‘Diario de Crosses Green’, as coordenadas da beleza

Martín Veiga.

Martín Veiga.

Remedando o popular verso de Ronseltz, no país de Martín Veiga (Noia, 1970) todo é paisaxe… Non hai agás. Polo menos na obra poética Diario de Crosses Green, que publica a colección ‘Tambo’, de Faktoría K.

A paisaxe de Veiga non é un elemento estático, unha simple vista que provoca no poeta unha evocación determinada; nin tan sequera é o escenario que provoca un sentimento, unha lembranza, unha analoxía. Non, para o escritor noiés, a paisaxe é a medida de todas as cousas, o resumo aglutinador da propia experiencia da vida, global, diversa, por momentos tan caótica que debe ser o artista o encargado de ordenala nun código familiar, nunhas coordenadas xerais (o espazo e o tempo) co fin de plasmar en palabras a beleza da súa experiencia.

Diario de Crosses Green foi escrito integramente en Irlanda, cabo do río Lee, un dos grandes protagonistas da obra. Mais o escritor consegue que o espazo que pisa, que observa, que converte en poesía, xogue nunha especie de hipervínculo literario coas demais referencias espaciais (tamén literarias) nas que o autor se sente próximo. De aí que xurda o Barbanza, a Limia, Noia, o río Traba… É coma se o autor necesitase vincular a admiración pola beleza que contempla cun sentimento de nostalxia reparadora, cunha lembranza baixo a que encamiña a dor por estar lonxe da propia terra.

E é neste punto onde a carón do espazo entra o tempo; o tempo que foi, os versos xa lidos, as historias xa pasadas mais revividas (polo tanto destinadas a naceren e renaceren cada vez que son novidade para alguén), caso da aventura do bombardeiro estadonidense que aterrou no 1943 en Inchydoney asustado pola néboa e do que saíron dous pilotos e un mono, Tojo, que seguramente chamou máis atención entre os paisanos ca o propio avión de combate. Mais tamén o tempo que é. Un dos achados máis interesantes desta obra é o compendio de diarios, mellor dito, mensarios, conxunto de poemas moi curtos que van repasando día a día o que escritor percibe cando observa. “3 de agosto, 00h33: Caeu a noite sobre os cisnes, famenta e moura coma un pozo sen dalias” (p. 91). “18 de febreiro, 10h33: Pantano Corcaigh: respiración feble da xunqueira, merlo nas reixas do sagrado”. Mágoa que nesta “descrición profunda mediante aforismos”, quizais o poeta se deixou levar ás veces polo evidente, polo fenómeno atmosférico, polo movemento elemental dunha figura, dun ser vivo. As anotacións máis interesantes son aquelas nas que se dá unha especial comuñón entre a percepción de quen olla e o obxecto-universo-paisaxe que se olla nese preciso momento. Como pasa ás veces ultimamente na poesía galega, confúndese naturalidade con obviedade e a mensaxe literaria perde altura.

Cando Veiga deseña os seus cantos á paisaxe en versos longos e estanzas solemnes (as outras partes do libro), o resultado case sempre é acertado. A lingua, clásica, algo oteriana, casa ben co espectáculo cotián que nos quere representar. O lector presencia a maxestosa ribeira, ole o sal, sente o grasnido das aves, atende e entende un artista que quere inmortalizar a paisaxe, desexa convertela en algo épico sen deixar de considerala íntima. Esa dupla dimensión, tan complicada para un único rexistro lingüístico, parece doada na construción literaria de Veiga.

♦ Diario de Crosses Green, de Martín Veiga. Faktoría K, 2016. 105 páxinas. ♠12€

César Lorenzo Gil.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s