O III Congreso de Poesía de Compostela: Tomàs Garcés, o protagonista ausente

garcesXesús González Gomez.

Como nos anos anteriores, en 1954 Tomàs Garcés recibiu a invitación para participar no III Congreso de Poesía que se desenvolvería en Santiago, mais como afirmaba no artigo mencionado na anterior entrega (“Un Congrès de Poesia”), despois da experiencia de Salamanca decidiu que rexeitaría a invitación e intentaría convencer os seus compañeiros para que non participasen. Non convenceu a moitos, Carles Riba foi, e algúns outros, como vimos. Mais se Tomàs Garcés non participou neste III Congreso de Poesía coa súa presenza física, si o fixo dunha maneira simbólica pero máis efectiva, para nós: “A miña participación, de lonxe, na xuntanza de Santiago, consistiu só na publicación dunha pequena escolma de traducións, Deu poemes gallecs, que procurei facer chegar a Galicia, a xeito de homenaxe, á lingua de Rosalía, nos mesmos días do Congreso”.

Tomàs Garcés naceu en Barcelona, no 1901, no barrio mariñeiro da Barceloneta, onde nacera tamén o poeta, que foi o seu amigo e ao que lle dedicou diversos traballos, Joan Salvat-Papasseit. En 1919 fundou a revista Mar Vella, revista que editaban as Mocidades Nacionalistas da Barceloneta. Garcès era naquel momento secretario do Consello das Mocidades e desde ese cargo promoveu a revista, que editou o libro de Salvat-Papasseit Poemes en ondes hertzianes (1919), o seu poemario máis “vangardista”, “caligramático”, por denominalo dalgunha maneira. Ao ano seguinte, 1920, Garcés inicia a súa colaboración no xornal El Día, de Terrasa e en La revista, ao tempo que Salvat-Papasseit publica L’irradiador del port i les gavines (O irradiador do porto e as gaivotas), que contén un poema, “Encara el port” (Aínda o porto), dedicado a Vicente Risco. Ese mesmo ano, Garcés publica no número 3 da revista Nós o artigo “Ángel Guimerà, poeta”, publicado na sección “Letres (sic) Catalanes” e directamente no idioma de Verdaguer. A sección, como a colaboración do poeta catalán, non tivo continuación, mágoa. Garcés, anos despois, como veremos, afirmará que nese ano mantivo correspondencia con Vicente Risco. Mantívoa tamén Joan Salvat-Papasseit co escritor galego? No Epistolari deste poeta, publicado en 1984 por Edicions 62, a cargo de Amadeu J. Soberanas, non aparece ningunha carta nin de Risco nin dirixida a Risco. Sabemos que Soberanas durante un tempo, despois da publicación deste volume, estivo a indagar se existían esas cartas, logo perdín de vista a Soberanas e non sei se deu encontrada algunha. O que si é certo, porén, é que nos arquivos de Garcés hai cartas de Risco: recuperaranse algún día?

Despois desta primeira colaboración en Nós, Garcés non volveu colaborar en ningunha publicación galega, que saibamos. No entanto, no xornal El compostelano, o 28 de maio de 1921, en portada, dáse a seguinte noticia: “O poeta da raza. Cabanillas en Cataluña”, noticia que é un “solto” tirado do xornal La Veu, no que se dá conta dun recital de poemas de Cabanillas realizado pola Associació Catalana d’Estudiants diante de numeroso público e presentado por Garcés. Unha vez rematado o acto, a Associació envioulle o seguinte telegrama ao poeta galego, telegrama que El Compostelano reproduce en catalán: “Associació Catalana d’Estudiants vos expressa seva fervorosa admiració i aclama en vos la llibertat de Galícia”.

Pola súa banda, Garcés, cando entra a traballar no xornal La Publicitat, en 1922 publica un artigo “L’Odi de Rosalia de Castro” (22-X-1922), e xa anos máis tarde, en 1934, logo dun recital de poesía galega realizado en Amics de la poesia, aparece en La Veu de Catalunya o seu escrito titulado “Poetes de Galicia (8-IV-1934): o mes anterior coñecera a Álvaro Cunqueiro, quen viñera a Barcelona invitado, precisamente, por Amics de la poesía e en cuxa revista, dirixida entre outros por Garcès, publicará diversos poemas, un deles en catalán, “Cantiga catalana” (nº 4), no anterior publicara (Poemas antigos: “Reiseñor corazón do meu silencio…” e “Cervo ave feliz…”).

tumblr_msnwrzfoel1symvo5o1_500Garcés e Cunqueiro mantiveron, a pesar de todos os pesares, a súa amizade. Garcès, fundamentalmente demócrata, en 1936, escapou, con pasaporte entregado polas autoridades republicanas, que non podían garantir a súa integridade física debido ás sacas incontroladas e descontroladas dos milicianos da CNT e da FAI, de Barcelona a Francia, onde viviu até 1939, dando clases de Literatura Española na Universidade de Toulouse: pertencía ao partido demócrata cristián Unió Democràtica de Catalunya –de 1922 a 1932 foi membro de Acció Catalana, mais cando chegou a República e este partido se laicizou, como bo cristián, pasouse a aquel partido, creado en 1931 e dirixido polo amigo de Otero Pedrayo Manuel Carrasco Formiguera, fusilado polos franquistas –véxase o retrato que lle dedica o escritor galego nese libro que Méndez Ferrín cualificou de antifascista, O libro dos amigos. Máis dunha vez declarou a súa admiración por Cunqueiro e afirmou que este lle enviara a edición de Nós de Seis poemas galegos, de Federico García Lorca. Cunqueiro, pola súa parte, cítao en diversas ocasións, en artigos de anteguerra publicados en El Pueblo Gallego (“Notas e leituras. Poesía, craridade”, 10-IX-1935, e “Notas e leituras. Poesía, craridade”, 10-XI-1935, artigos ambos non recollidos en O mundo que teño de meu (Vigo, Galaxia, 2013), o volume que, teoricamente, contén todas as colaboracións xornalísticas en galego de Álvaro Cunqueiro antes de 1936¹Tamén despois de 1950 continúa a nomealo en diversos artigos, con citas, reproducidas en catalán ás máis das veces, dos poemas de Garcés (por exemplo, “Nace para nosotros”, en La noche no ano 1959; “Muy alta y poderosa señora”, publicado no Faro de Vigo, e mesmo en febreiro de 1962, neste mesmo xornal fala do volume Obra poética de Garcés –publicado o ano anterior– nun artigo titulado “Poesía Catalana”, no que afirma que coñecera o poeta catalán en 1934 e considera a súa poesía “una de las más altas creaciones poéticas de las literaturas hispánicas en estos tiempos, lo que hay que decir, porque la vida literaria española se nos está quedando reducida a la provincia de Madrid, con todas sus consecuencias. En aquella orilla nuestra latina, Cataluña, la poesía de Garcés es una rosa al sol del mediodía, abiertos los suaves pétalos iguales y el perfume cayendo lentamente en los ojos. Esto es gaélico y mágico”). E neste mesmo xornal, e sempre co pseudónimo de M. Mª Seoane traduce dous poemas do catalán “Mensaxe” (14-VII-1968) e, “Deusa púnica” (31-X-1971), do libro Plec de poemes, publicado ese mesmo ano pola Editorial Polígrafa. A tradución vai acompañada dunha pequena nota de Cunqueiro na que se di o seguinte:

“’Deusa Púnica’, de Tomàs Garcès –do libro Plec de Poemes. Os editores din que agora todos recoñeceron que toda poesía é de ocasión, o gran poeta catalán ven a confirmalo. Iste libro está composto de poemas de Nadal, de outros no (sic) que perdura o recordo dun pais, dunha cidade ou dun paisaxe, e outros son homenaxes ‘in memoriam’: Carles Ribas, Melcior Font, Pompeu Fabra, Xohan XXIII. Tomàs Garcés é un poeta de ollada límpida, amiga dos menceres e dos solpores, alguén, cáseque sombra, que escoita o mundo, e as suas festas e as suas mortes. Galicia débelle gratitude a Tomàs Garcés, amigo que foi de Risco, e que traduciu ao catalán poemas de dez poetas galegos”.

Os dez poemas

En 1954, por tanto, Tomàs Garcés edita pola súa conta, con pé de imprenta en Santiago de Compostela e publicado pola editorial (inexistente) Quaderns de Poesia, en lembranza da vella revista dos tempos republicanos, Deu poetes gallecs. O folleto consta dun pequeno limiar (que daremos en apéndice) e traduce os seguintes poetas e poemas:

Rosalía de Castro: Ombra negra (Negra sombra). Antonio Noriega Varela: Ara és bedoll (Ora é unha abedoeira…). Ramón Cabanillas: Camí llarg: (Camiño longo); Euxenio Montes: Boira (Néboa); Manuel Antonio: Sols (Sós); L. Amado Carballo: Alta nit (Na outa noite); F. Bouza Brey: A cau d’orella (Lelias ao teu ouvido); Aquilino Iglesia Alvariño: Sota els avellaners (Sob as avelaneiras); Álvaro Cunqueiro: Cantiga nova (o poema 2 de Cantiga nova que se chama riveira), e M. Cuña Novás: El Carro (O carro).

Garcès enviou o libro a Galicia. En La noche, Raimundo Lorenzo dedicoulle un pequeno comentario o 22 de xaneiro de 1955 (“Deu poemes gallecs. Lírica gallega traducida al catalán”), ao tempo que se reproducían, na súa versión catalá, os poemas de Cabanillas e Iglesia Alvariño; case un ano despois, e no mesmo xornal, o 20 de xaneiro de 1956, Carlos Martínez Barbeito, nun artigo titulado “La vida literaria”, daba noticia do folleto. Por outra parte, o propio Tomàs Garcés traduciu o limiar que lle puxera ao folleto ao español² e publicouno na revista do Centro Gallego de Barcelona, Alborada, no 1955. etc. Albert Manent, no seu libro Tomàs Garcés, entre l’avantguarda i el noucentisme (Barcelona, Edicions 62, 2001), reproduce uns fragmentos do comentario que ao folleto lle dedicara a poeta Paulina Crusat en Ínsula (15 de xullo de 1955) e o comentario que el propio, (Manent) fixera no seu día e que se conservaba no arquivo de Garcés, ben que o propio Manent non lembraba onde se publicara.

En Galicia, despois destas noticias, e deixando de lado as citas que fixo Cunqueiro nalgún dos seus artigos publicados en diversos xornais editados no país e mais a recensión e a tradución dun seu poema, de que xa falamos, o nome de Garcés deixou de aparecer na prensa e nas revistas galegas, até 1987, en que en Dorna. Expresión poética galega, dirixida naquel entón por Luís G. Tosar (época en que esta revista serviu para algo, e iso é o que lle hai que recoñecer ao seu director, aínda que se lle poidan reprochar actuacións súas anteriores ou posteriores), no número 18, maio de 1987, fíxoselle unha pequena homenaxe, consistente nun artigo de Basilio Losada: “Nos oitenta e cinco anos dun amigo de Galicia” e nunha pequena escolma na que se reproducía, no seu idioma orixinal, ou sexa, en catalán o limiar de Deu poemes gallecs, un dos poemas dedicados a Galicia por Garcés: Tríptic Galaic: “ I. Sense brida ni genet. II. Monfero. III. L’ombra de Rosalía”, pertencente ao seu poemario Plec de poemes (é curioso constatar que Cunqueiro, na pequena nota sobre este libro que acompañaba a tradución dun dos seus poemas e que se reproduciu máis atrás, non sinalase a existencia deste “tríptico”), e mais a reprodución dunha paxinas do seu diario –El temps que fuig– nas que relata a súa viaxe e estadía durante unha semana (do 7 ao 13 de agosto de 1966) a Galicia. No seu último libro de poemas, Escrit a terra, publicado en 1985 cando o poeta xa estaba impedido, hai un poema de tema galego “Paisatge gallec”. En 1992, o concello de Barcelona concedeulle a Medalla de ouro ao mérito artístico, e o ano seguinte, ano do seu pasamento, outorgóuselle o Premio de Honra das Letras Catalás, concedido polo Ómnium Cultural.

alvaro-cunqueiroA obra poética de Garcés é importante dentro da esplendorosa poesía catalá do século XX: Josep Carner, Carles Riba, Guereau de Liost, Salvador Espriu, Joan Brossa, Bartomeu Roselló-Pórcel, Joan Sebastià Pons, Màrius Torres, Marià Villangómez, Vicent Andrès Estellès, Joan Vinyoli, Gabriel Ferrater, Rosa Leveroni, Joan Ferraté, J. V. Foix, Màrius Torres, Miquel Àngel Riera, Andreu Vidal, por falar só daqueles desaparecidos que se poden considerar primeiras figuras, tendo en contra que entre os segundos espadas se poden contar nomes como Pere Quart (Joan Oliver), Agustí Bartra, Marià Manent, Blai Bonet, Bartomeu Fiol, Clementina Arderiu, Joan Salvat-Papasseit, Maria Antònia Salvà, Josep Mª de Sagarra, Josep Mª Llompart, Miquel Bauçà, Palau i Fabre, Joan Teixidor, etc., cuxa calidade é indiscutíbel; por non falarmos de poetas de calidade máis que discutíbel –para min– máis que son best-sellers de vendas: Miquel Martí Pol e Joan Margarit, cuxos libros de poesía superan ás veces as vendas de 10.000 exemplares, como é o caso de Estimada Marta, de Martí Pol, que en poucos anos chegou a vender preto de 30.000 exemplares, sen necesidade, porén, de pasar pola recomendación dos profesores de instituto. Pódese afirmar que a poesía catalá do século vinte viviu, desde 1919 até a o ano 2000, un verdadeiro século de ouro, unha verdadeira idade de ouro –expresións, no entanto, que nunca usaron nin os críticos nin os poetas cataláns. E se a estes nomes mencionados lles engadimos aqueles superviventes da última metade do século XIX como Joan Alcover, Joan Maragall ou Miquel Costa Llobera, ou a moitos daqueles que se deron a coñecer no último terzo do século pasado e que, gozosamente, aínda viven: Feliu Formosa, Pere Gimferrer, Narcís Comadira, Antoni Marí, Miquel de Palol, etc., non cabe máis que confirmarmos que a poesía catalá do século pasado é unha das grandes poesías europeas do século XX, a pesar dos anos de silencio forzado e forzoso. Silencio que os seus poetas nunca traizoaron escribindo noutra lingua.

Garcés foi un excelente poeta (no que se perciben claras influencias de Juan Ramón Jiménez, algunhas de Lorca e, sobre todo, no que á poesía española se refire, de Pedro Salinas), un bo tradutor, un ensaísta e crítico literario de calidade: en 1930 saúda a un novísimo Espriu e, desde a súa posición ideolóxica, un demócrata antifranquista, e, por iso o trouxemos aquí, un amigo de Galicia. Un amigo do que hoxe podemos ler case toda a súa obra escrita. Case toda, porque das súas colaboracións no xornais El Día, La Publicitat e La Veu de Catalunya o editor fixo unha escolma. Talvez, quen sabe, entre os textos que faltan había algún máis dedicado a escritores galegos ou a Galicia. Para acabarmos, queremos entregar, vertido ao galego, o pequeno limiar que lle puxo a Deu poemes gallecs e aproveitar que Barcelona está cercada polo Besòs e o Llobregat para recomendar o libro da súa neta, Marina Garcés, publicado non hai moito: Filosofía inacabada, Barcelona Galàxia Gutenberg, 2015.

Limiar de Deu poemes gallecs

Remexendo vellos papeis, nun dos meus caixóns, atopei, en tinta verde, a fina letra de Vicente Risco (1920). A tinta verde na pluma de Risco daba ás palabras un voo incisivo, áxil, de paxaro coas alas estendidas. E abríame as portas dun país descoñecido, cheo de fentos e de néboa, reino da tenra saudade. Naqueles días, Rosalía e Curros paseaban polos mesmos Eliseos de Verdaguer e Maragall, en dourada distancia aparente. E con revistas e libros de catro países de Europa chegábanme A Nosa Terra, coa súa pobre tipografía de batalla, e Nós, tan coidada, en bo papel alisado e marxes amplos. Recibía, melodías diferentes, mais deleitosas ambas, Vento Mareiro, de Cabanillas, e Do Ermo, de Noriega Varela. Máis tarde, barcos perdidos en alta mar, Manoel Antonio e Amado Carballo lanzaban ás letras a mensaxe trémula dos primeiros libros. Lembro, desde entón, a atracción de Galicia, como un país exótico. Galicia, verde fantasma. Verde como a tinta de Vicente Risco.

Agora, a actualidade –eterna actualidade– de Santiago reaviva as miñas lembranzas. María Luz Morales e Carlos Martínez-Barbeito, amigos cordiais, guías eficaces, déixanme libros que outro tempo estiveron na miña mesa. Cos de Álvaro Cunqueiro, que nas portas do 36 ligou sabiamente tradición e modernidade, nas súas cantigas cristalinas, fanme coñecer algunhas mostras conseguidas da máis nova poesía galega. E velaí que me poño, no pensamento, en camiño polos verdes e fondos camiños e que coso sobre o meu peito a cóncava vieira dos peregrinos. Paréceme escoitar, como nun caracol mariño, ecos milenarios. É unha cuncha orballada, con dez arestas. As dez arestas destes dez poemas.

Bidueiros do ermo, farrapos da néboa, a sombra negra que canta Rosalía e o amor triste de Galicia. imaxe fiel, reencontrada, que ilumina, como en 1920, o vello farol do meu peirao de pescadores³, coa súa claridade de mel e de sono.

T.G.

Barcelona, xullo de 1954.

 

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s