Diego Giráldez: “No oficio de escritor é máis importante saber borrar que saber escribir”

Diego Giráldez. JANITE.

Diego Giráldez. JANITE.

César Lorenzo Gil.

Diego Giráldez (O Porriño, 1976) converteuse nun dos autores revelación do 2016. O seu libro Galería de saldos (Xerais) busca un novo camiño literario cunha voz definida desde a primeira liña. Conversamos co escritor sobre este libro e algunhas outras cousas.

Galería de saldos é o seu debú literario. Non é fácil conseguir cunha primeira obra entusiasmo da crítica e interese dos lectores. Esperaba esta reacción? Sempre digo que escribir para pasar desapercibido é unha derrota. Non me importa tanto o que dirán como conseguir que o libro se lea. Do que se trata é de chegar ao público. Logo que digan o que consideren. O certo é que está a ter unha boa acollida, confeso que mellor do que eu agardaba. Galería de saldos é un libro estraño, cunha estrutura especial e cunha temática pouco amable; un libro de relatos curtos que tiña que tentar filtrarse entre as novelas, o xénero estrela.

Que lle din os lectores sobre os motivos de que lles guste o libro?

Coinciden en que é un libro que lles tocou moi de perto; os personaxes están moi apegados á actualidade e é algo lóxico: son historias cotiás coas que é doado verse reflectido dalgún xeito. Outra das opinións xeralizadas é que lles gusta como se combina a dureza das distintas tramas co humor e a ironía.

A fórmula escollida para ese debú é o relato curto pero no caso desta obra non hai unha compilación de historias senón unha serie de, poderiamos dicir, estampas, cuns parámetros definidos e un leit motiv común: o paso da obra de arte do único, do excepcional, ao rutineiro, ao común, de diversos xeitos. Non sei se no fondo, este libro é algo así como narrativa longa dividida en múltiplos personaxes.

Os relatos non están xunguidos por un fío argumental común, pero existe unha unidade que podemos chamar “contextual”. Nada máis. O que procuraba era que cada relato tivese unha cor distinta, un enfoque diferente, para que os lectores percorresen o libro coma quen pasea por diante da colección permanente dun museo. Cada relato é un disparo distinto. Decidinme polo relato curto sabendo que era exactamente o que quería. Aínda que é certo que hai conceptos que actúan coma un nexo común nas historias (sufrimento, resignación, frustración…), non considero que Galería de saldos sexa un libro que poida dar a sensación de ser narrativa longa fragmentada.

Vostede é historiador da Arte. Non sei se a súa formación definiu en gran medida a estrutura e principios desta obra. Por que lle interesaba o tema? Por que relacionar arte e vida cotiá?

Cando era pequeno, o meu avó líame biografías de grandes pintores, escultores e arquitectos, que viñan comprimidas nuns tomos que lle regalaran no Banesto. Aquilo marcoume. Ao tempo, decatábame de que non tiña talento para ser artista plástico. Licencieime en Historia da Arte e tampouco puiden levar a miña vida profesional por aí. É dicir, a miña relación coa arte é tan apaixonada coma frustrante. Por iso non podo aclarar se o seu uso neste libro é por amor ou odio. Serviume para reforzar o carácter dos personaxes; emprego reproducións baratas de obras recoñecibles para reforzar a idea de descontextualización dos protagonistas das tramas. A arte está viva e tropezamos con ela ás veces sen decatarnos. Neste libro ponse aos pés dos personaxes, abandona a sofisticación para baixar a onde está a propia vida dos protagonistas. Parafraseando a Friedrich Nietzsche: “sen arte, a vida sería un profundo erro”.

O libro poderíase encadrar nunha sorte de realismo costumista en canto ao tema pero nótase un esforzo por crear un estilo. Falemos diso: que importancia ten para vostede o estilo? Como se consegue hoxe en día, despois de tantos autores e tantas obras, atopar unha voz persoal?

Xa co libro na rúa, a primeira vez que durante unha entrevista me dixeron que posuía un “estilo propio” non tiña moi claro se iso ía ser positivo ou negativo. Eu escribo como escribo, non o fago a propósito, non sei facelo doutro xeito. Calquera que revise algún texto meu, ou mesmo columnas de opinión miñas nalgúns medios, notará que sempre me expresei así. Para min o estilo é importante e supoño que iso é o que se nota. Nunca me interesou a literatura na que non se vexa un esforzo do autor por transmitir creando; esa na que se intúe que a historia foi trasladada ao papel, foi cuspida, e punto. E si, claro que é certo que, aínda que sempre escribín así, require dun esforzo. Sobre todo para que a estética non estrangule a historia. Ou para evitar que, sen querer, caias na pedantería e na cursilería extrema. Non é doado.

O seu estilo foxe moitas veces da linguaxe visual, maioritaria na narrativa actual, e recréase na frase, na expresión, na metáfora, na adxectivación. Como traballa o texto? Cal é o seu método de escrita? Rutina, explosión… Deixa amadurar os textos e logo volve a eles para puílos?

A min escribir cústame moito. Máis que nada porque non son quen de saltar un renglón se o anterior non me convence. Iso provoca unha lentitude importante. Provócame preguiza, a pesar de estar facendo o que máis me apetece. O meu xeito de escribir requíreme un tempo e unha paciencia que non teño, é imposible aplicarme unha rutina. Tamén borro moito. Podo escribir dúas páxinas, deitarme crendo que fixen algo decente e erguerme ao día seguinte segurísimo de que en realidade non era o que buscaba. No oficio de escritor é máis importante saber borrar que saber escribir.

Cales son os seus referentes, os seus mestres?

Non teño moi claro quen son. Seguro que moitos. Nas presentacións do libro sempre digo que o Vidas post-it, de Iolanda Zúñiga, foi moi importante á hora de sentar a escribir este libro, por exemplo. Ultimamente, coa saída de Galería de saldos, ao falar en entrevistas do meu estilo, vén a miña cabeza o tempo que lles dediquei na miña mocidade aos simbolistas de finais do século XIX, a Wilde, Villiers, Huysmans, etc. Si é posible que esas lecturas influísen na miña escrita.

Logo de esperar dous ou tres anos para ver o libro na rúa, notas que o seu percorrido, teñas sorte ou non, é curto. Un día desapareces dos escaparates porque chegaron as “novidades de outono” e punto.

O relato curto vive nesta década un repunte no interese do lector galego, tras moito tempo de dominio absoluto das novelas. Aínda que a narrativa longa segue a ser a raíña, que coida vostede que ofrece como vantaxe o formato breve? Dicía Camilo Franco que o relato é a forma máis idónea para explicar o mundo “interrompido e fragmentario” de hoxe. Gustaríame saber a súa opinión sobre esta frase.

A frase de Camilo Franco non só é acertada senón que, no meu caso, define moi ben o proceso de creación deste libro. Os relatos curtos proporciónanlle ao conxunto unha lectura fragmentaria, e anárquica, que está moi relacionada co ritmo de calamidades que estamos a sufrir dende hai uns anos. É como se cada minuto (cada chío) pasase algo distinto e estivésemos informados absolutamente de todo, sen compaixón. Estás a dixerir algo e alguén xa pasou á diapositiva seguinte. O relato curto “interrompido e fragmentario” serviume precisamente para tentar crear esa sensación nos lectores. Ledicia Costas dixo que eu neste libro non escribía, disparaba. Eu quería que cada relato fose un golpe, xustamente ese disparo na boca do estómago.

Galería de saldospublicouse este ano pero vostede xa a ten escrita desde, polo menos, o 2014. Especialistas en Literatura, caso de Rexina Vega, consideran que a obra é algo así coma a froita, que debe publicarse en sazón, algo hoxe moi complicado por mor do calendario editorial. Como ve vostede este tema? Como se vive esa demora entre escribir e publicar no caso dunha primeira obra?

Para un tipo coma min, que cando ten un proxecto nas mans precisa que todo pase ao momento, é inquedante. Galería de saldos empecei a escribilo en agosto de 2010. Logo deixeino moribundo durante tres anos e recupereino en 2013 coa firme intención de rematalo. Envieino en decembro de 2013 á editorial, dixéronme que “si” uns meses despois, e tardou dous anos e pico en ver a luz. Teño amigos escritores que me dicían “isto é así” e que, coñecéndome ben, me daban palmadas de ánimo nas costas con certa retranca. Dous ou tres anos despois de entregalo á editorial pode pasarche de todo, incluso madurar tanto que o que escribiches xa non te convenza. Unha vez que a editorial aproba publicar o teu traballo, tes que estar xa pensando no seguinte. Algo así. Iso precisa dunha constancia que eu non teño. Ademais, logo de esperar dous ou tres anos para ver o libro na rúa, notas que o seu percorrido, teñas sorte ou non, é curto. Un día desapareces dos escaparates porque chegaron as “novidades de outono” e punto.

Vostede dedícase profesionalmente á comunicación. Son moitos os comunicadores que nos últimos anos empezaron a publicar literatura. Hai unha razón obvia, que é a crise brutal do sector, que mandou ao paro centos de persoas que quizais se viron con tempo para escribiren. Coida que existen máis motivos? Que supón, desde o seu punto de vista, que sexan xornalistas os que conduzan a escolla de temas e estilos na literatura e non outras profesións noutrora hexemónicas, caso dos docentes?

A crise noqueounos, si. Polo menos a min. Sobre todo a aqueles que traballabamos en medios en galego. Foi unha etapa dura. En xeral, a crise do xornalismo é equiparable á do ladrillo. O que pasa é que a da construción aparecía nos titulares e a que sufriamos nós comentabámola na hora do café ou xa coa carta de despido na man. Iso xerou unha especie de colectivo de xornalistas “caídos” que, falo por min, desbrozamos outros camiños para seguir en marcha. Ás veces seguramente procurando nada. Atribúenlle a un xornalista e escritor italiano, Ugo Ojjeti, a frase: “O xornalista é só un escritor que cando colle a pluma non procura inmortalidade”. Supoño que será algo así. Para min, a chegada á literatura de xornalistas como Fran P. Lorenzo, María Solar, Manrique Fernández, Alberto Ramos ou Xurxo Chapela, por exemplo, é unha boa nova que trae visións máis actuáis e un novo recendo.

Amais de literatura, vostede xa publicara traballos sobre Historia, especialmente dedicados á historia do Porriño. A semana pasada, Manuel Pazos queixábase de que no ensino non se aprende Historia local. Quixera coñecer a súa experiencia e preguntarlle polo papel que xoga a propia comunidade local no coñecemento do seu pasado. É dicir, que responsabilidade ten a propia poboación en que haxa profesionais dispostos a explicarlles o seu pasado? Ou é máis relevante que coincida un grupo de persoas interesadas que crea asociacións, edita revistas…?

Durante unha década, dediqueime a recuperación histórica local. Tanto de xeito individual (publicando tres libros de diferentes temáticas) como a través da revista Malladoura, unha publicación creada grazas a un colectivo de persoas inquedas que funcionou realmente ben. Durante esa etapa notabamos que a xente estaba entusiasmada co proxecto. Uns recuperaban a súa memoria e outros descubrían cousas que non sabían sobre o seu lugar de nacemento. Foi reconfortante. Notabamos que, por parte da poboación, había fame de saber sobre o seu pasado máis cercano. O certo é que esa fame hoxe en día desapareceu, polo menos no meu concello, ou, polo menos, a xente non a fai notar.

Logo de Galería de saldos,supoño que chegou á literatura para quedar. En que outros proxectos está a traballar?

Estou a traballar nunha novela. Unha historia de amizade entre un personaxe ficticio e outro real, moi coñecido internacionalmente na época dos anos 50 e 60 do século pasado.

Que libros que está lendo neste momento.

Estou a intercalar a lectura de Mientras haya bares (Círculo de tiza), de Xoán Tallón, cunha biografía sobre Wilde que narra as súas estancias en París. Sobre a mesiña están xa Lémbrome, de Xurxo Chapela, publicado por Positivas, e A ira dos mansos (Xerais), de Manuel Esteban.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s