Manuel Pazos: “No sistema educativo non se estuda nunca a Historia local”

manuel-pazos-gomez-imaxeCésar Lorenzo Gil.

Manuel Pazos Gómez é un dos historiadores máis activos do país. Recentemente, publicou o volume Victorino Verea Montero. Imaxes contra o esquecemento (Concello de Oroso), resultado bibliográfico dunha exposición fotográfica do mesmo nome. Obras relevantes súas son tamén A República da Berxa e A guerra silenciada. Mortes violentas na comarca de Ordes 1936-1952 (as dúas publicadas pola AC Obradoiro da Historia). Falamos con el da figura do fotógrafo Verea, da represión fascista e máis tamén das oportunidades e atrancos á divulgación histórica en Galicia.

 

Vostede reparou na figura do fotógrafo Victorino Verea, figura á que lle dedicou un libro. Que converteu este fotógrafo nun artista relevante?

O libro vén sendo o catálogo da primeira exposición que se realizou despois de recuperar unha mínima parte da súa obra gráfica. Ademais da escolma de fotografías, contén unha recensión biográfica de Victorino Verea. Independentemente da calidade da obra, é importante polo feito de que retrata a cultura autóctona do mundo rural nunha época na que realizar fotografías non era habitual. En moitas das súas instantáneas hai unha intencionalidade de buscar a beleza, a harmonía, de retratar momentos solemnes dunha forma sinxela e natural. Aínda que sen formación, Verea dominaba a cámara e a escena e isto permitíalle realizar boas fotografías disparando unha soa vez. Unha mostra do que estou a dicir é a serie de fotos que tirou no ano 1968 a unha familia de labregos nunha leira de millo rodeados dunha atmosfera crepuscular… Son instantáneas idílicas, cunha estética de indubidable valor… E iso para min xa é suficientemente notorio.

Nas últimas décadas deuse un recoñecemento aos fotógrafos “non artísticos”, que facían o seu traballo de aldea en aldea. Estou pensando en Ramón Caamaño ou en Virxilio Viéitez. Poderiamos sumar a Verea nese grupo? 

Se en Oroso recuperamos a obra de Victorino Verea foi debido a que previamente se deu a coñecer a outros fotógrafos como Caamaño, Virxilio, Pedro Brey… Mais Verea non pertence á época dos anteriores, é mais recente (a partir do ano 1957), máis “rural” e menos profesional pois non vivía da fotografía e nin sequera tiña estudo nin se ocupaba do revelado. Tendo en conta o anterior hai que sumar, pero tamén precisar que a formación, experiencia, medios, técnicas e calidade entre eles son diferentes.

Mais vostede non é fotógrafo senón historiador. Quizais lle interese máis o seu valor como representante da evolución histórica da comarca na que traballou.

A través das fotografías de Verea (hai que ter en conta que a maior parte da súa obra permanece inédita) vemos por un lado a evolución técnica da fotografía, o paso do branco e negro á cor e, o máis interesante para min, as transformacións sociais e culturais desde finais da ditadura até os anos da denominada Transición. As fotografías mostran esa evolución en todos os ámbitos sociais. Sen dúbida, o máis notorio é que nesa época a paisaxe rural está enmarcada no costumismo asociado a ritos litúrxicos. Coas fotos de Verea constatamos como os ritos e a relixiosidade están omnipresentes na sociedade rural galega.

Pensa vostede que hai marxe para a descuberta de novos valores na arte popular en cada comarca. Estou pensando non só na fotografía senón noutras artes.

A definición de “arte popular” é un chisco ambigua. Victorino Verea pertence á arte tradicional con valor etnográfico que forma parte ou configura unha cultura determinada. Ademais do ámbito fotográfico, existen (por exemplo) na nosa comarca variadas manifestacións artísticas que podemos encadrar dentro do mundo do folclore musical. Estou seguro de que transcenderán persoas que permanecen no anonimato ou feitos que están sen investigar. Outro campo que está sen estudar é o que se desenvolve dentro do ámbito da oralidade, do patrimonio inmaterial: tradicións, refráns, contos, rituais… que forman parte dunha cultura que está esmorecendo.

Vostede é unha figura destacada da investigación histórica comarcal. Galicia ten un tecido ben interesante neste campo. Ten pensado nos motivos desta proliferación de estudos locais?

Detrás de cada estudo local, sexa no ámbito que sexa, sempre hai unha persoa, unha asociación, unha institución detrás… habitualmente vinculada con ese territorio que se implica, que se compromete en investigar e divulgar. Como no noso país non hai ningún tipo de coordinación nin proxecto de historia local, pois cada un delimita un territorio e investiga sobre el, sexa en Ordes, Betanzos, Pontedeume ou Melide. Outra das eivas do noso sistema educativo é que non inclúe a historia local en ningún nivel e así vemos que moitos escolares non saben que hai un castro ao lado do seu colexio ou que na súa vila tivo lugar tal acontecemento histórico de interese.

A cuestión é que moitos historiadores traballan desde os departamentos, diante do computador, arredados dos suxeitos da investigación, polo que priman máis as fontes documentais, as estatísticas fronte ao traballo de campo que habitualmente realizan os seus alumnos.

Ao tempo, algúns botamos en falta máis estudos xerais, máis historia de Galicia xeral e sobre todo divulgativa. Non sei se está de acordo en que hai esta carencia.

Estou. Chega con ir a calquera libraría de Barcelona e ver o que teñen sobre a historia de Catalunya, tanto material e en formatos tan diversos. Xa sabemos todos que algunhas editoras do noso país comprometidas con este labor desapareceron, mais nos últimos anos saíron títulos que hai que ter en conta.

Tamén me interesa coñecer a súa opinión sobre certa impresión que temos os profanos: que os historiadores que se forman hoxe en día, en gran parte, non pensan tanto en investigaren para o público senón para as publicacións especializadas, os famosos papers cos que conseguiren puntuación para ocupar postos na docencia universitaria.

Pode ser unha impresión acertada pero hai excepcións. Os traballos científicos están ben porque producen coñecemento e contribúen á carreira profesional do autor da investigación. Outra cousa é o interese xeral do tema e a súa divulgación en revistas especializadas que chegan a moi poucos lectores. A maioría dos profesores universitarios teñen colgado o seu currículo na rede e vemos páxinas e páxinas de méritos, pero resulta que nin nos seus concellos de orixe son coñecidos e nunca investigaron sobre historia local. A cuestión é que traballan desde os departamentos, diante do computador, arredados dos suxeitos da investigación, polo que priman máis as fontes documentais, as estatísticas fronte ao traballo de campo que habitualmente realizan os seus alumnos. Eu tamén me declaro profano neste tema, pero penso, sen ánimo de ofender a ninguén, que ademais dos famosos papers, aínda existen os “padriños” para entrar como profesorado na Universidade. Nas orixes da Universidade da Coruña é vox populi que un reitor dunha certa ideoloxía colocou un bo número de colegas, convertendo a Universidade nunha “gran familia”. Agardo que estas prácticas formen parte do pasado.

Familia, 1968. VICTORINO VEREA MONTERO.

Familia, 1968. VICTORINO VEREA MONTERO.

Un dos seus campos de estudo foi a represión franquista na área de influencia de Ordes. A falta de documentación para algunhas facetas da investigación, vostede compuxo o escenario do 1936 en base a relatos orais en moitos casos. Gustaríame saber como considera este método de investigación historiográfica e se considera que hai diferenzas entre o rigor histórico e a memoria histórica, como afirman diversos autores.

En termos xerais, a represión posterior á sublevación militar de 1936 non quedou rexistrada documentalmente en fontes escritas, como é o caso dos consellos de guerra onde existen as actas dos xuízos militares. Está claro que cando a Garda Civil ou os falanxistas ameazaban, torturaban ou paseaban unha persoa, non deixaban constancia documental. Entón nestes casos hai que complementar as fontes escritas (que poden ser actas de defuncións) coas fontes orais contrastadas. Por suposto que é unha fonte fiable, non hai outra forma de documentar, por exemplo, os paseos. A fiabilidade demóstrase porque ninguén foi capaz de afirmar o contrario.

Por outro lado está claro que a memoria e a historia son conceptos diferentes. A “memoria histórica” é a memoria do tempo presente, onde aínda hai suxeitos para contala segundo os seus recordos. A historia non pode alimentarse só de memoria, é dicir, a historia non pode estar influída unicamente polo “boom” memorialista dos últimos anos, por iso é preciso o rigor histórico e acudir tamén a outras fontes para escribir sobre os acontecementos das últimas décadas, só así comprenderemos a situación política e social que vivimos na actualidade.

Vostede ten dito que logo de publicar os nomes dos represores, vostede non sufriu ningunha consecuencia. Non é o caso dalgúns dos seus colegas, por exemplo Dionisio Pereira. Ten explicación as diferenzas entre o seu caso e o del ou foi simplemente casualidade? 

De momento, non sufrín consecuencias e chegado o caso, a xustiza decidirá, como lle aconteceu a Dionisio. Coido que non hai moitas diferenzas. Ordes é unha localidade máis pequena, onde todos se coñecían no 1936. Resistir contra o golpe en Ordes levou a once veciños ao paredón de Boisaca e un máis paseado nos primeiros meses da ditadura. A situación foi moi violenta, sen precedentes. Consérvase documentación da implicación na represión de cargos militares. Do resto hai testemuños orais contrastados, incluídos os de persoas de dereitas que vían con horror as barbaridades cometidas polos matóns. Dionisio Pereira achegou documentación e fontes orais para explicar a morte de sete persoas. Os familiares dun alcalde franquista e dun falanxista presentaron unha demanda civil para “salvagardar o honor” dos seus antepasados. Finalmente Dionisio foi absolto pola xuíza argumentando que en ningún momento vulnerou o dereito á honra das persoas que figuraban como represores. Dalgún xeito esta sentenza e outras similares crean xurisprudencia sobre casos que se poidan dar no futuro.

Despois do resultado das eleccións de setembro, a sociedade galega demostrou que é conservadora, e que apenas evolucionou desde que tivemos de presidente un ministro da ditadura franquista.

Sempre que hai eleccións nas que o PP consegue unha maioría clara, reviven certos tópicos na análise xornalística que aluden ao suposto franquismo sociolóxico que segue a imperar en Galicia. Que opinión ten vostede sobre este concepto?. E logo, pensa que en efecto, máis de 40 anos despois da morte de Franco (é dicir, o período da II Restauración Borbónica xa supera en tempo o da Ditadura) é razoable seguir a cualificar como franquistas determinadas actitudes.

Tentarei sintetizar. Penso que teriamos que definir primeiro que é o franquismo: un réxime autoritario e ditatorial onde non hai liberdades democráticas. E se seguimos a definición, está claro que ese réxime non está en vigor na sociedade actual. O “franquismo sociolóxico” xorde cando hai unha deriva autoritaria dun goberno que ten maioría absoluta e goberna segundo os seus intereses desprezando a oposición parlamentaria, que tamén foi elixida polos cidadáns. Xenericamente, coido que este termo se utiliza para cualificar opinións, comportamentos, decisións que teñen como referencia o autoritarismo. Pero tamén son autoritarias moitas das maiorías absolutas que gobernan en Europa e non as cualificamos de “franquistas”. O certo é que o PP, cando ten maioría absoluta, sobre todo no Estado, consegue controlar os tres poderes do Estado, pero tamén o ensino, a relixión, os medios de comunicación, as grandes empresas nas que coloca persoas da súa confianza. E isto era propio do réxime franquista, polo que deducimos que a dereita é herdeira destas prácticas. Pode que o actual PP non sexa franquista pero a súa forma de gobernar recorda o franquismo. Despois do resultado das eleccións de setembro, a sociedade galega demostrou que é conservadora, e que apenas evolucionou desde que tivemos de presidente un ministro da ditadura franquista.

Vostede é fundador e promotor da Asociación Cultural “Obradoiro da História”, que fixo 20 anos xusto agora. Gustaríame que fixese un balance do labor neste tempo: que conseguiu para a comarca de Ordes. Que dificultades tivo que superar. Que metas quizais non deu cumprido. Que obxectivos se marca de cara ao futuro.

O obxectivo xeral cando se fundou a asociación era encher o baleiro cultural que existía na comarca e que as institucións non se molestaban en atallar. Para iso traballamos en moitos eidos: Arqueoloxía, Etnografía, Historia… Comezamos a editar publicacións que recollían pequenas investigacións sobre temas locais: persoeiros, acontecementos… Editamos folletos que repartimos de balde, denunciamos desfeitas no patrimonio arqueolóxico, concienciamos os veciños da necesidade de conservar e protexer o patrimonio (suplindo así o traballo que deberían realizar as institucións). Organizamos moitas actividades: xornadas literarias, charlas, exposicións, actos reivindicativos… con grande aceptación do público. E no ámbito da denominada “memoria histórica” estamos considerados como unha das primeiras asociacións que comezou a investigar a nivel local sobre a II República, a sublevación, a represión e a guerrilla antifranquista. Neste eido, coido que temos un traballo xa feito, en comparación con outras comarcas do país, que carecen de investigacións locais. Posiblemente, as dificultades máis grandes foron buscar financiamento económico para editar as nosas publicacións. Nalgúns casos pedimos subvencións á Xunta para editar un libro e déronnos 300 euros, outras veces nin nos contestaron. Para construír a Cidade da Cultura si que contaban con diñeiro a moreas. Entón tivemos que acudir a empresarios para que financiasen as nosas actividades. Iso si. Sempre contamos co apoio do Concello de Oroso e ocasionalmente da Mancomunidade de Ordes. Na primeira década sufrimos o boicot das institucións locais porque desconfiaban de nós mais co paso dos anos déronse conta da importancia do noso traballo e agora son receptivos. Por suposto que hai metas que non cumprimos. Non temos xeito nin medios para investigar e divulgar todo o que nós quixeramos. Tamén van pasando os anos e non hai relevo, pero estamos satisfeitos porque hai xente nova investigando, recollendo dalgún xeito o que nós sementamos e iso é moi satisfactorio.

Que resposta editorial teñen os traballos historiográficos locais? Dá a sensación de que a veciñanza gusta de ler sobre o seu contorno. Que opina vostede?

Temos boas experiencias neste campo pois a maioría das publicacións as editamos nós, segundo os nosos criterios, e os resultados son satisfactorios. Case todos os títulos en formato papel están esgotados e iso que as tiraxes chegan aos mil exemplares. Preferimos editar nós as nosas publicacións para controlar todo o proceso, desde a investigación histórica até a distribución nos puntos de venda. A xente está agardando este tipo de publicacións porque necesita saber, ter coñecementos sobre os acontecementos históricos que se desenvolveron no seu concello. Sendo prudentes e baseándonos en anteriores experiencias, calquera publicación sobre historia local centrada na comarca de Ordes ten o seu público asegurado.

Que novos proxectos ten entre mans neste momento?

Andamos na Obradoiro para publicar un folleto sobre Luís Porteiro Garea, fundador da Irmandade da Fala de Santiago, que está enterrado nunha parroquia da nosa comarca, en Gafoi (Frades). Pola miña parte continúo cunha investigación que iniciei hai anos, pero que vai aos poucos: os desterrados da comarca de Ordes durante a época da guerrilla antifranquista. Eran familias enteiras obrigadas a subir a un camión para deixalos en Soria ou en Burgos. É a represión en forma de desterros como castigos e para anular os apoios á guerrilla. Por outro lado tamén comecei coa fase de observación do conxunto de ritos, tanto profanos coma relixiosos, que teñen lugar arredor da capela de Vilouchada, no concello de Trazo. Paralelamente está a piques de saír o segundo número da revista “Memoria de Oroso”, unha iniciativa que parte do Arquivo de Imaxes do Concello de Oroso.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s