‘Inflamable’, de Samuel L. París

Samuel L. París.

Samuel L. París.

No 2012 Samuel L. París publicou Inflamable, o último libro do poeta e músico até o momento. Lido catro anos despois, a obra mantén o necesario para unha obra de arte: segue a remexer algo dentro do lector, empurra a pensar logo de ler, marabilla co seu xeito de organizar o caos e convertelo en expresión regrada e intelixible.

París, que amais de escribir tamén toca no grupo Terbutalina, consolidouse como autor con Inflamable e consolidou a Positivas, a editora que publicou o volume, como un dos espazos ideais para experimentar unha poesía distinta, que supere a tentación de conformarse cunha poesía de consumo interno dunha agrupación de poetas-amigos-lectores. Non é esta a única ameaza que supera o libro. Lonxe xa os ecos rebeldes que prometía (case nunca cumpriu) a denominada Poesía dos 90, hoxe gran parte da poesía social confórmase cunha estética pobre, unha mensaxe social-obvia e un menú degustación de formas anti-métricas na forma pero máis solemnes e moito máis crípticas que os sonetos clásicos.

París concibe, no entanto, Inflamable como unha sorte de parodia dese estilo contemporáneo. Recicla a desidia de moitos dos seus coetáneos na forma para logo rebentarlle os fociños o lector con mensaxes de alta potencia expresiva. Ofrece o escritor unha paisaxe de poemas curtos, versos que non son versos, prosa que non é prosa pero sempre tendo en conta que o que necesita contar só sobrevive cun estilo cortante e rasgado a un tempo. Aínda así, en moitas ocasións sóbranlle filigranas tipográficas e nin sempre o ritmo convive a gusto con ese ar paródico do que falabamos. En moitos poemas bótase en falta que se traballase máis o texto para potenciar a ironía (ou post-ironía en moitos casos).

O escritor acómodase nas letras galegas coma quen aparca o coche ao toque, facendo sitio a base de bater nas defensas dos vehículos que o estorban.

Os métodos de París non son novos: escritura automática, xogo de palabras, fonética cruzada entre diferentes idiomas… Pero non precisa inventar. É mellor unha boa tradición ca unha mala innovación, especialmente en obras iniciais na carreira dun escritor. O risco déixao o autor para o importante, a posición do escritor ante o mundo que lle tocou vivir. Esta tamén é poesía social pero non precisa lamentos nin poses para lograr o seu obxectivo: “Rianxeira/calvo/escurís/está claro/neste país/mandarán sempre/los conservadores”.

París non se pon trascendente, non concibe a poesía como unha sublimación da realidade (o cal non está mal pero debe haber de todo) senón a través dunha sublimación da lingua popular, da lingua falada (nótase a influencia da súa procedencia litoral, concretamente de Muros) mediante a acumulación e a captura de imaxes rotundas coma un grafiti, coma un arroto.

O escritor acómodase nas letras galegas coma quen aparca o coche ao toque, facendo sitio a base de bater nas defensas dos vehículos que o estorban. Busca o seu espazo inspirándose noutros iconoclastas e por iso non é casualidade que haxa unha manifesta homenaxe a Os Resentidos ou que non oculte invectivas contra Miguel Anxo Fernán-Vello (si, antes de que o PP fixese festa cos seus chíos xa Samuel París o converteu nun personaxe-caricatura neste libro). Tamén aparecen mitos do noso tempo e da prehistoria: Xurxo Souto, Lucía Lapiedra, Gloria Lago, Alberte Núñez Feixoo.

E con todo, o libro Inflamable é un libro canónico, escrito por un experto en Literatura (o autor é filólogo) que ao seu xeito e escollendo o camiño con máis silvas, quere emparentar cos grandes da tradición galega, desde Manuel Antonio ao Ronseltz. “Unha vez tiven un cravo/perdino/tampouco imos facer un drama do asunto”. “Na literatura galega da primeira metade do século XX/non se fala case nada/do salpicón de marisco”.

París apunta pero aínda non ten o estilo completamente aguzado. Nótanse erros na selección e ás veces aínda cae na inxenuidade de pensar que a rosa é así, que non hai que tocar a rosa.

♦ Inflamable, de Samuel L. París, Positivas, 2012. 73 páxinas. ♠8€

César Lorenzo Gil.

 

Advertisements

Un comentario en “‘Inflamable’, de Samuel L. París

  1. Pingback: O autor coñecido anteriormente como o autor | Parará, París

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s