A paisaxe como ser vivo

Otero Pedrayo ensaísta (VI)

Socalcos na Ribeira Sacra. E. CRESPO/FLICKR

Socalcos na Ribeira Sacra. E. CRESPO/FLICKR

Xesús González Gómez.

Xa dixemos varias veces ao longo destas liñas que os ensaios de Otero entrecruzábanse, entrelazábanse, entretecíanse entre si. O exemplo “maior” sería os ensaios sobre a paisaxe e a aldea. O lector pode ter ás veces a impresión de que uns (os ensaios sobre a paisaxe) e outros (os que tratan da aldea) son partes dun mesmo ensaio, dun mesmo escrito. Se a aldea galega ten unha historia, tena tamén a paisaxe? Segundo Otero, poida que si. En Sete paisaxes galegas e mais os alicerces… escribe, xa cara ao final: “Tres idades na historia da paisaxe galega: antiga (dende a prehistoria á chegada desta sazón da vida nos vales), medieval (ou ‘románica’: organización das parroquias, sistema do centeo e do viño) e moderna (cultivo do millo, era ‘barroca’, ‘pazos’, etc.). Pódese engadir ‘a modernísima’: desenvolvemento do piñeiral; bruídos mecánicos, e na paisaxe da noite, triunfo da electricidade”. Noutras palabras, a paisaxe vai cambiando por medio da man do home: os novos cultivos, os descubrimentos científicos e as súas aplicacións técnicas cambian a paisaxe, como a cambia o “paso do tempo”; a paisaxe, xa que logo, non é inmutábel –esquezamos as catástrofes e os desastres “naturais”. Se o progreso técnico e industrial cambia a ordenación do espazo e as súas estruturas, está claro, polo tanto, que cambia tamén a paisaxe e Otero é consciente. Cambian a paisaxe e mais a aldea.

A “man do home” cambia a paisaxe (as talas, os cambios de cultivos, a plantación de especies autóctonas ou alleas, novos camiños, mesmo estradas e autopistas, edificacións, etc., etc.) e a resultante é, polo tanto, unha nova paisaxe que, como toda paisaxe, é o produto, das interaccións entre as condicións ambientais e as prácticas dunha sociedade, alén das relacións natureza-sociedade no sentido máis amplo. A historia da paisaxe sería (ou é, non son especialista no tema, evidentemente) a das relacións dos homes usuarios (utilizadores, usufrutuarios ou depredadores) do espazo e outros seres vivos (o elemento animal da paisaxe, en palabras de Otero; elemento que cambia cos tempos e coa introdución de novos cultivos, coa protección dunhas especies ou a introdución doutras novas; ou co abandono do campo, por exemplo). Que non cambiou do elemento animal na paisaxe en Galicia desde a entrada de España na U. E.? Alén das convencións, pódese afirmar, polo tanto, que existe unha historia da paisaxe. Que a paisaxe galega non estea “historizada” non quere dicir que non poida facerse a historia desta paisaxe, e Ramón Otero Pedrayo, en certos momentos, nalgúns dos seus ensaios, intentou unha certa historización, aínda que como el propio afirma (Ensaio sobre a paisaxe galega): “Ensaiar o tema do factor histórico nas formas e nos procesos da paisaxe require un esprito analítico que non se debe esgotar no análise e significaría un ensaio da verdadeira e fonda historia de Galicia”. (Xa vimos o que significado ten o concepto de análise para Otero e como se pode aproximar á tríade hegeliana de simplicidade, escisión, reconciliación) . E se ben “a historia camiña a unha estaxe –cuase conquerida nalgunha cidades– de sometemento da paisaxe, unha estaxe onde a natureza fica reducida a tempos e ritmos cósmicos”, aínda que “ultimamente [debemos lembrar que enta ensaio sobre a paisaxe é dos anos 1950], a historia maniféstase polo dominio das formas xeométricas e dos procesos mensurados, calculados, sendo a matemática linguaxe e proiección de esprito, esquema, esquema e canle das súas enerxías. A historia ‘pascaliza’ o devir das formas” (os subliñados son de Otero). (Con “pascalizar”, quere dicir o ourensán, supomos, que a paisaxe se volve unha linguaxe máis precisa, ademais, penso eu, seguindo a Pascal, para Otero a paisaxe ofrece aquilo que non está ao alcance da ciencia –segundo filósofo e matemático francés, a orde natural é quen dá as respostas que a ciencia, as matemáticas, a xeometría, etc., non pode dar). E nun traballo anterior a este escribía: “A paisaxe galega [podemos engadir que calquera paisaxe] resulta da polémica de crase e tempos xeolóxicos das forzas da atmosfera cun macizo de rocas cristalinas, e dunha conxunta polémica de séculos, inscrita sobre a primeira, do home e de xeracións labregas sobre a mesma roca. Ás veces, ambas as forzas van na mesma dirección. Noutra estabelécese unha segunda polémica. En xeral, domina o primeiro sistema de forzas. A paisaxe estase facendo, segue o xogo dos mesmos factores, mais no tempo histórico, aínda nos mesmos lindes do curto vivir humano, se producen variacións. A paisaxe, para entendela, ou –se esta expresión semella pretenciosa– para comezar a vivila, nun senso cósmico e verdadeiro, hai que enxergala como se fai historicamente, e dentro tamén de determinadas premisas teolóxicas”. (Sete paisaxes…; hai que entender o substantivo polémica no sentido filolóxico, polemos, guerra: polo que a violencia da natureza sería a “parteira” da historia da paisaxe.) Para Otero, está claro que existe unha historia da paisaxe, aínda que lle é difícil esquecer, cando está perante unha paisaxe ou cando fala da paisaxe en xeral, que é un xeógrafo, o que se demostra lendo a última parte do Ensaio sobre a paisaxe…, [“A escada das composicións xerais”], que é unha especie de percorrido físico-xeográfico (e espiritual, mais non político, aínda que unha política, unha idea política, se poida deducir ou tirar do que está a escribir o ourensán) por Galicia, dividida en diferentes partes… xeográficas: A mariña, A ribeira, A bocarribeira, A montaña, A serra, e en cuxa conclusión afirma: “Hoxe a nosa cultura é cultura de ribeira ou de bocarribeira: ‘As mellores condicións para que as paisaxes de encosta poidan atinxir o degrau óptimo de bocarribeira son as tres seguintes: pé de montaña ou montaña en esteso chao; val franqueado madurecido en conteste ribeira; encosta en escada, con meirande inclinación no derradeiro degrau sobre o val asucada en ritmo armonioso por regatas das chamadas subsecuentes” (subliñado de Otero). Isto escribíao en 1954 e particularmente penso, seguindo a clasificación de Otero, que hoxe a nosa cultura é unha unión, infelizmente non simbiótica, entre a ribeira e/ou bocarribeira e a mariña, xa que a serra e a montaña, é dicir, a aldea desapareceu e medraron as pequenas vilas, case aldeas hai menos de cen anos, na ribeira, na bocarribeira e na mariña, e é nestes lugares onde habita o “factor ou elemento humano da paisaxe”.

Mais Para Otero a paisaxe, antes que nada son dúas cousas: a) unha vivencia das formas, formas ás que somete a preguntas que… non poden ter respostas mais si procurar unha verdade, vivir unha vida. Ao cabo, gozar da paisaxe é, talvez, unha forma de vivir; e 2) a paisaxe é unha pantalla na que se proxectan as aspiracións ideais e societarias. Acho que isto fica demostrado non só nos ensaios sobre a paisaxe, senón tamén naqueles que tratan da aldea. Ou en ensaios de tipo máis amplo como Morte e Resurrección ou mesmo no ensaio histórico sobre a cultura galega. En todos estes escritos sobre a aldea, sobre a paisaxe, e noutros, Otero vén dicir, cunha escrita ás veces demasiado barroca, outras deixándose levar polas palabras poéticas, e, ás máis das veces, gañando na loita entre precisión e vea oratoria esta última (como ben viu Ramón Piñeiro no ensaio citado entregas atrás[1]),  diversas cousas sobre a paisaxe, que el acaba por confundir con Galicia, pero a máis importante, ou a primordial delas, é que a paisaxe é a proxección das virtudes ou dos supostos carácteres dunha nación, da nación galega, que a paisaxe evoca (nesa pantalla que ela mesma é) a dimensión funcional e identitaria inherente á paisaxe como obxecto cultural. Ao cabo, os “cambios” que se producen na paisaxe galega acontecen, se seguimos a Otero, nos mesmos tempos en que Galicia afirma máis a súa identidade: o celta, o románico, o barroco e o romántico: “Temos de espreitar no románico e no barroco un acomodamento ás formas naturales, un meirande achegamento ás feituras e vieiros da pedra e da vida” (Ensaio sobre a paisaxe…). É dicir, noutras palabras, para percibirmos completamente a paisaxe, para que esta sexa unha vivencia, etcétera, hai que mirar, ollar a paisaxe desde cada arestoridade ou nestoridade, mesmo desde a modernísima, esa mesma que vai cambiar a aldea como afirma ou percibe en A aldea galega no seu decorrer histórico. En palabras, subliñadas por el mesmo, do propio Otero: “a paisaxe galega en cada arestoridade pódese definir como o degrau de inxerimento da libertade e as súas obras no devir dos procesos e formas” (Ensaio sobre a paisaxe…).

Para resumirmos, pensamos que para Otero a paisaxe, a riqueza simbólica da paisaxe, suxire e revela a instancia xeográfica do territorio no que se insire unha relación e se tece unha relación identitaria entre un territorio e as súas paisaxes. Esta relación induce a conflitos, a desafíos múltiples nos niveis económico, social, ambiental, cultural e identitario. Conflitos e desafíos para os que o ourensán presenta dúas solucións ou unha tentativa de solución para o aquén; e unha solución para o alén. A solución ou tentativa de solución para o aquén: o galeguismo. “Non queremos falar hoxe de nacionalidade. Hai términos usados polo abuso. Fixémonos mellor na idea e na forza da cultura galega. […] Estivo a piques de non ficar senón unha morea de cinzas evocadoras para os espritos curiosos. A íntima enerxía calada e isa admirable posición frente da morte que temos esculcado na psicoloxía galega[2], foron a salvación e serán a garantía de eternidade para o faro salvador do galeguismo. […] Galeguismo quer dicir integridade do ser e da alma de Galicia. Será galeguismo toda idea ou forma de interpretación da vida, nada na Galicia e propia pola forza e polo fito de ser considerada como un elemento, un factor, unha forza de historia universal” (Morte e Resurrección; os subliñados son de Otero). É a solución para o alén: “[…] o decorrer das formas […]. Enorme decorrer que na historia humán non pode ter remate. Sóio pode telo no alén-mundo cando esgotada a riqueza das formas luza a alma esencial na cegadora nudeza da súa luz a un tempo orixinaria e eterna. […] Cando se ceiben os espritos pechados como vibracións dun mesmo esprito. No alén mundo somentes pola morte conquerido. O triunfo do esprito no mundo ao igual que en cada home individual somentes se cumprirá despóis da Morte. Do remate da Historia. No reinado de Deus. Pola Morte á Vida sin refugallo nin pesadelo de Morte. O camiño do Cristo. O camiño de cada home e de cada pobo (Morte e Resurrección; os subliñados son de Otero)[3].

Temos que ir acabando co tema da paisaxe e da aldea, mais antes de rematarmos, dous apuntamentos: a) Otero apreixa a paisaxe galega observando os matices e as variacións de cada caso non usando dun “esquema” máis ou menos abstracto (fuxindo, en certa maneira, do seu oficio de xeógrafo); e isto consígueo porque se mergulla nel e se deixa levar polo seu propio movemento –de aí, por exemplo, que o seu ensaio sobre a paisaxe sexa cen veces superior ao que anos despois escribiu J. Rof Carballo, “La emoción del paisaje en el hombre gallego”[4] ; e b) cómpre lembrarmos que talvez sexa inintelixíbel certa parte da obra narrativa (e teatral e poética) de Otero se non temos en conta non só as súas ideas (non teorías: “na nosa Terra de ningún xeito podemos teorizar arredor da paisaxe “natural”“ –Ensaio sobre a paisaxe…, subliñado de Otero) sobre a paisaxe, a súa visión –histórica– da aldea. Elementos cósmicos da paisaxe, os seus factores, as súas sazóns (é dicir, o  horizonte, os ritmos, o vento, o chan, etc.; ver “O estilo da paisaxe”) están presentes tanto na estrutura das súas obras narrativas como no que se podía chamar a súa superestrutura, é dicir, a escrita.

[1] Para Ramón Piñeiro, Otero escribe como fala, “de aí o seu desleixo característico no relativo á perfección das formas literarias, nel gobernadas polo pulo vital da espontaneidade máis que polo esforzo sabio e consciente elaboración”.

[2]As razas celtas aman a morte como outra vida, quizáis como a exaltación suprema da vida. Non son capaces de estableceren marcos entre a vida e a norte. Os difuntos séntanse no fogar, acuden ás chamadas, aconsellan, mandan, interveñen. O cemiterio ou a lembranza dos mortos non é, nelas, obxecto ou tema de repulsión. A vida, sin quebrar o seu fío esencial, mergúllase no mar da morte e nel, como corrente espiritual, conserva a súa individualidade, porque desde os comenzos do vivir que chamamos mortal, as ondas do mar da norte baten nos máis fortes e confiados promontorios. Fan a súa cultura baixo o signo da lembranza e traballan a terra para a inmortalidade. Fuxen do terrón mol das veigas para esculcaren a esgrevia resistencia das rochas duras. E diste xeito proiectan un sentimento de inmortalidade na paisaxe, desfán o imperativo da norte e gardan sempre unha cultura orixinal porque remanece das forzas ceibes do esprito” (Morte e Resurrección, os subliñados son de Otero).

[3] Nun artigo publicado en 1988 en La Voz de Galicia e recollido en Umha voz na Galiza (Barcelona, Sotelo Blanco Edicións, 1992), “Otero Pedrayo, escritor católico”, Ricardo Carvalho Calero afirma que se pode considerar a Otero como un escritor católico, mais non escritor católico como os que estaban de moda nos anos 1940-50-60 do século pasado: Bernanos, J. Green, Graham Greene, Mauriac, etc. É evidente que Otero era católico que a súa relixiosidade é patente tanto nos seus ensaios como nas súas novelas, como estamos a ver, pero penso que a pesar de que Carvalho atina a maior parte das veces no que di, hai que discutilo mais fondamente.

[4] Grial nº 11, xaneiro-febreiro-marzo 1966, p. 14-34, onde dá a impresión de que o autor se limita a observar a paisaxe “desde fóra”. (Curioso é constatar que citando unha manchea de nomes: Rilke, Unamuno, Heidegger, Laín Entralgo, Ortega, Paul Ricoeur, profesores de anatomía varios, etc., non aparece nin un só momento o nome de Otero Pedrayo).

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s