Nace a colección Dr. Alveiros, alianza entre Urco e a Fundación Vicente Risco

unnamedDr. Alveiros é o novo selo editorial nacido da colaboración entre Urco e a Fundación Vicente Risco, de Allariz. Transición, de Paulo Fernández Barba, estrea a nova colección.

A principal característica deste novo proxecto é que lle permitirá á Fundación Vicente Risco vehiculizar aquelas publicacións que até agora ben editaba en solitario ou encargaba e que encaixan mellor na traxectoria e experiencia da editorial Urco, que acumula anos de experiencia e un recoñecido prestixio entre os lectores de literatura fantástica ou de xénero. Transición gañou o Premio Vicente Risco de Creación Literaria deste ano. Até agora, a obra premiada neste certame publicábase en Sotelo Blanco. Mais a crise profunda da editora favoreceu que desde a fundación procurasen un mellor acomodo a un galardón literario que perdera moito prestixio nos últimos anos por mor das deficiencias de distribución e difusión de Sotelo Blanco.

A colaboración entre Urco e a Fundación Vicente Risco non é nova. Comezou o ano pasado, coa creación do Premio Antón Risco de Literatura Fantástica, que publica Urco na colección ‘Alcaián’ e cuxo primeiro gañador foi Antonio Manuel Fraga. Tamén este ano publicou Urco un compendio de relatos ao redor da figura de Manuel Romasanta (Contos do sacaúntos, varios autores), logo de que os escritores que participan neste volume colectivo estivesen presentes nas Xornadas que sobre este criminal histórico se celebran todos os anos en Allariz.

Dr. Alveiros publicará aqueles textos que a Fundación Vicente Risco considere de interese máis alá do seu ámbito institucional. Deste xeito non só garante maior difusión senón un traballo editorial continuado e profesional o tempo todo, algo que a propia estrutura dun organismo desas características dificilmente pode asumir neste tempo. A cambio, Urco adquire unha colección máis versátil na que poder experimentar con novos formatos e xéneros, alén da fantasía, o terror e a ciencia ficción.

A escolla do nome fai referencia a un personaxe creado por Vicente Risco e simboliza con grande acerto a faceta do escritor galego no campo da literatura fantástica. A súa obra de estrea é unha novela de xénero, que combina a investigación criminal co ambiente gótico, todo baixo a atmosfera das consecuencias da transición política que desenvolveu a II Restauración Borbónica en España. O seu autor, Paulo Fernández Barba, debuta con esta obra narrativa.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s