Non digas nova edición cando estás falando de reimpresión

2aCésar Lorenzo Gil.

Alegría nas editoriais, ríos de champaña na casa dos autores… Un libro chegou á segunda edición. Colóquenlle en redor unha banda de promoción á obra afortunada cal se fose unha miss, impriman carimbos adhesivos para estampalos na capa, compartan escritores e editores tal festa nas redes sociais porque un acontecemento así raras veces se ve.

Ou si. Segundo datos oficiais, a inmensa maioría dos títulos que se editan no Estado español non venden a primeira impresión. Por que, daquela, cada vez parece máis común que un bo número de libros en galego presuman de chegaren á reedición? Analicemos a resposta por partes.

Reimpresión non é reedición

A palabra reedición ten connotacións moi positivas no campo semántico da venda de libros. Verbaliza o éxito dun título, capaz de superar a cobadazos a enorme competencia, o saturado mercado de novidades e chamar tanto a atención do público que o almacén quedou baleiro de exemplares. Mais este concepto de reedición está hoxe obsoleto por mor do cambio tecnolóxico. Tiña sentido falar de reedición cando un libro, logo dunha peripecia de semanas, meses ou anos, se esgota. Eran tempos de tiraxes longas, complicadas, custosas para a editorial. Pensar en acudir de novo á imprenta para fabricar uns miles de libros case sempre incluía unha revisión do texto ou o acompañamento dun prólogo crítico. Até se aproveitaba a nova visita ao prelo para engadir algún apéndice ou mudar a capa.

Hoxe en día, deberiamos referirnos á reedición nos casos de que algún destes cambios substanciais se dean na volta dun título ás máquinas de fabricación. Eis o caso dos libros que nos primeiros anos do século XXI se reeditaron para adaptalos á nova normativa do galego ou aqueles que mudan a capa para asociala ao cartel do filme baseado en tal ou cal obra. Debemos falar de reedición cando atendemos ao número crecente de versións da Alicia de Lewis Carroll porque en realidade, cada vez que unha editorial lanza este texto está reeditando unha obra literaria accesible desde o século XIX.

De feito, o bo momento da edición en español na actualidade está moi relacionado co fenómeno da reedición. De maneira directa, como cando Libros del Asteroide publica de novo en castelán De noche, bajo el puente de piedra,do checo Leo Perutz (aproveitando que a obra estaba descatalogada) ou cando unha obra anteriormente publicada na colección “de tapa dura” aparece na colección de peto. Mais tamén de forma indirecta, ao editar en España, por exemplo, obras que xa contaban cunha edición arxentina ou mexicana.

Para todo o demais, o exacto é falarmos de reimpresión. Veremos en que consiste e por que é unha das chaves da industria editorial dos nosos tempos.

A verdadeira revolución dixital

A edición neste momento faise, maioritariamente, mediante dous sistemas técnicos. A impresión offset, ideal para grandes tiraxes ou para edicións nas que a cor é fundamental. Cada vez úsase menos nos xéneros máis populares, caso da narrativa. Por que? Porque para que sexa rendible cómpre imprimir moita cantidade. O custo real é case igual en 1.000 ca en 3.000 exemplares. Polo tanto, o ideal é combinar este modelo de fabricación con grandes volumes de distribución e de almacenaxe, dous luxos que a industria hoxe non se pode permitir en moitos casos.

De aí que a auténtica revolución dixital no mundo do libro non fose o paso ao libro electrónico senón a transición á impresión co modelo dixital. Para resumir, este tipo de impresión é semellante ao das impresoras láser domésticas. Os custos redúcense e, o máis importante, pódense imprimir menos exemplares de cada título, co cal se alivia o problema do almacén e se fai máis flexible a distribución.

Este modelo é hoxe común a case todas as editoriais galegas, que o usan ben na primeira ben nas seguintes reimpresións. A cuestión é que un avance na loxística e fabricación do libro hai quen o quere utilizar como arma de promoción e velaí está o (auto) engano.

Tiraxes de 50 exemplares

A tecnoloxía xa permite tiraxes dun só exemplar. É un método aínda marxinal no sector pero que, ben explotado, podería favorecer o alargamento da vida de cada libro e medir dunha maneira máis eficiente os custos de produción de cada título.

Mais mentres ese modelo se asenta e mellora as súas habilidades, a impresión dixital permite tiraxes de poucos centos de exemplares, incluso de menos dun cento. En Galicia, a tiraxe media de cada libro desceu até os 800 exemplares na primeira impresión. Nas segundas e seguintes reimpresións o número de exemplares pode reducirse até en varios centos. Unha novela que se gaba na banda da capa de estar na terceira edición ben puido imprimirse 1.500 veces, como máximo.

Algunhas casas, como por exemplo Galaxia e Kalandraka, prefiren desde hai un tempo cualificar como reimpresións o que a maioría das editoras galegas seguen a considerar reedicións.

Vendas chaman por vendas

Mais a liña seguida por Kalandraka e Galaxia encontra resistencias nos departamentos de Vendas e Publicidade por unha razón de peso: na libraría véndese mellor o que se vende co argumento de que se vende ben. Este trabalinguas enténdeno moi ben as persoas que traballan nas librarías, que saben que un argumento de peso no proceso de decisión de compra impulsiva é a “popularidade comercial” de tal ou cal obra. Os compradores ocasionais de libros valoran escoller un título xa escollido por moitos outros antes; é unha especie de metáfora na industria cultural da lenda urbana de que nos restaurantes de estrada nos que hai aparcados moitos camións é que se come ben e barato.

Esta premisa lexitima a obsesión por destacar o número de edicións na capa. Os máis soberbios usan directamente a cifra de vendas: “6 millóns en todo o mundo”, presumen os best-sellers internacionaisA soberbia ás veces faise cómica: na promoción do último libro de Ildefonso Falcones, Los herederos de la tierra, a editorial que o publicou, Grijalbo, propiedade da transnacional Random House, afirmaba: “El libro que leerán 30 millones de personas”.

O caso é que chegar a unha reimpresión axuda a vender e contenta o ego dos autores. Non hai nada de malo pero estaría ben que nas redes sociais máis de un presumise das cifras de venda. “Grazas aos meus 800 compradores por esgotar a primeira edición. A editorial vai imprimir 200 máis para captar a resaca; non me falledes :))”. Sería unha frase ben sincera que nunca leremos no facebook dun autor galego. Tampouco leremos estoutra verdade: “Vaia, díxenvos o outro día que vendera 800. O meu gozo no pozo :((. Acaban de dicirme da editorial que chegaron ao almacén as devolucións de novidades das librarías. Dos 500 distribuídos viñeron de volta 400. Outra vez será”.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s