‘Elexías a Lola’, a cartógrafa das lembranzas

fotografia-escritora-xohana-torres-efearchivo_mdsima20110407_0373_4Xohana Torres publica nova obra. Unha das grandes noticias literarias do ano que neste caso vai máis alá da propia importancia da autora no devir das nosas letras contemporáneas. Porque o realmente relevante do caso é o texto publicado: Elexías a Lola, un libro que recompón pezas xa publicadas baixo outros formatos mais que tamén contén as últimas achegas líricas dunha autora que demostra con estas composicións que non se conforma con vivir dos réditos da súa bibliografía senón que non cansa de buscar novos xeitos para descubrir que pode conseguir coa súa voz.

Elexías a Lola, que publica Engaiolarte en edición de luxo, é unha demostración das posibilidades da poesía para crear un universo con ben poucos alicerces. A Torres abóndanlle uns versos para cartografar as lembranzas que lle provoca a presenza perpetua da súa avoa, a Lola do título, escusa ou metáfora para fixar a esencia da infancia, do espertar á vida, da descuberta do mundo.

A autora elabora un complicado traballo de síntese lingüística, de economía expresiva para atopar o verso xusto, o adxectivo apropiado, o ritmo que mellor se acomoda a esa procura dun pasado que máis ca nunca se converte nun espazo mítico, un universo que non é recordado simplemente, que é revivido, proxectado. Si. Na historia viste mal proxectar o presente sobre o pasado para intentar explicar cousas que suceden a través da interpretación de feitos pretéritos. Na literatura si se pode facer e aínda que o risco de fracaso é alto, cando alguén como Xohana Torres, é quen de facer bailar diante do lector determinadas lembranzas que latexan, non importa que en realidade a poeta estea a falar tamén do pasado e que en moitas ocasións a avoa Lola sexa en realidade a avoa Xohana. A autora en moitos momentos toma conta do testemuño de Lola, convértese nela, deixa de mirala para mirarse. É consciente de que xa non é aquela nena fascinada pola pedra azul e os poderes máxicos e curativos da avoa senón que tocou a hora de ela poñer o mandil e saír ás beiras do Avia recibir o herdo.

Porque Elexías a Lola é un libro épico, mitolóxico, un rotundo canto ao Ribeiro, por unha banda, mais tamén á figura de tantas mulleres que, coma Lola, levaron no lombo o peso dos traballos, dos sacrificios e as arelas de toda a súa estirpe. Esta obra trascende os propios límites expresivos da autoría individual e convértese nunha caste de himno que debera sentirse no corazón e nos labios de moitas netas que se han sentir identificadas nesta corrente, non só familiar senón nacional. Porque Lola, para Torres, é unha sorte de trasunto da nación, unha nación decidida, sabia e alegre, unha nación que non se resigna ao papel que lle encomendan e segue resistindo. Sen deixar a lingua íntima, o cualificativo cómplice, sen deixar as pantuflas da casa, a poeta foi quen de estremecernos a todos. Eis un dos seus grandes méritos.

O outro é a gran capacidade da autora para encontrar a xusta medida. Os versos parecen labrados máis ca escritos, rotundos, imperecedoiros, destinados non aos epitafios senón aos grafitis das paredes. É poesía da precisión. Nuns tempos nos que a técnica, en calquera disciplina artística, está en cuestión, dá gozo observar unha tarefa de oficio tan ben executada, edificados os poemas non só a base de conceptos orixinais, imaxes fermosas ou evocacións fascinantes senón tamén a través do ritmo e do perfecto equilibrio entre versos.

♦ Elexías a Lola, de Xohana Torres, Engaiolarte, 2016. 72 páxinas. ♠17€

César Lorenzo Gil.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s