O destilador da esencia da cultura galega

Otero Pedrayo ensaísta (II)

cabeceira-nosXesús González Gómez.

En Lembranza de Goethe, publicado en folleto por Nós en 1932 co gallo do centenario do pasamento do escritor alemán[1], Otero escribe: “Acusarédesme[2], probablemente con razón, de non facer unha conferencia sobre a obra de Goethe senón de trazar con unha lista de nomes e feitos, o devir do seu tempo. Ou mellor de suxerilo. Enemigo dos estudios críticos por temperamento e por falla de preparación [subliño eu, xgg], dígovos tamén que os libros de Goethe están en todas partes […] Tampouco vos fallarán estudios críticos. Fuxide deles. E pensai sinceiramente, pola vosa conta, sobor de ‘Werther’, da ‘Ifigenia’?, do ‘Hermann’, do ‘Guillermo Meister’, dos lieders, das ‘Elexías’, do ‘Fausto’”. Esta teima contra certa especie de estudos críticos, mantívoa Otero toda a súa vida. Lembremos o artigo “A man na frente”, publicado en La noche (23-VI-1947) e recollido en Parladoiro, que trata de Anthero de Quental. Nel podemos ler estes parágrafos: “Non disequedes ao poetas do XIX que, ao mellor, facedes vós, os homes serios das papeletas, o ridículo ao sóio atopar a forma do camiñante na palla da pousada. Curros, Anthero. ¡Cántos acuden á lembranza! Sufriron como non poden sufrir os poetas de tarifa por hemistiquio, matriculados e rexistrados. Disfrutaron como non poden disfrutar os que fían do cheque e zugan da mamadeira dos premios literarios. Mais non é día de rifar”[3]. Podíamos engadir máis citas en apoio da nosa hipótese (en Romantismo, saudade e sentimento da terra…: “[…] nós somos enemigos dos prólogos, das críticas, e da historia literaria en canto saia do puro estudo obxetivo”): Otero non gustaba dos estudos críticos, el afirma que por falta de preparación, mais nós pensamos que, sobre todo, por temperamento era, achamos, máis amante dos “esquemas” (con este título publicou diversos artigos (sic) en A nosa terra e outros lugares –Céltiga…–) e das “sínteses”.

Otero, como pouco amante dos estudos críticos, tampouco debía amar moito a “teoría”, mais no prólogo ao Ensayo histórico sobre la cultura gallega, sen aspiracións teóricas, talvez argalla un “esquema” do que é, ou do que debe ser, o ensaio: “Emprendemos alegremente o trabalho porque nenhum outro assunto poderia satisfazer-nos melhor, e tambén levados pelo desejo de mostrar aos leitores algumas das determinantes e das formas pelas quais o espírito galego se manifesta no coro da cultura ocidental. Por desgraça son muito poucas. Se temos a intuição, falta-nos seguramente o poder de transmiti-la. Se sentimos con evidência en nós a escultura ideal, não dispomos de pedra e metal, nem de técnica e inspiração para traduzi-la na bela estátua material que pensamos ficará pelo menos nestas páginas a intenção de um esquema”[4]. Noutras palabras, para Otero o ensaio é un “esquema”, e o que entrega no seu ensaio sobre a cultura galega sería un esquema desta cultura. É dicir, a redución de algo, unha cousa, un libro, unha forma, etc., aos seus elementos esenciais. Pero o esquema é algo máis que unha redución, se acreditamos en Alvin W. Gouldner, quen se basea en Jean Piaget (Desenvolvemento do pensamento). Segundo Gouldner-Piaget “o esquema é a estrutura básica mediante a cal un sistema asimila –é dicir, desestrutura e incorpora– o seu contorno ou (…) polo cal  un sistema teórico asimila información”. O esquema, continúan a dicirnos Gouldner-Piaget, “ten un impulso propio e tende a absorber e reelaborar material do seu contorno para se reproducir […] Para ser aplicado, un esquema, ao ser moi xeral debe ser ‘acomodado’ ou adaptado para facer fronte aos materiais diversos e concretos dos que se atopa, abrindo deste modo o esquema a presións que poden cambialo […]”[5].Ora, se ben o difícil é dar, descubrir os elementos esenciais de algo; por que, como se consigue atopar eses elementos esenciais? Tamén non é menos certo que ao “acomodar” ou adaptar ao esquema todas as informacións que ten o posíbel autor, neste caso Otero, consegue que aquel –o esquema– se abra, é dicir, que as reducións (sic) absorban e adapten todo o variado e diverso material que utiliza o autor, Otero. E que poida absorber, reelaborar e reducir futuras informacións que preman sobre o esquema e mesmo “cambien”, ou, cando menos, o “trastoquen”. Noutras palabras, o esquema, como o ensaio, non pode ser dogmático.

A microhistoria

Mais, preguntabámonos, ¿como Otero consegue dar con ese material, con esa información, como consegue dar cos elementos esenciais da “cultura galega” (tendo en conta que introduce dentro destes elementos esenciais unha contradición non-contemporánea, un mito tecnificado, momificado, como é o celtismo: ver a próxima entrega)? Acho que o adxectivo do título, que desapareceu na portada da versión portuguesa aínda que se mantén no interior, pode entregar a clave: histórico. Non imos agora e aquí iniciar unha controversia sobre a historia e as diferentes (múltiplas, cando non case que infinitas) teorías da historia, sobre todo tendo en conta que Otero era partidario do que hoxe se chama microhistoira. No acápite VI de Morte e Resurrección escribe: “A historia componse de feitos miudiños. ¿Qué importan os chamados grandes feitos? Son apenas caprichos de escritores ou políticos. […] Pra nós Balzac e Thomas Mann son os mellores historiadores da Francia desde a Revolución a nós, e do Imperio alemán dos Hohenzollern[6]. Na tea infinda e diaria do vivir técense todos os temas humáns, se soupéramos o decorrer das vidas que se sucederon nunha casa de hóspedes da rúa de Jacometrezo de 1860 a 1900, saberíamos máis do derradeiro dezanove español que estudando todas as leises, todos os libros, todas as coleccións lexislativas do tempo. A fonte histórica pinga miudiña e constante ao igual da fontenla da serra criadora de ríos que en término final son obra e resultado das infindas fontiñas alongadas rumorosamente até a mar no solemne decorrer fluvial”. Mais a pregunta inicial era como Otero foi capaz de dar cos elementos esenciais da cultura galega. Penso eu que foi a partir dun exame rigoroso de trazos, de fragmentos, e dun coñecemento e asunción do pasado sen parangón entre nós, mesmo hoxe[7]. Mais o traballo sobre os trazos ansía en certa maneira unha totalidade e esa totalidade Otero procúraa mediante o procedemento que Benjamin chamará en O narrador e nos Passagen-Werke “apocatastase”, é dicir, un procedemento para que “a totalidade do pasado sexa introducida no presente”[8]. Esta é a grandeza do Ensayo histórico sobre la cultura gallega, mais grandeza que tamén atravesa moitos dos outros ensaios de Otero. A todo o que levamos escrito nós, e a todas as citas que fixemos de Otero nestes últimos parágrafos, podiamos en apoio á nosa hipótese, engadir algúns comentarios de Adorno: “O ensaio (…) asume o impulso antisistemático no seu propio proceder e introduce os conceptos sen cerimonias, ‘inmediatamente’, tal como os recibe”, ou “o Ensaio está historicamente emparentado coa retórica (…) Probabelmente, a retórica nunca foi máis que o pensamento na súa adaptación á linguaxe comunicativa”. (Cantas veces se ten acusado a Otero de “retórico”!). Ou de Lukács, “O ensaio pode contrapor con orgullo e tranquilidade o seu fragmentarismo ás miúdas perfeccións da exactitude científica e ás frescuras do impresionismo”, ou “O ensaio é un xuízo mais a sentenza non é nel esencial (como no sistema) nin o que determina o seu valor, senón o proceso do xuízo”, etc.

A pesar de todo o que se leva dito, e que talvez pareza un pouco confuso, penso que é nos primeiros parágrafos do Ensaio sobre a paisaxe galega que se pode tirar unha “teoría” do ensaio máis sólida, en Otero. Neste ensaio, afirma (e subliña): “A paisaxe componse de procesos e de formas”. Para distinguirmos proceso e forma é necesario a análise: “Soio o análise pódeos distinguir, e é precisión de método e de vivencia das cousas separalos a condición de xuntalos de seguida novamente no devalar”[9]. Segundo Otero, quizais non pareza “verba axeitada: ten devalar o seu significado. Pero, sendo fermosa verba chea de luz no tempo, dona da intuición das cousas xurdindo e sucedéndose no tempo, xulgámola a mellor para abranguer ista maneira de se manifestar a forma como fito no proceso e o proceso como memoria, ás vegadas aínda impacente e choutadora, na forma” (os subliñados son de Otero). Para Otero, ademais: “A historia, un devalar”. E a paisaxe, en calquera paisaxe “está todo o devalar conxunto, único, cheo de paixón da Nosa Terra”. “A paisaxe, continúa, debe ser enxergada en actualidade; podíase escribir: en ‘arestoridade’ ou ‘nestoridade’”. E a historia da paisaxe (ten a paisaxe historia? xa se discutirá) “non pode ser feita sen as precisas recriacións, ás veces dificultosas, de arestoridades decorridas, pero sempre xurdindo dunha ruína, lembranza, ritmo, quebrado, ou outro factor de sombra e pretérito da ‘arestoridade’ nosa, a de hoxe, a soia que podemos vivir e como paisaxe espreitar e [que é] condición de todas as construcións a que chamamos históricas”.

Penso que se cambiamos o verbo substantivizado devalar polo substantivo ensaio, temos unha clara teoría do ensaio en Otero. “A forma como fito no proceso e o proceso como memoria na forma” (lembremos a Lukács: “nos escritos dos ensaístas a forma se converte no destino, no principio que crea o destino. […]”, e  que “o ensaio é un xuízo, mais a sentenza non é nel esencial –como no sistema–, non o que determina o valor, senón o proceso de xuízo”). O proceso, xa que logo, non son os conceptos, no ensaio os conceptos non son importantes, senón a relación que estabelece entre eles, aínda que non usa estes arbitrariamente. O proceso é, ou debe ser, a forma da exposición, que é importante no ensaio, porque é no “devalar” dos pensamentos que os conceptos se cargan de sentido e significado, e non polo sentido e significado que se lle outorgan de inicio, como acontece no “sistema”. Por outra parte, o ensaio, como o proceso (como un proceso xudicial), estrutúrase de maneira como se se puidese suspender en calquera momento e só acha a súa unidade mediante a ruptura, non a sentenza. É, (Adorno dixit) a discontinuidade do pensamento que é esencial ao ensaio, sempre é un conflito detido.

Á parte desta “teoría” do ensaio que se pode argallar a partir deste texto (e outros que non traemos a colación), nesas liñas transcritas de Otero aparece un termo que pode ser de gran produtividade, como se di hoxe ou se dicía hai un tempo: arestoridade ou nestoridade. Está claro que para Otero arestoridade ou nestoridade significa o tempo de hoxe. Este termo pódese emparentar co usado por Walter Benjamin do “tempo-agora” (jezt-zeit). Para Benjamin, afirma  Neus Campillo, “é a idea dun presente cheo como ‘tempo-agora’ o centrará a carga significativa no presente, mais nun sentido específico: é o retorno do pasado de forma paradigmática nun momento histórico, nun ‘agora’ determinado, o que permite construír a historia. Ou, mellor dito, a historia constrúese na medida en que o pasado é actual, na medida en que o actual se ve mediante os modelos do pasado”[10]. A arestoridade ou nestoridade en Otero é o presente, máis un presente que se constrúe porque encerra nel todo o pasado galego, por iso existen varias arestoridades ou nestoridades: “Nun galego, nun celta –Renán (sic), James Joyce, Lammenais, Pondal– o acto puro do esprito mergúllase na intuición –o dolmen–, procura dun alén, quer universalizarse, –o románico– mixturado de beleza orxiástica –barroca– sin poder fuxir do desespero de o non conquerir –saudade romántica[11] (subliña Otero).  O presente galego é, xa que logo, a asunción de todo o seu pasado, de todos os momentos que integran, para Otero, a esencia do vivir galego: o celtismo, o románico, o barroco e o romanticismo e son, tamén, arestoridades. A arestoridade, é dicir, o presente como tempo-agora (ou o tempo de hoxe) é un corte determinado que condensa en si mesmo, de forma abreviada, toda a historia da humanidade, de Galicia, xa que logo: velaí o que nos vén dicir Otero no seu ensaio “A aldea galega no seu decorrer histórico”. Se ben o tempo-agora (jetz-zeit: o presente continuo, o tempo que non flúe) non pode confundirse coa apocatastese (que seria unha restitución, non un simple proxecto restaurativo mais tamén momento de redención[12]), esta tamén introduce todo o pasado no presente e mesmo é unha repetición ou continuación deste, mais tamén é apertura sobre o futuro, ‘inconclusión constitutiva’”[13] (desespero de o non conquerir). Porque, como afirma Michael Löwy, a restitutio, xa que logo, continuación, do pasado é ao mesmo tempo un novum[14]: é o “novum”, en Otero, pode lerse na partes VIII e IX de Morte e Resurrección: “Os tempos son chegados” e “Resurrección actual” ( Ensaios, op. cit. pp. 47-55).

Mais antes de continuarmos co tema talvez deberiamos relacionar algúns dos ensaios escritos polo ourensán. Carlos Baliñas, no limiar que lle puxo á escolma Ensaios informa que alá polos anos trinta “a editorial Nós, nunha folla de propaganda, anunciaba para ‘deseguida’ a publicación do tomo I dos ‘Ensaios’ (d)e Ramón Otero Pedrayo. Este era o índice que adiantaba: ‘I) Tres cadros. II) Occitania. III) Interpretación do barroco galego. IV) O Atlántrico. V) A paisaxe literaria’. O tomo nunca apareceu e ningún deses ensaios se publicou con ese título exacto”. É dicir, Otero matinou publicar máis dun libro de ensaios na nosa lingua, non sei se chegou a escribir algúns dos que anunciaba para ese tomo que nunca viu lume ou se trataba de recoller pequenos ensaios e artigos que fora publicando aos longo dos anos en Nós, en A nosa terra, Grial e outras publicacións como o Boletín da Universidade de Santiago de Compostela ou no Boletín de la Real Academia Galega e outros. Viron lume, como ben afirma o propio Baliñas ensaios “de tema congruente co anunciado”, sobre todo os dedicados á paisaxe, mais temémonos, infelizmente, que tanto a interpretación do Barroco galego como o Atlántico, e mesmo a paisaxe literaria ficaron diseminados en diversos outros ensaios publicados por Otero ao longo da súa vida. Ensaios que, como avanzamos, viron lume (agás o discurso de ingreso na Academia Galega e Morte e Resurreción) maiormente en Nós e en Grial. Para unha primeira enumeración, un pouco apresurada, destes ensaios, velaí os textos de Otero publicados en ambas revistas que consideramos nós como ensaios[15] (deixando fóra os dedicados á xeografía):

Nós:

Irlanda políteca no s. XIX, nº 1, 5-XII-1921,

Encol da aldeia, nº 14, 1-XII-1922,

Temas composteláns, nº 19, 25-VIII-1925,

Os poetas atlánticos, nº 23, 15-XI-1925,

Encol dunha morfoloxía da vilas galegas, nº 25, 15-I-1926,

Encol dos estudos modernos de Antropoxeografía, nº 27, 15-III-1926

Meditacións de Sant Yago, nº 31, 25-VII-1926,

O mes de Santos nos pobos celtas, nº 36, 15-XII-1926,

Notas encol da paisaxe romántica, nº 38, 15-II-1927,

Beethoven,  nº 40, 15-IV-1927,

O século XIX, nº 42, 5-VI-1927,

Probremas de Xeografía Galega (nº 45, 46, 48, 49, 51 e 52),

Lembranza de Añón, nº 53, 15-V-1928,

Ensaio encol do tempo de hoxe, nº 57, 15-IX-1928,

Intresante itinerario d’un viaxe a través da Galiza no s. XVIII, nº 60, 15-XII-1928,

Unha impresión da Galiza do Sul no derradeiro ano do s. XVIII, nº 61, 15-I-1929,

Xelmírez orador, nº 66, 15-VI-1929,

As águias do Imperio i-a Barca Apostólica, nº 79, 15-VII-1930,

Notas encol da paisaxe na antiga epopeya irlandesa, nº 81, 15-IX-1930,

Lembraza de Goethe: A ronda dos amigos, nº 100, 15-IV-1932,

Encol do elemento animal na paisaxe, nº 105,15-IX-1932,

Ensaios encol do estilo da paisaxe, nº 113, 15-V-1933,

Occitania e Atlántida, nº 128-129, agosto-setembro 1934.

Marxinalias aos “Queixumes”, nº 134, 15-II-1935,

(Destes ensaios, Carlos Baliñas recompilou no mencionado tomo Ensaios os seguintes: “Ensaios encol do estilo da paisaxe”, “Encol do elemento animal na paisaxe”, “Encol da aldeia”, “Marxinalias aos Queixumes”, “Notas encol da paisaxe romántica”; no volume Otero Pedrayo na revista Nós 1920-1936 (Escolma), con prólogos de Rosario Álvarez e Anxo Tarrío, reprodúcense –en facsímile– os seguintes ensaios: “Temas compostelanos”, “Meditacións de Sant Yago”, “Meditacións composteláns”, “Xelmírez orador”, “As aguias do Imperio i-a Barca Apostólica”, “Beethoven”, “A ronda dos amigos”, “Irlanda políteca no século XIX”, “Os poetas atlánticos”, “O mes de Santos nos pobos celtas”, “Nota encol do sentimento da paisaxe n’ antiga epopeya irlandesa”)

Grial:

Na procura do íntimo mestre Feixóo, nº 4, abril-maio-xuño 1964

A aldea galega no seu decorrer histórico, nº 8, Abril-maio-xuño 1965 (recompilado por Carlos Baliñas no citado volume Ensaios)

A romaxe compostelán de Castelao, nº 11, xaneiro-febreiro-marzo 1966

Baudelaire, nº 16 e 17 (abril-maio-xuño e xullo-agosto-setembro 1967 respectivamente)

A novelística de Vicente Risco, nº 37, xullo-agosto-setembro 1972,

Un historiador e novelista romántico, nº 49, xullo-agosto-setembro 1975,

Castelao ou o rumor conxunto das vidas e camiños de Galicia, nº 85, xullo-agosto-setembro 1984).

Ensaio sobre a paisaxe galega, in Cultura e paisaxe, Vigo, Galaxia, 1955 (recompilado por Baliñas no citado volume).

Acho que a obra ensaística de Otero é importante tanto en calidade como en cantidade e, penso tamén, merece unha relectura[16]. Ou unha lectura, porque até non hai moito foi pouco lida esta parte da súa obra, e é curioso que moitos daqueles que nos anos 70-80 do século pasado nin falaban del e, ademais, o cualificaban case que de reaccionario, agora o reivindiquen sen propornos unha lectura diferente dos textos oteriáns. Lectura, ou relectura, totalmente necesaria, sobre todo a da súa obra ensaística. Porque os “textos” non cambiaron. O que cambiou foi o modo de ler. A literatura, afirmaba Borges, é un modo de ler e ese modo de ler, afirma Piglia seguindo a Borges e a Gombrowicz, é histórico e social, e modifícase.

 

 

 

 

 

 

 

[1] Reeditado en R. Otero Pedrayo, Ensaios, Vigo, Editorial Galaxia, 1983, segundo tomo das Obras selectas, a cargo de Carlos Baliñas, p. 252-268.

[2] O texto era unha conferencia de Otero ás Mocedades Galeguistas

[3] R. Otero Pedrayo, Parladoiro, Vigo, Editorial Galaxia, 1973, Obras selectas I, edición de Carlos Baliñas, p. 237-238.

[4] Citamos pola versión portuguesa, Ramón Otero Pedrayo, Ensaio sobre a cultura galega, Lisboa, Guimarães Editores, 1954, trad. de José Marinho, prefacio de Francisco Cunha Leão, p. 4 (Existe deste libro, publicado como se dixo en español, aínda que Otero afirmaba que existía un orixinal en galego que nunca se encontrou; existe, diciamos, versión galega (ilgalizada) publicada por Editorial Galaxia en 1983, sen nome de tradutor, cousa mal feita, xa que quen tal fixo merecía, como mínimo, uns cantos anos de cadea, senón a cadea perpetua. Ou, cando menos, que se lle prohibise tocar os textos de Otero en calquera outra ocasión. Sobre algunhas das desfeitas ocasionadas sobre os textos de Otero por editores senón desalmados máis ben inútiles, ver Luis Gonçáles Blasco, “A ediçom de Os camiños da vida feita por Ramón Mariño Paz: como se destroça umha obra literária”, Agália, núm. 52, inverno 1977, p. 387-413.

[5] Alvin W. Gouldner, Los dos marxismos, Madrid, Alianza Editorial, 1983, p. 339.

[6] Alguén podería pensar que aquí Otero se achega perigosamente a G. Lukács. Para as “coincidencias” entre Lukács e Otero, ver o seminal ensaio de Antón Baamonde “Natureza, nacionalismo esperanza (e uns apuntes sobre D. Ramón)”, in Grial 91, xaneiro-febreiro-marzo 1986, p. 57-63.

[7] “O pasado é aquilo polo que o tomamos, e actúa en consecuencia: tomámolo, porén, despois de miles de anos, como algo completamente distinto ao de hoxe; tomámolo connosco, ou el nos toma consigo, sobre a mesma marcha.

“[…] Existen dous tipos de pasado, formados de maneira completamente diferente. Un pasado é a nosa propia realidade, o noso ser, a nosa constitución, o noso obrar. […] Este pasado maniféstase de infinitas maneiras en todo o que somos, nos convertemos e acaecemos. De maneira infinita en cada individuo; moito máis infinitamente aínda na interconexión de todos os seres contemporaneamente vivos e das súas relacións co mundo circundante. Todo o que en toda parte ocorre, en cada momento, é o pasado. […] Totalmente distinto é, pola contra, o pasado que percibimos cando miramos cara a atrás. Case se podería afirmar: os elementos do pasado témolos en nós, os excrementos do pasado albiscámolos detrás de nós. O pasado, vivo en nós, precipítase a cada intre no futuro, é movemento, é camiño. Calquera outro pasado, ao que temos de mirar cara a atrás, construído por nós con remanentes, acerca do cal informamos aos nosos fillos como un informe dos devanceiros, ten a pegada da rixidez. Non é xa realidade, senón unha imaxe e non pode, por tanto, modificarse incesantemente. Debe, máis ben, de tempo en tempo ser revisado, demolido e reconstruído, a través dunha revolución da apreciación histórica. E esta reconstrución opérase por separado en cada individuo: cada individuo percibe diferentemente as imaxes, segundo e conforme e orientado e impulsado no seu interior polo pasado real e actuante”, Gustav Landauer, La Revolución, Barcelona, Tusquets Editor, 1977, p. 45-46.

[8] Ampliaremos o tema parágrafos máis adiante.

[9] Hai unha influencia en Otero que, penso, non foi aínda estudada: a de Hegel. Para Otero, como lemos nesta frase, a análise distingue proceso e forma, sepáraos e volve unilos novamente, para dar un novo coñecemento. Acho que esta “operación” se semella en moito a unha das tríades de Hegel: simplicidade (distinción en Otero), escición (separación en Otero), reconciliación (axuntamento no devalar). Segundo Ramón Valls, La dialéctica. Un debate histórico, Barcelona, Montesinos Editor, 1981: “Estas palabras [simplicidade, escicisión, reconciliación] las usa Hegel frecuentemente, pero no de manera mecánica. […] Siempre subraya Hegel que el tercer movimiento significa un regreso al primero. El movimiento avanza, por tanto, no en perpetua huida hacia adelante, sino en curva hacia el origen”, etc, p. 81-84.

[10] Neus Campillo, El descrèdit de la modernitat, València, Publicacions de l”Univertitat de València, 2001, p. 212.

[11] R. Otero Pedrayo, Morte e Resurrección, in Ensaios, op. cit., p. 43.

[12] En “Sete paisaxes galegas mais os alicerces dunha teoría”, recollido en Sereno e grave gozo. Ensaios sobre a paisaxe, Vigo, Ed. Galaxia, 1999, ed. de María Cuquejo, pódese ler: “A paisaxe, para entendela, ou –se esta expresión semella pretenciosa – para comezar a vivila, nun senso cósmico e verdadeiro, hai que enxergala como se fai historicamente, e tamén dentro de determinadas premisas teolóxicas” (o subliñado é meu, xgg), p. 110.

[13] J. N. Gagnebim: Histoire et narration en Walter Benjamin, Paris, L’Harmattan, 1994, citado por M. Löwy, Walter Benjamin: avertissement d”incendie. Une lecture des thèses “Sur le concept d’histoire, París, PUF, 2001, p. 43.

[14] Ibid., p. 43.

[15] Por outra banda, como dilucidar o que é un ensaio: pola súa amplitude? Un ensaio pode ter tres o mil páxinas e como todo é ensaio (non é, segundo certos filósofos da existencia, a vida un ensaio para a morte?), mesmo se poderían considerar ensaios artigos egotistas de moitos escritores galegos.

[16] A estes “ensaios” de Otero habería que engadir o capítulo III de Síntesis histórica do século XVIII en Galicia: “A metáfora da luz e espello do tempo pasado, formas escollidas polo esprito do século XVIII galego”.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s