Manuel Bugallo: “Na carreira de Arquitectura non che aprenden a rehabilitar a casa da avoa”

m-bugalloCésar Lorenzo Gil.

Manuel Bugallo (Ciudad de México, 1978) é arquitecto especializado en Paisaxismo e Rehabilitación. Interesado na recuperación e conservación do patrimonio de Galicia, participa como promotor no proxecto ‘O Suído’, unha iniciativa para valorizar o territorio do que provén a súa familia e que pode servir de experiencia piloto para enriquecer a autoestima polo medio rural.

Que é o proxecto O Suído?

É un proceso máis ca un proxecto. Debo empezar por explicar que significa o Suído como espazo xeográfico para min. Eu nacín en México, meus pais viven en México pero as nosas raíces están en Xesta, A Lama. Xunto cun amigo meu, Xosé Barros, que é de Avión, empezamos a reflexionar sobre a difícil situación do patrimonio dun territorio que fomos delimitando como zona de influencia da serra do Suído e que engloba cinco concellos: A Lama, Avión, Beariz, Fornelos de Montes e Covelo. É un territorio historicamente definido por ser unha zona de tránsito e por un altísimo nivel de emigración, que calculamos en practicamente o 70% ao longo do século XX, especialmente cara a América. Isto supuxo un certo abandono, un certo autodesprezo dos seus habitantes, unha especie de inconsciencia por todo o que alí existe.

Iso é algo común ao resto da Galicia rural.

Por suposto. Pero no caso destes concellos, até agora, houbo pouca actividade de identificación, valorización e documentación do patrimonio, tanto o natural coma o humano. E cando falo de humano falo tanto de construcións coma de tradicións, lenda, memoria… Como orixinario do Suído, xunto co resto das persoas que forman parte deste proceso, decateime de que era urxente e moi necesario romper ese silencio, evitar o perigo real de que moita da riqueza desta zona pase directamente ao esquecemento. A Galicia rural, a Galicia interior, vive hoxe en día un proceso histórico e social moi comprometido: a xente abandona o territorio, abandona as tarefas coas que se integraba no seu contorno e polo tanto desaparece a relación entre as persoas e a terra. Isto supón que se esquezan as tarefas tradicionais, a toponimia, a localización de determinados monumentos populares, camiños tradicionais… Cumpría reflexionar sobre o presente da zona pero sobre todo tomar medidas.

E deciden crear unha ferramenta para documentar o territorio.

Non decidimos nada. Claro que o obxectivo principal é ese, documentar, inventariar, mapear o Suído. Pero a partir de aí non sabemos en que vai dar este proxecto, a quen vai seducir e como vai evolucionar. Queremos que tanto os habitantes destes concellos como a amplísima poboación orixinaria de aquí que vive fóra sexa consciente de todo o que existe aquí. De todo o que houbo, de todo o que se fai. Incluímos entre os nosos intereses tanto os foxos de lobo ou os neveiros, que son mostras de intervención humana hoxe, digamos, obsoletas, pero moi valiosas no seu tempo, ao traballo de artesáns ou novos labregos que están aproveitando as riquezas e valores do territorio para producir mel, por poñer un exemplo, de alta calidade.

A nivel concreto, que hai feito até agora?

Estamos en plena fase de desenvolvemento do proceso. Queremos dálo a coñecer, implicar outras persoas, captar axuda, traballo, coñecemento, para ampliar a base da idea e xa logo empezar a tomar decisións concretas. Os nosos obxectivos non son pretensiosos porque consideramos que O Suído debe evolucionar de abaixo cara a arriba e converterse naquilo que a veciñanza actual e a que xa non vive aquí, considere que debe ser. Estamos moi satisfeitos porque até o de agora estamos conseguindo a implicación de persoas moi interesantes que achegan puntos de vista novidosos e enriquecen o proxecto. Agora queremos darnos a coñecer nos diferentes concellos, entre as asociacións de veciños, agrupacións culturais… Queremos medrar no plano social, non tanto no institucional, que nos interesa menos. E como parte dese proceso de ampliación da nosa base, queremos pór en marcha unha web na que se vaian incluíndo os recursos que imos documentando. Hai algo que nos apetece moito: entrevistar habitantes do Suído, aprender deles, que nos conten lendas ou recordos, que quede documentada a súa voz e a súa lingua. E subir todos eses vídeos á rede para que poidan perdurar e servir como acicate para que outras persoas tamén queiran sumar a súa voz.

Díxome que non quere que o proxecto tome características institucionais.

Sinto ser tan pragmático e directo pero neste país, a meirande parte dos proxectos que pasan a depender económica ou estruturalmente do poder político, perden a súa esencia, convértense simplemente en iniciativas ocas que só serven se axudan a dar a aparencia de que eses políticos están “traballando” polos seus municipios ou provincias. Nós queremos fuxir diso. De aí que sexa un proxecto supralocal e interprovincial. De aí que avoguemos por vinculalo á iniciativa privada, ao empeño persoal ou colectivo da sociedade. Quizais deste xeito teña menos forza económica pero nunca teremos o risco de que o proxecto quede anquilosado ou conxelado coma un deses centos de interpretación de tal ou cal cousa que sobran en Galicia e que case sempre permanecen pechados.

Nestes meses viviuse un ambicioso proceso de catalogación da paisaxe galega como paso previo a un cambio lexislativo que asegure a conservación dunha das señas máis importantes da identidade galega. Non sei que opinión ten vostede, como arquitecto paisaxista, deste procedemento.

No plano teórico, penso que foi unha moi boa idea. Houbo un alto nivel de intervención cidadá na catalogación e permitiuse un intercambio de pensamento e coñecementos moi valioso. O problema, penso eu, chega á hora de planificar a intervención institucional nas denominadas microzonas. Por dous motivos, principalmente. O primeiro, polo feito do criterio de división desas zonas de actuación. En que se basearon para delimitalas? O que serve para unha xa non vale para a outra? Seguiuse un criterio político ou xurisdicional por riba dun criterio paisaxístico ou territorial? O outro problema, ao meu ver moito máis grave, é que os equipos de intervención que conseguen financiamento para traballar mediante axudas públicas específicas, non se crearon con criterios multidisciplinares. Non. Pénsase, erradamente, que o papel dirixente deste sistema deben tomalo arquitectos e logo ter subordinados historiadores, antropólogos, xeógrafos, topógrafos, técnicos en Patrimonio… Coido que é un erro. Os arquitectos non teñen competencias suficientes para unha intervención territorial deste calibre. Deberían participar en igualdade con outros moitos suxeitos sociais e deberíanse crear plans que xurdisen desde varios puntos de vista para así asegurar a riqueza da mirada e a atención a todos os planos da cuestión. O que pasa é que iso obrigaría a unha maior dotación orzamentaria e deste xeito, unha vez máis, parece que se vai acometer unha reforma real e profunda sobre a cuestión da conservación dos nosos patrimonios pero en realidade quedarán moitos puntos sen abordar baixo o clixé da loita contra o feísmo e a busca dunha normativa que homologue a paisaxe para protexela.

Agora que fala de feísmo, non se corre o perigo de pretender que o medio rural galego se converta en algo así como un parque temático da harmonía arquitectónica para conseguir un efecto balsámico sobre os turistas aínda que iso supoña que non se atenda ás necesidades da xente que ten ou que quere vivir nese medio rural?

Por suposto que hai ese perigo. Incluso nos procesos de rehabilitación pode acrecentarse o autoodio polo rural ou o desprezo pola aldea, é dicir, pola xente que vive na aldea, que para moitas mentes urbanitas se considera atrasada ou incapaz de facer cousas bonitas. Cando se critica unha cancela feita cun somier, estase esquecendo algo fundamental e moi valioso: a capacidade colectiva ou individual de resolver necesidades cos medios que esa poboación ten ao seu alcance. A reutilización é un concepto con connotacións positivas só cando se pasa polo tamiz académico. Cando xorde do instinto popular, critícase. E en cambio, ninguén repara na necesidade de formar, acompañar, interactuar cos propios habitantes destes núcleos, que son os que máis saben da vida que se debe levar neles e cos que se poderían compartir moitos coñecementos. É normal que nas escolas de Arquitectura non se estude o patrimonio popular? A arquitectura sen arquitectos que durante séculos mantivo a cuberto a inmensa maioría da poboación? Un estudante de Arquitectura sabe punto por punto como rehabilitar, poñamos por caso, a catedral de Burgos pero non ten nin idea de como debería intervir co mesmo grao de respecto a casa da avoa ou o muíño de auga que durante tanto tempo facilitou a alimentación da comunidade. Este desprezo académico forma parte dun desprezo máis global de toda a sociedade pola vida rural. Deixouse perder a mantenta todo o coñecemento adquirido durante tempo e tempo até o punto de que hoxe non hai cantidade de saberes e oficios tradicionais, moitas veces superiores tecnicamente a outros que se tiveron que importar a posteriori.

Vostede é paisaxista. Dentro da súa filosofía está o respecto e valorización da flora autóctona como elemento básico do deseño dos xardíns. Algo ben minoritario. Só hai que reparar no concepto de alameda, que se basea na plantación de especies exóticas. Ou no modelo de copiar os xardíns dos pazos, con moita palmeira e demais árbores importadas. Como se pode reverter este proceso?

Nós, no estudio, utilizamos como cabeza de ponte para convencer os nosos clientes menos concienciados de que é mellor plantar e usar especies de aquí que foráneas o argumento economicista: as plantas autóctonas están mellor adaptadas ao territorio, saben mellor como vivir máis tempo con menos e polo tanto o seu mantemento é máis barato. Unha planta de fóra sofre para adaptarse á terra de Galicia. Para mantela con vida haberá que gastar máis auga, máis esterco, máis enerxía, polo tanto, máis diñeiro. Este argumento é lóxico e enténdese ben. E a partir de aí podemos ir elaborando o discurso: Non é normal que a xente constrúa xardíns en plena natureza e separe cunha sebe o resío da súa casa do resto de leiras ou do monte. Debemos aprender dos nosos devanceiros, que integraban as súas casas no espazo no que estaban. Non pretendían destacar senón harmonizar co contorno. Isto tamén se pode aplicar ao deseño paisaxista. A través do concepto de biofilia, que seguimos no estudio de arquitectura, intentamos camiñar cara a esa integración, encontrar o equilibrio estético no diálogo coa propia natureza que temos ao noso alcance; entender o ciclo da vida das plantas e incorporalo, sempre falo desde un plano estético, no deseño. Saber que observar un xardín é unha experiencia global, que vai desde o respecto á biodiversidade (é dicir, non só desfrutar dunha planta senón da vida que se xera ao redor dela: outras plantas, liques, fungos, insectos, aves, incluso mamíferos…) ao gozo cromático estacional, esa sensación tan agradable de sabermos que temos un xardín vivo os 365 días do ano. Mais é certo o que dicías de que padecemos unha tradición de remedo dos xardíns pacegos, que asumían en tempos unha función de minixardíns botánicos. Hoxe procuramos seguir as tendencias máis actuais que en todo o mundo buscan equilibrar a intervención humana e profesional coa propia paisaxe, tanto a actual coma a xa perdida por tanto tempo de “erosión” social sobre o territorio.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s