Definindo a intelectual nacional-popular

Otero Pedrayo ensaísta (V)

14650117_1262081447197056_6630508284774997563_nXesús González Gómez.

Otero Pedrayo, nos seus ensaios sobre a aldea, nos seus ensaios históricos “predica” a favor da aldea, da conservación da aldea, que para el é a conservación, e o rexurdimento, de Galicia. Mais conservación e rexurdimento non significa para o de Trasalba un estancamento no pasado senón a asunción no tempo-agora, na arestoridade, de todo o pasado: “Dinantes, na loita do home ca natureza empregábanse medios cativos prós nosos problemas máis ilustres e belidos. Ven despoixa o tempo do feio maquinismo. Témolo aturado os homes da nosa xeneración. Hoxe o maquinismo comeza a ser sotil, fino, axustado á mensura do home.[…] Na aldea as tentacións de hoxe, incruida a regoada emigración á Mittel Europe, son menos noxentas do que as antigas” (“A aldea galega no seu decorrer histórico”). Talvez esa aceptación da técnica[1] considéraa totalmente necesaria Otero porque no pasado todo fallou e así a aldea foi esmorecendo pouco a pouco, e con ela, talvez, tamén Galicia. “Fallóu o entusiasmo e a xeneración heroica, polo dispacioso e heroico adormecemento. Os xefes galegos foron poetas e nin siquer poetas populares. Unha feira, unha xuntanza de rendeiros non é unha asamblea popular, nin a aula das voces puras. Niste ángulo do pobo afeito á mascara, i enxamáis lle fallaron comerciantes delas, debemos enxergar o intre de hoxe da aldea galega, os seus perigos no xuicio dos apaixoados dun patriarcalismo e unha democracia moderna suxeita ás leis dunha persoalidade de seu, non son maiores dos do medio XIX. Pro xurden máis craros, e sucédense moi axiña” (“A aldea galega…”). Estas palabras de Otero non deixan de seren curiosas (?). Curiosas no sentido de que dá a impresión de que para o escritor galego esperanza é o que ficou despois da catástrofe. Como di Terry Eagleton seguindo a Jonathan Lear: “Esperanza é o que sobrevive á catástrofe xeral[2]. [Lembremos o que transcribimos liñas atrás: “No pasado todo fallou…” Noutras palabras, penso que para Otero fallou todo no pasado –penso que as súas palabras estanse a dirixir ao tempo republicano e ao partido de que el era militante, porque non conseguiron realizar a penosa tarefa de que falaba Paul Ricoeur en Historia e verdade: “como chegar a ser moderno e volver ás fontes” (ás orixes). Este “fallo”, esta “non-realización”, unido á sublevación franco-fascista trouxo o desastre: a desaparición dos xefes galegos, a desaparición da aldea, case a desaparición de Galicia. Só, xa que logo, a esperanza renacerá das ruínas da catástrofe e esa esperanza debe ser diferente da que foi nos anos 1930[3].]

Ora ben, penso que fica demostrado, a grandes trazos, que Otero se non era un “pasadista” –non se trataba, para el, de volver a un feliz tempo pasado, a unha idade de ouro que nunca existiu–, evidentemente era un conservador mais non un reaccionario nin, moito menos, un contra-revolucionario, e, mesmo, pensamos, difícil sería endosarlle a etiqueta de anti-moderno, aínda que algúns trazos e características deste tipo de escritores e/ou pensadores (descritos por Antoine Compagnon[4]) poden acaerlle nun momento o outro, mais o traxe necesitaría recortes, cosidos, petos novos e, de seguro, algún ollal máis, moitos máis e, con todo, ou lle quedaría moi estreito ou sería demasiado amplo.

Para Compagnon, o anti-moderno goza dunhas característica especiais[5], a saber: a) é un emigrado do interior ou cosmopolita reticente ao sentimento nacional (o que non lle acae completamente a Otero, sobre todo a segunda parte); b) replica á Revolución nos termos do seu adversario, é dicir, hai unha dialéctica que os une irremediabelmente, polo que o contra-moderno é tamén un moderno (case) desde as súas orixes (con moitos matices, este trazo podería aplicárselle a Otero, sobre todo a segunda proposición; e c) hai que distinguir, no contramoderno, entre revolución e contra-revolución. A anti-revolución designa o conxunto de forzas que resisten á revolución, mentres que a  contra-revolución supón unha teoría da revolución. (En Otero non existe unha teoría da contra-Revolución e, mesmo, tampouco os seus escritos intentan resistir á Revolución, aínda que sinale a fracaso desta na aldea –do esquema do socialista clásico–, sobre todo.) Noutras palabras, Otero non é nin un contra-revolucionario nin un anti-revolucionario, aínda que sexa conservador. E non o é mercé, sobre todo, á súa asunción do romanticismo e á súa admiración por Jean-Jacques Rousseau.

No seu discurso de ingreso na Academia galega, Otero intenta, a grandes trazos, “precisar a dirección do romanticismo”: “O mal do século, amor da soedade. Edade Meia, Oriente, España, Paixón e Morte, mares dos Wikingos, selva infinda e resoante da liberdade dos povos, canción popular, tráxico pracer do pensamento diante do misterio do ser, xogo ceibe das formas artísticas, malencolía de rapaces, paixón da inmortalidade, historia sentida como un dinamismo, meditacións sostidas arredor da intuición dominadora…”, mais “¿Quen sería capaz de precisar tódalas direccións do romantismo? É millor quedarse cunha fórmula xusta anque demasiado xeral: unha arte lírica. Individual. Egocéntrica”. Estes trazos, porén informan máis ao romanticismo francés que ao gran romanticismo, o alemán: “todo o romantismo meridional, hastra o francés, padecen de inferioridade do pensamento filosófico. Faltoulle unha nova visión do universo. Na Xermania o Romantismo fixo filosofía e a filosofía do Romantismo” De aí, desta falta de filosofía, deita o horror do Romanticismo español á razón. Mais o Romanticismo, di Otero, non morreu cos románticos, senón que seguiu vivo con Flaubert, con Baudelaire, con Rimbaud, con Mallarmé e, ademais, “[n]a arte poética de André Bretón (sic), hai unha loita contra o senso positivo e naturalista, contra o que poideramos chamar clasicidade do derradeiro tercio do XIX, paralela á levada polos vellos románticos debeladores da forte xerarquía dos modelos inmutables”  (En 1929, Otero albiscaba a filiación do último grupo de escritores do século XX en loita pola vida: o surrealismo, que era fillo, segundo Otero do Romanticismo, ou que o proseguía –para Breton, o surrealismo era o rabo prensil do romanticismo–, e que ao contrario que os romanticismos meridionais si deu, dá, unha visión nova do universo.) Otero, evidentemente cando anda a explicar o romanticismo, non bota mans de sisudos estudos, non intenta anotar unha data perdida, chama na súa axuda a filósofos e poetas e escritores, desde Madame de Staël até Hegel (sobre todo)[6], a pasar por Leibnitz, Schelling e outros. E non o fai entregando un digest do pensamento destes filósofos, da “acción” destes poetas, senón que, ensaisticamente, “obriga a pensar desde o primeiro paso a cousa na súa verdadeira complexidade, achega un correctivo a idea limitada e simplista que se alía en todo momento á ratio vulgar” (Adorno). Ora, a ratio oterián é outra: “é un camiño para procurar verdades mais de paso gózase en ir criando novo e longo camiño. […] O pensamento galego, destemidamente vidalista, non fura hastra a entrana dos probremas esenciaes. Sínteos, abrangueos, xoga co’iles; endexamais tenta resolvelos […] O sentimento de vitalidade do pensamento galego non deixa vagar d’abondo para isolar o esquelete dun sistema, arredor de calquera das intuiciós fondas e sempre presentes, pois o esquelete filosófico é de fora como o dos moluscos”[7] (o subliñado é noso), de aí que afirme pouco máis adiante neste mesmo lugar: “A xulgar pol-o camiño que levan[8]as cousas hai direito a pensare que os vellos teólogos e filósofos d’esprito galego alentarían millor no aer filosófeco d’hoxe qu’os seus colegas d’outras terras. Na Galiza medrou o Ensaio no senso[9] moderno”[10]

[Neste “ensaio” –Meditaciós composteláns– pódese ler: “(…) a lóxica deixa fora o cerne do probrema filosófeco. (…) Unha filosofía de xogo e de pracer cicais crênte, cicais esceuteca. Coido mais doada a primeira soluzón  pois o esceuteco, esprito enxoito, isola, simprifica, fórmula. Novo pensamento filosofía vivindo. Inda en pequeniño procura en sínteses viventes. Iste xeito franquease â espranza. (…) A propia incapacidade pr’a Metafíseca ad usum scholarum [incapacidade galega] pode ser unha prenda de novidade pr’ó porvir. Eiquí a Físeca, no senso amprio, envolveu e non deixou xurdir a Metafíseca: hoxe pol-a Físeca chegarase ô esprito. A Físeca ten moito de comun c’a retórica. É vivente, oportunista, recriadora, acostumase a todal-as cousas e terras. E unha lóxica máis amiga da feitura [forma] da proposición que do schema do xuicio. As verbas matemátecas dos sistemas endexamais tiveron eiquí vidalidade”. A cita, verdadeiramente é longa, máis a partir desta (e outras que se poderían tirar deste e doutros textos do ourensán) pódese pensar que Otero podía ser unha especie de precursor galego do posmodernismo filosófico, que nega a validez dos grandes relatos e avoga, entre outras moitas cousas, por todos os xogos de linguaxe posíbeis, aínda que as afirmacións de que pola física se chegara ao espírito e o ataque ao escepticismo o afasta, un pouco, desa filosofía que abrollou con forza no último terzo do século pasado. Con todo, tampouco hai que esquecer que os sistemas, segundo Engels, son a falsa conciencia do racionalista. Os sistemas nacen, afirmaba o compañeiro de Karl Marx, porque os homes son levados continuamente a lograr coherencias ficticias ocultando as contradicións. Contradicións que Otero nunca agacha: as súas loanzas dos exercitos da revolución francesa, de Rousseau, de Stendhal, de Diderot, como casan co su catolicismo que ás veces pode semellar ultramontano mais que non o é? Acho que estas contradicións foron máis ou menos esclarecidas cando falamos da relixión popular, que é a que “prima” en Otero.

Que saibamos nós, só Manuel F.Vieites, no limiar que lle puxo a edición de A lagarada. O desengano do Prioiro, Vigo, Editorial Galaxia, 1998, consideraba a Otero un adiantado e precursor do posmodernismo… literario ou artístico. Unha contestación a este hipótese pódese ler en O Pote. Boletín do Grupo Anónimo de Barcelona, nº 20-21, agosto-setembro 1998.]

Non este o lugar, nin a hora, para discutir se Otero foi un adiantado ou un precursor do posmodernismo, tanto no aspecto literario como no, digamos, filosófico: deixamos esta  tarefa, sobre todo a do plano filosófico, a Antón Baamonde, que pode resolvela con maior acerto que nós; mais que non se diga que non sería un traballo apaixonante.]

Foi esta ratio vulgar, non a ratio oteriana que procura verdades á vez que goza creando un novo e longo camiño, a que non acabou de entender o que afirma Otero no seu discurso de ingreso na Academia: “Cando o romantismo afondou as perspectivas, os homes de sentimentos descubríronse a si mesmos ao decatarse do seu ser galego […] O Romantismo espertaba o amor polas almas dos pobos e sentía apegada unha alma ideal”. É dicir, foi mediante o romanticismo que apareceu o Rexurdimento e as operacións que fan “nacer” a literatura galega do Rexurdimento baixo o signo do “realismo”, non son máis que operacións traumáticas, cirurxías falidas e inconscientes e, en última instancia, rompemento do termómetro para negar a temperatura. Otero, neste ensaio sobre romanticismo, saudade e sentimento da raza en tres escritores galegos, como o grande ensaio sobre na paisaxe, como en todos os seus ensaios, sexan sobre Goethe, Baudelaire ou Beethoven, libérase do simplismo e da “ilusión dun mundo simple, fondamente lóxico, que tan ben se acomoda á defensa do existente” (outra vez Adorno).

Lendo os ensaios de Otero (como, por exemplo, lendo algúns dos ensaios de Cunqueiro, sobre todo esa marabilla titulada As mil caras de Shakespeare), percibimos a estrutura fragmentaria do ensaio, mais tamén, porque son ensaios, é dicir sondaxes no que a idea utópica de tocar o “fondo vai de par coa consciencia de ser falíbel e provisional”, que a partir “dun trazo parcial, deliberadamente escollido ou achado ao azar, brille a totalidade sen que esta se afirme. Corrixe o carácter continxente ou singular das súas intuicións facendo que estas se multipliquen, se confirmen, se limiten quer no seu propio avance, quer no mosaico que forman en relación cos outros ensaios” (Adorno). Porque os ensaios de Otero, que se interrelacionan entre si, como dixemos, forman un mosaico,  máis que unha unidade, e se ben nun emiten unha sentenza, como todo ensaio, percibimos neles un proceso, un camiño que debe conducir, conduce tanto á vida como á verdade, que son os fins esenciais cara aos que tende o ensaio.  Se o ensaio non emite sentenza, quere dicir que procura en si e no lector unha “curiosidade” a partir da cal debe procurar tanto a súa propia verdade (a do ensaio) como a do obxecto de que é “tema” o ensaio.

Mais neste discurso de entrada na Academia, Otero non só se dedica a intentar descubrir e mostrar os trazos fundamentais do Romanticismo, do nórdico (alemán), do meridional (francés, español…), do inglés, senón que ao estudar (máis ben botar unha ollada) os tres autores obxecto do seu discurso, Pastor Díaz, Rosalía, Pondal, que están tocados polo romanticismo, aos que o romanticismo lles fixo encontrar “un sentido galego do vivir” (e non só a estes tres, senón tamén aos precursores murguianos)[11], afirma que só do romanticismo (absoluto), que mantén as súas raigañas no pobo, podía darse, podía nacer o movemento que fixera rexurdir o pobo galego, introducilo na historia. Ao falar de Rosalía, Otero di que naquel tempo (o da poeta) “estaba incompleta a poesía popular. O pobo, grande neno, balbucea e tatexa. O cantar popular continúase en Rosalía […] Rosalía desentangarañouno, e de entón tivo Galicia o seu cancioneiro completo, sinxelo, expresivo”. Como afirmei noutro lugar, Rosalía foi a brecha que abre o tempo e produce a historia (por parafrasearmos unha metáfora de Hanna Arendt) e entrégalle a razón a Engels: a historia da superestrutura cultural non é de ningunha maneira un calco da historia das estruturas económicas: un país avanzado economicamente pode non producir grandes escritores, escritores de xenio. Un país non avanzado economicamente (e culturalmente, se é que nisto da cultura existen avances e progresos, fóra da súa, digamos, difusión), pode dar, producir escritores de xenio (o romanticismo alemán produciu nunha rexión europea atrasada económica e politicamente con respecto, por exemplo a Francia, unha pléiade de escritores e poetas no xiro do XVIII ao XIX moito maior que o país galo, e o seu  romanticismo (o alemán) é superior ao francés, literaria e filosoficamente; nos anos 50-60-70 do século pasado, prodúcese en Sudamérica, países atrasados inzados de ditaduras autoritarias e parafascistas, unha gran literatura que supera a de toda Europa, formada de países sumamente avanzados, económica, cultural e mesmo politicamente, etc. En Galicia, unha das zonas máis atrasadas do Estado Español aparece a maior poeta (tanto home como muller) do século XIX nesta parte de Europa. E produce esa poeta unha poesía que non é “produtiva”, é dicir, non pode xerar discípulos, unha poesía que está en conflito directo coa sociedade, cos seus representantes, e deita un pesimismo que algún crítico, amigo do optimismo histórico, tratou de reaccionario (como de reaccionario foi tratado durante moitos anos Otero Pedrayo). Unha poesía que xorde do “humus” popular e a el se dirixe, aínda que sexa consciente a poeta de que ese pobo non a vai ler (nin talvez comprender se a le) nun futuro inmediato.

Mais volvamos a Otero. Este, no seu discurso, intúe que a cultura popular debe ser completada… con todos avances do mundo todo. E en poesía Rosalía complétaa e, polo tanto, convértese en literatura popular, nacional-popular. Ao ser a poesía de Rosalía o “plus” que lle falta á poesía, á cultura popular, a súa poesía, a da poeta, non pode ser manipulada porque non é unha poesía ideoloxizada (como a de Curros, por exemplo), senón que sae do máis fondo tanto do “pobo” como do “individuo” Rosalía, polo tanto, é unha rebelión tanto contra as estruturas económicas que asoballan a ese pobo como contra as estruturas antropolóxicas que abaten a ese individuo. Otero percibe, intúe todo isto, e intúe, xa que logo, o nacemento dun novo tipo de intelectual cuxa figura é Rosalía. Un novo tipo de intelectual que poucos meses mais tarde, un italiano, Antonio Gramsci, nos cárceres fascistas de Mussolini, denominará nacional-popular. A parte deste discurso dedicada a Rosalía, como as partes dedicadas a Pastor Díaz, a Pondal, ao romanticismo, sitúanse demasiado enriba e pasan por alto e enlazan demasiadas cousas para poder ser a explicación da obra destes autores ou do que é en si o Romanticismo: trátase de procurar a verdade do romanticismo e a verdade deses poetas aos que se refire, mais ao tempo son páxinas que se entregan ao servizo enfervorizado de Galicia, da xente galega (e, xa que logo, da xente do mundo todo), da literatura, da cultura, da poesía

[1] Mais que aceptación da técnica (que existe), acho que aquí Otero corrixe un erro seu dos anos 1920-1930 do que se decatou anos máis tarde. Erro, por outra parte, maioritario no nacionalismo galego de antes de 1936: intentar a modernización dunha sociedades sen industrializala –aquí volveriamos aos cartos e a Simmel, mais iso, se cadra, outro día–, incorporación ás institucións burguesas, en tempo republicano (esquezamos por un momento o erro brutal que foi o querer incorporarse á ditadura de Primo de Rivera por parte algún membros do “nacionalismo” e das Irmandades, precisamente por parte dos que eran os seus líderes intelectuais) sen unha política de cidadanía, etc. Habería que estudar se a “corrección” deses erros por parte de Otero non ten que ver coa súa incorporación ao un grupo galeguista non-nacionalista: o Grupo Galaxia.

[2] Terry Eagleton, Esperanza sin optimismo, Madrid, Taurus, 2016

[3] Sobre esa nova esperanza e o seu regreso ás fontes, ás orixes, no tempo de hoxe (na actualidade máis actual), remítome á intervención, inédita, de Antón López Dobao nunha reunión das Mareas en Pontevedra TÍTULO DA MESA: “Patear o taboleiro galego para devolverllo á súa xente” ALGUNHAS IDEAS.

[4] Antoine Compagnon, Les anti-modernes, de Joseph de Maistre à Roland Barthes, Paris, Gallimard, 2005. Existe unha (reducida, é dicir, na que se eliminan diversos capítulos) versión española, Barcelona El Acantilado, 2007.

[5] Sobre o libro de Compagnon, ver a recensión feita por quen isto asina en A nosa terra, nº 1263, 12-18 de abril de 2007, recollida en Xesús González Gómez, Incitacións. Escolma de recensións de obras ensaísticas publicadas en A Nosa Terra (1998-2008), Santiago de Compostela, 2009, edición de Alberte Allegue, prólogo de Manuel Veiga, p. 129-132.

[6] “Outro grande pensador xermánico váinos ofrecer axuda para caracterizar o Romantismo: Hegel. A súa obra impónse ás xeneracións como unha vasta e armoniosa catedral do esprito”, Romantismo, saudade e sentimento da terra…, in Ensaios, op. cit., p. 192.

[7] No orixinal, “sintema” (gralla evidente).

[8] No orixinal “lexau” (sic).

[9] No orixinal, “sonso”, gralla evidente que corriximos.

[10] Ramón Otero Pedrayo, “Meditacións composteláns”, in Nós, nº  43, 25 de xullo de 1927, citamos por Otero Pedrayo na revista Nós (1920-1936. (Escolma), Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela, 1988, p. 62.

[11] Aos amantes do nacionalismo literario podían estar dedicadas estas frases de Otero: “[…] Por algo os poetas e historiadores do tempo romántico espertaron a concencia do verdadeiro ser da Galiza. Entón o traballo arqueolóxico non pasaba apenas dos marcos romanos, os estudos etnográficos non adequiriran o desenrolo de hoxe, un pasado episódico ainda botaba sorrisas noxentas de onte tiránico sobre a interpretación da historia, da arte, do dereito, da xeografía humán, da fala, do tema de Galiza. Eles adiviñaron certeiramente porque tiñan ollos para considerar a concencia galega. Añudaron o leif-motiv crebado, souperon percurar as correntes escondidas do río histórico, fluente e rumoroso, da nosa persoalidade. O Romantismo estranxeiro fíxolles atopar un sentido galego do vivir. Hoxe as ciencias mellor artelladas, confiman o xenial sentir dos Precursores” (o subliñado é noso, xgg), Romantismo, saudade, sentimento…, in Ensaios, op. cit., p. 189-190.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s