‘A señorita Else’, un imprescindible por fin na biblioteca galega

Arthur Schnitzler.

Arthur Schnitzler.

Arthur Schnitzler foi un dos mellores escritores de Austria. Conseguiu iso tan difícil de combinar unha ambición literaria insubornable, unha gran capacidade de innovación e risco e unha vontade inequívoca de ser accesible para o público. A súa valía demóstraa tanto tempo despois da súa morte, cando a súa obra permanece interesante e atractiva para os lectores do século XXI, tan afastados en tantos niveis da sociedade vienesa que desfrutaba das súas historias na década do 1920.

Hugin e Munin acerta ao traducir ao galego A señorita Else, unha nouvelle de Schnitzler de grande éxito cando foi publicada e que contén diferentes facetas fundamentais para entender o autor. A publicación desta obra na nosa lingua é unha magnífica oportunidade para descubrir ou reler este autor, agora na versión (moi rigorosa) da tradutora Rosa Marta Gómez Pato.

O argumento é aparentemente sinxelo. Else, mentres pasa unhas burguesas vacacións na fronteira entre Italia e Austria cuns parentes acomodados, recibe a nova de que o pai cae na creba económica e apela a filla para que consiga con urxencia diñeiro que alivie a súa situación. A filla terá que superar os seus medos, especialmente os medos sociais (o que se espera dela) para cumprir coa misión paterna. Mais para satisfacer todo o que se pide dela, terá que deixar cousas no camiño, quizais a parte máis (ou menos) importante.

cuberta-schnitzlerComo ben explica o editor na introdución das lapelas interiores, Schnitzler entendeu o que había significar a psicanálise de Sigmund Freud na maneira de entender o comportamento humano na sociedade europea e adaptou parte dos avances na ciencia da psique para a literatura. A fondura psicolóxica, especialmente o conflito entre o eu e o superego (é dicir, entre o que somos e o que a sociedade nos esixe que sexamos) está neste libro moi ben desenvolvida. A protagonista da novela aparece na pluma do escritor vienés descomposta en diferentes capas, sometida a presións que a piques dan conta dela como individua. En apenas 89 páxinas, o escritor proponnos un retrato que respira, un personaxe inesquecible.

A técnica idónea para o seu obxectivo, acertou Schnitzler, é o monólogo interior. Non estamos diante da corrente de pensamento libre que tan ben conseguía James Joyce nin no pensamento incapaz de relatar que practicaron William Faulkner ou Sherwood Anderson. Mais a xanela ao cerebro de Else é, logo de máis de 90 anos, fresca e interesante, non superada por autores ben máis novos.

Esta edición galega de Hugin e Munin xungue a novela popular coa académica grazas ás moitas notas que asentan o contexto e guían o lector polas pasaxes quizais menos claras. Queda a dúbida da autoría de tales notas, xa que non se explicita, aínda que parece doado adiviñar que son da tradutora.

♦ A señorita Else, de Arthur Schnitzler. Tradución de Rosa Marta Gómez Pato, Hugin e Munin, 2016. 89 páxinas. ♠13€

César Lorenzo Gil.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s