Sumarísimos e tantas outras historias

Anuncio do sumarísimo contra o Foucellas.

Anuncio do sumarísimo contra o Foucellas.

Xosé Enrique Acuña.

A palabra arrepiaba e aínda arrepía. Semella moi antiga pero na memoria de moitas persoas aínda está presente. Nace para subliñar máis se cadra un acto xudicial militar plenamente orfo de garantías que, nos días do 36 e en décadas posteriores, se utilizou polos alzados contra a República para executar e estender o terror. Consellos de guerra adxectivados como sumarísimos que conducían en poucas horas á morte por fusilamento dos condenados.

Os promotores do golpe militar en todas e cada unha das gornicións galegas puxeron en marcha en xullo de 1936 a “súa” xustiza militar despois de acomodala aos decididos intereses insurreccionais. Organizárona mediante disposicións e accións que por si mesmas falsificaban a legalidade civil —e tamén a militar— da República. Co seus obxectivos golpistas xa acadados pola forza das armas, pasan a confirmar o deseño dunha clara inversión do poder constitucional desde o que se revira o propio concepto e fin da rebelión militar para así poder marcar e situar, como reos de delito, a todos aqueles que, desde a defensa da legalidade republicana, non fixeran outra cousa que defender en Galicia o marco constitucional de liberdades políticas e sociais ante os que, precisamente, encabezaran a verdadeira rebelión militar.

E para conseguilo a mellor arma que planificaron non foi outra que recorrer a un terror sistemático, para moitos de carácter xenocida, que se ía exercer coa eliminación física dos seus inimigos políticos por conta de distintos métodos. Desde asasinatos directos a executar por medio de bandas terroristas, que actuaban de xeito “irregular” —mais sempre coordinadas e aceptadas desde autoridade militar—, a execucións inmediatas que practicaron forzas policiais e militares, sen apertura de causa xudicial ningunha, en aplicación dos chamados “bandos de guerra”. Mortes todas que tiveron sinistro acompañamento coas múltiplas condenas á pena capital que ditaron e consumaron os numerosos consellos de guerra ordinarios e sumarísimos constituídos por todas as cidades galegas.

Os procesados e condenados a morte nun consello de guerra, xa fora sumarísimo ou ordinario, pasan a ser, dado o uso dunha xurisdición extraordinaria, non natural, e en tempo de ditadura política-militar, vítimas políticas. Nese sentido é precisa unha historia, un censo argumentado, con listaxe de vítimas e as súas condenas, de todos e cada un dos consellos de guerra que se perpetraron en Galicia entre 1936 e 1977.

Os “xuristas” dos consellos de guerra e dos sumarísimos

Toda unha nómina de militares de diversa graduación, xefes e oficiais, participaron desta “xustiza militar” de urxencia que, planeada con anterioridade, xorde xa nos propios días iniciais do golpe militar de xullo do 36. A exercer de presidente de tribunal, vocal, relator, xuíz ou fiscal, tamén de avogado “defensor”, numerosos militares ―e algún civil habilitado― participaron con entusiasmo vingativo na composición plenaria destes consellos de guerra. A relación de xefes e oficiais implicados é ben ampla e, por medio das súas biografías militares anteriores, detéctase claramente que a maioría deles asenta unha traxectoria castrense modelada profesionalmente na cruel intervención colonial española no norte de África. Outros, caso do tenente coronel Tomás Varela Plata, xuíz instrutor en Vigo, mesmo chegara a participar na guerra das Filipinas onde o “condecoran” pola súa actuación contra os patriotas tagalos neste conflito de finais do século XIX.

Se algo configura e retrata a maior parte destes implicados nos consellos de guerra do 36 e anos posteriores é pois o seu paso activo, en distintos anos e destinos, polas agresivas campañas militares no Rif. Repasados os nomes de quen formaron parte desta rede xudicial represiva de carácter extraordinario poderiamos citar repetidos casos nese sentido por toda Galicia. Así, Manuel Trigueros Plaza, o xuíz dos grandes consellos contra militares leais, autoridades republicanas e líderes obreiros celebrados en Pontevedra, estivera destinado en Melilla en 1917 como capitán das “Fuerzas de Policía Indígena” antes de que asistira, como membro dun consello de guerra, a execucións de anarquistas en Barcelona en 1924, cidade onde logra destino tres anos máis tarde nos Mozos de Escuadra. O comandante instrutor Francisco San Martín Carreño fora condecorado por “accións de guerra” en África en 1912 e, antes de exercer no 36, mesmo actuara como fiscal nun consello de guerra aberto contra o cura de Trasmañó por insulto á forza armada. Outro “Comandante Juez Instructor”, Francisco Arriaga Seoane, que anteriormente á súa presenza nos consellos de guerra do 36 ostentara dez anos atrás a presidencia do Celta, servira en 1921 como capitán de metralladoras en Zinat. Pola súa parte, Mariano Pérez Hickman, instrutor de consellos de guerra en Lugo, era 1916 un simple tenente no Rif que vai medrar, social e militarmente, logo de ter casado coa filla dun ex xefe da policía da Habana colonial. Manuel Ariza Diaz, que actuou nos consellos de Vigo, en 1909 andaba de tenente en África e, nese mesmo ano, Ángel del Río Díaz exercía de sarxento na comandancia de Artillería de Melilla onde sería “condecorado”. Este Del Río, curiosamente, foi sometido en setembro de 1926 a un consello de guerra no que resulta condenado, xunto co coronel Cecilio Bedía, a reclusión perpetua. Reintegrado tres anos despois ao rexemento de artillería “15 Ligero” de Pontevedra, xa participa nos consellos de guerra en Pontevedra cando o 36. Na mesma cidade actúa José Pontijas Fernández, que previamente obtivera destinos en Larache, Melilla e Ceuta e, tamén en Larache, asentara de tenente en 1911 José Bugallo Luna, capitán de infantería de mariña que exerce nos consellos como xuíz instrutor da “Comandancia de Marina” de Vigo.

Militares de carreira e avogados da dereita entusiasta

Nestes consellos de guerra que quixeron ter ánimo de escarmento contra as forzas de esquerda tiveron presenza Rafael Pineda Ogabán e Francisco Alcántara Correa, os dous como tenentes instrutores, e o comandante José Vila Fano, xuíz instrutor en setembro de 1936 do consello de guerra que levou á morte a Gonzalo Acosta Pan, gobernador civil de Pontevedra. Vila Fano chegará en 1954 a xeneral de brigada de artillería. Outros implicados nos consellos morrerían en poucos meses en accións de guerra na fronte. Foron os casos de Manuel Lage Becerra, capitán de infantería, tamén con presenza no Rif en 1919, que falece en acto de guerra en 1938, e Manuel Pino Salgado que resultou abatido nun combate na fronte de Euskadi en maio de 1937. Ferido en servizo tamén quedou Julio Fernández de los Ríos. Un comandante, nomeado delegado de “Orden Público” e xefe provincial de Milicias de Pontevedra, que tamén participa en consellos de guerra. Fernández de los Ríos movérase antes en círculos culturais como fotógrafo artístico de semellante modo que polo mundo do galeguismo cultural o fixera un dos avogados que desde o mundo civil se sumou á composición de consellos. José Luis Santaló y Rodríguez de Viguri ingresara no Seminario de Estudos Galegos en 1926 e publicou algún traballo histórico para a mesma institución ao tempo que formaba parte da Acción Católica de Santiago. Tenente auditor, xa no franquismo foi “Jurídico del Alto Tribunal de Justicia Militar” para abrir anos despois bufete en Santiago e dar aulas na universidade compostelá.

Este non foi o único caso de avogados que, con rango militar, pasaron a desenvolver labores nos consellos de guerra en distintas cidades galegas. O asturiano Guillermo Rodríguez Quirós, que liderara as Juventudes Católicas en Oviedo, actúa de fiscal na prisión de Camposancos para, rematada a guerra, exercer con toda a normalidade, despois dun primeiro paso como xuíz en Siero, a avogacía en Gijón até 1969. José Pérez-Ardá y López sería outro exemplo de actuación en consellos. Actividade á que sumaría a de ser vocal en 1938, en representación da Falange, do “Tribunal Regional de Responsabilidades Políticas de La Coruña”. Pola súa parte, Manuel María Puga Román, fillo do famoso gastrónomo e político coruñés Picadillo, exerce de avogado e fiscal antes do 36, momento no que xa participa en consellos de guerra na Coruña e nalgúns dos máis sonados dos celebrados en Lugo. Nos anos cincuenta nomeárono secretario da Cámara de Comercio da Coruña. Outros exemplos, a nivel persoal e biográfico, dalgúns destes xuíces, relatores ou fiscais do 36 afirman a tan característica endogamia militar e funcionarial da maioría dos membros do exército golpista. O capitán Leopoldo Valls Tarragó, que actuou en Pontevedra, tiña un irmán que en 1937 era “comisario de Vigilancia” en Santiago. José Solís Riestra era fillo dun delegado de Facenda de Lugo e o comandante instrutor Benito Otero Brage era irmán dun xeneral de brigada e máis tamén dun coronel de intendencia da Armada.

Todos estes “xuristas” militares que se significaron nos consellos de guerra seguían a liña marcada polos verdadeiros pesos pesados da fiscalía militar en Galicia no 36 como sen dúbida foron Ramón Rivero de Aguilar y Otero (o que leva á morte a Alexandre Bóveda) e Joaquín Otero Goyanes, os dous recoñecidos admiradores do réxime fascista italiano, e os dous tamén con exitoso percorrido profesional e político no franquismo. Unha parella de fiscais, pertencentes a grandes familias da dereita galega, que sempre se dotaron de forte carga ideolóxica en casos nos que actuaron para pedir penas de morte. Toda unha orientación xurídica que igualmente se detecta nos sumarios dos que se ocupa Luciano Conde Pumpido, o home que como fiscal logra a execución de Antonio Azarola Gresillón, contralmirante da Armada da República e “comandante general” do Arsenal de Ferrol. Co paso do tempo Conde Pumpido formaría parte da “Sala de Justicia Militar del Tribunal Supremo” franquista.

O fiscal Joaquín Otero Goyanes participaba intensamente na trama cívico militar que preparou en Galicia o golpe militar. Da mesma rede galega e dos mesmos actos clandestinos forma parte con Otero Goyanes o tenente auditor Tomás Garicano Goñi quen, en Ferrol, estará presente como auditor en consellos de guerra. Garicano chegará a ser un todopoderoso ministro de Gobernación do xeneral Franco na época máis intensa de represión sobre o movemento estudantil antifranquista e durante as folgas xerais de Ferrol e Vigo en 1972. Xurídico militar, Tomás Garicano xa actuara en 1935 en consellos de guerra que dirimían actuacións revolucionarias de outubro do 34 como, nese mesmo ano e tamén en Ferrol, o faría Juan de Villavicencio Pereira, fiscal e tenente auditor, que repetirá o mesmo papel represivo desde 1936.

Despois de actuar en consellos de guerra, outros militares continuaron en labores ligadas á represión. Manuel Rodríguez Ollo, comandante de infantería que actúa en Vilagarcía, pasou en xullo de 1938 a ser destinado aos “Campos de Concentración de Prisioneros” mentres que Enrique Cánovas Lacruz chega a ocupar, xa como xeneral, o máximo mando da garda civil. Cánovas, casado en Vigo cunha Curbera Tapias, e que participara nos máis importantes consellos de guerra celebrados no 36 en Pontevedra e Ferrol, tamén foi vocal en 1943 do “Tribunal Especial de Represión de la Masonería y Comunismo”. A concepción ética e moral de boa parte destes militares e “xuristas” golpistas podería intuírse desde a lectura de obras como a que en 1943 se responsabiliza Juan de Blas Domínguez, xuíz instrutor en Ferrol, baixo o título “El Honor y sus tribunales en los ejércitos”.

Sumarísimos despois do 36

Os consellos sumarísimos seguiron a se constituír nas décadas corenta e cincuenta sen que a inmensa maioría deles transcendesen nuns medios de información plenamente controlados polas xerarquías franquistas. Continuaban a afectar, seguindo a vixente e militarizada lexislación do réxime, tanto á resistencia política como á chamada delincuencia “común”. Con todo, as autoridades administraban e graduaban a difusión das execucións ou as noticias dalgunhas sentenzas que afectaban a xefes guerrilleiros ou cando, como exemplo vingativo, querían destacar a modalidade física de execución. Con descarado ánimo propagandístico en certas casos especiais, as notas oficiais sobre os elixidos para ser agarrotados ―e non fusilados, como era o común― amosaban un ánimo de especial asañamento contra sinalados antifranquistas, mesmo na década dos cincuenta, como tal aconteceu no caso da execución do Foucellas no cárcere da Coruña.

Mais ás veces a información sobre os consellos de guerra sumarísimo xorde animada polos propios servizos de propaganda franquista que autorizaban a publicación de noticias sobre a súa celebración mesmo na portada dos principais xornais galegos. A estratexia utilizada non era outra cousa que afondar nas diferentes crises do movemento guerrilleiro e estender tanto a desmobilización como a desmoralización de militantes e simpatizantes. Unha actuación puramente propagandística que, como exemplo, foi a que se utiliza con sumarísimo que se abrira en marzo de 1952 contra 43 veciños de Ferrol, Mugardos, Fene, entre eles seis mulleres, por feitos relacionados coa oposición armada acontecidos dous anos antes. Noticias sen citar por veces os nomes dos encausados ou a compartir páxina no día da súa publicación, como neste caso, cunha triunfante crónica dos actos conmemorativos da fundación da Falange “galega” en Vilagarcía.

Nesa política destacou o despregamento eufórico que se lle obriga a realizar á prensa colaboracionista con motivo do sumarísimo aberto en xullo de 1952 contra o mítico resistente antifranquista Benigno Andrade O Foucellas. Os xornais que se editaron o 26 de xullo centraron as súas cubertas, e mesmo o interior, con noticias do consello de guerra que se celebraba contra o guerrilleiro coa intención de amosar o que eles entendían como unha seria derrota dos denominados, obrigatoriamente, como “bandoleros”. A compartir noticias cos galeguistas que en Santiago sacaban unha foto despois de asistir a misa por Rosalía de Castro, publícanse nesa xornada narracións pormenorizadas que mesmo citaban que “en la región gallega venían actuando en estos últimos años diversas bandas de forajidos que realizaban numerosos crímenes contra la vida y la propiedad”. Pero sobre os feitos ligados á figura do Foucellas, deliberadamente, non aparecía dato algún sobre o carácter político das súas actuacións armadas.

Consellos de guerra até o final do franquismo

O franquismo, con todo o seu mundo civil colaboracionista e o conxunto da súa estrutura militar e policial, non dubidou en volver utilizar o consello de guerra sumarísimo no final dos seus días políticos. Tratábase unha volta máis de eliminar fisicamente os opoñentes e amedrentar a contorna social de simpatizantes e militantes. En consello de guerra sumarísimo, cando o xeneral Franco estaba perto de desaparecer fisicamente, dous resistentes galegos foron condenados a morte pola xustiza militar. Antes, o 2 de marzo de 1974, execútase en Barcelona o anarquista catalán Salvador Puig Antich e mais tamén, vítima tamén doutro consello de guerra, un “delincuente común”. No consello de ministros que autoriza o cumprimento efectivo —a garrote vil— destas dúas sentenzas á pena capital sentaba un ministro galego con responsabilidades na política oficial de información e contrainformación. O nome deste franquista —Pío Cabanillas Gallas— aínda persiste a lle dar nome a un centro de ensino en Galicia —o CEIP de Dozón, Pontevedra— ante o silencio da comunidade educativa, a indolencia dos sindicatos de ensino maioritarios e a ausencia de denuncias contundentes por parte do asociacionismo memorialista. Tamén coa permisibilidade histórica dos distintos conselleiros de Educación que ocuparon o cargo na etapa autonómica, conselleira do Partido Socialista Obrero Español incluída.

O 27 de setembro de 1975, en Madrid, Xosé Humberto Baena Alonso e José Luis Sánchez-Bravo, os dous ligados a Vigo, foron executados. Serían os últimos galegos fusilados pola ditadura franquista despois dun consello de guerra sumarísimo. Anos despois, setembro de 2009, María Flor Baena Alonso, nun dos moitos escritos que moveu ante as institucións españolas para salvagardar a memoria do seu irmán Xosé Humberto, escribíalle ao presidente do goberno de España, con copia a Cándido Conde-Pumpido, Fiscal Xeral do Estado. Tentaba que o réxime nacido da constitución de 1978 restaurase a memoria dun resistente ao franquismo. Non o conseguiu. Permanecían moitos dos vellos intereses, tamén nomes e apelidos, intactos e ancorados, no aparato xudicial e gobernativo do Estado. Toda unha nova condena sumarísima para os familiares das vítimas e un síntoma de como se administrou, na etapa constitucional nacida en 1978, o papel de represores e inmolados. Balbino Teijeiro Piñón, retirouse como coronel auditor en 1989 e, nesta etapa democrática, chegou ser membro do consello de redacción dunha revista apadriñada polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas. Morreu en 2015 aos 91 anos de idade. Décadas antes, en 1952, fóra o fiscal do consello de guerra sumarísimo que conseguira a condena a morte, a garrote vil, de Benigno Andrade O Foucellas.

Liña incompleta de consellos de guerra “sumarísmos” perpetrados polo franquismo en Galicia

Noticia dun sumarísimo contra guerrilleiros no 1952.

Noticia dun sumarísimo contra galegos que apoiaran os guerrilleiros, no 1952.

1 de agosto de 1936. Un consejo de guerra sumarísimo

“Lugo.– En la cárcel se celebró esta mañana un Consejo de guerra sumarísimo, contra Jaime García Pérez, vecino de Puentenuevo, acusado del delito de rebelión militar y agresión a la fuerza armada (…) Actuó como ponente el teniente auditor de tercera, don Juan de Villavicencio y como fiscal, don José Luis Santaló y Rodríguez de Viguri (…) pedía el fiscal la pena de muerte, la pena de reclusión perpetua por el primeiro de los citados delitos y la de muerte por el segundo”.

Outras noticias dese día

A Federación Católica Agraria fai publica na Coruña unha nota pola que anuncia que “fomentarán en el campo sindicatos de orden”. Foron detidos pola garda civil “el maestro nacional don César Rodríguez Fernández y don Mario Fernández Salgueiro” por ser “cabecillas de El Barquero y El Ferrol”. Morre en Vegadeo, nun enfrontamento con “elementos rebeldes”, José López Arias “sargento de Seguridad” con destino na Coruña. Desde Monforte se informa que “la principal masa obrera de nuestro pueblo, constituida por los empleados de la estación del Norte, han entrado el lunes a trabajar y tras ella los obreros de fábricas y talleres particulares”. En Ourense, “varios individuos” realizaron disparos contra unha camioneta da garda civil na “carretera de Piñor y Celanova frente a la finca del señor Otero”. No enfrontamento, dise, resultaron mortos tres dos “agresores”. En Maceda, verificouse o enterro “del fascista Don Carlos Quintas, muerto por los comunistas”. En Ferrol o vapor Plus Ultra “que como es sabido vino de La Coruña para servir de alojamiento provisonal de detenidos, tiene ya a bordo unos 600”. En Pontevedra coñeceuse que “desde un coche que pasó a gran velocidad por delante de la tercera batería” se realizaron disparos que feriron a dous artilleiros: “Las fuerzas detuvieron al coche, en el que iban cinco paisanos con armamento, los cuales fueron pasados por las armas”.

8 de agosto de 1936. Un fusilamiento

“El paisano Manuel del Río Vázquez, condenado por un Consejo de guerra sumarísimo, celebrado en Vigo el pasado día 3, por los delitos de rebelión y sedición, ingresó en capilla a las dos de la madrugada de anteayer, y fué fusilado a las cinco de la mañana en el recinto del castillo del Castro (…) El reo se negó a recibir los auxilios de la religión. Le acompañaron sus familiares y el defensor, alférez de complemento don José Queizán Hermida. En los últimos momentos, los familiares pidieron y obtuvieron que les fuera entregado el cadáver. El fusilado era el presidente del Sindicato de tranviarios”.

Outras noticias dese día

Aínda permanecen sen identificar na Coruña “12 cadáveres, que fueron recogidos de las calles, de personas muertas a consecuencia de los últimos sucesos. Son desconocidas las demás circunstancias”. Por dependencias do xulgado están a pasar persoas “para ver las fotografías obtenidas de los cadáveres, no habiendo nadie que reconociera a alguno de ellos”. A garda civil da mesma cidade rexistra o domicilio dun “vendedor callejero de periódicos” e ocupou “20.000 libros y folletos de orientaciones comunistas”. En Monforte, a nova autoridade militar, publica un bando desde o que “encarece a todas las personas amantes del orden y que conozcan los manejos de algunos elementos marxistas que todavía puedan existir, lo comuniquen inmediatamente”. Detido no Grove o médico Jacobo Otero Goday. A “Comandancia Militar de Vigo” amenaza con fortes sancións aos propietarios de “coches de turismo, camiones, camionetas e omnibus de viajeros” que non os teñan presentado para a súa obrigatoria requisa. A mesma comandancia decreta a militarización de todos os empregados da Sociedad General Gallega de Electricidad.

19 de agosto de 1936. Tres fusilamientos

“Orense.– Fueron fusilados en las inmediaciones del cuartel de San Francisco, en el cual se había celebrado un Consejo de guerra sumarísimo, el Cabo de Infantería Claudio Rodríguez Díez y los soldados Amaro López Basante y Manuel Nogueira García, sentenciados a la última pena por hacer propaganda subversiva entre sus compañeros y dirigir ataques al Ejército. Los tres se confesaron y recibieron el Escapulario de la Virgen del Carmen, muriendo besando el Crucifijo”.

Outras noticias dese día

A prensa falanxista informa que o fusilado en Ourense Amaro López Basante “había dado vivas a Rusia y al Ejército Rojo” e que, “los otros”, difundiran falsas noticias “sobre la ayuda eficaz que Rusia prestará al marxismo rojo en armamento y aviones”. De seguido se escribía: “¡Dios los tenga en el cielo! Elevemos al señor una oración por el eterno descanso de su alma”. En Monfero, forzas militares deron morte aos “paisanos” Andrés García Marón e Antonio Marcos Silva. Detido en Guísamo o “autor principal” da morte a tiros do garda civil Alejandro Reyes. Nesta parroquia, nos “montes de Santa Marta”, requísanse “196 cartuchos de dinamita y un paquete de nitroglicerina”. Na Capela, “en las inmediaciones de Vilasuso”, as “fuerzas destacadas” deron morte tras un tiroteo a Manuel Prado Allegue, Ramón Sardiña Navarro, Ramón Agras Fernández e a Celestino Sardiña Navarro. O seus cadáveres “fueron enterrados en el cementerio de Capela”. A comandancia de Mugardos informa que os autores da colocación, o “pasado día 22”, de bombas de dinamita en Baño foron mortos tras verse “obligada la mencionada autoridad a ordenar a la fuerza que la acompañaba a romper fuego contra los fugitivos”. Os seus nomes eran Joaquín Saco, Antonio Otero, José Tenreiro Salgado e Eduardo Sánchez Fraga. Destituída a mestra de Seadur, María Losada Estévez, da que se subliñaba que era “conocida como La Pasionaria”. Por parte de “Los Caballeros de La Coruña” foi detido Manuel González Alfonso, “de veinticinco años, con domicilio en Guísamo”, chofer, a quen se lle acusa de “haber tomado parte activa en los sucesos marxistas”. González Alfonso “acompañado de ocho o diez sujetos, irrumpió en varias casas de Cambre y en ellas se apoderó de las armas que pudo encontrar”. Escríbese sobre a situación en Ferrol: “Ahora estamos con los consejos sumarísimos. Ya pagaron las cuentas a la justicia un maestre de marinerías, un maquinista, el contralmirante Azarola y tres o cuatro paisanos más, entre ellos un tal Caruncho Bergantiños, que dirigió las palizas de la calle Real, en unión del ciudadano Piojo”. En Lugo afírmase que “la escuela de niños de Santa María de Chavín nunca estuvo sin Cruz. Su maestro don Antonio Noriega Varela, arrostró sereno los peligros de tal decisión”.

27 de agosto de 1936. Una pena de muerte

“Pontevedra.– En el Consejo sumarísimo celebrado contra el exalcalde de Lalín don Ramón Ferreiro Panadeiro, se ha solicitado para el mismo la pena de muerte. Se le acusa de haber organizado y dirigido el movimiento subversivo en Lalín”.

Outras noticias dese día

Chamamento na prensa falanxista de Vigo: “¡Obrero, menestral! El Movimiento Nacional, a más de librarte de la tiranía de tus verdugos, está formando una España poderosa y rica en la que encontrarás siempre paz y trabajo” (…) El poco oro que puedas poseer de nada te sirve si lo guardas, en cambio si lo entregas para el Tesoro Nacional, a más de sentirte orgulloso como buen español, habrás contribuído a la obra de reconstrucción en la que serás tu el primero en recibir sus frutos”. Solicítanse oito penas de morte no Consello de Guerra que se celebra na Coruña contra o seu alcalde Alfredo Suárez Ferrín, varios funcionarios municipais, e máis outros procesados entre os que figuran un deputado, un libreiro, un camareiro e directivos dos sindicatos de clase.

29 de agosto de 1936. Consejos de guerra

“A la tarde [Lugo] se efectuó otro Consejo de guerra, también sumarísimo (…) figura como procesado el paisano Emilio Cid Rodríguez al cual se le acusa de haber sido aprehendido con bombas después de declarado el estado de guerra. El fiscal pidió pena de muerte y el defensor solicitó compasión”.

Outras noticias dese día

En Ferrol, o garda civil Isidro García Tojal, “cuya actividad y celo merecen especial mención”, coñecedor de que se enterraran “armas largas” no Monte do Val, prendeu a “un individuo conocido por Carro de agua” que confesaría, despois de “largo y hábil interrogatorio”, o lugar onde se agacharan. De seguido, foi detido en Valdoviño Manuel Pita Loureiro co que o garda García Tojal logrou desenterrar tres mosquetóns, unha pistola e 142 cartuchos de Mauser. Por estar “dentro de lo dispuesto en el artículo cuarto del bando de guerra o citado Manuel Pita Loureiro fue pasado inmediatamente por las armas”. Chegan á Coruña “cuatro camiones cargados con armas recogidas a los marxistas en Villagarcía, El Grove y otros pueblos”. Quedaron depositadas no Parque de Artillería e, a cumprir ordes, foron trasladadas “a la altura de la Torre de Hércules y allí arrojadas al mar”. En Vigo a señora Enriqueta Mulder, para a campaña de “oro para el Ejército”, entrega: “Ocho onzas, una de ellas está taladrada, una moneda mejicana de 10 pesos, una moneda tipo onza, una moneda peruana de 20 soles, una moneda francesa de 100 francos, una moneda de Guatemala de 20 pesos, dos monedas alfonsinas de a 25 pesetas, tres monedas alemanas de a 20 marcos, una moneda inglesa tipo libra, una moneda Kruger tipo libra, una pulsera con moneda de a 25 pesetas, cuatro sortijas, cinco gemelos y una pluma. Peso 604 gramos”.

15 de decembro de 1936. Un consejo de guerra

“Ferrol.– En el Consejo de guerra sumarísimo, celebrado en la Sala de Justicia de la Base Naval, contra los paisanos Francisco Cabadas Condal y Francisco López Fidalgo, por el delito de rebelión, el fiscal solicitó se impusiese a ambos la pena de muerte”.

Outras noticias dese día

En Ourense, consello de guerra contra Felisindo Conde Cid “y otros”. O fiscal Hernán Martín Barbadillo solicita catro penas de morte. Fusilado no Parque do Arsenal de Ferrol Andrés Cores Fernández, cabo da mariña e tripulante do bou armado Tito. En Pontevedra, Víctor Lis, “Jefe de la Guardia Cívica”, acompañado do cabo da garda civil Jesús Barca Vázquez e os gardas José Diéguez Camba, Miguel González Gamallo e Evaristo Cid Losada localizan, nunha casa do lugar da Ruibal, na parroquia de Salcedo, a varios “extremistas”. Ao non “entregarse” nin abrir a porta “se prendió fuego a la chavola y al arder salieron huyendo sus ocupantes que tirotearon a la fuerza. Respondió esta con decisión, y el Gómez Corbacho y el Méndez Montes, resultaron muertos”. A prensa colaboracionista pontevedresa destacou que “el señor Lis, y las fuerzas a sus órdenes, reciben muchas felicitaciones”. Escríbese nun xornal falanxista: “El Duque de Fernán Núñez, hace la guardia sobre los luceros”. O industrial vigués José Curbera ofrece 2.000 pesetas ante a poxa pública dun número do xornal “El Alcázar”.

17 de decembro de 1936. Consejo de guerra celebrado ayer

“El Ferrol.– A las diez de la mañana de ayer se celebró a bordo del crucero Baleares un Consejo de guerra sumarísimo, para ver y fallar la causa por delito de rebelión contra el operario de máquinas Cayetano Sánchez Rivero, cabo de fogoneros Manuel Gómez Lucas, fogoneros preferentes Silvestre González Francos y Salvador Sánchez Mosquera, marineros fogoneros Ramón Alfonso Millán, Francisco Rodríguez Díaz, Manuel López Rico, Juan Serantes Romero y Manuel Sánchez López, y el aprendiz fogonero José Rodríguez Sánchez. El fiscal solicitó la pena de muerte para los diez”.

Outras noticias dese día

Onte, de madrugada, foron fusilados en Lugo os “paisanos” Joaquín Darriba Ferreiro, José Campoamor García, Manuel Campoamor López, Ignacio Álvarez López, Ignacio Álvarez López, Julio Fernández García, Manuel García Viella e Donato García Garrido, brigada de carabineiros. Tamén se celebraron senllos consellos de guerra contra José Hermida Ruibal, contra Antonio Cobas Ramos e contra Victorino Quiroga Rodríguez. En Ferrol, outro consello de guerra contra seis mariñeiros da Armada. Antes da súa celebración, e por ordes emitidas, “en el altar de la Santísima Virgen del Carmen, de la iglesia de San Francisco se celebrará una misa de Espíritu Santo, para asistir a la misma todo el personal que ha de constituír este Consejo”. Estrea no cine Rosalía de Castro de Vigo: “Sonora y hablada ¡¡Madrid!! El cerco y bombardeo de la capital de España ¡¡Éxito indescriptible!! Últimas exhibiciones”. Ao tempo, nesta mesma cidade, anúnciase a constitución de catro novos consellos de guerra.

9 de marzo de 1937. Consejos de guerra

“Ayer se celebraron en el salón de sesiones de la Diputación provincial [Lugo] varios Consejos de guerra de carácter sumarísimo. Uno, a las doce de la mañana, por delito de rebelión militar contra Domingo Travadelo Miranda. El fiscal solicitó para el procesado la pena de reclusión perpetua. A continuación se celebró otro, también por delito de rebelión, contra Eloy Prieto Fernández. El fiscal solicitó para el reo la pena de muerte”

Outras noticias dese día

A “Central Obrera Nacional Sindicalista” de Ferrol decidiu ordenar que a partir do primeiro de abril “los camareros vestirán camisa azul”. Javier Quiroga Posada, tenente de navío “perteneciente a una aristocrática familia viguesa”, nomeado en 1933 segundo comandante da Base Naval de Ríos e desde o 12 de agosto do pasado ano ao mando do bou Guimerá ―“cuyo nombre sustituyó por el de Virgen del Carmen”― na madrugada do 6 de decembro, “fue cobardemente maniatado por la tripulación y entregado a las autoridades rojo-separatistas de Bilbao, donde encontró gloriosa muerte”. En Vigo, Perfecto Pérez Nieto, “camarada de nuestras milicias campesinas, ha caído por la España Nacional-sindicalista”. A súa morte foi “a traición, asesinado por el odio rojo que acechaba el paso de su gloriosa camisa azul”. Escríbese no xornal falanxista galego. “El alcalde de Nueva York, judío, insulta a Hitler”.

15 de novembro de 1940. Nota oficial

“Don Manuel Magariños Brenlla, alférez provisional de Infantería, juez militar del Juzgado eventual de esta plaza [Ourense], y del sumarísimo núm. 169 del año en curso seguido contra marxistas huidos, por el delito de robo a mano armada (…) cito, llamo y emplazo a los autores del robo a mano armada cometido el 20 de febrero del año en curso en el Monte Medo (Maceda), cuyo número de los mismo era ocho; entre estos figuraba un sujeto como de cincuenta años de edad, estatura baja, grueso, color pálido, y los demás representaban edad como de veinte a veinticinco años, vistiendo traje militar con polaina y cazadora, llevando dos calcetines doblados encima del zapato, delito este que se consume a varios vecinos de Rebordechao, Villar de Barrio y Castro de Escuadro, del municipio de Maceda”.

Outras noticias dese día

En Ourense, restablece a súa consulta como avogado, na “calle José Antonio”, o escritor e dirixente falanxista local Fernando Veleiro. O gobernador civil dá a coñecer os nomeamentos das xestoras e os seus correspondentes alcaldes e concelleiros que formados con “persoas de orde” se farán cargos de numerosos concellos da provincia. Multa de 60 pesetas a Joao Taveira Estévez, súbdito portugués residente en Rairiz de Veiga “por no documentarse en el plazo ordenado”. A escritora Pura Vázquez gañadora do concurso de contos e poesías organizado polo xornal La Región. O Comité Olímpico Español acorda que “los colores” do “equipo nacional” serán “jersey azul, con el escudo nacional, y calzón blanco”. En Roma, se informa desde a prensa galega, o “Duce” Mussolini recibe ao xeneral Antonescu, “Conducator” e dirixente de Romanía.

22 de novembro de 1940. Consejo de guerra

“Se celebró ayer por la mañana, en el Cuartel de Infantería de La Coruña, un Consejo de guerra sumarísimo, contra Daniel Rodríguez Fernández, de 27 años, natural de Orense, vecino de Trives, acusado de atraco a mano armada. El sumariado, empuñando una pistola, sustrajo en los primeros días del mes actual, en la calle del Socorro de la capital, 4.100 pesetas a un súbdito portorriqueño, al que además produjo heridas que fueron calificadas de pronóstico reservado. El fiscal solicitó la imposición de la pena de muerte”.

Outras noticias dese día

Na Prisión Provincial de Pontevedra, “tan sencillas, como emocionantes”, oficiáronse honras fúnebres “por el eterno descanso” do fundador de la Falange. A esta misa de réquiem “asistió toda la población reclusa y funcionarios del establecimiento”. O “coro de reclusos entonó con la mayor solemnidad el himno a José Antonio y el himno a los Caídos”. Radio Coruña, por conta do cuarto aniversario da morte do fundador da Falange emitiu sesiones de “carácter especial” e non se radiou “ninguna clase de música frívola”. Sancións do gobernador civil pontevedrés a Celia Silvent Fernández e Dorinda Cotón Barros, as dúas de Lérez, “por viajar sin salvoconducto”. Multados pola Fiscalía de Tasas varios veciños coruñeses “por ocultación de jabón”. Noticia na portada de El Pueblo Gallego: “La India vive en la miseria”.

15 de outubro de 1941. Cumplimiento de sentencia

“Juzgado en Consejo de guerra sumarísimo por el delito de sabotaje en Monforte de Lemos el día 10 de agosto último, convicto y confeso, y condenado a la última pena ha sido ejecutado el obrero Manuel Pérez Goyanes”.

Outras noticias dese día

“El día 11 del presente mes”, en Ourense, “cúmplese” a sentencia de pena de morte contra “los paisanos” Avelino Rodríguez, Benjamín Sierra Fernández, José Toro Martínez, Antonio Pardo Calvo, José María Albar González e Martín Estévez Vega, “autores de atraco a mano armada cometido en el pueblo de Edrada de esta provincia el mes de agosto del corriente”. Para trinta e cinco penados da Prisión Central de Celanova, condenados por consejo de guerra, elévaselles “a la Superioridad las propuestas de libertad condicional en conexión con la Ley de Redención de Penas por el Trabajo”. Detido en Vigo pola garda civil Eulogio Moreda Vázquez, “que estaba reclamado en un juzgado militar”. O Mariscal Pétain faille chegar o seu pésame a Alberto Alcocer, alcalde de Madrid, pola morte do seu fillo aviador “en el frente ruso”. Asegúrase que os traballadores enviados a Alemania como “voluntarios del Trabajo”, teñen “garantizado su bienestar” por el “Ministerio del Trabajo del Reich”.

28 de outubro de 1941. Consejo de guerra

“Juzgado en Consejo de guerra sumarísimo por el delito de sabotaje, convicto y confeso del mismo, condenado a la última pena ha sido ejecutado el obrero ferroviario Edmundo Seoane Barral”.

Outras noticias dese día

En Ourense estanse a celebrar actos de “conmemoración” da fundación da Falange. Entre eles, unha misa de campaña con desfile ao que os “directores de los centros docentes están obligados a facilitar la asistencia a la formación a cuantos alumnos deban concurrir a ella”. En Madrid estréase a película “Escuadrilla“ “que recoge unos cuantos episodios de la heroica y arriesgada intervención de nuestros aviadores en la guerra de liberación”. Dela escríbese: “Todo esto nos alegra como orensanos, pues orensano es Antonio Román, el director de la película, el autor del argumento, el redactor del guión y de los diálogos”. O “jefe de la División española de Voluntarios” xeneral Muñoz Grandes foi condecorado, “en nombre del Fhürer”, coa “Cruz de Hierro”.

10 de outubro de 1942. Cumplimiento de sentencia

“En la mañana del día 5, y en la Plaza del Ferrol del Caudillo, ha sido pasado por las armas en cumplimiento de sentencia capital dictada en Consejo sumarísimo, Hortelino Pereira Carballo, desertor del Ejército y autor de varios robos a mano armada”.

Outras noticias dese día

Dous cines de Ourense estrean á vez a película de título “Raza” da que se publicita que “es la más legítima exaltación del sentimiento patriótico y de los valores raciales de España, porque se inspira en la virtudes cristianas y de hogar, que forman el fondo del carácter nacional”. Por parte da “rural de Los Peares” detívose a Santos Taboada Fernández de 17 años, polo furto de cinco untos e pola garda civil de “Puente Canedo” se lle fixo intervención dun “garrafón de aguardiente que contenía 16 litros” a Carmen Rodríguez Barselas. A Fiscalía Provincial de Tasas da Coruña multa con 25.000 pesetas a Manuel Gerpe “por compra y tenencia ilegal de wolfram”. A prensa do réxime resalta que “el mundo hispánico ha conmemorado fervorosamente la fecha magna del Descubrimiento”.

21 de febreiro de 1942. La pena de muerte para dos atracadores

“Ayer tuvo lugar en el cuartel de Zapadores de El Ferrol del Caudillo el Consejo de guerra sumarísimo contra José María Gutiérrez González, de 32 años, maestro nacional, y Víctor Luis Martínez Díaz, de 29, que el día 13 del actual atracaron en la carretera de Puentedeume al vecino de Vigo don Manuel Fernández Román (…) José María Gutiérrez había sido condenado por los sucesos revolucionarios de Gijón, a reclusión perpétua y se hallaba en prisión atenuada. El fiscal solicitó para ambos atracadores la pena de muerte”.

Outras noticias dese día

Ante o xuíz instrutor Antonio Martínez Valín, con destino “en el Batallón de Trabajadores número 28, de Labacolla”, debe comparecer José Rueda Rodríguez, natural de Córdoba. Emilio de Aspe y Vaamonde, gobernador civil da Coruña, sancionou cunha multa de 250 pesetas a Carlos Arenaza Saralegui e a tres veciños de Santiago “por manifestaciones carnavalescas”. E a María e Josefa Puga Pérez, e Esclavitud Freire Moure, con 25 cada unha, “por viaxar sen documentación”. Despois de facer efectivas as multas que lle impuxeran, “recobraron la libre disposición de sus bienes” Manuel Viturro Otero, de 36 años, casado, fogonero, de Boiro; Manuel Peiteado Carneiro, de 42, casado, aserrador, de Fene; Eduardo Barcia Rodríguez, de 60, propietario, de Fene, e Antonio Freira Barbazán, de 31, de Brión”. O “Jefe Provincial” da Falange coruñesa ordena a expulsión do “Movimiento” de Jesús Puertas Lastres, da Falange de Muxía, “por cometer actos denigrantes para la camisa azul”.

14 de novembro de 1943. Importante detención

“La Guardia civil de La Gudiña comunica en parte telegráfico a Orden Público la detención de José Luis Muñoz y Andrés Rodríguez Pérez, que se habían fugado de los calabozos de San Francisco de esta capital [Ourense], y estaban sujetos a Consejo de guerra sumarísimo por atraco a mano armada y asesinato”.

Outras noticias dese día

Pola “Brigadilla de Investigación” foi detido “en El Puente Canedo”, e posto a disposición do gobernador militar, o preso que se fugara dos calabozos do cuartel de San Francisco de Ourense, Lorenzo Fernández Sotelo. Ponse en coñecemento a todos os industriais que “pueden recoger en el almacén de don José Rodríguez Pérez, de Canedo, el cupo de jabón correspondiente al mes en curso”. Genaro Riestra, gobernador civil de Pontevedra, nomea “Tesorero Provincial del Movimiento” a Luis Ponce de León y Cabello. Asegúrase na prensa que “el Papa no está prisionero de los alemanes”, e que hai “serios desórdenes” en Beirut.

17 de outubro de 1947. Ejecución de un reo

“Ha sido cumplida [Ourense] sentencia de pena de muerte impuesta por reciente Consejo de guerra, contra José Díaz Yáñez, autor de robos a mano armada, con asesinato” (…) Fué cumplida la dictada en Consejo sumarísimo, por delito de robo a mano armada contra Luciano Salgado Nieves, Pablo García Álvarez y Alejandro Álvarez Justo”.

Outras noticias dese día

Anúnciase a unión aduaneira entre Holanda, Bélxica e Luxemburgo como primeiro paso para unha posterior unión económica. Organizadas polo goberno celébranse “elecciones sindicales”. Desde o réxime resáltase que “en estas elecciones sindicales el empresario y el trabajador han obrado con decisión, con firmeza y nobleza. Aceptaron el sistema Nacionalsindicalista y, tamizándolos escrupulosamente, escogieron los nombres de aquellos que juzgaron más competentes”. En Vigo, “millares de personas” visitan “las interesantes colecciones que guarda el Museo del Secretariado Diocesano de las Misiones”. Os participantes que en Santiago asisten a unha asemblea da Confederación Católica de Padres de Familia xiran unha excursión para coñecer o Pazo de Meirás.

28 de novembro de 1949. Consejos de guerra

“Mañana se verificará [Pontevedra] un Consejo de guerra sumarísimo, por supuesto delito de atraco a mano armada. Figuran como procesados los vecinos del municipio de La Estrada, Manuel Salgueiro Villamayor y Manuel Agra Jorge (…) Igualmente el martes habrá otro Consejo sumarísimo para ver y fallar la causa instruída a los vecinos de Forcarey, José Méndez Méndez, Manuel Vázquez Troitiño; María Doval Gulias, María Espiño Gulias y Dolores Bértola Diz, a los que se acusa de supuesto delito de auxilio a bandoleros, por lo que el fiscal solicita para los procesados penas que oscilan entre un año y seis meses de prisión”.

Outras noticias dese día

Anúnciase que na China se declarou a “lei marcial”. Desde Ourense chegarán a Santiago en coches alugados numerosas persoas para asistir “a la entrada del nuevo Arzobispo, el doctor Quiroga Palacios”. Na compostelá igrexa de San Fiz celebrase “el retiro mensual para sirvientas”. Nacemento en Vigo dunha nova editora da que o escritor Manuel Rabanal opina que “pretendiendo alcanzar algo así como una proyección universal de los valores peculiares gallegos, los fundadores de la democrática Editorial, han acordado denominarla Galaxia por ser éste “nombre y camino de la tierra nuestra a través de todos los cielos”. Un “acierto titulador indiscutible”, subliña, “que hará que le sigan otros muchos cuando la hora de las palabras suceda a la hora de los hechos”.

A hora das palabras que non chegou

27 de setembro de 1975. Comunicado oficial.

Madrid, 27. (CIFRA)– La Oficina de Prensa de la Capitanía General de la Primera Región Militar ha facilitado la siguiente nota: A las 10,15 horas del día de hoy se han cumplido las sentencias dictadas por un Consejo de guerra, reunido en El Goloso para ver y fallar la causa número 45/75 aprobada por la correspondiente Sala del Consejo Supremo de Justicia Militar el 20 del presente mes en relación con el reo José Humberto Francisco Baena Alonso, condenado a la pena capital por un delito de insulto a la fuerza armada e igualmente la dictada por el Consejo de guerra, reunido en el mismo acantonamiento que conoció del procedimiento sumarísimo número 1/75 y condenó a la misma pena a los reos Ramón García Sanz y José Luis Sánchez-Bravo Sollas, por delito de terrorismo. Para la ejecución de las sentencias se recibieron del Gobierno de la nación los correspondientes enterados”.

Outras noticias dese día

Da narración ―escrita por, Manuel Alcalá e José Luis Sanz, xornalistas do diario madrileño Informaciones― dos feitos que conduciron ao asasinato oficial dos resistentes antifranquistas galegos Xosé Humberto Baena Alonso e José Luis Sánchez-Bravo Sollas: “En Hoyo de Manzanares se encuentra el cuartel del arma de Ingenieros de Artillería así como el polígono de tiro de Matalagraja, donde se procedió a las ejecuciones. Cuando el convoy compuesto por 14 Land-Rover de la Policía Armada y varios autocares de la Guardia Civil que escoltaban los furgones donde eran conducidos Sánchez-Bravo, García Sanz y Baena entró en el campo de guardia. Tras recorrer más de cinco kilómetros aproximadamente por un camino de tierra y piedras monte arriba llegamos a situarnos en la hondonada del alancar, donde se encuentra uno de los polígonos de tiro; desde allí escuchamos una descarga de disparos; eran las 9,40 en punto de la mañana y era la segunda que se efectuaba. La anterior se había producido minutos antes. Estas dos descargas correspondieron a la ejecución de García Sanz y Sánchez-Bravo, ejecuciones que fueron efectuadas por números de la Policía Armada. Baena fue pasado por las armas por un piquete de la Guardia Civil. Los piquetes fueron formados por diez hombres, un sargento y un oficial. Se fusiló de frente (…) El comportamiento del Ejército con los informadores ha sido ejemplar”.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s