Baudelaire nos ollos de Otero Pedrayo

Otero Pedrayo ensaísta (VIII)

Xesús González Gómez.

Otero Pedrayo dá unha conferencia en Caracas diante das fotos de Rosalía e Castelao.

Otero Pedrayo dá unha conferencia en Caracas diante das
fotos de Rosalía e Castelao.

De 1950 até o seu pasamento en 1976 viron lume diversos ensaios de Otero, maiormente en Grial, mais de todos eses salientamos, pola súa calidade e as súas características os tres mencionados nas últimas liñas da anterior entrega. Do ensaio Baudelaire, que apareceu en Grial en dúas entregas: nº 16 (abril-maio-xuño 1967), pp. 129-146 e nº 17 (xullo-agosto-setembro 1976), pp. 257-268, limitarémonos a tirar uns cantos apuntamentos.

No lusco fusco da súa vida, Otero volve a un dos poetas que máis amou na súa mocidade, e na súa madurez: Charles Baudelaire. [En lembranzas do meu vivir II conta que lles recitaba poemas d’As flores do mal ás prostitutas dos bordeis que visitaba en Madrid.] Tal como está argallado o ensaio, por momentos dá a impresión que podían as diferentes partes (IX) ser capítulos a incluíren en O espello na serán, se non fose porque este libro trata exclusivamente de Compostela. O que queremos dicir con estas palabras é que a “feitura” deste “ensaio” é moi semellante, por dicir igual, á do mencionado libro. Por outra parte, se se le con atención este ensaio dedicado ao poeta d’ As flores do mal, o lector decatarase de que alén de intentar unha análise dos poemas e, mesmo, da vida, en poucos trazos, do poeta, Otero vai entregando esquemas das diferentes partes do libro de Baudelaire, polo que dá a impresión de estarmos perante un ensaio “por partes”. Ou de diferentes ensaios unidos por un fío común: Baudelaire, e, polo tanto, a súa poesía. Non obstante, o ensaio caracterízase pola súa irreverencia ante o estereotipo e os formatos herdados e por unha actuación artística a contracorrente na que se advirte unha tensión que “abxura do simple envellecemento burgués e que insiste no sentido cada vez maior de illamento e exilio e anacronismo”, en sentido que “utiliza para se soster formalmente”. Como se decataría o lector, estamos a reproducir palabras de Edward Said[1] sobre o estilo tardío. Concepto este último que o palestino tomaba de Adorno para estudar as obras inclasificábeis de senectude de grandes creadores. Acho que tanto este ensaio sobre Baudelaire como a O espello no serán se lles pode aplicar este concepto. Aplicación cuxo desenvolvemento non realizaremos aquí, evidentemente, só queremos apuntalo.

Otero, como en todos os seus ensaios un pouco longos sobre escritores, non separa nunca a vida da obra de Baudelaire, como levando a contraria a Proust, a quen, por outra parte, o de Trasalba cualifica de  “grande” en diversas ocasións.

O ensaio de Otero sobre Baudelaire iníciase máis ou menos “clasicamente”: coa morte do poeta. Cos feitos que aconteceron aquel ano de 1867, etc. Dá os nomes dos seus amigos e dos seus iguais e todas esas cousas que implican unha información para o lector, mais deseguida pasa ao que será o fondo do ensaio, á, chamémola así, súa hipótese: a poesía de Baudelaire é inconcibíbel sen París e… sen unha razón cristiá.

De París, afirma o escritor galego, Baudelaire “foi o seu meirande poeta”, porque “vive o vello París con amor a proba de nemigo capital: o fastío, ‘l’ennui’. Porque “l’enuui” é o trazo principal do morador das grandes cidades, sobre todo daquel que provén xa dunha tradición citadina ou a fixo súa, propia del, como o poeta: “o berce de Baudelaire non foi envolveito en recendos de aromas de colleitas e de humus de mortos labregos, soio a enxoiteza das rúas abouradas […]”. París, continúa a dicir un pouco máis adiante Otero, é “Un ramo e unha promesa […] resume e xuicio, proba, groria e vinganza. Amor e delor totales de Baudelaire”. Amor e dor totais do poeta, porque a “cada intre do alentar do poeta cómprese unha atmósfera de París. A ela debe a súa forza e a súa acuidade”. Nunha palabra, sen París non existiría o Baudelaire poeta, ou se existise, non sería o gran poeta que é. E tamén é gran poeta porque “cos seus azos de abranguer o mundo vive de antemán as sazós das almas, os latexos da cidade corazón do mundo” (París: capital do século XIX, escribiu un filósofo alemán). Ora, para empezar a deitar un pouco subrepticiamente a súa hipótese de poeta cristián ou mellor, dito, de poeta que é cristián, Otero afirma que “non se descobre sobre París poema máis fermoso e delorido que ‘Les petites vieilles? […] Nas súas estancias ordenadas en IV tempos o poeta espalla a infinda craridade sobre pobres farrapos de velliñas. Unha tenrura máis merecente da bágoa e o sorrir dos anxos [….]”. Baudelaire é o gran poeta de París porque tamén é o gran poeta das súas xentes máis débiles. Da súa hampa (xa chegaremos aquí). “O poeta en versos de mestría onde os conteñidos saloucos fan de cesuras, compón xardíns e escalinatas, fala baixo e trepa maino, diante dos exiliados da vida […]”. Esta cidade dos exiliados da vida, da súa hampa ou semi-hampa, tamén é amada polo poeta. É a “cidade medoña”, “o París, ‘où tout même l’horreur tourne aux enchantements’, acolle, como as velliñas, unha esmola tenra envolta en curtesía”.

Pierre Bourdieu, unha andoriña non fai verán, clasificou a Baudelaire como unha sección autónoma na poesía francesa do XIX. Entidade autónoma porque é unha voz senlleira, malia as tradicións, que asumiu, e o herdo, grandioso, que deixou. O poeta asumiu, ben o ve Otero, primeiramente o romanticismo. Para Otero, a voz de Baudelarie talvez non houbera sido posíbel non xa sen o romanticismo (que “liberdou moitos anxos agrilloados”), mais tamén senón tamén sen a revolución.: “Hai unha lóxica sinxela e  terrible nas revolucións. Crébanse os vencellos da pomba e da serpente. Nas revoluciós brilan os herois de aas anxélicas que se deixan matar nas  barricadas. Pero sin a ‘hampa’ ou a ‘malta presidial’ non se derruban as instituciós seculares”. E Baudelaire é o poeta do “vómito confuso do enorme París”, desa ‘malta presidial’. O que Marx, equivocadamente, chamou lumpenproletariat.

As tradicións asumidas, as rupturas feitas propias (romanticismo e revolución), unidas á súa mestría na que “os versos franceses adquiren […] un poder novo de craridade, ó tempo delorosa e vitoriosa. Saben conter, como as redomas dos alquimistas, un inédito fármaco, a cifra e fórmula dunha nova delor. Amostran a calidade e regalía meirande do clasicismo: abranguer i expresar como un longo lostrigo un intre devalante da noite, e axustare o horror nas mensuras poéticas afeitas á beleza, ó entusiasmo, ó ben”, dan como resultado  o poeta Baudelaire. Mais, avisa Otero, cabe non esquecermos que “Os grandes poemas das ‘Froles do mal’,cada ún de por só enteirado nunha órbita lucente de angustia e orguleza, siguen ús ós outros levados por unha necesidade fadal”. É dicir, cada poema do libro é, en si, un libro (ou todo o libro son o mesmo poema), e se ben os poemas son independentes un dos outros, o poema que vén a continuación é un poema necesario, fillo natural ou putativo do anterior poema. Todos, por tanto, para Otero, están atravesados por un elemento moi claro: “Un fito de salvación”. Mais, salvación relixiosa ou salvación poética? Talvez as dúas. Non hai que esquecer que Baudelaire, en certa maneira, ao saber que seu pai era un exclaustrado sempre se sentiu en débeda coa Igrexa. (Neste sentido, Os paraísos artificiais son un complemento, ou un paralelo, do seu gran libro poético, xa que naquel vén dicirnos que o home, cando descubre a Deus, cae máis baixo que a súa natureza real, e ben que está a falar dos usuarios de drogas, tal pensamento pode aplicarse a todos os homes, porque tal pensamento atravesa non só As flores do mal, senón tamén O spleen de París –“Pequenos poemas en prosa”– e toda a súa obra.) Mais sobre todo salvación poética. Acho que Otero o explica moi ben con estas palabras: “Iste grande poeta chegou ó seu tempo. Nin dinantes nin despois houbera sido posibre a sua perfeición como no ser dunha dona fermosa veu asegún suceder leis cósmicas, a delor i o engado do pecado, o verme i o remorso”. Noutras palabras, a salvación, tanto de Baudelaire, como poeta, como da poesía francesa no seu conxunto veu dada polas condicións sociais (económicas e culturais, e mesmo relixiosas, etc., e a cidade de París) do momento. Foron esas condicións (unidas, evidentemente, a unha tradición poética e cultural determinadas) as que fixeron posíbel a poesía de Baudelaire. Non queremos sen deterministas, mais se non aparecese nese momento dado Baudelaire, aparecería outro poeta que cumpriría o seu “papel”? Non se sabe e non se poden facer apostas nin ucronías e, polo tanto, nunca o saberemos.

Para o de Trasalba, non cabe dúbida de que nos seus versos admirábeis “puxo Baudelaire a súa persoal verdade. Nembargantes temos dereito, un dereito remanecido do íntimo do ser humán na soleira da morte e do infindo, a pensar nunha íntima chamada redentora”. Para chegar a esa “íntima chamada redentora” hai que terse compracido “no horror e na desespranza satánica das paixases abouradas […] A tremenda lóxica do mal, levada polo artista con virtuosidade endexamáis conquerida, crébase, de sutaque diante dunha non buscada revelación. Soio entón poido xurdir a lus inmorrente do espríto”. Esa revelación, ben que inesperada, a demanda o poeta francés no final do poema “Un voyage à Cythère”: Ah, Seigneur! Donnez-moi la force et le courage / De contempler mon coeur et mon corps sans dégoût. Quere dicir todo isto que Otero converte a Baudelaire nun poeta cristián? Si e non. Si porque, en realidade, Baudelaire era cristián, e non, porque Otero non trata de presentar un Baudelaire convertido, senón que ve nos versos do poeta “unha bágoa de Deus”. É unha lectura como tantas outras, mais tamén é certo é que unha lectura cristiá de Baudelaire sen por iso caer no dogma. Noutras palabras, Baudelaire é un cristián que fai poemas, como Otero é un cristián que escribe. Se ben Otero sempre se coloca, con respecto ao dogma, nun lugar seguro; Baudelaire sempre está, a este respecto, a camiñar sobre o gume da navalla.

Mais nin a “ideoloxía” cristiá do poeta, nin a cidade de París, nin a súa asunción da dor, nin a súa contemplación do mal, etc., salvarían os poemas se non fose porque, como afirma Otero, “O xenio do verso, e soio o xenio do verso, mantén ergueitas a soles e luas, istas arquiteituras macizadas no íntimo desprecio. O xenio compracido no desenrolo e apuramento artístico do alexandrino, ás veces arco de chave de morte, ás veces lumieira de rexa pedra, prisma de verso curtado na cerne canteira indefrente da língua. Soio un podente espírito subxetivo […] puido chegar a semellante enteireza de ouxetividade do horror manexado con parsianano método […]”. Salientemos o último sintagma: parniasano método. Porque para Otero, nun momento dado, “os outonos –como as luas– de Baudelaire, xa non románticos –un anceio, quezáis imposible, pro aceso – figuran respeito dos outonos e luares modernistas, na relación dun auténtico canto lírico do gran tempo grego, pre-pindárico, co seu refrexo latino”. Por tanto, se ben asumiu o romanticismo, a poesía de Baudelaire non é romántica, mais tampouco simbolista: “Dos poemas ‘outonizos’ de Baudelaire, ún, o LXIV,de ‘Spleen et Ideal’ semella negar as esencias románticas e simbolistas da razón amada dos poetas a pesares do salouco dos derradeiros versos: Ô ma blanche, ô ma si froide Marguerite!” Ademais do xenio do verso, o poeta goza do xenio da lingua: “Manexa a vella língoa literaria que domina maxistralmente como traballando en mestos campos de ruinas de arquiteituras mañíficas, en paludes encobrindo asulagados pazos para erguer a epilogal basílica do home da cultura, o espeitral París para il o soio verdadeiro. Sinxelo abourou o seu vivir, pensamento e emoción na tarefa. E levou deica os lindeiros posibres do arte, o culto do sensoal en xogo de tesis e antítesis proseguindo con método quezais non lonxano ó empregado polos moralista franceses”; e tamén salienta o de Trasalba  a disposición do libro: “A craridade francesa non semella escolástica. Hai, pode que haxa, un pracer de xenuíno analítico nista disposición pola realidade do libro […]”. Noutras palabras, sección autónoma.

Para acabarmos, dous apuntamentos: para Otero, seguindo a Valéry, a poesía de despois de Baudelaire non sería a que foi se os poetas non leran nunha idade crítica As flores do mal. E o que di Otero do libro de Sartre dedicado ao poeta.

Para Otero, o Baudelaire de Sartre é “o máis baudelerián de todos os libros, (d)as carradas de libros i ensaios sobre Baudelaire […]. É abondo coñecido. E con xusticia ben admirado. De tal xeito bo como para podérese meditar sen priguiza como quezáis fai ociosos os que se escribiran dinantes, e os feitos despois”. Non cabe, certamente, maior eloxio, mais… Logo de facer unhas comparacións entre método (“que siñifica a curtesía e a mundanidade da poesía”) e sistema (que “é mística e dogmática”), afirmando que o xenio francés, fronte aos pensadores do alén Rhin, “afástase do sistema” e prefire o método. Os alemáns o sistema, “porque aínda, e con moito bo senso probado na historia, teñen medo de caír na selva primixenia”.  “Co método, por esixente que sexa, camíñase con ár de cumes raiosas ou de cobas de tesouros deslumeantes cada mañá”, mentres que “o sistema pecha como os palacios ourentaes ós déspotas sagrados.” O libro de Sartre está feito con método, mais “no caso do libro xenial de Sartre pensamos que con il ou sen il, Baudelaire pode ser glosado con verdade. O home Baudelaire era froito humán, poucos a il semellantes, para ensaiar e conformar a metódica de Sartre. Un Baudelaire non poeta, tendo deixado informaciós de abondo, poidera alimentar o mesmo libro de Sartre. E tamén os puros e xeniales metódicos poden ficar choídos [como o fican os sistemáticos, xgg] na rede prestixiosa do seu método”. Noutras palabras,e como escribiu Octavio Paz no seu día, “a resposta de Baudelaire á crítica de Sartre son os seus poemas. Onde está a realidade: nas súas cartas e outros documentos íntimos ou na súa obra?”, e continúa Paz máis adiante:”[…] sen os seus poemas a vida de Baudelaire resulta inintelixíbel. Non quero dicir que a súa obra explique a súa vida; digo que é unha parte da súa vida: sen os seus poemas Baudelaire non sería Baudelaire”. Máis ou menos, con distintas palabras, é o que di Otero a respecto da obra de Sartre. Se se estuda Baudelaire, non se poden esquecer os seus poemas: é un Baudelaire toco.

Por último, e sen comentarios pola nosa banda, reproducimos os penúltimos parágrafos do ensaio de Otero, nos que a súa hipótese maior, o cristianismo de Baudelaire, ábrese á luz do día (ou do papel):

“[…] O severo e brillante exercicio metódico esixe a negación do senso cristián, do catolicismo de Baudelaire. Poucos como il desceron atal fondamente nos abismos do ser humán. Os místicos tamén os coñeceron. Hai cosmografías do inframundo. Despois de Baudelaire, métodos e sistemas téñense apricado ó inconscente, ó inframundo, con mellor seguranza do que o heroico precursor. Ó cal para ser espreitado xustamente como cristián […] abóndalle ca súa íntima e decrarada vivencia do remordimento. Sen ela non houber sido posíbele a súa poesía. O seu enxergar lucidío e persoal, e os eclipses que fan máis podente a lus seguinte. O remordemento leva implícita, polo menos, a posibilidade da espranza”.

[1] Edward A. Said, Sobre el estilo tardío, Barcelona, Editorial Debate, 2009. Said,como dixemos, toma a noción de “Estilo tardío” de Adorno, quen a desenvolveu en diversos ensaios, principalmente no titulado “Sobre el estilo tardío de Beethoven”, in Beethoven. Filosofía de la música, Tres Cantos, Ediciones Akal, 2003, p. 167-173.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s