Celia Díaz: “As armas de Aníbal foran fabricadas por galegos”

unnamedCésar Lorenzo Gil.

A boca do monte (Galaxia) é a última obra narrativa de Celia Díaz (O Páramo, 1961), unha viaxe á Gallaecia romana, un tema pouco tratado na novela histórica en galego. Falamos coa autora do tempo de Traxano e de literatura infantil.

A boca do monte é non só unha novela histórica senón un relato enciclopédico, con moitas notas ao pé para que a persoa que le estea informada da vida cotiá na época da dominación romana. Como organizou a documentación para a novela? Canto tempo investiu? Que fontes empregou?

A verosimilitude é a primeira característica que debe posuír unha novela histórica e para conseguila resulta imprescindible unha exhaustiva documentación previa. Documenteime en dúas fases: unha inicial e outra sobre a marcha, a medida que necesitaba consultar aspectos concretos, para non incorrer en anacronismos ou contradicións flagrantes. Durante ese tempo consultei libros, artigos, teses de doutoramento e publicacións dixitais. Primeiro centreime na minaría romana do ouro e continuei con obras sobre a cultura castrexa. Ramón Vila proporcionoume unha ampla relación dos xacementos mineiros e dos castros do concello de Quiroga que me axudou na localización dos escenarios: Castro de Ares e Anguieiros, principalmente. E, por suposto, recollín varias lendas da tradición oral sobre a presenza romana en Montefurado.

Que importancia lle dá vostede a que a obra sirva tamén para aprender historia. Naceu quizais a novela con ese fin didáctico denantes que calquera outro?

Aínda que se trata dunha obra de ficción, creo que pode contribuír a que os lectores coñezan mellor o noso pasado castrexo e romano. Tamén nos permite reflexionar acerca das similitudes entre o pasado e o presente. A idea xurdiu un día que me estaba bañando a carón do túnel de Montefurado e púxenme a imaxinar quen serían as persoas que o perforaron, cales serían os seus sentimentos e as circunstancias que os levaron até alí. Queríalles dar voz aos seres anónimos, tanto castrexos coma romanos, dos que a historia nunca fala. O meu propósito era combinar a narración histórica co relato de aventuras a partir da peripecia duns personaxes que queren tomar as rédeas da súa vida ou resolver algúns conflitos persoais. É o caso do enxeñeiro Caio que precisa acadar honra e prestixio para facerse digno do amor de Cornelia. Ou de Tureno que ten que pelexar pola liberdade como líder dos castrexos de Ares. Tamén pretendín visibilizar personaxes femininas enérxicas e valorosas. A novela permite a relación con outras artes: música e teatro, por exemplo. O grupo de pandeireteiras “As da chispa” interpretou en Ourense a súa versión do “Romance de Montefurado” que pecha a obra. E na presentación do libro en Quiroga, o público presenciou a dramatización de varias escenas que recollen o sentido global da historia. Ambas actuacións resultaron moi emotivas.

A novela sitúase na época da construción do túnel romano de Montefurado. O único dato cronolóxico que coñecemos é que foi perforado no século II en época de Traxano. Centrándome nese marco temporal, situei a acción nun período moi concreto da biografía do emperador: despois do ano 106 (fin das guerras Dacias) e antes do 113 (comezo da campaña contra os partos). Desta maneira, a creación do túnel xustifícase pola necesidade de Traxano de dispoñer de ouro para continuar a expansión militar. Isto permitiume incorporar outras persoas reais contemporáneas, como Xulio Capito ou Lucio Pompeio Reburro, e igualmente personaxes de ficción, como Karo, un escravo capturado na segunda guerra Dacia.

Quizais coñecer como era Roma no século II é máis doado que coñecer como era a Gallaecia na mesma altura, non si? Cales foron os principais desafíos?

Certamente dispoñemos de moitísima máis información sobre Roma que sobre a Gallaecia. Parte dos coñecementos da cultura castrexa proceden de fontes romanas, é dicir, están filtrados a través da súa óptica de colonizadores. Na actualidade existen moitas publicacións sobre ese período, aínda que nalgún caso están a medio camiño entre a mitoloxía e o rigor científico. O desafío principal foi meterme na pel das xentes do século II e convertelas en seres auténticos, cribles, coas mesmas emocións e arelas que moven as persoas de todos os tempos: o amor, a cobiza, o poder… O obxectivo nunha novela é dotar de vida e autenticidade os personaxes para conseguir que o lector se implique afectivamente na súa peripecia vital.

O tópico afirma que Gallaecia foi para os romanos unha colonia da que extraeron moito ouro, tanto que practicamente desapareceu do territorio. Foi así?

Se lles facemos caso aos historiadores e escritores romanos, o noroeste hispánico era unha importante fonte de minerais. Xustino escribe que a Gallaecia era fertilísima en cobre, chumbo, vermellón e ouro, até o punto de que co arado rompían os terróns de ouro. Estrabón afirma que o país non é só rico no que amosa, senón tamén no que oculta. Marcial alude nun epigrama ás vaixelas decoradas co ouro galaico. E Silio Itálico aplícalle á Gallaecia o epíteto de “rica” porque contén tesouros de todo o xénero de metais e minerais preciosos; sinala tamén que as armas de Aníbal foron fabricadas por galegos (“Callaicae fecere manus”) e que as vestiduras das matronas romanas se tecían con ouro galego. Tamén se pregunta “para quen é rica a asoballada Galicia?” e responde el mesmo: “non para os pobres galegos que cultivan a terra, senón para unha tropa de non galegos que aquí veñen para facerse ricos coa suor dos pobres”. Unha reflexión moi atinada e extrapolable a outras épocas da nosa historia. No concello de Quiroga están documentadas 66 minas de ouro, 30 no de Ribas de Sil e outras tantas no de Folgoso do Courel, onde se sitúa a impresionante mina da Toca. Sumémoslles as coleccións de xoias castrexas nos museos e asemade o mito das aureanas que recollían mancheas de pebidas de ouro no Sil e podemos facernos unha idea da importancia que este metal tiña para o Imperio.

A maioría dos traballadores das minas eran os habitantes dos castros próximos, xa que as poboacións indíxenas tiñan que contribuír co seu traballo como parte da súa tributación ao Estado. Nesta novela, están representados polos habitantes do Castro de Ares. Tamén habería persoas chegadas de máis lonxe que traballaban como asalariados.

A dominación romana vese cunha dupla dimensión histórica: por unha banda, falar da resistencia castrexa serve para proxectar os desexos de independencia ou autonomía a respecto de España, por analoxía de poderes foráneos. Pero Roma segue a ser fascinante como sinónimo de civilización (presumimos de calzadas, murallas e pontes romanas, por exemplo). Ademais, o noso idioma é latino. Gustaríame coñecer a súa opinión.

Na novela eu quixen enfrontar eses dous puntos de vista, tamén desde unha perspectiva xeracional. Por unha parte, denúnciase o espolio das riquezas do país pois, dicía Floro, os castrexos descubrían as riquezas do subsolo mentres as arrancaban para outros. Deste modo, Carisio ou Tureno rebélanse, non queren ser tratados como escravos e loitan pola súa dignidade individual e colectiva. Os personaxes máis anciáns, o druída Aldriz e a avoa Moira, láianse tamén pola perda das tradicións ancestrais, pola incorporación dunha nova lingua, de novos deuses, de novos usos. Eles queren preservar o herdo dos devanceiros, a identidade, o orgullo da caste. Mais, por outra parte, as xeracións máis novas valoran as oportunidades que lles ofrece o Imperio; saben que integrándose no exército pasarán de ser simples peregrini a cidadáns romanos e poderán transmitirlles a cidadanía aos seus descendentes. Por tanto, hai aspectos positivos e negativos. Espolio, explotación, colonización e asimilación cultural si, pero tamén valiosas contribucións: a lingua, as vías de comunicación, as innovacións na agricultura ou a incorporación de novos cultivos, como a vide ou as oliveiras, que seguen sendo referentes principais da economía de Quiroga.

Ás editoriais non lles interesan as obras teatrais e limítanse a editar os textos gañadores dos certames e pouco máis.

Coida vostede que a sociedade galega coñece ben o xeito no que se fraguou a Gallaecia romana? Que pensa vostede que se debería potenciar para aumentar ese coñecemento?

Penso que se coñece moi pouco e é unha mágoa porque existe un rico patrimonio que ten pouca visibilidade e só é accesible para os que acoden á súa procura. Serían necesarias iniciativas para a súa difusión e promoción. Roteiros guiados con especialistas nas diversas áreas (arqueólogos, historiadores…), medios audiovisuais, aplicacións, redes sociais, etc. Un labor no que terían que implicarse de maneira activa concellos, museos, centros de ensino, etc.

Vostede é unha autora que cultiva habitualmente a literatura infantil e xuvenil. Especialmente destacan as súas obras de teatro. O teatro para a rapazada goza de boa saúde?

Hai aspectos positivos, como a existencia de dramaturgos e de compañías teatrais de longa e recoñecida traxectoria. Tamén se celebran festivais e mostras, por exemplo a MOTI de Ourense, que o pasado decembro chegou xa á 12ª edición. Do mesmo modo, o teatro de monicreques conta con magníficas compañías e existen festivais específicos. Convócanse tamén varios premios para textos dramáticos que serven de estímulo para a escrita. É fundamental que existan obras de calidade que poidan ser levadas á escena e que contribúan á vitalidade do sistema literario galego. Mais a realidade é que a literatura dramática é practicamente inexistente. En primeiro lugar, pola dificultade para publicar. Ás editoriais non lles interesan as obras teatrais e limítanse a editar os textos gañadores dos certames e pouco máis. Hai tamén outro factor: a literatura galega, e máis se é para rapaces, e máis aínda se é teatro, ten pouca visibilidade. Está practicamente ausente en moitas librarías, e non digamos nos escaparates. O que non se ofrece, non se vende; esa é unha premisa básica de mercadotecnia. E se non se vende, non é rendible, co cal se pecha o círculo. De modo que o panorama está lonxe de ser esperanzador ou, dito doutra maneira, queda moito camiño por percorrer.

Di Alfredo Conde que cando un autor publica novela histórica xa logo é imposible non volver facelo, que engancha. Non sei se é o seu caso e polo tanto volverá ao tempo do Imperio ou se lle apetece falar doutros períodos históricos nos seus próximos traballos literarios.

A boca do monte é, en certo modo, a miña segunda aproximación á novela histórica. A primeira foi Rugando (2012), na que contei a historia dunha ferraría do século XIX, sita no lugar no que hoxe existe unha casa de turismo rural. A partir da reconstrución da elaboración tradicional do ferro e da vida rural naquel tempo, introducín unha aventura fantástica protagonizada por un monxe alquimista que se desenvolve en dúas épocas distintas: a mediados do século XIX e nos comezos do XXI.  Actualmente estou escribindo unha novela cuxa acción transcorre na actualidade.

Que libros está a ler arestora?

Estou a ler varios libros de relatos: Manual para mujeres de la limpieza de Lucia Berlin,  Vidas pos-it de Iolanda Zúñiga e Galería de saldos, de Diego Giráldez. Teño á espera a novela de Diego Ameixeiras A noite enriba.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s