Otero e a cerna do romantismo europeo

Otero Pedrayo ensaísta (VII)

otero1Xesús González Gómez.

En “Ramón, príncipe de Aquitania”, Carvalho Calero di que talvez sorprenda a afirmación de que “Otero posee escelentes condicións de crítico literario”. Esa sorpresa, continua a dicirnos o historiador da nosa literatura, vén dada, ou pode vir dada, “por prólogos indulxentes, artigos garimosos consagrados a libros sen importancia”, etc. Mais “cando Otero fala dun escritor verdadeiramente importante, o que di é xusto e interesante”. Segundo Carvalho, “nas súas notas sobre libros e letras de fora na revista Nós, e nos ensaios e artigos en que se referíu ás nosas grandes figuras literarias, é onde verdadeiramente se atopa a Otero como crítico”. Ora, a súa non é “certamente […] unha crítica afeizoada ao detallismo técnico. É unha crítica de tipo sintético, que sitúa ao escritor no seu ambiente, que define mediante pintorescos i espresivos rasgos o tono xeral da obra”. Otero, continúa Carvalho, non gusta de facer autopsias (xa o vimos coas súas propias palabras), senón de algo que, achamos, é moito máis importante: “recrear a atmósfera en que a obra respira e iluminar os mecanismos centrás do laboratorio en que agroman as ideas”. Velaí, en  “síntese” o método oterián. Velaí, xa que logo, como mediante ese método Otero explica o romanticismo europeo (o alemán, o francés, o inglés e traza apuntes do italiano e mesmo do español), coa axuda, como dixemos de Hegel e outros filósofos.

A primeira parte de Romantismo, saudade, sentimento… está dedicada a “explicar” o romanticismo, que, nas súas propias palabras “non é doado definir nin demarcar”, mais, así é todo, en poucas páxinas pensamos que Otero, a grandes trazos, sen facer autopsias, o consigue: porque, seguindo a Carvalho, “mediante expresivos e pintorescos rasgos” define o seu ton xeral, situando historicamente o Romanticismo mediante datas, feitos e obras. Se “no Romantismo fracasa toda clasificación por escolas. Unha determinación cronolóxica xustifícase en parte. Pois o Romantismo significa, xa ó primeiro ollar, o trunfo dos valores de movemento sobre os valores de Estabilidade asegún escribe certeiramente Albert Thibaudet falando do Romantismo filosófico”. É só a partir da investigación ou esculca no romanticismo filosófico, ou na filosofía que “se chega a coller no cerne vivo un pouco das cousas e das direccións”, xa que a historia literaria “demora na superficie”. E, xa que logo, para entendermos, ou para precisarmos a fórmula vital do romanticismo, hai que remitirse á “filosofía anterior e posterior, escoitando con tino o diálogo inmorrente dos pensadores”. Mais non existe unha única fórmula vital do romanticismo, senón “fórmulas. Elásticas, provisionales, incompletas, mais todas elas importantes para chegar o máis perto posible do cerne latexante do problema. para dicilo en términos consagrados: realismo e nominalismo valorizan os sensos contrarios de Clasicismo e Romantismo”.

Otero conseguiu en poucas páxinas atrapar “no cerne vivo un pouco das cousas e das direccións” do romanticismo europeo. Primeiro individualizando –separando– cada romanticismo inscribíndoo dentro da propia tradición nacional; dentro desa propia tradición escíndeos e, finalmente, reconcilia todos os romanticismos europeos para dar un só Romanticismo, do que non é posíbel precisar todas as direccións, por iso el di que o mellor que quedar cunha “fórmula, xusta anque demasiado xeneral: unha arte lírica. Individual. Egocéntrica”. O escritor galego, ao escribir isto contradise, xa que antes falara de diversas fórmulas, mais esa unha, demasiado xeral, fórmula, sería, en certa maneira o resultado da operación de análise despois de separar os diversos romanticismos e volver axuntalos no devalar. As diversas direccións do romanticismo ou dos romanticismos: Rousseau, Chateaubriand, Nerval, Hugo, Schlegel e a súa ironía, Hegel, sempre historicista, Schelling, misticista, Robert Bruns, cantor das vellas Higlands, mais sobre todo da Liberdade (segundo Otero), Walter Scott, Shelley, Keats, Byron, Novalis reconcílianse, axúntanse nunha fórmula: Poesía lírica. Individual. Egocéntrica. O escritor galego, desenvolvendo partes da Estética hegeliana, estética que “traza o desenvolvemento das artes paralelamente os ciclos filosóficos da historia: forma simbólica, clásica, e romántica”. Na primeira, “a imaxinación loita para erguerse por riba da natureza para chegar ao espiritual, mais é impotente para se ceibar do peso da materia”. “A forma clásica xunta de maneira perfeita e ideia coa forma. O espírito no fondo, no centro da representación, a natureza como forma exterior. A teoría non atopa nada máis perfecto. Non abonda”. Non abonda porque o espírito, dinos Otero seguindo a Hegel, pide algo máis : “pechalo en lindeiros é darlle morte”. O espírito “demanda realidade na sua propia forma”. Ese algo máis é o romanticismo, o principio esencial do romanticismo: o desenvolvemento do “espírito (…) erguendose hastra si mesmo encontra en si mesmo a forma que dinantes procuraba na forma sensible”. Ao se encontrar o espírito a si mesmo dotándose de forma, Hegel, di Otero, considera a beleza como categoría “un pouco inferior” e esta cede “diante da beleza espiritual que reside na natureza íntima da alma”. Velaí, por tanto, o que significa a poesía lírica, egocéntrica, individual romántica: pensamento. É dicir, a poesía non estará soamente tinxida de espiritualismo, farase toda ela pensamento espiritualista. Foi o abandono desta aspiración o que levou ao romanticismo francés á morte, ao fracaso. E tamén “por se facer doutrinario, vulgar imitador cando naufragóu na sensibilidade burguesa e no desencanto do tempo político”. Será curioso constatar que este naufraxio foi estudado maxistralmente polo gran Paul Bénichou en L’école du désenchantement : Sainte-Beuve, Nodier, Musset, Nerval, Gautier ( Paris, Gallimard, 1992). O romanticismo, ao caer no desencantamento político convértese, esta vez si, nunha arma do poder, da burguesía ascendente, como demostrou Bénichou non só neste libro, senón tamén nos anteriores dedicados, en parte, ao romanticismo francés e que son de obrigado cumprimento: Le sacre de l’ecrivain e Le temps des prophètes: doctrines de l’âge romantique, dos que existe versión española, F.C.E. México.

En poucas palabras, a partir da súa peculiar análise que acaba no devalar, Otero Pedrayo “pintou”, mellor dito, deu un esquema, unha síntese en non moitas páxinas dos grandes trazos do romanticismo europeo. Contradicíndose ás veces, mais, como bo ensaísta, o que lle interesaba era procurar unha verdade, ou a verdade do romanticismo. Romanticismo, saudade e sentimento… é non só un dos grandes libros de Otero, que merece unha reedición anotada severamente (ultimamente en Galicia anótase con demasiada alegría e pouca rigorosidade), senón tamén, pensamos, o primeiro gran libro de ensaio da nosa literatura.

Tres anos despois deste ensaio, que, lembrémolo, era o discurso de ingreso do seu autor na Academia galega en 1929, Otero, entregaría en folleto dous ensaios de diferente fasquía: Morte e Resurrección e Lembranza de Goethe. Até 1936 daría ao prelo outros en diferentes revistas: Boletín da Universidade de Santiago, Boletín da Academia Galega, Logos, Nós… De menor extensión e talvez de menor importancia que estes, mais sempre valiosos e interesantes: “Notas encol da paisaxe romántica”, “As paisaxes clásicas”, “Occitania e Atlántida”, sen esquecermos “Meditacións de Sant-Yago” ou “Fabricio del Dongo e Federico Moureau, ou dous tipos da paixón romántica”, “Thomas Morus” entre outros, por só referírmonos aos que foron escritos e publicados en galego. (Estamos a esquecer o Ensaio histórico, por ser publicado en español.)

En todos estes ensaios brilla o método oteriano tal e como o describiu Carvalho Calero, e en todos o de Trasalba, nun tempos de paixóns políticas desenfreadas, paixóns que nel ás veces se confundían con paixóns relixiosas, soubo, con todo, a maioría das veces, fuxir de calquera tipo de dogmatismo mesmo relixioso, aínda que non se desviara unha vírgula da doutrina católica. Mais non podemos deixar de sinalar que nunha recensión publicada en Nós, na sección “Letras de fóra”, comentando as cartas de Diderot a Sophie Volland trata ao ilustrado francés de “enorme europeo”. E en case todos estes ensaios está presente o “alentar romántico” de Otero. Tanto na conferencia-ensaio sobre Goethe no ano do centenario do seu pasamento como nos dedicados á paisaxe, a Beethoven e outros. (“Beethoven era dono d’unha forma total do mundo n-unha intuición por riba da causa e do efeuto. […] Kant estaba triste: non domiñaba a súa linguaxe, non ollaba craro. Tudos, mais ou menos, cruzamos por esta zona de ferinte desacougo –Beethoven, non. – A súa door é outra”; “A múseca é a menos temporal das artes (…) ninguén navega tan por riba do tempo como en Beethoven”, etc.)

No ensaio sobre Goethe, Otero descobre aos rapaces das Mocidades Galeguistas un Goethe “sempre actual” –aínda que no fondo non o comprenda, sobre todo o Fausto–, ollado desde a “arestoridade”: “A traxedia goethiana pertenece á direita descendencia grega; pretende ser tallada en formas antigas ou transcende a unha significanza humán? Poidérase decir: a pregunta plantexa un círculo vicioso, pois a traxedia grega pode pasar por fórmula perfeita para calquer concepción da humanidade. Quizáis noutra época, si. Hoxe, xa non tempo goethiano, hai que ter en conta a dimensión do tempo, a cal impón outra densidade no tema ilustre da traxedia”. Nesa densidade, a pesar de todo, Goethe, di Otero, fracasou: non podía ser doutra maneira: a dimensión do tempo, “vintetantos séculos de experiencia occidental” –como escribe Otero– debían dar outra “dimensión” á traxedia. Hoxe sabemos que non foi posíbel, que a traxedia desapareceu, como demostrou no seu día George Steiner, despois da desaparición do teatro isabelino e, en certa maneira, do teatro barroco. Mais con todo “Goethe en agarda da síntesis suprema, ensaia toda perfección nos mundos encontrados, diversos”.

Otero, a medida que vai avanzando na súa conferencia, vai escindido a persoa e a obra de Goethe: política, ciencia, literatura, poesía. E procura a verdade de Goethe non só nas súas obras, senón tamén na propia biografía do escritor e no seu tempo histórico. Por momentos semella que esteamos algunhas das páxinas de Fra Vernero: “O 20 de Setembro de 1792 Goethe asiste ao cañoneo de Valmy. Vai no cuartel xeneral do Gran Duque Carlos Augusto, co exercito prusiano, na invasión de Francia contra a Revolución. O bombardeo da artillería francesa detén o avance dos granadeiros de Federico o Grande. O mellor exército da Europa recúa diante dunha tropa popular. Coidaban os sabios estrategas que un paseo abondaría para finar coa revolución. E Goethe escribe: “Desde hoxe e desde aquí comenza unha nova época na historia do mundo”. Coas primeiras novas da Revolución, Kant asombrara aos bós burgueses de Koenigsberg, quebrando a sistemática do seu costume para recibir o correo de Francia”.  Con estas frases, Otero sitúa a Goethe no seu tempo histórico, no acontecemento que marcaría non só a Goethe, senón a toda a Europa do século XIX e con ela a súa literatura e, sobre todo, o gran movemento que foi o romanticismo (“Por ilo foi o Romantismo a verba suprema de todal-as arelas, de tudol-os istantes ceibes da historea”). E continúa a situalo até que “morre o 22 [de marzo], docemente, o meirande piñeiro do bosque boreal da Europa”.

Aproveita ese paseo pola biografía de Goethe para se referir as súas obras e nas últimas páxinas do seu ensaio-conferencia dicirnos o que pensa do Fausto goethiano. Se na primeira parte desta obra o alemán, di o galego, non “resolve apenas rén”, “na segunda parte Goethe chega a superior altura”. Con todo “é obra pouco coñecida e dificultosa, e pesares da gran beleza literaria, pois nela atácase o misterio do devir humán”. No entanto, Otero non acaba de entender o Fausto, talvez non podía entendelo como o que é (o anuncio dos novos tempos industriais) e consideraba o tema mal disposto –segundo Otero, no Fausto “o inferno figura a soia solución” e no entanto hai outra: “o sentimento místico e cristián”. De aí que para o ourensán derramárase demasiado esforzo poético nesta obra: a ideoloxía campesiña de Otero, da que xa se falou atrás, impediulle comprender o Fausto goethiano aínda amando, como amaba o conselleiro de Weimar. [Ou, talvez, si entendeu o Fausto goethiano e produciulle unha vertixe tanto persoal como ideolóxica, xa que na segunda parte da obra do alemán se percibe non só o advento dos tempos industriais, senón, tamén, a desaparición das pequenas comunidades campesiñas, tan caras a Otero? En fin, non imos entrarmos agora en disquisicións máis ou menos psicanalíticas.] Neste ensaio, que é interesante e importante, Otero sucumbiu á súa ideoloxía relixiosa e campesiña e non soubo botar man da análise que demandaría anos despois para falar da paisaxe, para entendela. Podía ser doutra maneira?: pensamos que non.

Malia que apareceron algúns ensaios máis de Otero en Nós e outros lugares antes do 18 de xullo de 1936, os seus tres últimos grandes ensaios esperarán anos para ver lume: Ensaio sobre a paisaxe galega, en 1954; A aldea galega no seu decorrer histórico, 1965, e Baudelaire, 1967.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s