Fran Zabaleta: “Se non fas promoción ninguén te lerá”

zabaCésar Lorenzo Gil.

Fran Zabaleta (Vigo, 1964) é un aventureiro. Nun tempo no que incluso os escritores profesionais buscan outra ocupación para completar ingresos, el decidiu dar o pulo contracorrente. Non lle tivo medo á autoedición na internet, a proxectos de difusión de novos valores, como Redelibros e agora xa pode presumir de publicar en castelán en selos pertencentes a grandes grupos, como Grijalbo.

Nas entrevistas que vostede dá sempre conta que nunca decidiu dedicarse a escribir porque era algo connatural á súa persoa. Desde cando escribe? Tivo que ver que estudase Historia ou o impulso é anterior?

De neno devoraba libros. Espertábanme tal fascinación que me facían desexan ser quen de crear os meus propios mundos. Entón collía papel e boli e escribía. Contos, relatos, poemas, eu que sei. Non recordo cantos anos tiña, pero creo que desde os nove ou dez. O meu mundo está feito de palabras, constrúese con palabras. Entendo o mundo a través das palabras e expreso o mundo a través de palabras. De todas formas, sentirse escritor e escribir son dúas cousas diferentes, e eu tardei moito, moitísimo, en rematar unha obra. Escribir escribía, pero dun xeito desorientado. Iso foi o que me deu o estudo de Historia: o contexto, o pulo e a materia que contar.

Desde hai un tempo, vostede decidiu converterse en escritor profesional. Gustaríame saber que motivou a súa decisión e que balance fai agora deste cambio vital.

Sempre quixen dedicarme a escribir profesionalmente, desde que ía ao colexio xa o tiña claro. Pero, claro, unha cousa é desexalo e outra conseguilo, e tardei o meu. Desde os meus primeiros traballos procurei orientar a miña vida laboral cara ao mundo editorial, e durante moitos anos traballei como editor, corrector e redactor. Fun publicando libros (novela, divulgación, adaptacións de clásicos para mozos…) até que me decatei de que xa podía dedicarme en exclusiva á escrita. E nesas estou, gozando cada día do privilexio de dedicarme ao que sempre quixen e loitando para que a cousa dure.

Hai unha impresión xeral de que se len menos libros, de que hai menos posibilidade de publicar. Pero vostede superou as canles tradicionais de publicación e usa acotío plataformas dixitais. Tamén é unha persoa activa nas redes… Que funcións ten que asumir hoxe en día un autor amais de inventar e redactar unha obra?

Que remedio que ser activo! Recoñezo que o que de verdade me gustaría é escribir e máis nada, dedicarme enteiramente á escrita (ben, a escribir e a falar cos lectores, que iso si é agradable e necesario), pero hoxe é imposible. Dá o mesmo que publiques pola vía tradicional ou que sexas un autor independente, ou ambas as dúas cousas, se non fedellas nas redes, se non tratas de facer promoción, ninguén te coñecerá e, polo tanto, ninguén te lerá. Témome que é así de duro. Non creo que hoxe haxa menos posibilidades de publicar, pola contra creo que vivimos na etapa da historia da humanidade na que é máis doado facelo. Pero, precisamente por iso, é tal a cantidade de libros a disposición do lector que o que ten verdadeiro valor é captar o seu tempo e a súa atención.

Vostede publicou tres obras de ficción que teñen en común a súa adscrición á narrativa histórica: La cruz de ceniza (Suma), Medievalario (Redelibros) e En tiempo de halcones (Grijalbo). Que é o máis difícil de recrear outros tempos? Como se consegue captar o ambiente dun tempo pasado (que o lector non recoñece e polo tanto non pode identificar directamente)?

O máis difícil, penso, é captar o aire da época, o ambiente, meterse na pel e nos miolos dunha xente que está moi lonxe de nós. E para iso só hai un camiño, o máis difícil: documentarse dun xeito exhaustivo. Ler, ler e ler máis, reflexionar sobre a época e chegar a coñecer non só os feitos, senón tamén o que chegou até nós da súa mentalidade, das súas teimas, da súa visión da vida. Todo iso forma o trasfondo que permite recrear unha época e darlles sentido ás motivacións dos personaxes. Pero para que estes aparezan vivos aos ollos do lector hai que dotalos ademais das mesmas pulsións que temos todos os seres vivos, e que son a razón última da literatura: o amor, o odio, a carraxe, a paixón, a curiosidade, a ambición… Estas pulsións son universais e trascenden as épocas, son simplemente humanas.

A novela histórica non nos axuda a comprender o pasado, axúdanos a comprender o noso presente e, de rebote, a nós mesmos.

Cal é o seu método para que as motivacións dos personaxes se adecúen ao tempo no que viven e evitar así proxectar o presente sobre o pasado?

Non me engano: por moito que o intentemos, nunca poderemos reflectir o ambiente dunha época pasada. Só podemos aproximarnos ao que cremos que serían as súas teimas e á súa visión do mundo. O bo é que non creo que sexa necesario facelo: é inevitable proxectar o presente sobre o pasado, e incluso é bo, porque a función da literatura non é axudarnos a comprender o pasado (para iso está a Historia), senón axudarnos a comprendernos a nós mesmos. E nós somos, inevitablemente, suxeitos instalados na nosa época. A novela histórica non nos axuda a comprender o pasado, axúdanos a comprender o noso presente e, de rebote, a nós mesmos. Ou iso é ao que debe aspirar, na miña opinión.

Falemos do seu último libro, En tiempo de halcones (Grijalbo). De onde lle vén o interese pola revolución irmandiña do 1467? Por que achegarse a ese convulso período a partir dunha novela?

Vén, supoño, da fascinación que sempre espertaron en min as utopías e a loita por acadar unha sociedade mellor, un mundo máis xusto. E, claro, da fascinación pola historia galega. O século XV foi unha época escura, terrible e brutal como poucas en Galiza, con nobres que se comportaban como bestas cegas. Pero os galegos foron quen de rebelarse, alzáronse en armas e loitaron por un mundo mellor, unha epopea que atrapou a miña imaxinación desde a primeira vez que tiven coñecemento dela. Falo sobre todo da gran revolta irmandiña de 1467 (que probablemente comenzou nove anos antes, en Compostela en 1458, como expoño na novela).

Sobre este tema hai algunhas obras previas. Recomenda vostede algunha para entender o período histórico? Falo tanto de ensaio como de ficción.

Recomendo, sen dúbida, calquera das do profesor Anselmo López Carreira, en especial o seu estudo Os irmandiños: textos, documentos e bibliografía (A Nosa Terra 1991) e a súa Historia de Galicia (Xerais 2013). E tamén os traballos do profesor Carlos Barros sobre as Irmandades, como o estupendo ¡Viva El-Rei! (Xerais 1996), ou a Historia de la ciudad de Santiago de Compostela publicada polo Concello e o Consorcio de Santiago en 2003. Entre as obras literarias sobre a Irmandade, Un home de Vilameán, de Xoán Bernárdez Vilar, publicada por Xerais.

Para quen é En tiempo de halcones, que van atopar e por que deberían ler o seu libro.

É a historia dunha revolución, dun pobo asfixiado pola inxustiza que se levanta en armas. É a historia da revolta dos composteláns contra o seu arcebispo Rodrigo de Luna, fartos das súas aldraxes e do exercicio do dereito de pernada sobre a muller dun vasalo. Na miña opinión, esta revolta foi o inicio da gran revolta irmandiña que en 1467 estoupou en toda Galiza. A novela é, polo tanto, unha boa introdución á época, que pode servirnos para achegarnos a nosa propia historia, pero tamén para mergullarnos na Compostela medieval, a principal urbe de Galiza, unha cidade, como se di na propia novela, tan portentosa de lonxe como fedorenta e caótica de perto, unha tobeira de ruelas de barro, palla podrecida, esterco e miseria onde comparten espazo ricos burgueses, mercadores, servos, viláns, mendigos, ladróns, cregos, nobres e peregrinos.

Como é a súa rutina de traballo. Escribe todos os días? Si, escribo todos os días, é a única forma que coñezo de conseguir rematar algo. Érgome moi cedo, contra as cinco da mañá, e escribo de seguido até as dez ou por aí. A esas horas non hai interrupcións (chamadas, correos ou mensaxes) e podo concentrarme. O resto do día é para planificar o seguinte capítulo, documentarme, escribir algo para o blog…

Márcase prazos, realiza esqueletes antes de pórse a escribir?

Póñome prazos, si, aínda que non adoito cumprilos… mal que me pese. Antes de comezar a escribir, e tras documentarme todo o que poida, organizo un esquema da novela, unhas liñas xerais, onde empeza, onde quero chegar, personaxes principais, ideas de fondo, todo iso. Despois lánzome á aventura coa intención de escribir unhas 1.500 palabras ao día. Ás veces consígoo, ás veces non… que non todos os días flúen as palabras coa mesma facilidade. E sempre hai que contar cos bloqueos, que adoitan aparecer cando levas xa unha boa chea de palabras e fanche dubidar de que a historia teña sentido ou de que consiga captar a atención do lector.

Ten algúns ritos, supersticións, teimas?

Non. Para escribir preciso illarme, non son quen de escribir nunha cafetaría, por exemplo, preciso silencio e calma, pero iso é todo.

Á parte de escribir, vostede presenta unha serie de vídeos divulgativos sobre historia, patrimonio e xeografía. Como xorde a iniciativa ‘Déjame que te cuente’ e que valor ten para as persoas que queiran coñecer Galicia.

Galicia está repleta de historias. De xeografías máxicas. De batallas, lendas e sucesos asombrosos. Escóndense en cada recuncho, pero a miúdo permanecen esquecidas, ilexibles como as vellas inscripcións das lápidas dun cemiterio abandonado. Esas historias forman parte de nós pero cada vez son máis descoñecidas, vanse perdendo. Por iso, cando un bo amigo meu abriu unha páxina de turismo de Galicia, galiciaenteira.com, pensei que podiamos unir a imaxe, a localización e a palabra para revitalizar esas vellas historias. Así xurdiu ‘Déjame que te cuente’, unha serie de microdocumentais de entre cinco e dez minutos de duración que só pretenden difundir esas pequenas historias de lugares especiais, como pílulas do noso pasado. Son, penso, unha maneira diferente de achegarse a Galiza.

Que novos proxectos ten entre mans.

Estou escribindo unha nova novela, que xa está bastante avanzada. E por unha vez non se trata dunha novela histórica, senón contemporánea. E iso está supoñendo todo un reto, asegúrocho…

Recomende tres libros que considera interesante compartir.

Pois aínda que non sexa novela, o primeiro é un que estou lendo agora mesmo e que tenme atrapado: Esto lo cambia todo, de Naomi Klein. Un estudo sobre as relacións entre o capitalismo e o cambio climático que me está parecendo imprescindible para entender a lea en que estamos metidos. Xa noutro ámbito, véñenme agora á cabeza dúas novelas deliciosas, desas que nos levan ás lecturas da adolescencia, de cando nos fascinaba Stevenson ou Jack London: Motín na Bounty, de John Boyne, e Morning Star, de Xosé Miranda Ruíz. Calquera delas fan pasar horas de puro pracer.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s