Laura Sáez: “Editar libros provoca adicción”

Laura Sáez posa coa "Meniña dos libros".

Laura Sáez posa coa “Meniña dos libros”.

César Lorenzo Gil.

A editorial Patas de Peixe chega aos 20 títulos. Estas semanas chegan á libraría as súas dúas últimas novidades, A meniña de libros, de Oliver Jeffers e Sam Winston, e Primeira semana na escola de vacas, de Andy Cutbill e Russell Ayto. Falamos deste proxecto especializado en libro ilustrado, que xa ten oito anos de vida, coa súa editora, Laura Sáez (Pontevedra, 1979).

Vinte libros publicados por Patas de Peixe. Non sei como encaixa vostede os números redondos.

O noso programa editorial non é ambicioso no cuantitativo. De feito, chegamos ao vixésimo título logo de oito anos de traballo; non nos dá unha media de títulos por ano moi alta que digamos. En cambio, no cualitativo si pretendemos ser moi estritos e sempre estamos pensando en como mellorar os nosos libros, como conseguir producilos a menor prezo para que se beneficie o cliente final, o xeito de que títulos que consideramos fundamentais a nivel global dentro do álbume ilustrado poidan estar no catálogo galego. Chegar a 20 é unha boa escusa para pensarmos e repensarmos o proxecto de Patas de Peixe. Que queremos ser: unha pequena editorial sen apenas estrutura fixa ou dar un pasiño cara a adiante e ensaiar un modelo non tan pequecho? Sonche sincera, estamos nese proceso pero non teño moi clara a conclusión do debate. Hai factores persoais, económicos… O único que teño claro é que quero seguir editando porque editar libros provoca adicción. Cantos máis produces, máis che gusta a sensación de velos saír do prelo cara ás librarías e ás casas dos lectores.

Vostede asume, polo tanto, o groso do traballo en Patas de Peixe?

Non. Eu son a editora. A que busca os títulos, a que negocia os dereitos, a que se escorna para lograr iso que che dixen antes, que me parece fundamental: garantir que haxa álbumes de calidade para o público que le en galego a prezos razoables. Para lograr aforrar eses dous euros no custo hai veces que consumo moita enerxía. Como che dicía, o equipo complétano Diego Núñez, que fai traballos de maquetación para nós, e con Marcelino Villarino, unha das persoas que máis e mellor coñece a produción editorial en Galicia: tipografías, tipo de papel, adubíos para os libros como teas… É unha gran sorte contar con eles dous pero un proxecto destas características, que o entenda a xente, non pode ser profesional ao cento por cento. Eu son docente, Núñez traballa para outros clientes e Villarino fai outras cousas ademais de labores editoriais. Patas de Peixe confórmase con conseguir beneficios abondos para pagar un libro futuro coas vendas dun libro xa publicado.

Como acabou vostede creando unha editorial?

Eu son tradutora de profesión… Mellor dito, estudei Tradución e Interpretación e síntome intérprete. Sempre quixen dedicarme a iso… Pero a vida vaite levando por outros camiños, así que traducín moitos textos… Non me apaixona traducir libro técnico pero si traducir literatura. Ese primeiro encontro cos libros foi moi interesante para min. Deume oportunidade de coñecer o sistema escandinavo (sobre todo o de Dinamarca) de libro infantil e xuvenil; traballei en Gran Bretaña onde fun, entre outras cousas, lectora de Galego en Oxford. Vivir no Reino Unido é unha marabilla para quen ama os libros. Son moi baratos, moito máis ca aquí, e en materia de libro ilustrado é un país cun nivel de creatividade e cariño polo traballo ben feito que me namorou. Eu decido lanzarme a crear unha editorial porque quería traer algo de todo iso que estaba observando á lingua galega. Logo de facer o máster de Edición da Universidade de Santiago, tíveno claro e así empezou, no 2008, Patas de Peixe, coa publicación d’O incrible neno devorador de libros, de Oliver Jeffers.

Até agora a súa editorial só publicou autores estranxeiros. Segue a liña de Barbara Fiore, por exemplo, de apostar unicamente pola tradución?

Non. Sigo a liña de editar só aquilo que ten a calidade suficiente para poder estar no noso catálogo. A min encantaríame publicar o traballo de ilustradores e autores galegos pero, sinceramente, o nivel de dos proxectos que nos chegan non nos convence. Se isto cambiase, oxalá puidésemos publicar historias potentes pensadas en Galicia e en galego.

Cal pensa que é o motivo de que non encontren o nivel?

Non quero ser soberbia; quizais eu teño o gusto distorsionado e só me gustan cousas que aquí non se inventan. Pero si penso, modestamente, que falta un pouquiño de ambición por parte dos profesionais da ilustración. Sei das dificultades de crear nun mercado coma o noso e da necesidade de asegurar un horizonte económico por parte dos profesionais da Ilustración pero se non hai risco, vai ser moi difícil que alguén arrisque por ti; é dicir, se os editores non temos oportunidade de ver traballos enteiros, acabados, mal poderemos apostar por comercializalos. Coido que os autores deberían ser os primeiros en dar o paso e así podernos convencer de confiar en proxectos finalizados, autosuficientes.

Outra cousa que apenas se dá en galego e que supón unha diferenza grande con outros contornos creativos é a ausencia case total de autores-ilustradores, quero dicir, creadores totais, de texto e deseño, que constrúan universos propios. Aquí dáse máis ben a colaboración entre un escritor e un ilustrador para un libro concreto e en cambio nos países fortes do libro ilustrado ou álbum infantil vén sendo ao revés. Triunfan os autores totais ou as parellas “de feito”, caso de Roald Dahl e Quentin Blake, por exemplo. Son parellas que se coñecen moi ben, que pasaron toda a vida “xuntos”. Esa complicidade nótase logo no resultado final.

Non sei se en Galicia tamén se sofre certo preconcepto contra o libro ilustrado, por consideralo só libro para crianzas.

Eu levo regalando libro ilustrado para todas as idades e todas as ocasións moito tempo. Por suposto existe ese preconcepto pero penso que vai minguando entre os lectores e compradores. O libro ilustrado trascende a clasificación por idades, faise interesante para moitos tipos de persoas diferentes e cando é bo, supera outras limitacións do libro “só textual” porque a ilustración de alta calidade traspasa sensibilidades e, directamente, emociona.

No seu catálogo só hai libro ilustrado, non libro infantil con ilustracións.

Nunca me interesou. É un mercado, o infantil e o xuvenil dese estilo, moi mediatizado polo ensino e polos “valores”. Que conste que tamén hai ese tipo de traballos no libro ilustrado: o típico título que se usa para explicarlle a fulaniño que ter dous papás é guai, incluso mellor que ter un papá e unha mamá. Non me interesa ese tipo de libro artificiosamente pedagóxico, que se valora, que se recomenda ou que se obriga a ler no ensino non pola súa calidade literaria senón porque lle serve ao profesor para explicar tal cousa cun nesgo politicamente correcto. A literatura interesante de verdade, tamén a ilustrada, é a que conta as cousas para sorprender, para enganchar, pacta co lector horas de fascinación… Iso é o que me gusta e que, desafortunadamente, brilla pouco na literatura infantil e, sobre todo, xuvenil, que se publica (e se vende) en Galicia.

Falábame antes de que unha das súas obsesións é conseguir abaratar os custos. O libro non se vende porque é caro?

Todo importa. Cando nalgún acto do estilo do Culturgal teño ocasión de ser “libreira por un día” e compartir tempo e palabras cos clientes, decátome do difícil que é para moitas familias comprar libros. Ese euro ou eses dous euros dos que che falaba de diferenza poden ser claves para que unha persoa poida achegarse a un título. Por iso lle dou moita importancia ao prezo. Pero tamén me interesa moito romper esa dinámica absurda de considerar que o libro en galego ten que ser máis caro. Non, non debe selo. Non podemos resignarnos a iso e menos aínda defendelo. Patas de Peixe ten, entre os seus cometidos, dar a coñecer grandes obras ilustradas universais na lingua galega. Para ter éxito, non pode pretender ter difusión, vendas e coñecemento xeral a base de prezos caros; todo o contrario. Canto máis barato vendamos, máis popular será o libro en galego. Dáme a sensación de que as editoriais galegas, como gremio, descoidamos moito este obxectivo. E non sei a razón, se é a nugalla, a perversión da axuda pública ou algún outro esconderixo mental para non asumir que mal poderemos competir co castelán se non concorremos tamén en prezo.

Patas de Peixe “presume” na súa páxina web de que non recibe axudas á publicación. Tamén están en contra de axudas xa consolidadas en Europa como as que reciben as traducións por parte de gobernos tan dispares como Islandia ou Francia?

Nós non participamos no programa (chamarlle programa implicaría darlle o rango dunha estrutura definida, con obxectivos fixados e intereses transparentes, polo que non sei nin como chamarlle) da Xunta de Galicia porque o Goberno do PP é un inimigo da cultura galega e considerariamos contraditorio favorecernos das súas medidas para xustamente reivindicar o contrario a nivel cultural. Até o momento, é verdade, non percibimos ningunha clase de axudas, tampouco de fóra. Isto non significa que non saibamos diferenciar modelos que buscan, xustamente, difundir a industria cultural dun determinado país cun deseño intelixente e uns fins claros e eticamente plausibles.

É común que empresas galegas do sector editorial estean a publicar tamén noutros idiomas amais do galego, por exemplo Kalandraka ou Sushi Books. Que opina vostede desta posibilidade?

É un dos temas que está por riba da mesa nesta fase de cavilación da que che falaba. Pero debo ser sincera, espértame moitas dúbidas. Un dos principais fins de Patas de Peixe é reivindicar o galego como lingua autónoma para acceder a grandes obras universais. Non sei como se podería garantir ese papel se nós tamén distribuímos, o mesmo libro, no mesmo espazo xeográfico, en castelán.

Neste tempo de conversa, nótoa disconforme con moitas das realidades do sector editorial en Galicia. Seguro que incluso ten algunha queixa a maiores das xa expresadas.

Si, moitas. Pero non é cousa de protestar por todo. Si me apena a incapacidade que temos desde hai tempo de non nos unir, de non saber deseñar estratexias conxuntas para abaratar custos, facer máis eficiente o noso traballo, aprendermos uns dos outros. O minifundismo apoderouse do gremio editorial e incluso as novas xeracións, entre as que inclúo por suposto a Patas de Peixe, non logramos avances, cambios de mentalidade e de actuación que coido serían moi interesantes e rendibles.

A vostedes non lles vai mal o minifundismo. No seu catálogo teñen algún título de grande éxito, tanto comercial coma popular. A vaca que puxo un ovo é un libro moi vendido e moi querido polos lectores.

Xa se venderon 4.000 exemplares dese libro. É un bo libro que se vende ben. Agora, para este Nadal, publicamos a segunda parte, Primeira semana na escola de vacas, unha historia moi divertida que si fala de temas importantes para a sociedade do noso tempo como o dereito á diversidade, sen moralina, a través dun conto que te namora do principio á fin. Tamén está a ser moi exitoso O Grúfalo, do que xa se venderon máis de 2.000 copias. E iso que a versión castelá está nas mans dunha grande, como é Bruño. Pero debo ser sincera, estou tan orgullosa destes libros coma dos que non conseguen éxito. Quizais máis dos que a pesar de non ser tan populares, considero un suceso que se publicasen na nosa lingua. Mira, esta semana chegou ás librarías A meniña dos libros, de Jeffers. Igual vendemos tres pero ese libro é unha marabilla!

E logo?

Non o viches? Pois corre á libraría e pídeo. Imaxina cada páxina construída con textos de grandes obras; páxinas nas que as palabras de grandes obras universais van construíndo paisaxes de gran beleza. Deu moito traballo na parte gráfica. Imaxina adaptar palabra por palabra o galego ao inglés do orixinal para que non se perdese a forma da ilustración. Estou moi contenta porque o propio Jeffers autorizou (e felicitou) a edición galega de entre todas as estranxeiras como a máis recomendable. E iso por falar só da ilustración dun punto de vista técnico pero a historia en si, esa cativa que nace en Auschwitz con parálise cerebral e morre en Auschwitz está tratada cunha forza, unha viveza e unha sensibilidade que pasman.

Xa me dixo que está nunha fase de reformulación do proxecto editorial; non sei se xa hai algo que poida adiantar do proceso de pensamento.

Queremos ampliar a nosa implicación coas librarías. Estamos deseñando un programa de recursos para os establecementos, para que poidan ter maior información sobre os nosos títulos e aproveitalos para actividades secundarias cos seus propios clientes. Para a nosa editora, a colaboración coas libreiras é básica porque son elas as que transmiten o noso entusiasmo. Pero para iso teñen que vivir o noso entusiasmo antes.

Confésase adicta á edición. Cal é o antídoto para desengancharse, aínda que sexa só momentaneamente?

Traducir. Teño moita gana de traducir unha obra literaria ao galego. Se hai algún editor interesado, recomendo varios títulos que casarían ben no noso idioma.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s