Pasados polas armas e tantas outras historias

Estampa da guerra. CASTELAO.

Estampa da guerra. CASTELAO.

Xosé Enrique Acuña.

A literatura que segue é de bando militar. Escrita para o terror e lanzada coa normalidade de quen desexaba vinganza rápida e exemplaridade masiva. Publicábase na prensa militarizada do 36 e, cos anos, nos xornais submisos que, no franquismo xa triunfante, quixeron ser herdeiros do pensamento político dos alzados contra a República. Falamos pois dunha prosa castrense na que, sobre tantas outras igual de sinistras, sempre destacou a tráxica e imperativa frase de “pasados por las armas”. Frase que significaba a morte, e escrita a convivir con outras noticias da vida diaria que á súa vez coincidían con variadas formas de humillación, represión e terror.

Temida por uns e plenamente aceptada por outros, xa desde as primeiras semanas da asonada militar do 36, esta frase campaba e repetíase polos innumerables bandos de guerra co preparado ánimo de demostrar que as cousas ían en serio. O aviso era máis que claro: todo aquel que fose preciso matar, mataríase. Así, nos primeiros meses de matanzas que aconteceron por todas as cidades galegas, as listaxes de “pasados por las armas” feitas públicas chegaron a se publicar —por orde e decisión da “autoridade”— organizadas por partidos, sindicatos, e mesmo cargos, aos que pertencían os executados. Usábase, a mantenta, esta e outras estratexias de estender e afianzar o terror como cando —o 19 de abril de 1937— a prensa reproduce a serie de execucións que se produciran, todas nunha mesma xornada, por diversas poboacións do país. Tamén, e en non poucas ocasións, optábase por dar “avisos” concretos a determinadas profesións. Para sinalar e amedrentar subliñábase intencionadamente o oficio de mestre dun executado —caso de Víctor Fraiz— e signifícase a propósito, foi o que fixeron na nota de execución en Ourense de Severino Nóvoa, que dirixira como xornalista a revista Espartaco.

Humillantes eran tamén os repetidos erros que se deslizaban nas comunicacións oficiais dos fusilamentos por conta dos nomes e apelidos dalgún dos executados. Toda unha tortura para os seus familiares, desinformación para os seus camaradas, e de seguro toda unha seria dificultade para, co tempo, recuperar a memoria real dos asasinados. Afronta semellante foi a insistencia reiterada en destacar, ou non, que os “pasados por las armas” confesaran ou comungaran, ou que bicaran nun crucifixo para así morrer en Cristo. Todo un escarnio para os seus compañeiros, mais á vez, tamén unha manobra tranquilizadora para satisfacer e serenar o catolicismo militante de tantos partidarios do exército alzado.

Nos primeiros meses de golpe militar, desde a arrogancia das armas, non se agacha e facíase público por veces o nome do oficial do exército que estivera á fronte das execucións: Un exemplo: “El piquete encargado de cumplir la sentencia estaba formado por fuerzas de carabineros al mando del teniente señor Colina”. Nestes días tampouco se deixa de recoñecer, sen reparo ningún, que se dera morte a “paisanos” sen abrir causa ou tribunal do “foro de guerra”. Así, o 16 de xaneiro de 1937, seis homes foron “pasados por las armas” en Ourense por forzas do exército sen nin sequera lles formar o habitual arremedo de consello de guerra. Nunha nota pública chégase a admitir a gravidade desta actuación por parte do máximo mando militar da cidade: “El excmo. Señor Gobernador Militar de esta Plaza y provincia en vista de los hechos mencionados, se ha visto obligado a decretar sin formación de causa tan severas sanciones, que espera habrán de producir una laudable reacción del espíritu ciudadano, evitando la necesidad de repetir estas ejemplares medidas de rigor”. Outro caso de morte sen sequera abrir un ilexítimo consello de guerra aconteceu en abril de 1937 cando “pasaron polas armas” a unha muller na Alameda de Tui. Evangelina Jaso foi fusilada e na información —que os militares daquela permitiron que transcendera— non lles importou que se salientase que a “ejecución tuvo lugar después de una breve y sencilla información comprobatoria de haber dicha sujeta albergado en su casa, durante varios días, al Herminio Saavedra y otros”.

“Pasados por las armas” que tantas familias de dereitas e “orde” aceptaron co mesma conciencia de clase e asentimento co que os seus antepasados puideron saudar, décadas atrás e con plena normalidade, fusilamentos de liberais a mans de realistas. E de arrenegados independentistas e desertores nas guerras coloniais das Filipinas e Cuba ou na aínda viva do Rif por man e estratexia, neste último caso, dos mesmos xefes militares que lideran o golpe do 36. Máis desta vez, o que tocaba fusilar en Galicia eran veciños, xente que vivía na mesma cidade que aqueles que presidían eses consellos de guerra que decretaron os múltiples “pasados por las armas” verificados, sobre todo, entre 1936 e 1943. Consellos de guerra polos que se decide matar a detidos políticos facéndoos pasar por simples delincuentes, traidores ou bandoleiros e, noutros non poucos casos, a presos dos chamados “comúns” se lles chega executar aplicando unha xustiza militar que se deseñara contra os inimigos políticos do novo réxime franquista. O certo é que —fatalmente, e tantas décadas despois— son moitos os nomes que figuraron no seu día como “pasados por las armas” que aínda permanecen ausentes da memoria colectiva da liberdade.

Liña incompleta de execucións franquistas en Galicia e historias propias do seu tempo

14 de agosto de 1936. La imposición de castigos en Ferrol

“Ayer fueron pasados por las armas el ex concejal de aquel ayuntamiento Manuel Morgade González Valle y el jefe de arbitrios Fernando Carballo Rodríguez”.

Outras noticias dese día

En Poio, por un erro da policía, rexistrouse a casa do “auditor de esta plaza” Gonzalo Fernández de la Mora. O comandante militar pídelle expresas desculpas. Donativos para a “Guardia Cívica” de Pontevedra: Socorro Rojo e socialista de San Adrián de Cobres. 480, 55 pesetas, Sociedade de Agricultores de San Adrián de Cobres, 21 pesetas. Entrega de moedas de ouro en Radio Pontevedra, propiedade da familia Vázquez Lescaille, con destino ao exército. Estase a celebrar un novenario de misas por José Calvo Sotelo. Xúlgase ao dirixente galeguista Alexandre Bóveda. Na sesión, o fiscal Rivero de Aguilar afirma que é a segunda vez que “levanta su voz acusadora”, e que “nunca sintió mayor emoción”. En febreiro de 1936 fixéraselle ao fusilado Manuel Morgade Valle un Consello de guerra polos sucesos de outubro de 1934. A petición era de 20 anos de cárcere.

25 de outubro de 1936. Sentencias cumplidas

“En virtud de sentencia dictada por el Consejo de Guerra de oficiales generales celebrado recientemente en esta ciudad [Lugo], fueron ayer a las seis y media de la mañana pasados por las armas, el teniente de carabineros señor Lorenzo y el alférez Trujillo. Ambos reos se confesaron y comulgaron fervorasamente. Formaron el cuadro en el lugar de ejecución, fuerzas de carabineros, Infantería y Guardia civil. El piquete encargado de cumplir la sentencia estaba formado por fuerzas de carabineros al mando del teniente señor Colina. Antes de sonar la descarga los dos reos, despues de manifestar que si con sus vidas contribuían a la salvación de la Patria, la ofrecían gustosos, pronunciaron los gritos, ¡Viva España! ¡Arriba España!”

Outras noticias dese día

Na praza de España de Lugo despois da manifestación en homenaxe ao xeneral Cabanellas, de visita na cidade, perdeuse unha pistola coa súa funda. Prégase a quen a teña atopado que a entregue na comisaria. Recóllense donativos en metálico para o “Altar Galicia” e o “Avión Lugo”. Ingresan no Hospital da Cruz Vermella tres mouros regulares feridos na fronte asturiana. En Cospeito teñen lugar “grandes manifestacións” pola toma de Oviedo.

11 de novembro de 1936. Cumplimiento de sentencias

“Ayer a las siete de la mañana, a inmediaciones del cementerio, quedaron cumplidas las sentencias de muerte a las que fueron condenados por el Consejo de guerra, los paisanos José Manuel Castelao Pérez y Manuel Timiraos, acusados de delito de rebelión, los cuales fueron pasados por las armas. Ambos reos se confesaron y comulgaron fervorosamente.”

Outras noticias dese día

Hoxe sae o sol ás 6,55, e ponse ás 5,2. Consello de guerra en Lugo contra Audifacio García Álvarez, Herminio Méndez, Leandro Peñalosa, Alberto Peña e outros, que preside o teniente coronel Cortés Reyes. Reposición do crucifixo nas escolas de Barbaín en Santa María de Bóveda á vez que se “entroniza el Sagrado Corazón”. Na procesión ía a “cruz alzada, bandera de los tarsicios y Nacional”. Despois, para obsequiar aos nenos escolares e presentes, se repartiron “galletas, pastas y licores”. Tomas Saavedra Pardo, empresario de Lugo, entrega 30 pesetas que recadou entre os operarios da súa fábrica de galletas e rosquillas. Dona Sinforosa López entregou a súa alianza de ouro ao gobernador civil que lle agradece o seu detalle.

19 de novembro de 1936. Sentencias cumplidas

“En cumplimiento de sentencia dictada por el Consejo de guerra, ayer por la mañana, fueron pasados por las armas a inmediaciones del cementerio [Lugo], los paisanos, vecinos de Monforte, Raimundo Moure y Antonio Iglesias Franjo. Ambos reos recibieron los Santos sacramentos con gran fervor”.

Outras noticias dese día

Na capela da “Virgen de los ojos grandes”, misa o cóengo Vázquez Saco a fin de “impretar del Altísimo el triunfo de la causa de España”. A xunta directiva do Lugo Sporting Club entrega á autoridade o tanto por cen do partido disputado o día 15. Alguén describe o encontro en Burgos dun xornalista italiano con Manuel Fal Conde, líder da Comunión Tradicionalista: “É un home de tipo robusto, que aínda que vestido de requeté e armado de punta en branco, disposto a partir para primeira liña, conserva o aspecto dun rico agricultor de ideas claras e macizas”. Á mesma cidade castelá chega unha comisión da Coruña que vai facer “entrega del oro recaudado en la provincia”.

3 de xaneiro de 1937. Noticias

“Fueron fusilados en el Campo de Aragón, de Orense, Andrés Falcón López, Serafín Pousa Prol, Antonio Souto Nieto, Juan Manuel Garrido, Manuel Senra Salgado, Fernando Garrido Fontenla, Modesto Vidal Fernández, Ricardo Lemos González y Demetrio Álvarez González.”

Outras noticias dese día

No Teatro Principal de Santiago “se estrena la más impresionante información sobre el Movimiento Nacional de título Oviedo la mártir e, na basílica catedral con procesión mitrada, celébrase unha misa conmemorativa da “reconquista de Granada”. Quedan convocados todas as nenas menores de doce anos de Compostela á Rúa Nova 16 para que firmen no pergameo que se lle vai enviar a Carmencita Franco Polo a Burgos.

17 de xaneiro de 1937. Son ejecutados varios espías rojos

“Orense.– A las cuatro y media de la tarde del día de ayer, han sido pasados por las armas los paisanos Francisco Figueira Gómez, por haber tenido oculto un reclamado por el juzgado militar de Vigo; Antonio Llach Docabo, Herminio de la Iglesia, Antonio Cid Prado y Jose Losada Arias, por el delito de traición, pues se dedicaban al espionaje en favor de los rojos, propagando al mismo tiempo noticias contrarias al movimiento nacional; y Luis Pérez Rodríguez, significado extremista, por agredir a un agente de la autoridad”.

Outras noticias dese día

En Ourense publicaranse listas negras dos que, dotados de benestar económico, caen na avaricia na entrega de fondos ao exército. O aviso contén unha ameaza: “Que fagan exame de conciencia” antes de ser “acredores de tan denigrante sanción”. Aviso aos veciños de Lavadores da obrigación que teñen de ir traballar ás obras do aeroporto de Peinador, e que nin o mal tempo, aínda nos caos máis extremos, exime da obrigatoriedade. A “Asociación de Amigas de los Agrarios” de Santiago, estará presente na exposición diaria do Santísimo. Rezarán a Estación e o Rosario para pedir ao Señor o triunfo “del ejército y contra las profanaciones dos marxistas”. Tamén en Compostela, para o expresidente da Deputación, comandante do corpo xurídico e fiscal da Octava División, Joaquín Otero Goyanes, foi pedida a man da bela señorita Ángeles Fernández Victorio “muchacha de cultivada inteligencia y encantador trato”. Ao final dun poema patriótico, Dionisio Gamallo Fierros escribe: “Y temblará de gozo en su sepulcro el Cid / y los que por la patria dieron en flor su vida / sentirán el orgullo de haber muerto en la lid / por nuestra madre España, ¡dolorosa suicida!”. Chegan nenos republicanos españois a Rusia. Unha noticia que merece o seguinte titular nun xornal galego: “Además, ladrones de niños…”.

22 de xaneiro de 1937. Noticias

“Cumpliendo sentencia de la Autoridad Militar, a las ocho de la mañana y en el campo de Refojos (Villagarcía), han sido pasados por las armas los paisanos Luis Iglesias Galán, José Ramón Roo Pérez y Luis Aragunde Alfonsín, los dos primeros por haber tomado parte activa en contra del Movimiento Nacional y encontrárseles con armas al ser detenidos y el tercero por tenerlos ocultos en su domicilio”.

Outras noticias dese día

Dous día despois, que era sábado, ás seis da tarde, a quenda dos Tarsicios celebra a súa vixilia na capela das escolas da Inmaculada de Santiago. A intención desta “hora santa”, non era outra que pedir a Xesús Sacramentado “el triunfo aplastante de nuestro glorioso Ejército que tan bravamente lucha en todos los frentes de nuestra querida Patria, barriendo las salvajes hordas marxistas internacionales”. Faise saber que xefes militares atentos ás necesidades das forzas musulmás consintiron a instalación dun café ao estilo marroquí no que unhas mulleres bailan as danzas dos seu país e sérvese á clientela o “famoso te con yerba buena”. Herbas que non se sabe se probou un tal E. Rey Seoane antes de escribir nun poema: “¿Y esa estrella? —Es Franco, nuestro capitán, buscamos a España, el nos guiará”

Noticia sobre execucións.

Noticia sobre execucións.

29 de xaneiro de 1937. Noticias

“Cumpliendo sentencia dictada en Consejo de guerra recientemente celebrado en nuestra ciudad, esta mañana fueron pasados por las armas, junto las tapias del cementerio de Boisaca, los vecinos de Santa Eugenia de Ribeira José Sieiro González, José Lijó Louro, Manuel Fernández Sendón, Julio Silva Vilas y Eugenio Rodríguez Bilbao. Todos se negaron a recibir los auxilios espirituales”.

Outras noticias dese día

Queda rexistrado o alistamento de numerosos membros das Juventudes de Acción Popular de Santiago nas Milicias de la Cruz de la Victoria. Antes de marchar á fronte de guerra, a estes milicianos lémbraselles que teñen que aportar un certificado do goberno civil, do comisario de policía ou da garda civil que testemuñe que non pertencen a partidos de esquerda. O propietario do Bar Mezquita condona varias facturas a cargo destas milicias. Natividad Caso Sanz dedica un poema ás “Margaritas” de Santiago que contén as seguintes estrofas: “Blasfemo impenitente, oh lengua impía, que procazmente escupes tu cobardía / Siempre que habla un marxista, si éste es genuíno, hace del día noche, del agua, vino; pues la mentira su apologista Lenin es quien le inspira”. No había un ano que o fusilado Julio Silva Rivas publicara un poema que dedicou a un barco de nome “Ria de Arosa”.

10 de febreiro de 1937. Noticias

“Ayer tarde, a las cuatro y media, fueron pasados por las armas, en el Campo de Aragón, de Orense, los paisanos Bernardo Quintas, Antonio Silva, Ernesto Cabanelas, Manuel Pérez, Evaristo Novás, Pío Fernández, Ramón Fernández Docampo, Eladio Porto, Andrés Cendrón, Celso González Rodríguez, Miguel Blanco y Benito Gallego”.

Outras noticias dese día

Na compostelá igrexa de San Martiño, no “altar de la Cruzada” ábrese un novenario de Horas Santas polo retorno de “todos os santiagueses que se encuentran en las poblaciones que están en poder de los marxistas”. Nesta cidade, os carlistas afirman que na “sociedade nueva que vamos a conquistar hay que evitar por todos los medios la lucha de clases”. Satisfacción porque segue a mellorar a saúde do papa Pío XI. O gobernador civil da Coruña ordena aos concellos que fagan unha “averiguación de las existencias de maiz” que existen nos seus respectivos municipios. Se están a recoller moitos donativos de “menajes de cocinas” que se instalarán en Madrid “una vez reconquistada por nuestras gloriosas y victoriosas fuerzas del ejército”. Manifestación en Santiago pola conquista de Málaga. O xornal El Compostelano informa que en cumprimento do “Decreto número 94 del gobierno del Estado Español, que reduce el cincuenta por ciento el consumo semanal del papel por los periódicos, el presente número consta sólo de dos páginas”.

25 de febreiro de 1937. Cumplimiento de sentencias

“En cumplimiento de sentencia por el Consejo de guerra, ayer a las ocho de la mañana, a inmediaciones del cementerio [Lugo], fueron pasados por las armas, José Antonio Fernández; José González García, Sabino Fernández Díaz, Ramón Pérez Fernández, José Pérez Alonso, Antonio Álvarez Mesa, Arturo Fernández Fernández, Cecilio Martínez Méndez y Dositeo Martínez Méndez. Los tres últimos, recibieron con gran fervor los auxilios de la religión, confesándose y comulgando fervorosamente”.

Outras noticias dese día

Luis Moure Mariño escribe desde Salamanca: “Llegamos pues a la conclusión de que, los palos que tienen la virtud de corregir a los animales son sin embargo, un procedimiento de mallado suave para enseñar a los marxistas (A diferencia de los burros y otros animales, optan por morir apaleados antes que cambiar de camino)”. No Teatro Círculo de las Artes de Lugo, celébrase un magno acto de adhesión e simpatía por Italia. Oportunamente se informará da vindeira homenaxe a Alemania. Relojería David dona un reloxo de parede para o cuartel da Falange lucense. Queda separado definitivamente do servizo o profesor auxiliar da Universidade don Sebastían González García. Na súa charla radiofónica diaria, que publican todos os xornais galegos, o xeneral Queipo de Llano informa que nunha soa taberna de Málaga “se bebieron los marxistas ochenta y cuatro mil litros de coñac”.

18 de abril de 1937. Sentencias cumplidas

“Ayer a las seis de la mañana, y en cumplimiento de sentencias dictadas por el Consejo de guerra fueron pasados por las armas en las inmediaciones del cementerio [Lugo], Evaristo Pereira Rubio y Eloy Prieto Fernández. Ambos reos, recibieron con grandísimo fervor los auxilios espirituales, confesando y comulgando”.

Outras noticias dese día

Airéase unha consigna de Manuel Hedilla: “Para nuestros trabajadores engañados, nuestro perdón más cordial, y más cristiano, perdón que significa obligación y amistad, bastante diferente del concepto democrático y tímido de la amnistia”. Achegas para as forzas “que luchan” en Asturias: “Parroquia de Parga, Antonio López Maciñeiras, un lacón e medio ferrado de habas; Jesús Rodríguez Losada, siete kilos de patatas; Domingo Campo Pérez, dos quesos y un lacón, Ramón Tomé López, un trozo de cabeza de cerdo; Cayetano Ares, doce huevos, Juan Bergantiños, seis chorizos, Ramón Souto, dos botellas de aguardiente”. En Lugo, no Savoy Bar, Calvo Sotelo, 17, antes Catorce de abril, tapas para hoxe: “Morros en dos salsas, merluza en mayonesa, croquetas de huevo, patatas al jerez, almejas a la marinera, fritos de jamón, ensalada de bonito”. Por “atesoramiento de plata” o Goberno Militar multa aos veciños de Lindin, Mondoñedo, José María Orta e José Irygoyen. Pasou por Rábade Pilar Primo de Rivera. Parou, bicou a mascota da Sección Feminina e botáronse foguetes. Un hijo de Alcalá Zamora recita “poesías cursis en una radio separatista de Bilbao”.

5 de maio de 1937. Ejecución de sentencias

“Orense.– A las siete de la tarde de anteayer, han sido pasados por las armas, los paisanos Antonio Rodríguez Estévez, natural de Pantín y Salvador García Pérez (a) “Cabreiroá”, condenados en Consejo de guerra a la última pena, por el delito de rebelión militar. Confesaron con todo fervor, muriendo cristianamente, besando el crucifijo”.

Outras noticias dese día

No transcurso da “Fiesta de la Santa Cruz”, encargada pola “piadosa Congregación de la Santa Muerte” na catedral de Lugo, o “ilustre prebendado cantó de mano maestra las excelencias de la Cruz que de ser patíbulo afrentoso señalado para los crímenes más nefandos, pasó a ser timbre de honor y de gloria en toda la civilización cristiana”. No barrio de Pintán, Salcidos, A Guarda, aforcouse o “muchacho” de trece anos Anselmo González Pérez. Apareceu pendurado dunha corda nun dos madeiros que sostiña o palleiro lindeiro da vivenda. O “precoz suicida era huérfano y su madre se halla en la cárcel de Pontevedra cumpliendo un arresto”. Hoxe, 5 de maio de 1937 “celebramos” que as tropas italianas “han entrado en Addis-Abeba. ¡Viva Italia! ¡Viva el Duce!, ¡Viva España! A medio dunha nota oficial négase o bombardeo de Gernika: “El incendio de Guernica, las explosiones que durante un día se sucedieron en la pequeña villa, fueron obra de los mismos que en Eibar y en Málaga y tantas villas del sur y del norte de España, lucieron sus artes de incendiarios dinamiteros”.

2 de xullo de 1937. Noticias

“Pontevedra.– Cumpliendo sentencias dictadas en Consejos de guerra, han sido pasados por las armas Antonio Vázquez García, de 26 años, y Constantino Conde Penide, de 27, ambos vecinos de Silleda”.

Outras noticias dese día

Inaugúrase a mesquita edificada en Vigo para dar servizo propios do seu culto aos enfermos mouros internados no hospital de feridos de guerra. Queda publicada a listaxe de redencións en metálico por conta de dous días de prestación de traballo a realizar de xeito obrigatorio no aeroporto de Vigo. Nunha nota oficial da Comandancia Militar de Plaza de Vigo insírese que no día “más feliz de su vida”, a nena Chuca Palacios Fernández “recuerda a sus compatriotas los soldados que luchan en los frentes y promete con sus infantiles oraciones hacer donación de su dinero”. Na mesma nota militar, de seguido, infórmase que “a las diez horas del día de ayer y en el Castillo del Castro de esta Plaza, fue pasado por las armas el paisano Ernesto Rodríguez Vázquez en cumplimiento de sentencia recaída en la causa sumarísima que por rebeldía militar se le instruyó”. No “Comedor de Hermandad” de Vigo rexístranse varias doazóns: O vapor Boer un resto de fanecas, vapor El Carmen, un resto de cariocas, vapor Asturias, un resto de fanecas, vapor Blanquita, un resto de pescada. O gobernador civil da Coruña oficia á Asociación General Patronal para que abra expediente de destitución do seu avogado asesor Leandro Pita Romero. Por telégrafo, destitúe ao alcalde, secretario e oficiais do concello de Malpica e a Juan Delgado, secretario do Pósito de Pescadores. O dramaturgo Adolfo Torrado anuncia que cede ao gobernador civil da Coruña os dereitos de autor que lle corresponden pola representación das súas obras en xira nos teatros galegos. É recibido en Galicia “Sidi Mohamed El Mel-lali, o Bajá de Alcazarquivir”, que chega na compaña de “varios kaides”.

10 de xullo de 1937. Cumplimiento de sentencias

“En Lugo y cumpliendo un fallo dictado por un Consejo de guerra, han sido pasados por las armas los paisanos José Fernández y Fernández y Joaquín Suárez García”

Outras noticias dese día

Avísase aos xoieiros que se dediquen á “fabricación de condecoraciones” sobre a conveniencia de que constrúan as regulamentarias para que poidan ser adquiridas polas persoas a quen afecten. As condecoracións “más corrientes son: Cruz Laureada de San Fernando, Medalla Militar, Cruz de Guerra, Cruz de Mérito Militar Roja, Cruz de Mérito Militar Blanca, Medalla de Sufrimientos por la Patria”. Justo Hermida, gobernador civil de Pontevedra, “de acuerdo con la propuesta de la Fiscalía de Vivienda” multa con 250 pesetas al Banco Pastor. Nesa cidade, a nova fábrica de pan “La Flor de España”, publica un reclamo publicitario polo que pon en coñecemento do público que elaborará “todas las clase de pan, tanto de lujo como corriente (…) ¡Ayudar a esta fábrica es hacer obra nacional! ¡Viva España! ¡Viva Franco! Propietario: Gabriel Vilela Pereira”.

29 de xullo de 1937. Sentencias cumplidas

“Orense.– En el Campo de Aragón y en cumplimiento de sentencia recaída en Consejo de guerra, fueron pasados por las armas los paisanos Ramón Figueiras, José González González, Antonio Colmenero Villa, Camilo Gago González, Antonio Taboada Novoa, Higinio López del Barrio, Eduardo Paris Villar y Manuel Suárez Castro”.

Outras noticias dese día

Por Radio Lugo-Ondas Azules darase lectura na emisión de hoxe a un conto orixinal da colaboradora “Lucita Pozo” e da parodia do camarada Antonio Balbás titulada “Miaja o el miliciano Remigio”. O capelán do hospital de Sarria, para a “campaña del oro”, fai entrega de “seis hebillas de plata y un billete de 10 francos franceses”. Aparecen 13 cartuchos de dinamita cando se abría unha gabia en Cruces e se entende “que procedían do movimiento revolucionario”. En Lugo faise pública a relación das matrículas dos “31 coches, 25 camiones e 15 omnibus” que teñen que prestar servizo obrigatorio ao exército coa clara advertencia de que a “falta de presentación será sancionada”.

29 de xullo de 1937. Comandancia Militar de la plaza. Cumplimiento de sentencia

“En el día de ayer [Vigo] fueron pasados por las armas Urbano Gómez González y Augusto Bamio Silva, en virtud de sentencia recaída en Consejo de guerra, habiendo recibido el primero todos los Sacramentos”.

Outras noticias dese día

Anúncianse execucións en Moscova onde “700.000 membros do partido foron castigados con medidas disciplinarias. Pola Garda Civil foi detido Ricardo González Couceiro por “haber omitido conceptos” na confección dun artigo para a Hoja del Lunes de Vigo. O tenente Vez Quijano, o sarxento Peñaranda, o cabo Camino e o garda López, capturaron esta madrugada en Santiago a Maximino Rial Liméns que estaba oculto nun dobre tabique do seu domicilio no camiño do Manicomio de Conxo. Mañá sairá para as súas posesións no Ulla dona Antonia Díaz Varela e Verea. Segundo novas instrucións, no Banderín de enganche do Tercio da Legión non se precisa talla nin documentación algunha: “No se necesita más que presentarse y tener entre 17 y 36 años”. Tres anos despois de ser fusilado, en agosto de 1940, se “instruye expediente de responsabilidades políticas” a Agustín Bamio Silva, de Lavadores.

13 de setembro de 1937. Noticia

“En virtud de sentencia recaída en Consejo de guerra y aprobada por la Superioridad, han sido pasados por las armas en Coruña, los paisanos Enrique Expósito González y José Antonio Boedo Núñez”.

Outras noticias dese día

Por infrinxir o disposto sobre o selo de subsidio Pro-combatentes o gobernador civil de Pontevedra multa con 500 pts ao Club de Regatas de Vilagarcía. Se reciben na Federación Patronal de Santiago donativos para o “Acorazado España”. A Inspección Provincial de Sanidad de Pontevedra require ao farmacéutico de Montes Manuel Caamaño Pato, que vén de desaparecer do citado pobo, para que compareza en Cambados a declarar “por ser del Frente Popular y de la FAI”. Primeiro aniversario de Francisco de Asís Porto Anido, alférez de escolta, da compañía de Requetés Apostol Santiago, “muerto gloriosamente en las lomas del Alto del León” na Serra de Guadarrama. Cinco anos despois, en marzo de 1942, e por conta de “responsabilidades políticas” incóase expediente a Enrique Expósito González, “mecánico, de La Coruña”.

12 de outubro de 1937. En Pontevedra

“Confirmadas por la Superioridad las correspondientes sentencias, han sido pasados por las armas, los paisanos Ángel Buceta Lorenzo y Francisco Baamonde García”.

Outras noticias dese día

“A noticia triste de la jornada”, escríbese, foi a morte do coruñés e “jefe do cuarto Tabor de regulares de Tetuán, comandante D. Juan Cruz, en el frente de León”. Un “certero balazo puso fin a su vida heroica”. Imporáselle a “Medalla Militar, galardón supremo para los que, como el, saben derramar su sangre generosa por la gloria de España”. Serapio del Casero y Menéndez, xuíz de 1ª Instancia de Pontevedra, abre “procedimiento de apremio” a Arturo Martínez Fernández para que faga efectiva a multa de diez mil pesetas, por “contrario al Movimiento Nacional y desafecto a la causa de España”. Consello de guerra en Pontevedra contra Gumersindo Crespo González, de 41 anos, veciño de Santiso, Lalín. Curso 1936-1937. Sexto de Bacharelato: Gonzalo Adrio Barreiro, matrícula de honor.

13 de outubro de 1937. Noticia

“En Lugo y como consecuencia de sentencia de un Consejo de guerra fueron pasados por las armas los paisanos Manuel López Rodriguez, Ramiro Rodríguez, Valentín López García, José López Yáñez, Benigno López López, Pedro Rodríguez Rodríguez, Manuel Pérez González, Manuel Díaz Díaz, y Alfredo Díaz. Los cuatro primeros recibieron los auxilios espirituales”.

Outras noticias dese día

“Aún existen Farias?. Si existen todas las que se quiera. Pueden adquirirse en todos los estancos de la España Nacional al mismo precio que antes del 19 de julio. Que lo sepan los fumadores, mejor dicho, los ex-fumadores de la España roja”.

8 de marzo de 1938. Noticia

“En virtud de sentencia del Consejo de guerra, fueron pasados por las armas en Orense los paisanos José Delgado Núñez, José María Cid Novoa, Eduardo Piñeiro, Modesto Gallego, Ramón Vázquez Rodríguez, Odilo Freire, Leopoldo Carril Freire y Gastón Iglesias Cid”.

Outras noticias dese día

Esta mañá faleceu don Leandro Auge, director do cárcere de Cambados. Foi sentida a súa morte xa que se trataba de “un hombre que gozaba de simpatía”. O día 1º do presente mes pasará polos domicilios de diversas rúas de Santiago un garda municipal a cobrar “el recibo correspondente al mes de febrero para las obras del aeropuerto”. Queda prohibida polo gobernador civil da Coruña a “exportación en esta provincia de patatas, alubias y cebollas”. A “nuestro querido camarada” capitán de Requeté José María Castroviejo, que convalece de feridas recibidas no fronte, foille concedida a “Medalla de Sufrimientos por la Patria”.

Noticia da execución de Bamio Silva, 28 de xullo do 1937.

Noticia da execución de Urbano Gómez e Agustín Bamio Silva, 28 de xullo do 1937.

25 de outubro de 1940. Noticia

“En cumplimiento de sentencia dictada en Consejo de guerra celebrado en la plaza de Vigo, fueron pasados por las armas en las inmediaciones del cementerio de Lavadores los condenados paisanos Jesús Lago González (a) Petrillas, Antonio Rodríguez Posada (a) De la Clara, Luciano Rodríguez Valente (a) Portugués, José Almeida Otero (a) Reningo y Enrique Cameselle García (a) Liebre, autores todos ellos de varios atracos a mano armada, en Lavadores”.

Outras noticias dese día

O médico “que fue” de Covelo, Marcelino Losada Loureiro declárase “incurso en responsabilidades políticas” e se lle impón como sanción seis anos de inhabilitación especial “y pérdida total de sus bienes, que le fueron embargados”. A Fiscalía de Tasas de Ourense impón unha multa de 1.500 pts Antonio Fernández Cabo por depósito clandestino de 120 kilos de xamón. Esta noite regresou a Alemania Himler, o xefe da súa policía, que embarcara nun avión militar no aeródromo barcelonés do Prat despois de recibir ramos de flores de agasallo das “camaradas de la Sección Femenina”. Autorízase polo gobernador civil de Pontevedra a saída do territorio nacional dos súbditos alemás Maximino Schneider, Erwin Thlessem e Karoline Thlessem.

14 de xullo de 1941, cumplimiento de sentencias

“El día 30 del pasado mes y en la plaza de Lugo han sido pasados por las armas los paisanos Carlos Quintana Vázquez, Marcelino Sánchez Iglesias, Ramiro Rodríguez Díaz, Jaime González Fernández y Álvaro Vázquez N., condenados en la causa núm. 422 del corriente año a la pena capital, por delitos de atraco a mano armada y asesinato de guardia civil Rogelio González Cudeiro”.

Outras noticias dese día

Sae de Ourense unha expedición de “voluntarios contra el comunismo”. Afírmase que chegan á estación de ferrocarril “con la canción en los labios. Canciones de guerra, tonos viriles de hombres que saben cumplir su deber, con el espíritu alegre falangista (…) Por las ventanillas del tren aparecen los brazos en alto”. Córrese a etapa Verín-Ourense da III Vuelta Ciclista a España. A todos os actos en homenaxe a “estos ases del pedal” asistirán “las autoridades y jerarquias provinciales del Movimiento”. Vén de ser executado o dirixente da CNT de Huelva Guillermo Toscano que participou “en el asesinato de José Antonio Primo de Rivera”. No Palacio do Pardo faise entrega do título de doutor Honoris Causa que a filipina Universidade de Manila concedeulle ao “Caudillo Franco”.

16 de decembro de 1941. Noticia

“En virtud de sentencia capital dictada en Consejo de guerra ordinario, han sido ejecutados en Vigo el sargento de infantería Germán Gómez Posada y los paisanos Cristino Romero Posada y Francisco Gómez Posada, autores convictos y confesos de un atraco perpetrado el día 2 de mayo último en un molino próximo a Lavadores, y del que resultaron víctimas los labradores que allí se encontraban”.

Outras noticias dese día

O xornal diario dos falanxistas galegos opina que Mussolini achegou unha das grandes verdades do século: “O sangue é a roda que move a Historia”. Mañá, desde a estación de Vigo, sairá un tren especial coa “primera expedición de productores españoles que va a trabajar a Alemania”. En Pontevedra celébrase unha homenaxe “a la esposa del glorioso xeneral Moscardó” á que “acuden muchísimos niños de las escuelas nacionales de esta capital”. Múltase en Ferrol a José Loureiro por se negar adquirir un emblema do Auxilio Social. Queda incoado un expediente de responsabilidades políticas a vinte e dous veciños de Lavadores. Nas obras do aeroporto de Peinador resulta ferido de extrema gravidade Juan Sio Leirós vítima da explosión dun barreno.

11 de xaneiro de 1943. Cumplimiento de sentencias

“En la Plaza de Lugo (La Coruña), a las ocho horas del día 8 del actual, y en cumplimiento de sentencia capital, han sido pasados por las armas los reos José López López, Luis López López, Amadeo Arias López y Pedro Alvaredo Rodríguez, condenados en causa número 324-41 por el delito de atraco a mano armada”.

Outras noticias dese día

No Bar Victoria de Santiago celébrase unha homenaxe a José Barberá Armelles que cesa como director de El Correo Gallego. Marcha destinado ao xornal Levante de Valencia onde en 1948 nacería a súa filla Rita Barberá que, coa democracia, chegou ser alcaldesa desa cidade e senadora do Reino de España. “De mala raza” é o título da obra de José Echegaray que se está a representar no Teatro Principal de Santiago. A policía urbana desta cidade, por orde do alcalde, retirou a seis mendigos da rúa enviándoos aos seus respectivos pobos. A Elisa Aldonza Grobas se lle multa por escandalizar nos comedores do Auxilio Social. O día 25, unha misa na catedral de Lugo, terá a particularidade que será cantada “por las camaradas consejeras de la Sección Femenina“ que en Santiago están a celebrar o VII Consejo Nacional.

6 de febreiro de 1943. Cumplimiento de sentencias

“En la madrugada del día 3 del actual y en cumplimiento de sentencia dictada por un consejo de Guerra en causa sumarísima, han sido pasados por las armas en Lugo, Andrés Taladriz Fernández, José Naya del Río, Santos Noguerol Valga, Manuel Fanego Fernández y José Rodríguez González, como autores de dos delitos de robo a mano armada”.

Outras noticias dese día

Presidido polo coronel Emilio Quintela, consello de guerra contra os paisanos e veciños de Santiago Emilio Rey Fernández, Ángel Seoane Iglesias, Ezequiel Solar García, Luis Bao Villaverde, Jose Delgado Seoane e Manuel Seijas Docampo, acusados de “auxilio a la rebelión y actos con tendencia a ofender a la fuerza armada”. Manuel Seijas morrería aos 46 anos, Luis Bao Villaverde (a) Pamplona xogaba ao fútbol no Racing Club de Santiago, Ezequiel Solar tiña unha barbaría no Camiño Novo, Ángel Seoane, albanel de oficio e José Delgado Seoane, pertencía á quinta de 1930.

25 de outubro de 1943. Cumplimiento de sentencias

“En la madrugada del día 21 del actual, y en cumplimiento de sentencia dictada por un Consejo de guerra en causa sumarísima, han sido pasados por las armas en Lugo, Antonio Araujo Moure y José Muiña Martínez, como autores de diversos delitos de atraco a mano armada y muerte de los atracados”.

Outras noticias dese día

Ante o 29 de outubro, “Día de los Caídos”, a Falange lembra a “los muertos por Dios y por España, los camaradas que en el holocausto de su vida hicieron posible la era de la reconstrucción española y la pujanza de nuestro movimiento bajo la égida del invicto Caudillo y Jefe de Estado Generalísimo Franco”. No “Cupón de Ciegos de antes de ayer” correspondeu o premio ao número 524. En Ribadavia foron detidos cinco veciños por ameazar e insultar o axente da Fiscalía Provincial de Tasas Carlos Rivero Troncoso. Varios anos despois, en 1968 e xa como xornalista, Carlos Rivero recibirá o “Premio Nacional de Periodismo Francisco Franco”.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s