‘Que non te aten’, leite desnatado

Manuel Iglesias Turnes.

Manuel Iglesias Turnes.

Que non te aten é a segunda novela de Manuel Iglesias Turnes, un dos novelistas desa nova xeración de escritores galegos que chegan á literatura en plena madurez persoal. Turnes tamén é ariete dun novo concepto editorial en Galicia: é un escritor con parroquia; é dicir, consegue chegar a unha ampla capa de público mercé a factores derivados do seu perfil persoal (dedícase á xenética vacúa e presidiu unha asociación cultural no Val de Barcala) e tamén literario (valórase o seu interese por “retratar” o mundo rural, supostamente esquecido pola literatura galega nos últimos tempos).

Utilizo as comiñas para o verbo retratar porque Que non te aten é o máis afastado que se pode escribir sobre o mundo real de hoxe en día. Turnes remeda o rural de hoxe, fai por poñerse na cabeza dun rapaz da aldea do século XXI pero o único que obtemos como lectores é un exercicio de ventriloquía: un home de sesenta e pico anos querendo facerse pasar por un rapaz que comeza a vivir a vida adulta. Como exemplos: “Son moi traballadores do Noso Señoriño” (p. 26), “O seu look” (p. 45), “Sabedes como era Rita Hayworth?” (p. 49).

A historia é inverosímil e composta a base de cambios de ritmo desestruturados: unha historia costumista enrédase cun triángulo amoroso e logo ao final hai unha trama criminal que non cola e que se resolve con ese enorme “Porque si” que parece dominar a forma de narrar de Turnes. Non é unha novela que lle sirva nin a quen busque unha trama clásica nin a quen procure unha prosa minimamente literaria nin a quen queira aprender algo do rural de hoxe en día.

A visión dese mundo da aldea é superficial, baseada en estereotipos, máis xornalística ca literaria. Os personaxes son planos, ridículos moitas veces. As situacións que viven carecen de orixinalidade. O suposto realismo da escenografía da industria láctea afoga entre tópicos e unha mensaxe falsamente progresista que agocha en realidade unha visión reaccionaria da vida na aldea. Só dous elementos que comentar: o papel da muller na novela (a muller “boa” é a que quere formar unha familia fronte á femme fatale que o autor adorna cun defecto horrible: vendeu preferentes bancarias!). O outro, o silenciamento de varios personaxes que aparecen na obra, todos eles inmigrantes, todos eles obreiros dentro da precaria estrutura empresarial do campo. Aparecen como figurantes, sen vida, sen personalizárense.

E con todo, aínda hai máis problemas neste libro: o peso da acción recae, coma na maioría das novelas malas, sobre os diálogos. Diálogos irrelevantes, pesadísimos, moitas veces máis pensados para encher follas que para informar ou facer avanzar a trama.

Seguro que a aldea do século XXI merece as súas novelas. Pero mentres chega en galego, lean os libros de John Berger ou La piel de la frontera, de Francesc Serès.

♦ Que non te aten, de Manuel Iglesias Turnes. Xerais, 2016. 275 páxinas. ♠18€

César Lorenzo Gil.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s