‘Cara ao leste’, exercicios de quecemento

Fragmento da capa de 'Cara ao leste'. FRAN HERBELLO HERMELO

Fragmento da capa de ‘Cara ao leste’. FRAN HERBELLO HERMELO

Cara ao leste é a segunda novela de Antía Nara, que debutou na literatura galega no 2007 con Aquel Lugar, que aparecera na hoxe desaparecida colección ‘Abismos’. Nesta nova obra, a escritora proponnos un relato máis ou menos colectivo sobre unha aldea galega na actualidade, poñendo o foco escénico nun velorio nocturno que serve como espazo de onde parten as traxectorias temporais dos personaxes baixo o engado narrativo dunha desaparición que atormenta a poboación máis que o rutinario dó pola morte dunha veciña.

A novela intenta describir a sensación de acabamento do medio rural galego hoxe. Inténtase un relato realista sobre os problemas dos habitantes das aldeas (sobre todo os vellos, en contraste cos novos, que xa non viven nese espazo senón na vila ou incluso nas megalópoles do estranxeiro). A autora utiliza a descrición minuciosa para a microxeografía do territorio e pretende entender, cunha ollada ampla, certos rituais que viven un paradoxo: parecen insubstanciais no seu presente por rutineiros, por feitos miles de veces durante centos de anos pero que están condenados á desaparición polo cambio social do país.

Aí acaban os achados. O resto é simple exercicio de quecemento narrativo, un borrador de libro que non consegue os seus obxectivos. Por que? Pola deficiente estrutura e a ausencia de xerarquía narrativa, que converte Cara ao leste nun ermo literario asediado polas malas herbas convertidas en parágrafos de máis, diálogos artificiosos ou prescindibles e unha pésima utilización dos adxectivos.

A narración avanza non cara ao leste senón cara a ningures. A autora xira en círculos, incapaz de encontrar a voz que terme da acción, incapaz de saber con que faceta do seu proxecto literario quedar. Intúese que a autora empezou a escribir sen saber que quería escribir, confiada quizais nos automatismos da súa imaxinación, que desta volta non son suficientes para soster unha historia que se converte en simple divagación.

Cara ao leste quizais tivese gañado se Nara a convertese nun relato, con menos páxinas pero máis intención. Con maior atención sobre o texto para facelo menos afectado e algo mellor redactado: “Puido ocorrer que a neve do exterior quixese entrar no cuarto naquel preciso momento, arrastrada, arrastrando (sic) o seu silencio e o dunha noite prematura. Quizais pretendeu coar a súa friaxe cortante nas esquinas dos mobles e outros obxectos do apartamento incitando ao estremecemento. Iso para deixar xeo na maneira dunha única traza. Puido tratarse dunha ameaza preventiva para convidar ao estremecemento” (páxina 29).

Non se perdería nada co réxime de adelgazamento. E gañaríase non ter que incluír esta novela nesa antoloxía da narrativa atmosférica que cada ano gaña novos textos (queda pendente un estudo universitario sobre este tema, tan abondoso na (mala) literatura contemporánea galega). Nesta novela fálase máis do tempo atmosférico, do ceo, do frío e da xeada ca no ascensor dun edificio de nove andares.

♦ Cara ao leste, de Antía Nara. Xerais, 2016. 146 páxinas. ♠16,65€

César Lorenzo Gil.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s