Xerais crea o Catálogo Fernández Paz

agustinAgustín Fernández Paz é un dos grandes das letras galegas por méritos propios. O seu recente falecemento foi o luctuoso motivo polo que Xerais se decidiu a crear o Catálogo Fernández Paz, que compila toda a produción do escritor de Vilalba nesta editorial.

Fernández Paz publicou durante máis de vinte anos ao redor de cincuenta obras literarias, das cales trinta e tres apareceron no selo vigués. Con este catálogo, lectores, libreiros e mestres teñen máis doado acceso ao conxunto da súa produción e poden orientarse mellor na recomendación de textos de Fernández Paz para cada público concreto.

Aínda que Fernández Paz publicou algunhas novelas para adultos (a máis recente, A viaxe de Gagarin, do 2015), o groso da súa produción estivo adicado a títulos infantís e xuvenís. Desde libros para primeiros lectores, como A cidade dos desexos e Raquel ten medo, a textos pensados para adolescentes, caso da recente e derradeira publicación do autor, A neve interminable.

O universo Fernández Paz está formado por personaxes con moita forza, especialmente os femininos, que asumen papeis protagonistas e serven de exemplo para varias xeracións de lectores. As súas referencias son clásicas e sempre dicía que escribía non tanto para gañar lectores para si senón para gañar lectores para as letras galegas. Sempre considerou os seus libros como pontes ou engados para achegarse a outros títulos e autores que el consideraba máis “importantes”. Porque Agustín Fernández Paz, malia ser un mestre, sempre foi un home humilde e moi traballador, que tomaba a escritura como unha parte máis do seu labor escolar.

Mais os seus libros non son os típicos que lles gustan aos profes e que os alumnos len só por obriga. Ben ao contrario, algúns dos seus títulos son dos máis queridos entre o público neno e adolescente e publícanse reimpresións a ritmo moi alto. De feito, Fernández Paz é dos poucos escritores que atinxiu a cifra de 100.000 exemplares dun libro publicado en galego. Eis o caso de Cartas de inverno, unha obra que namorou a rapazada desde o 1995.

Agustín Fernández Paz gañou en vida practicamente todos os recoñecementos á literatura infantil e xuvenil posibles. Recibiu centos de homenaxes e o seu recordo segue moi vivo nas nosas letras. A súa ampla biblioteca é un menú ben gorentoso para calquera amante da literatura. 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s