribe aos temas senón, sobre todo, ao seu estilo literario. Esa aparente sinxeleza, esa capacidade de narrar, son elementos que ben me gustaría poder contar con eles nas miñas propias obras.

Falando de estilo, en Querido H. P. Lovecraft (novela coa que gañou o I Premio de Literatura Fantástica Antón Risco no 2016) destaca especialmente a súa capacidade para a contención. Unha calidade literaria escasa en xeral nas letras galegas pero que ten aínda máis mérito no caso do xénero fantástico, que pode caer facilmente no sensacionalismo.

Buscar iso era unha das miñas obsesións. É que cando tiven claro que quería contar na novela e empecei a escribir, decateime de que corría dous riscos. Por unha banda, ao tratar con escritores cunha personalidade moi marcada, nun texto no que suplanto a súa personalidade como escritores, xustamente, era doado caer na parodia. Necesitaba conterme para evitar facer unha novela que caricaturizase o lovecraftismo. E seguindo este fío, precisaba construír un universo fantástico si, pero que fose rigoroso, serio, que mantivese o equilibrio e no que o lector percibise que ese paso ao terror cósmico partía dunha atmosfera realista.

A novela recrea os derradeiros tempos do escritor Robert E. Howard. Este autor fíxose famoso despois de morto pola repercusión popular que tivo o personaxe de Conan, que el creara e que logo se fixo universal en banda deseñada e cinema. Como chega vostede a el e por que contar as súas xornadas finais?

Todo nace dun proxecto moito máis ambicioso: achegarme a diversos escritores que se suicidaran. Nese proceso é cando descubro a Howard. Eu lera algunha cousa del e coñecía o Conan, tamén sabía que formaba parte do círculo de Lovecraft, pouco máis. Pero logo encontro que era un personaxe fascinante. A relación que mantiña coa nai, o seu somnambulismo, a propia relación con Lovecraft, que era “virtual”, é dicir, ambos non se coñecían persoalmente, só por carta. E xustamente foi unha carta a que me dá a chave da historia.

A carta que abre a novela… Non imos desvelar nada. É máis, o realmente interesante do libro é a recreación fidedigna dunha realidade moi afastada de Pontedeume: o norte de Texas, EUA, na década do 1930. Visitou vostede a rexión?

Non. Tiven que remediar esa imposibilidade con medios “caseiros”. Eu tiña claro que este libro só se podía soster se o labor de documentación era moi rigoroso. Demorei nel tanto tempo coma no traballo de escritura. Estudei a vida cotiá, os modelos de coches e de armas, as cancións, as personalidades dos amigos de Howard. Lin moito del e moito sobre el. Visionei películas. Hai un filme, The Whole Wide World, de Dan Ireland, que conta a relación amorosa do escritor con Novalyne Price Ellis, coa interpretación de Vincent D’Onofrio no papel masculino e de Renée Zellweger no feminino. Vina en versión orixinal e recordo o valor que tiña para min sentir aquel sotaque texano. Esa percepción visual tamén ma deu o Google Street View. Hai unha escena no libro na que Howard e Ellis viaxan en coche por unha estrada. Pois ben, puiden ver como se ve o serán desde esa estrada co Google Maps. Foi unha solución para me poder empapar da atmosfera xeográfica que quería describir.

O valor de Howard é que foi un pioneiro, construíu universos que hoxe parecen superados pero que no seu momento ninguén tivera en consideración.

Logo de ler a obra de Howard, pensa que é un autor reivindicable hoxe en día?

Non está entre os meus escritores de cabeceira, por suposto; tampouco HP Lovecraft, que conste. O valor de Howard é que foi un pioneiro, construíu universos que hoxe parecen superados pero que no seu momento ninguén tivera en consideración. Ás veces, o valor dun creador é ese: ser o primeiro en pensar algo que logo parece moi común por popular mais que alguén tivo que “descubrir”. Lovecraft quizais hoxe non interesa como autor literario pero é innegable a súa influencia na linguaxe visual, fixémonos só en como deixou pegada no cinema, na televisión ou nos videoxogos. Ambos son referentes da cultura popular, sen dúbida.

En Tártarus, tamén hai unha atmosfera fantástica, certos elementos mitolóxicos e terroríficos e un ambiente sureño (dos EUA), quizais máis de Louisiana ca de Texas.

Si, de Nova Orleans. Son novelas que teñen eses puntos en común. Mais logo teñen fundamentos moi diferentes.

En efecto, Tártarus é unha novela publicada na colección ‘Fóra de xogo’, para adolescentes. Non sei se vostede é consciente de cal é o público obxectivo das súas obras ou esa función é meramente editorial e non participa nela.

Si teño unha idea do público ao que me quero dirixir antes de pórme a escribir. Sei que quero escribir algo infantil, xuvenil ou adulto antes de empezar. Mais logo xa non penso máis niso. Non me condiciona o meu xeito de contar, nin me coarta nin me obriga a cambiar nada. Non é o público senón a propia historia a que modela o estilo.

En Tártarus hai, a diferenza de Querido H. P. Lovecraft, que ten un perfil máis psicolóxico e individual, un interese máis colectivo e social. Tamén un universo fantástico e mitolóxico potente. Non sei se se basea nalgunha referencia ou naceu todo do seu maxín.

Loxicamente hai referencias reais, especialmente na parte “de superficie” do libro. Na parte subterránea, tamén están pero non dun xeito consciente, si me deixei guiar pola imaxinación. Si houbo unha referencia moi evidente na creación dos personaxes a diferentes pinturas que mos inspiraron. Todo xurdiu durante unha visita ao Museo Nacional de Bellas Artes de Cuba. Estaba eu alí na galería de arte contemporánea e empecei a entender que aquelas obras, algunhas delas abstractas, me inspiraban determinados personaxes. Recordo que fixen moitas fotos, a pesar da prohibición e dos insistentes avisos dos traballadores do centro para que non fotografase. Mais como me falaban en inglés, tiven ocasión de facer que non entendía e voltar con varias imaxes que logo me serviron para compoñer criaturas que aparecen na novela.

Como traballa vostede. É metódico ou arrebatado?

Non sería capaz de escribir unha novela en dúas semanas, a verdade. Eu preciso confeccionar un calendario e incorporar a literatura á miña rutina diaria. Cada día procuro escribir ou facer algunha outra tarefa, caso da documentación ou a corrección. Ao final, o que me interesa é que a literatura se converta nun vicio e que non poida entender a vida sen ela.

Necesita ter todo ordenado cando empeza a escribir?

Si. Logo de ter a idea, escribo a man o esquema, as fichas dos personaxes. Antes de colocarme diante do ordenador teño moito camiñado.

Corrixe moito?

Até o punto de ter reescrito moitas cousas. O problema é que a corrección é unha calidade perigosa para un autor porque sempre tes o risco de non saberes cando parar, cando considerar que o texto xa está maduro dabondo. Pero si a considero necesaria, aínda que non me guste especialmente. Integrala no proceso creativo é un dos puntos nos que debo mellorar como escritor. Aínda estou na fase de aprendizaxe, aínda son un escritor novel.

Vostede gañou dous certames literarios: o Antón Risco e o Merlín. Que papel pensa que teñen os premios no sistema editorial galego?

Do meu punto de vista, son útiles para facilitar que autores sen obra publicada anteriormente consigan non só editar a súa obra senón teren un plus de difusión, de coñecemento social e entre os lectores. Eu non planifico as miñas obras en función dos premios. Eu escribo sen ter noción deles e cando o libro está rematado, denantes de ofrecérllelo directamente aos editores, penso (nesta fase da miña vida como autor) en presentalos aos premios que nese momento poida haber ao meu alcance. Pero son consciente de que gañar un certame literario é pura lotaría. Non te converte automaticamente nun bo escritor. Non depende da calidade do teu orixinal nin penso que os premios que gañei os gañei porque era mellor ca os demais concorrentes. Simplemente eses libros gustáronlles máis ás maiorías dos xurados que os xulgaron. Iso é algo que teño claro. Mais tamén logo se dan felices coincidencias. Querido H. P. Lovecraftgañou o Antón Risco, que publica Urco. Eu sei que para esta editorial foi moi agradable poder publicar unha obra que en certa forma homenaxea a Howard e Lovecraft, dúas figuras que eles incorporaron á biblioteca galega.

En que está traballando arestora?

Tiña unha novela infantil a medias e agora púxenme en serio, xa cun prazo definido para rematala.

Cónteme: que está a ler neste momento?

Xustamente como parte do proceso de documentación desta novela da que falei, estou a ler O retorno dos homes mariños, de Xurxo Souto.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s