Xosé Manuel Pereiro: “Queremos que ‘Luzes’ sexa unha factoría cultural”

ante-portamCésar Lorenzo Gil.

A revista Luzes publica arestora o seu número 37 co que celebra o seu terceiro aniversario en circulación. Neste tempo converteuse en referencia dun xornalismo esencial, sen ataduras nin complexos de vintage; xornalismo clásico e “de papel”, en galego para un público que queira ler historias e non clicar ás toas na internet. O proxecto está dirixido por Manuel Rivas e por Xosé Manuel Pereiro (Monforte, 1956), quen explica nesta entrevista que arelas e folgos ten o proxecto.

Tres anos publicando cada mes unha revista en galego. Que adxectivo define mellor o seu estado de ánimo respecto a Luzes? Arrepentido? Ilusionado?

Tres anos fai agora porque o primeiro número apareceu canda o Culturgal 2013. E o Culturgal sempre se celebra a comezos de decembro… Arrepentido? Non. Ilusionado non sei… Satisfeito, mellor. Pensa que Luzes é un proxecto que tiña dentro, penso, desde o tempo que estudaba Xornalismo na facultade, en Madrid. Ben, que tiñamos dentro Manuel Rivas e Suso Iglesias. É o tipo de publicación que sempre quixemos facer, o modelo de xornalismo que mirabamos con degoiro desde fóra: poder ir a Oklahoma non sei cantas semanas para preparar un tema “con calma”. Esa calma que nos faltou sempre no xornalismo e que tan valiosa é para conseguir o principal deste oficio: conseguir historias que pagan a pena lerse. Penso que a meirande parte dos xornalistas escollemos esta vida profesional para contar historias, non para irmos a roldas de prensa nas que en realidade nin sequera importa que preguntes porque o preguntado ten sempre fácil amaño para non responder.

Trinta e sete números e unha presada de números especiais xa dan amais de satisfacción, bagaxe. Xa non é unha aventura senón unha proposta consolidada.

Coid que si segue a ser unha aventura, unha aventura que non dá para acomodarse. Cando ves para atrás en efecto sentes todos eses números pero non penso que sexa un proxecto que permita relaxarte en ningún nivel. En cada número hai que decidir un mundo de cousas. Todo debe estar en cuestión e en debate para poder logo continuar.

O formato mensual non é moi común na prensa actual.

A nós publicarmos un número por mes permítenos non estar pendentes da actualidade. Recordo que Manuel Rivas quería que a frecuencia nos quioscos fose maior pero a diferenza de infraestrutura e atención que require unha publicación sometida á actualidade era insustentable. Un mes é un período razoable para combinar a axenda da atención xeral cos temas que nós consideramos interesantes para tratar en profundidade.

É unha revista con moitas páxinas, case sempre supera as cen.

Iso é unha constante nas publicacións escritas que promovín. É discutible se fai falta publicar tantas páxinas por número. Podería levar menos páxinas e non perder ningún tema; ou reducir páxinas e temas ou seccións. É un debate aberto.

Falaba vostede de sustentabilidade. É Luzes un proxecto viable economicamente?

É un proxecto milagroso, se temos en conta que é unha empresa fundada e xestionada, até agora, por xornalistas. Medimos cada movemento e fomos tomando decisións para garantir que se puidese seguir a publicar a revista. O primeiro que hai que dicir é que neste tempo todo, non precisamos endebedarnos para publicar ningún número e mantemos a premisa do primeiro día: facer xornalismo pagando as colaboracións (moitas veces non coa dilixencia que quixeramos, debo recoñecer). Co tempo, decidimos tamén crear unha redacción física. Pode parecer a priori que nestes tempos, coa internet, o menos valioso é ter unha oficina á que ir traballar e reunirte co equipo que fai Luzes pero na realidade ocorre todo o contrario. Grazas a poder traballar en equipo en tempo e espazo real, mellorou moito, xa non só a comunicación, senón o resultado final. Non che é o mesmo poder avanzar na maqueta co deseñador en persoa que interactuar entre pantallas. Antes, o comité de redacción tiña que reunirse nun bar, buscando paz entre os que xogaban ao dominó e os que miraban o fútbol na tele. Pensa que para nós, Luzes, amais dunha revista, queremos que sexa unha factoría cultural. E para iso precisamos estabilidade en moitos aspectos e dinamismo tamén.

Explíqueme que función ten o Comité de Redacción?

Mira, cada persoa ou grupo de persoas temos o alcance que temos. Coñecemos determinadas persoas, determinados ambientes. Sabemos disto e interésanos aquilo outro. Pero se queres facer unha publicación ampla e atenta, fanche falta sherpas que te guíen, que che aprendan doutros puntos de vista, doutros universos do hoxe en día de Galicia. Esa é a función do comité. Con cada nova incorporación buscamos un pedazo do mapa.

Cando dentro de dez ou 15 anos, na facultade de Ciencias da Comunicación poñan os bolseiros a traballar para que conten a historia recente do xornalismo galego, só terán que ir á hemeroteca buscaren Luzes e comprobar a cantidade de firmas que pasaron pola revista. Tenas calculadas?

Eu diría que pasaron entre 600 e 700 colaboradores.

É un risco ter as portas tan abertas?

A nosa intención é que estean abertas a quen queira escribir na revista. Por suposto funcionamos, coma calquera proxecto, cun sistema de proba-erro. Ás veces non recibes o que esperas, iso é lei de vida. Pero en xeral estamos satisfeitos. Un dos nosos obxectivos é conseguir manter dentro do xornalismo en galego nomes que, sendo nosos, viven facendo xornalismo fóra. Xoán Tallón, Manuel Jabois ou Aníbal Malvar, entre outros, son xornalistas que temos que conseguir rescatalos para o noso sistema periodístico.

O libro dixital non matou o libro de papel pero a prensa na internet si arrasou as revistas. É hoxe o deseño a gran fortaleza por construír para manter o lector de publicacións periódicas en papel?

Nós fixemos da necesidade, unha virtude, a nivel gráfico. O modelo dixital non ten, a día de hoxe, posibilidade de ser viable economicamente. Porque non se pode monetarizar, polo menos nós non o sabemos facer. É dicir, Luzes está condenada ao papel porque é o medio máis “normal” de conseguir ingresos, nos quioscos e a través da publicidade. O problema da prensa en papel non é o custo de impresión. En realidade, ese é un custo asumible. O custoso é distribuír o produto. Nós estamos obrigados a facer tiraxes amplas para cubrir a demanda dos nosos subscritores mais tamén ter presenza na maior cantidade posible de librarías e quioscos. Luzes gábase de estar no aeroporto e na estación de tren. E iso ten un custo.

Pero para atraer subscricións e compradores, temos que convencer o lector de que producimos unha publicación moi coidada. O deseño e o esforzo gráfico axudan tamén a que os textos luzan.

Sinalaba vostede os subscritores como un obvio esteo de calquera publicación. Están satisfeitos nesa área?

Non. A nosa xestión non foi a axeitada en moitos casos; non houbo un acompañamento como é debido. Por desgraza, as revistas chéganlles tarde, non encontran, por falta de medios, a resposta que precisan de nós. Ademais, desde que saímos no 2013 non volvemos facer unha campaña de subscrición; non estamos saíndo a presentar a revista.

Coida, daquela, que hai marxe para o crecemento nese sentido.

Moito. Temos que dar a coñecer moito máis a revista. Decatámonos día a día de que hai moita xente que podería interesarse en Luzes que non sabe nin que existe. María Bragado publicou un estudo moi documentado para a Universidade de Cardiff onde demostraba que a revista tiña un grao de afinidade, identificación e fidelidade cos seus lectores moi superior ao doutras publicacións e que racha así coa tendencia de baixa fidelidade que o público ten coas publicacións de prensa. Temos que estar en máis librarías e quioscos mais tamén debemos presentar en máis lugares a publicación. Xa que estamos orgullosos dela, hai que compartila cos máis. Arestora estamos preparando unha campaña de expansión comercial co fin de premiar os nosos subscritores, agradecerlles a súa compañía neste tempo e pedirlles que lle dean a coñecer a revista ás súas amizades. As persoas subscritoras que consigan novos subscritores desfrutarán de agasallos.

Hai algunha outra novidade para o 2017?

Queremos afianzar o Espazo Luzes noutros medios. Estamos ultimando a incoporación á grella de Nós TV cun programa que sirva para levar o universo Luzes a outro medio. Como dixen antes, entre as facetas desa factoría cultural que queremos ser, axudar ao debate público está entre as nosas prioridades.

Amais dos subscritores, unha publicación depende da publicidade. É Luzes un soporte atractivo para vender?

Un dos puntos de mala fortuna nestes anos foi o labor comercial, por diversos motivos. É algo no que reflexionamos e que intentamos mellorar número a número. Asemade, non existe, fóra de nós e dalgunha publicación máis, un produto xenuinamente galego. Nin sequera La Voz de Galicia busca ese ámbito galego para a súa publicidade xa que o seu modelo se basea na fragmentación que lle ofrecen as súas delegacións. Obxectivamente, Luzes non é soporte para quen busque un impacto publicitario primario. Mais en troques, as marcas que aparecen na revista identifícanse rapidamente coa propia revista, desfrutan inmediatamente das mesmas calidades que o resto da publicación. E isto, en termos publicitarios a máis longo prazo, é un factor moi relevante. Luzes dálles carácter ás marcas que aparecen nos seus espazos publicitarios.

Falando de economía, está Luzes preparando unha ampliación de capital?

Está. A través dun organismo que se vai chamar Sociedade de Amigos de Luzes (SAL). Proximamente daremos máis detalles sobre os xeitos de participación e as atribucións da SAL.

Nunca é que fora moi numerosa a presenza do galego na prensa pero hoxe en día, en termos cuantitativos, é tan baixa case coma no tempo preautonómico. Pensaron vostedes en unirse a outros proxectos para un fortalecemento mutuo?

Non temos, por desgraza, tempo para fomentar ese espírito colectivo. Estou seguro de que habería puntos de unión que habería que explorar e outros que recuperar, como aquel Vitaminas para o galego que coido foi beneficioso para as publicacións que usamos o idioma de Galicia. Seguramente, sería bo colaborar para conseguir mellores custos de distribución, ampliar a publicidade… Agora mesmo, coido que non hai moito máis camiño para colaborarmos. Actualmente, en galego publícanse revistas culturais (Grial), revistas de debate (Tempos Novos), un semanario (Sermos Galiza), unha vizosa prensa comarcal (por exemplo, O Sil) e Luzes, que é unha revista de reportaxes. Non hai outra coma nós. Mais no entanto si estamos colaborando con revistas de fóra; tamén con medios dixitais pero neses casos, hei de recoñecer que é algo máis complicado o intercambio de información.

Faga autocrítica. En que debe mellorar Luzes?

Á parte de saír máis en prazo, coido que o que fai falta na revista está bastante claro: falta investigación. Pero o xornalismo de investigación é caro. Relaxámonos un tantiño ultimamente coa calidade da lingua e, sobre todo, precisamos máis persoal para varias tarefas. Eu sempre digo que estamos fortes e animados porque temos un monte de ideas para a revista. E o caudal de ideas segue a medrar. O problema é termos os recursos para podelas pór en marcha.

Vivimos unha época na que facer xornalismo non é sinónimo de cobrar por iso (por exemplo, aquí mesmo, Biosbardia), na que os xornalistas van á televisión urrar, na que propaganda, publicidade, clicks e posverdade son conceptos máis presentes no noso vocabulario ca información. Segue habendo algo chamado xornalismo ou xa é un oficio ao que lle pasa coma á estrela apagada, que xa morreu pero aínda non se sabe porque segue emitindo luz?

Sempre digo que estamos nunha época moi mala para os xornalistas pero moi boa para o xornalismo. É dicir, padecemos unha crise moi forte do modelo de negocio do xornalismo e tamén unha crise, digamos ontolóxica, do oficio do xornalista. O problema gordo é estrutural e xa existía antes da crise económica do 2008. Durante moito tempo, as empresas gastaron os seus beneficios en “xoguetes” informáticos que lles permitisen desprenderse de maquetadores, en infraestruturas que favorecesen publicar as mesmas páxinas con menos persoal. Iso non é de agora. Tamén houbo un recambio no control dos negocios que foi contraproducente. Tomaron conta de empresas de comunicación empresarios doutras áreas, especialmente da inmobiliaria, que foi a que tivo beneficios nas últimas dúas décadas, que chegou á dirección da prensa e pensou a moi curto prazo sen decatarse de que canto peor era o produto que publicaban, menos lectores seguían dispostos a pagar por informarse así. Por suposto, eu non teño a solución nin a receita porque de ser así xa a estaría aplicando pero coido que o xornalismo debe pararse e pensar: facer xornalismo non é nin berrar nin entreter. Facer xornalismo é atopar historias que merezan ser contadas porque hai quen quere lelas, oílas, velas. Cando se encontre o equilibrio entre esa arela do público e esa función do profesional con beneficios para ambas partes, quizais aí cambie o conto.

Advertisements

Un comentario en “Xosé Manuel Pereiro: “Queremos que ‘Luzes’ sexa unha factoría cultural”

  1. Nuca antes seguíranse tanto as noticias como agora cos novos medios tecnolóxicos, por iso creo que unha revista que afonde un pouco nos temas entre tanta noticia exprés está moi ben. Iso sí no tema comercial SODES UN DESASTRE, a min mándanme unha mensaxe ao móbil dende a libraría Couceiro para dicirme que xa está a revista porque nin sei en qué parte do mes chega. E sí, tamén tes razón en que é unha revista que cando a ensino interesa pero non ten visualización, a maioría da xente non a coñece e co prezo que ten é indispensable facer algún número ao ano máis barato para captar clientela. Por certo non lle viría mal á revista un punto de vista da parte do sector empresarial ou dos emprendedores…sigan así e longa vida para LUZES!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s