‘Gran Hotel Abismo’, a revolución non será televisada… ou si

“A Mariano Raxoi Brei e a todos os da súa calaña, por alimentar o meu odio, co que cicelei cada páxina deste libro, que agardo perdure por máis anos ca el e toda a súa estirpe de sucios e apestosos ladróns de misa de domingo.

“Coa esperanza de que algún día ardades no mesmo lume que prendestes, de que o pobo esperte e cambien, do xeito máis doroso posible para ti e os teus, as cousas.

“E mentres ese día non chegue, seguiremos loitando pola verdadeira LIBERDADE, esa que ti e os teus non sodes quen sequera de imaxinar

David Rubín. Adicatoria da novela gráfica Gran Hotel Abismo.

César Lorenzo Gil.

Imaxe de 'Gran Hotel Abismo', de David Rubín.

Imaxe de ‘Gran Hotel Abismo’, de David Rubín.

As contundentes declaracións do ilustrador de Gran Hotel Abismo xa serven para que os lectores do cómic saibamos que mensaxe imos encontrar. En efecto, a mala hostia do ilustrador ourensán funciona, neste traballo, como unha fonte de creatividade que marca non só o tipo de debuxo senón o ritmo e, sobre todo, a linguaxe empregada.

Gran Hotel Abismo, que debuxa Rubín en base ao guión (gráfico máis que escrito) do catalán Marcos Prior, e que edita Astiberri, é unha novela gráfica de fasquía estadounidense que sinala, sen contemplacións e cunha profundidade filosófica admirable, as contradicións dunha sociedade opulenta que parece incapaz de superar a súa contradición principal: queixa profunda e razoada dos males do capitalismo pero incapacidade para formular un modelo alternativo.

Rubín e Prior non teñen, madia leva, o remedio para este enigma histórico e político pero ensaian unha sorte de simulacro dunha fin do mundo contemporánea, unha representación (con todas as licenzas, esaxeracións e expresións do cómic) sobre que revolución é posible hoxe en día en países ricos, supostamente libres pero cuxas poboacións están suxeitas a demasiados conceptos que invalidan a súa acción política, por non seren capaces de traspasar determinados compromisos e consensos, principalmente o papel da violencia cidadá como resposta ao monopolio da violencia por parte do Estado e a idoneidade da estratexia do nihilismo como paso previo á revolución e, polo tanto, a unha nova era na civilización europea.

A mascarada

Nesta novela, guionista e debuxante non precisaron construír un país fascista como en V de Vendetta, de Alan Moore e David Lloyd, senón que simplemente aquelan (para que sexa máis eficiente nos planos narrativo e visual) un perfeccionamento dun sistema aparentemente democrático no que, en realidade, a policía e os medios de comunicación son, respectivamente, pau e cenoria: alimento simbólico, neolingua, saturación informativa, propaganda entremesturada con publicidade institucional, que se falla, encontra na violencia explícita da policía a súa outra salvagarda. Mais a presenza dese título está presente nalgúns detalles (a icona dunha máscara definida para os loitadores contra o sistema, a importancia do lume como resorte de cambio, o papel do individuo como suxeito revolucionario en rede e en silencio (ao estilo da serie televisiva Eu, robot), fronte ao ideal soviético ou ilustrado da masa “a peito descuberto”. Tamén se aparece a sombra desoutro cómic na presenza da vinganza contra os actores prosistema, por exemplo.

Este cómic, con todo, dá a sensación de chegar algo tarde, co pé cambiado, outra vítima máis da aceleración da historia que fai obsoletas as profecías, as sensacións, as siglas politicas e os proxectos creativos. O ambiente de pre-revolución que describe Gran Hotel Abismo é máis o do 2012-2013, cando en España o movemento social nacido tras o 15M madura e se consolida como opción válida na disputa política, cando nas tertulias da televisión aparecían cada sábado comunistas andaluces e futuros deputados co título de doutoramento pondo en cuestión a hexemonía do discurso de comunicadores de ultradereita en canles dominadas por grupos que axeitan a súa liña editorial segundo o ruxir das audiencias (case sempre, non nos enganemos, con mensaxes reaccionarias).

É neste punto onde quizais un dos motivos do libro, servir como obra artística ao cambio social, teña hoxe menos efecto. O Mariano Raxoi ao que Rubín lle desexa tanta felicidade na dedicatoria conseguiu recuncar no goberno grazas a unha maioría parlamentaria triste, quizais paralisada, pero igualmente útil para que o PP manteña hoxe o mesmo quiñón de poder cotián con dúas engádegas: a alternativa está exhausta e a corrente que domina o mundo é hoxe aínda máis conscientemente reaccionaria.

O sopapo ben sonoro

O acerto da novela é superar o marco do debate político entre vella e nova política e cuestionar a eficacia da non violencia para mudar un sistema con demasiados resortes de supervivencia. Rubín e Prior desenvolven unha teoría diferente: non houbo en ningún momento da historia mellor combustible para o cambio que a violencia política, non só entendida como un acto de forza ou de dor inflixida a outros na loita de clases senón como mecanismo de ruptura revolucionaria coa “comodidade”. É fundamental reparar neste sentido na cita que abre o libro: “(György) Lukács dicía: “(Theodor) Adorno, coma os pesimistas supostamente de esquerda, viven no Grande Hotel Abismo. É dicir, un abismo que resuta que é un grande hotel, no que a un lle dan todo servido e con luxo””. Esta cita é do madrileño Manuel Sacristán, un dos principais filósofos marxistas. A violencia que se propón como saída histórica neste volume estende por aí as súas ponlas discursivas: só mediante un sopapo ben sonoro podemos desprendernos dese suposto benestar que en realidade nos ata ao medo.

A calidade do debuxo e do guión son enormes neste volume. Rubín mantén o seu habitual estilo pero aposta por un tratamento da cor moi arriscado que lle sae moi ben para ilustrar o ambiente preapocalíptico da historia. As referencias culturais son moi elevadas neste volume. Nacen ganas de ler, algo que sempre se agradece nun libro. Mais non é un cómic sesudo ou de “arte e ensaio”. A gamberrada, a acción e o humor son pezas fundamentais. Como nun enorme cadro do Bosco hai que atender todos os detalles para desfrutar ao cento por cento; desde os parecidos razoables de diversas personaxes cos seus inspiradores reais á gran capacidade dos autores de perturbar a realidade (nomes de marcas, presenza das redes sociais, noticias…). Un dos grandes achados é o personaxe do taxista, que en só dúas páxinas se converte nun dos inesquecibles, rachando todos os tópicos sobre a ideoloxía e intereses deste gremio profesional.

 

 

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s