O fiscal que acusou a Bóveda e tantas outras historias da familia Rivero de Aguilar

Xosé Enrique Acuña.

Ramón Rivero de Aguilar entrou na historia negra de Galicia por ter sido o fiscal que procurou a morte de Alexandre Bóveda. As súas acusacións conduciron a que o líder galeguista fose executado por fusilamento o 17 de agosto de 1936 logo dun consello de guerra sumarísimo. Esta, e tantas outras condenas a morte que solicitou, van convertelo nunha figura tan odiada como agachada. Odiada polos descendentes dos que logrou conducir ao paredón, e á vez escondida pola clase social para a que, no seu favor, realizou un intenso traballo acusatorio. Mais a súa inserción na xustiza militar golpista ten unha particularidade. Rivero de Aguilar chega a ela como un xurista de formación civil e con destino tamén civil. Un fiscal profesional, funcionario da República, que se sumará con galóns de prestado á maquina represiva aberta en xullo do 36.

rivero-de-aguilar-ramon-voida-1931

Voda de Ramón Rivero de Aguilar e Mercedes Díaz de Rábago, no 1931.

Esta historia merecería se contar desde todos e cada un dos consellos de guerra nos que participou, a través de todas as mortes ou penas de prisión que solicitou, de todas as execucións que axudou a consumar ou [¿A cuántos como a mí matarían antes de hacer resurgir el recuerdo de lo que fuimos? Max Aub, Campo del Moro] desde o seguimento vital de todas as vítimas da súa actuación xudicial no franquismo. Mais, licitamente, pode ser abordada desde unha historia familiar e persoal. Outro xeito de comprender unha traxectoria —como a que representa Ramón Rivero de Aguilar, con tanta eficacia e entusiasmo, no enramado represivo franquista— e que permita ser desentrañada a través da arquetípica memoria da súa propia familia. Esta certifica, sen dúbida, que o seu paso por consellos de guerra e fiscalías se corresponde cunha pura executoria de defensa dos privilexios, no seu caso ancestrais, da clase social á que pertencía.

Desentrañar en modo familiar

A posición social da familia Rivero de Aguilar hai que remontala ao século XVIII por medio dunha historia con aristocrático comezo italiano e mais portugués. Un tal Bartolomé Piombino y Fracimento, natural de Xénova, que se titulaba como “caballero de Cristo” e que dicía ser fillo dos “duques de Nocette”, casado cunha muller da nobreza portuguesa (os Barbosa de Araújo), logra en Santiago, por medio dunha Real Cédula concedida en 1740, unha franquía para instalar fábricas de papel en Galicia coa particularidade de que, grazas a ela, ninguén máis podería abrir establecemento ningún da mesma clase. O caso é que, xa mediado o século XIX, Manuel Rivero de Aguilar y Barbosa de Araujo, xenro de Piombino, herda a “Real Fábrica del Faramello” no seu día erguida para a fabricación de papel. A familia emprende, cos mesmos beneficios e axudas reais, novos proxectos que lle permiten administrar senllas fábricas de papel en Caldas de Reis (La Minerva en Cesar) e no Carballiño (Lousado de Cea) aínda que, nestes casos, ningunha delas acada nin o éxito nin a excelencia de produción polo que significara a fábrica do Faramello. A liña testamentaria, en canto a títulos, dereitos e propiedades da familia, será a que chega a finais do XIX ás mans de José Rivero de Aguilar y Gutierrez de la Peña, pai de quen se convertería nun dos máis sinalados fiscais acusadores dos sinistros consellos de guerra do 36.

A historia familiar dos Rivero de Aguilar, con posesións en Ribeira, Brión e Rois e asentamento urbano en Santiago, quedará marcada por este acumulado poder económico e unha ostentación social que aumenta con cadradas vodas e emparellamentos entre familias da vella fidalguía. O Rivero de Aguilar pai goza de pazo no Toural e dunha presenza académica que asenta desde 1897 como profesor na facultade de Dereito e que confirmará cando se lle concede en 1911 a cátedra de “Historia del Derecho” da universidade compostelá. A maiores, dentro da dinámica dos partidos “turnistas”, a súa capacidade de control político vai exercela arrimado ao liberalismo gasetista, unha bandería da Restauración desde a que foi deputado provincial e máis tamén concelleiro en Compostela. Mais os poderes familiares deste Rivero de Aguilar amplíanse cunha escollida carteira de negocios e a participación directiva en empresas como a “Sociedad de Gas y Electricidad de Santiago” ou a exitosa “Sociedad de Seguros Mutuos contra Incendios” da mesma cidade. No ámbito académico tamén ocupa cargos na “Sociedad de Amigos del País” e, con vistas a manter os seus intereses como propietario de enormes posesións rurais, sinaladamente as de Ribasar e Armental, exerce a presidencia da “Cámara Agrícola y Pecuaria” comarcal.

Un dato, privado, que pode axudar a detectar as tan altas posibilidades económicas da familia Rivero de Aguilar debera ser o que transmite a capacidade coa que o catedrático e político lle fai fronte á enfermidade que padecía Ramona Otero Bárcena, a súa muller. En 1908 emprende unha viaxe con ela con destino a París e Berlín para que nestas dúas capitais reciba atención e consulta médica. Finalmente, ante as diagnoses ofrecidas, elixe Estrasburgo para que sexa sometida a unha operación. É neste contexto, a todas as luces elitista e sobrante de “posibles”, onde se crían e educan os distintos fillos da parella e dunha familia que sempre contou con xerárquico e clasista tratamento cando, sempre en positivo para eles, nos xornais se recollían as súas actividades sociais e académicas nos daquela tan influentes “ecos de sociedad”. De feito, a construción da personalidade pública do futuro fiscal Ramón Rivero de Aguilar e Otero comeza moi cedo cando se magnifican na prensa de 1920, a ser non máis que estudante, as “boas notas” que obtiña nunha carreira de Dereito que cursaba ao abeiro da posición académica do seu pai. Un alumno que en Santiago xa forma parte en 1922 da Federación de Estudantes Católicos dirixida por Tomás Pedret Casado e que, no ano seguinte, titúlase como licenciado para, despois dunha instancia formativa en Madrid, doutorarse en 1924. Neste mesmo ano tamén pasa unha temporada encamado e enfermo de certa gravidade antes de que, en plena Ditadura de Primo de Rivera, ao fillo do catedrático de “Historia del Derecho” se lle conceda por parte do goberno español unha bolsa de 157 días como “axuda” para ampliar estudos nas universidades de París e Roma.

Da Italia fascista á fiscalía

O paso por Italia marca fondamente a Ramón Rivero de Aguilar. Desde aqueles días convértese nun declarado seguidor intelectual das teorías de Enrico Ferri, profesor de quen recibe en Roma formación en Dereito Criminal no preciso momento no que este xurista se abraza con entusiasmo ao réxime fascista de Mussolini. Ferri, un antigo teórico e líder dos socialistas italianos, moi criticado por Antonio Gramsci polo seu abandono do socialismo, envolve intelectualmente a Rivero de Aguilar nesta súa estadía italiana até o punto de que o bolseiro se entusiasma tanto polo sistema político de Mussolini que, cando o seu retorno a Galicia, non dubidou de exteriorizalo en charlas públicas e académicas. Rivero de Aguilar mesmo chega a publicar a tradución dunha obra teórica de Ferri de título El Homicida despois de que, en novembro de 1925, se lle permita exercer de profesor auxiliar na mesma facultade na que o seu pai aínda figuraba como catedrático. Como tantos varóns de familias semellantes, decide opositar e, logo dun sonoro fracaso para ocupar praza en propiedade na universidade, opta por facelo á carreira de fiscal. Nos últimos momentos da Ditadura, decembro de 1930, aproba en Madrid as oposicións á fiscalía e en breve, moi tamén na tradición das sagas familiares galegas coas que compartía privilexios, concerta enlace matrimonial con María de las Mercedes Díaz de Rábago Paseiro, filla dunha familia coa que desde había décadas o seu pai mantiña un interesado achegamento. A voda, con gran boato, malia o loito que cumpría a noiva, celébrase en xaneiro de 1931 segundo o canon da clase social no que se insería o novo casal. A crónica de prensa, e tamén as fotografías realizadas, deixan claro o ambiente e luxo do casamento: “En uno de los amplios salones de la casa se levantó un artístico altar cuyo dosel estaba formado por un magnífico manto de caballero de Carlos III perteneciente a ilustres antepasados de la contrayente y que servía de adecuado marco a la imagen de la Purísima Concepción”.

Como se todo estivese escrito nun guión previo, chega o seu nomeamento como fiscal da Audiencia de Pontevedra no que sería o seu comezo real no mundo dos tribunais de xustiza. Antes xa exercera por un brevísimo tempo de xuíz suplente en Santiago, a cidade onde arma amizades, sempre de idéntico nivel social e económico, e coas que comparte, como signo de ampla capacidade económica, o uso de automóbil. De feito, xunto cos seus íntimos amigos, e tamén familiares, os Otero Goyanes (algún deles, en poucos anos, compañeiro na fiscalía e conmilitón camarada na petición de penas de morte) terá un accidente de tránsito que todos solventan sen feridas de maior gravidade. Un incidente moito menor dos que, nun curto tramo de tempo, padece no ámbito familiar coa morte do seu pai un ano antes, e o inesperado óbito da súa dona cando xa ocupaba destino na fiscalía de Pontevedra. En outono de 1931, con escasos meses de casados, a súa muller enferma tan gravemente que falece en poucos días. Ante a situación, e moi na liña establecida por certas tradicións fidalgas, casará aos poucos con María Teresa, da mesma familia da desaparecida, nunha cerimonia moito máis íntima, case clandestina, que aquela celebrada no seu día na mansión compostelá dos Díaz de Rábago.

O paso por Pontevedra do principiante fiscal Rivero de Aguilar circulou entre a formación, a aplicación dos criterios aprendidos do xurista fascista Enrico Ferri e a difícil lida con vellos e astutos avogados defensores locais como José Amoedo, Isidoro Millán ou Prudencio Landín, todos máis que complicados de bater nas causas que representaban. Rivero acadou sonoros fracasos nalgúns dos casos penais que representa desde a fiscalía (como no caso dun crime acontecido en Cotobade xulgado en marzo de 1933), deu mostras do agre do seu carácter (se cadra vítima dos recentes problemas familiares) e á vez transmite de xeito explícito un clasismo —social e corporativo— que lle impide conectar coa Pontevedra máis popular. Un perfil persoal e profesional que quedará documentado por outro avogado, o galeguista Xerardo Álvarez Gallego que, con coñecemento de causa, transmite a imaxe dun Ramón Rivero de Aguilar con escasas capacidades (chámalle desprezativo Ramonciño), e máis pola tendencia a pedir penas excesivas que tantas veces non compartía, como xuíz, un seu antigo compañeiro de facultade, Julio Lois Lois, despois suspendido no seu cargo na Audiencia pontevedresa en 1937 polo goberno de Burgos. En circuíto de ascensos, en 1933, xa en pleno tempo republicano, o seu novo destino condúceo á Audiencia da Coruña, tamén como fiscal. Alí compartiría fiscalía, con menor xerarquía, co pontevedrés Gustavo Varela Radío (irmán do doutor Manuel Varela Radío) e con Rafael Alonso Pérez Hickman, outros dos fiscais civís que pediría penas de morte nos consellos de guerra que, en nada, habían de vir.

No seu novo destino pasa por acomodarse a unha xustiza e a un sistema político, como o representado pola constitución da República, que non comparte en clave social nin xudicial. O seu clasismo, transmitido vía familiar, impídelle comprender os enormes cambios que estaban a acontecer na sociedade galega, nin as disposicións legais que se lograron introducir desde o lexislativo e o goberno republicano. Circunstancias, puramente ideolóxicas, que, a seguir co perfil da súa figura labrado por Álvarez Gallego, derivarían a que “endexamais lle coupou na testa o Dereito a dereitas”. O avogado Álvarez Gallego, que coñecía a Ramón Rivero de Aguilar de compartir aulas universitarias, e tamén de sufrilo naquel primeiro paso como fiscal en Pontevedra, décadas despois afinou —de quen para el non era fora máis que un “fiscaliño”— a contundencia do seu retrato xudicial: “Ah, pro iso sí, pola ascendencia e a vocación sempre mostrara un ánemo acusador contra o que non fora caciquismo rural, señoritismo de cibdade e mandiño aldeán no pazo familiar do Faramello”.

O especialista en pedir penas de morte

E o tal señoritismo ten expresión en xullo de 1936 a xeito dun flamante uniforme militar de “teniente auditor movilizado”, o coñecemento e compresión activa do golpe militar e o seu traspaso entusiasta á xustiza militar extraordinaria que os dirixentes do alzamento armado contra a República pasan a aplicar coa maior das severidades. De feito, poucos días de que triunfase a rebelión militar, Rivero de Aguilar foi dos que con enerxía vingativa acusaba desde a fiscalía –precisamente aos defensores da legalidade constitucional– de graves (mais, en lei, infundados) delitos de “rebelión miliar”. Desde, cando menos, os primeiros días de agosto, sen que pasase nin un mes do alzamento, Rivero de Aguilar —dirixido e a formar gavela con aquel sinistro grupos de fiscais e auditores militares destinado na Coruña e composto por Hernán Martín Barbadillo y Paul, Eugenio Pereiro Courtier, Jose María Salvador Merino e Joaquín Otero Goyanes— vai formar parte de consellos de guerra constituídos por todo territorio galego. O 14 de agosto, en Ferrol, xa está a solicitar penas de morte contra un grupo de soldados, e a comezos de setembro actúa contra un amplo número de cidadáns de Pontevedra, Bueu, Marín e A Estrada acusados en consellos que, por eses días de vinganzas dereitistas, se celebraban en número de dous a catro por xornada. Nun destes será no que pida pena de morte contra Dionisio González Pérez, o despois executado cabo da garda urbana de Pontevedra, nun xuízo onde o fiscal Rivero de Aguilar se atreve a acusar a este policía de exercer de “jefe de la Checa organizada en esta ciudad” e mesmo, como explícito elemento acusatorio, de ser “lugarteniente del alcalde” García Filgueira. En setembro continúa a demandar a máxima pena en dous consellos de guerra contra “paisanos” en Santiago e, xa en outubro, participa de novo en Pontevedra en consellos contra veciños de Silleda e da Estrada e noutro, no que se solicitan até dez penas de morte, contra resistentes de Caldas de Reis. Posteriormente logra novas condenas de morte en Santiago e persiste en peticións que conducen a fusilamentos despois dunha serie de consellos de guerra celebrados en Vigo. A finais de outubro acusa, e leva á morte, a membros de partidos políticos e cargos públicos da República en Ourense e, antes de que remate o mes, volve ser fiscal en dous consellos de guerra en Vigo e outro celebrado en Lugo contra un grupo de asturianos de Luarca.

Antes de rematar o ano actúa en varios consellos en Ferrol e comeza o 1937 a acusar e conseguir penas de morte, en diversos sumarísimos, contra activistas obreiros procedentes de distintas localidades da provincia de Pontevedra. Mostras estas todas da intensidade coa que, o “teniente auditor movilizado” Ramón Rivero de Aguilar, exercía dentro da xustiza militar golpista e que, a maiores dos datos destes primeiros meses, advirten da necesidade dun estudo que complete polo miúdo todos e cada un dos consellos de guerra nos que participou e no que, con xusteza e rigor, se inclúan os nomes de todas e cada unha das vítimas. Con todo, a súa sonora e entusiasta presenza como fiscal no xuízo que levou á execución de Alexandre Bóveda en agosto de 1936 (estudada, con distintos criterios —os dous plenamente asumibles— por Xerardo Álvarez Gallego e Luís Lamela), bastaría por si mesma para caracterizar os modos acusatorios, a práctica “xurídica” e os motivos ideolóxicos cos que afronta un home como el os consellos de guerra. No celebrado contra Bóveda —así o recolleu puntualmente a prensa franquista— Rivero de Aguilar chega a expresar sen disimulo que nunca sentira “mayor emoción” ao levantar “su voz acusadora”.

O militar e enxeñeiro José María Rivero de Aguilar en dous momentos da súa vida.

O militar e enxeñeiro José María Rivero de Aguilar en dous momentos da súa vida.

Vidas cruzadas. Á sombra do seu irmán militar

Consumada a derrota militar da República, agardaban polo fiscal Ramón Rivero de Aguilar os emolumentos da vitoria. Os destinos que premiaban os servizos prestados en tantos consellos de guerra ordinarios e sumarísimos. En agosto de 1939 foi nomeado “Secretario Técnico del Servicio Nacional de Prisiones” onde estivo, sen que se coñezan os motivos, pouco máis dun ano. En setembro de 1940 retorna ao seu oficio para ocupar o posto de “Fiscal de Tasas” na provincia de Segovia. Un cargo que, contra o que poida supoñerse permitíalles aos fiscais ter un poder case absoluto. Desde impoñer multas de enorme contía e realizar incautacións a, algo que foi moi común, poder enviar os encausados a cumprir traballos forzosos en batallóns de traballadores baixo o control disciplinario da autoridade militar.

Mais nestes anos primeiros anos 40 a figura do fiscal Rivero de Aguilar vai quedar en certa medida escurecida pola emerxencia política, en postos de alta responsabilidade, do seu irmán José María. Nesta primeira década do franquismo, as noticias nos xornais do réxime van ser agora para este outro Rivero de Aguilar e, case sempre, de forma tan esaxerada como dócil. Militar formado en África desde 1921, a prensa compostelá, aquela que cubría submisa os supostos logros da súa familia, celebra as andanzas coloniais do mozo santiagués nas terras dun Rif ao que o destinaran en 1925: “Nuestro querido amigo el teniente de ingenieros D. José Rivero de Aguilar y Otero que se halla formando parte de la columna del General Saro, en operaciones en Tetuán ha merecido que dicho general le expresara de oficio, la satisfacción que le causó ver su comportamiento como jefe de grupo de ingenieros en las operaciones del 29 de enero y 9 de febrero completado con gran actividad la linea de defensa y estableciendo la frontera desde Riguia al Jarrat y Al Bucen (sic) y desde Sed-la a Fescara (sic)”. Unha nota reforzada coa afirmación de que “con gusto recogemos este laudatorio y merecido juicio felicitando por ello al joven oficial y a su distinguida familia”. Mais a grande oportunidade para José María Rivero de Aguilar tamén lle chegará co alzamento militar do 36. No seu papel de enxeñeiro foi encargado polos xenerais golpistas para ordenar o tráfico ferroviario na zona que quedara no seu poder e poñelo a disposición das necesidades bélicas do xeneral Franco desde a xefatura do “Servicio Nacional de Ferrocarriles”. Froito do seu labor na retagarda, xa rematada a contenda (onde sería condecorado coa Cruz de Mérito da Orde da Aguia do exército alemán) foi sinalado en 1944 para exercer como director xeral de Renfe. En pouco anos, o seu verdadeiro poder político pasará a consumalo en agosto de 1951 cando queda nomeado “subsecretario del Ministerio de Obras Públicas”. Un destino, con amplas e discrecionais dispoñibilidades orzamentarias, logrado nun momento de expansión da obra civil por parte do Estado, e que José María Rivero de Aguilar administrará cunha habelencia política na que o pazo familar do Faramello ía cumprir un papel esencial.

Convertido en home de máxima confianza do conde de Vallellano, o todopoderoso ministro do ramo no goberno do xeneral Franco, a José María Rivero de Aguilar achéganselle todas as prebendas e honores propios dun tempo de adulación extrema. Nomeamentos de fillo adoptivo en Vilagarcía e Monforte, predilecto en Santiago, nomes de rúas e peiraos dedicados a súa figura, presidencia de procesións relixiosas, trofeos de fútbol baixo o seu apelido e, o máis importante, escollidos cargos en consellos de administración de empresa públicas e privadas. Unha acumulación de poder que durante eses anos o vai situar como o home máis poderoso de Galicia, fóra do propio ditador. A información privilexiada da que dispoñía, e a capacidade para converter calquera negocio ou proxecto nunha realidade a publicar no Boletín Oficial del Estado, vai converter a José María Rivero de Aguilar en algo máis ca un “simple” subsecretario de Obras Públicas.

Unha corte franquista no Pazo do Faramello

Morgado da “estirpe” familiar, é a este militar a quen lle corresponde por herdanza a propiedade do Pazo do Faramello. Un espazo arquitectónico con orixe no século XVIII, que acomoda e restaura para que poida cumprir a función á que máis partido lle tira xa desde os anos nos que este enxeñeiro militar ocupara a dirección de Renfe. No primeiros quince anos de franquismo José María Rivero de Aguilar converteu o Faramello, edificado na parroquia de Ribasar no concello de Rois, nunha sorte de Pazo de Meirás bis, e en toda unha corte dos milagres do réxime. Nel chegou a reunir en agosto de 1950 o consello de administración de Renfe e nos seus xardíns e salóns recibiu o propio xeneral Franco. O ditador visitou o Faramello en dúas ocasións. A primeira o 25 de xullo de 1945 e a segunda, con máis pompa se cabe, en setembro de 1953, onde o “caudillo” viaxa con todo o séquito habitual, o cardeal arcebispo de Santiago e máis o “Patriarca de las Indias Occidentales”. Época de ouro do poder político que exhibían os Rivero de Aguilar nun pazo decorado con louza de Sargadelos, tapices, cadros e unha envexable colección de reloxos vellos da que gozaban os escollidos visitantes que cada verán alí chegaban convidados por José María Rivero de Aguilar. Desde o poeta falanxista José María Pemán e ministros e ex ministros de Franco, como Eduardo Aunós e o xeneral Fernández Ladreda, a aristócratas con enorme poder no franquismo cal eran o conde de Guadalhorce e máis o seu mentor o conde de Vallellano. Este último era un fixo nas longas estancias no Faramello como tamén o serían o xeneral García Valiño, “Alto Comisario del Protectorado Español en Marruecos” (home máis que fundamental para “abrir” certos mercados) e, moi achegado de sempre á familia, o infante Luis Fernando de Baviera y Borbón. Os tres últimos dos citados como exemplo de xogos de amistades ligadas sempre á apertura de negocios e empresas comúns, a maiores de compartir todos pensamento político falanxista e exteriorización relixiosa nacional-católica.

Por eses anos a prensa galega víase na obriga de cubrir a presenza dos visitantes “ilustres” no Faramello, e dedicar páxinas á celebración, sempre dentro dos seus muros, da romaría da “Virgen de Las Nieves”. Unha elitista festa relixiosa para a que José María Rivero de Aguilar seleccionaba habilmente os seus convidados e se ocupaba persoalmente que estas presenzas quedaran reflectidas nos xornais. Romaxe non poucas veces con misa celebrada antes varios bispos, procesión con alarde de medallas e uniformes de gala e, como triste cota “rexional”, entendida non máis que como figuración de zarzuela, a habitual vasalaxe dos grupos de coros e danzas controlados pola Falange. Os alardes clasistas da familia coa festa da “Virgen de las Nieves” chegaban ao punto de facer subliñar aos xornais que —“por unas horas“— lles permitiran a entrada aos campesiños da contorna ao complexo do Faramello para que estes puidesen orar na capela do pazo ante un retablo de gran valor artístico que, ben que se sabía, antes pertencera á veciña capela de Angueira. Concesión paternalista ás xentes de Ribasar que non evitou que o propio Franco —díxose— chegase a pronunciar, despois da súa segunda visita ao predio, unha interrogativa frase: “De donde saca tanto dinero este Rivero de Aguilar?”. Ao parecer chamáralle a atención unha corte de criados, con levita, que lle saíran ao paso, e a elevada cantidade de persoas que, con el, podían gozar dun luxoso banquete. Verdade ou chisme interesado, o certo é que o poder que por este anos administraba José María Rivero de Aguilar podía chegar ao extremo de conseguir que todo un goberno franquista lle concedese á criada de toda a vida da familia —setenta anos a traballar para eles e oitenta e sete cumpridos— nada máis e nada menos que a “Medalla del Mérito al Trabajo”. Iso si, coa categoría de cobre.

Titulares relacionados cos Rivero de Aguilar na prensa franquista.

Titulares relacionados cos Rivero de Aguilar na prensa franquista.

Mais para o todopoderoso home do Faramello, o vello pazo citado por Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán, chega nun infausto día de abril de 1955 a fulminante destitución en Obras Públicas. Unha inesperada caída en desgraza que o seu íntimo camarada e conde, o ministro Vallellano, viuse na obriga de firmar. A prensa antifranquista do exilio, neste caso o Mundo Obrero, voceiro do PCE, que profusamente entraba clandestino en España, ofrecía en xullo de 1955 unha versión distinta á oficial. Segundo a versión do xornal comunista, a repentina destitución de José María Rivero de Aguilar no ministerio partira de máis altas instancias por causas directamente relacionadas coa corrupción. Unha purga debida, afirmaban, a que o coronel Luis Boix, xefe de persoal de Renfe, falsificaba a contabilidade referida ás nóminas dos obreiros da empresa estatal para quedar con sumas millonarias de diñeiro. Mundo Obrero, habitualmente ben informado por militantes infiltrados no seo da administración, ía máis alá e atrevíase a apuntar que o “subsecretario de Obras Públicas coronel Rivero de Aguilar, participaba también en el robo de los puntos de la Renfe. El cubría a Boix y le facilitaba sus operaciones a cambio de que una parte del botín fuese para sus manos, o a cambio de otros favores recíprocos en otros negocios por el estilo”. Con todo, a poucos meses da súa destitución, en decembro de 1955 estoupa outra bomba informativa cando transcende que ao Rivero de Aguilar caído en desgraza lle tocaran seis millóns de pesetas (daqueles anos) co premio gordo da lotería de Nadal. Todo un antecedente —nos dous casos circularon toda caste de chistes e bromas— do que lle acontecería tres anos despois a outro amigo de Franco e da mesma familia Rivero de Aguilar, como era o financeiro coruñés Pedro Barrié de La Maza que, tamén coa lotería, logra outra suma millonaria.

Da Fiscalía de Tasas a fiscal do Tribunal Supremo

A maiores do Pazo de Faramello e un amplo piso na compostelá rúa Senra, a familia Rivero de Aguilar, tamén na comarca de Santiago, mantiña abertas outras suntuosas propiedades. Nunha delas, o Pazo de Armental en Brión, é onde, sen chegar ao nivel dos alardes e galas do Faramello, a familia do fiscal pasa as vacacións e recibe e agasalla a escollidas amizades que estratexicamente cultivara. Despois de exercer de fiscal de Tasas en Segovia, Ramón Rivero de Aguilar desempeña igual labor por Palencia, Santander e Zaragoza antes de aceptar un destino que, para moitos, foi toda unha provocación e, sobre todas as cousas, mostra inequívoca da insensibilidade do seu carácter. En xaneiro de 1945 toma posesión da Fiscalía Provincial de Tasas de Pontevedra sen que lle remoese no máis mínimo, nunha cidade tan pequena, a posibilidade certa de bater pola rúa con familiares ou amigos dos que levou á morte. Amalia Álvarez, viúva de Alexandre Bóveda, incluída. O certo é que aquel fiscal acusador nos consellos de guerra do 36 retorna nove anos despois a Pontevedra e alí permanecerá cinco anos asentado nun departamento especialmente odiado pola cidadanía, xa esta fose antifranquista ou partidaria do réxime. De feito, a escasa e abatida resistencia local, que a partir do triunfo aliado en 1945 collera folgos para volver actuar, atrévese a criticar, mediante o espallamento de follas clandestinas, os abusos dun servizo que pretendía regular os produtos de primeira necesidade sometidos a racionamento. O galeguista Celso Emilio Ferreiro, que como funcionario da mesma fiscalía (colocado alí polo escritor falanxista Emilio Canda) traballou ás ordes de Rivero de Aguilar, transmitiu anos despois —só aos seus máis achegados e cando xa abandonara Pontevedra— as distintas varas de medir coa que o seu xefe impoñía incautacións, clausura de empresas, comisos de mercancía ou penas pecuniarias. Modelo interesado de xustiza que no caso do seu segundo paso por Pontevedra terá remate cando en 1950 é trasladado —primeiro a Madrid e, dous anos máis tarde a Pamplona— xaora como mero fiscal nas respectivas audiencias provinciais. Ascensos profesionais que non facían adiviñar que en novembro de 1954, sen que sexa aventurado detectar tras o nomeamento a influencia do seu irmán subsecretario do Ministerio de Obras Públicas, que a Ramón Rivero de Aguilar se lle sitúe outra volta en Madrid no relevante cargo de fiscal do Tribunal Supremo. Posto, de lles transcender, que seguro transmitiría horror e lembranzas amargas ás vítimas vivas das súas actuacións como fiscal nos anos do 36.

A hora dramática do fiscal Ramón Rivero de Aguilar

'La Noche' dá conta do accidente aéreo no que morreron dous irmáns Rivero de Aguilar.

‘La Noche’ dá conta do accidente aéreo no que morreron dous irmáns Rivero de Aguilar.

Ás 18h20 da tarde un avión Bristol tipo 170 despega do aeroporto da Lavacolla con destino a Madrid. Trátase dun voo regular da compañía Aviaco que conducía á capital a Ramón Rivero de Aguilar que, na compaña da súa dona, retornaba a Madrid despois de pasar varias semanas en Galicia. Era o 9 de maio de 1957 e na terminal madrileña familiares dos pasaxeiros agardaban pola chegada da aeronave. Barajas estaba esa xornada especialmente animado pola presenza dun importante número de persoas alí reunidas para recibir a selección española de fútbol que viña de gañar un partido en Escocia. Foron algúns deses seareiros os que advertiron unha enorme fumareda sobre o fondo da pista 33 do aeroporto. Ao pouco soaron alarmas e todos os presentes detectaron un operativo de bombeiros que se dirixía cara á columna de fume. Entre o público alguén xa se atreve a anunciar en alto: “É o avión de Santiago!”. As 20:10, sobre a devesa de La Muñosa, o Bristol procedente de Santiago caera en barrena moi perto dun grupo de casas. O avión incéndiase co brutal impacto e deseguido prodúcense unha serie de explosións. As primeiras persoas que alí se achegaron co ánimo de socorrer foron tamén os primeiros e caer na conta da intensidade da traxedia. Tratábase dun grupo de extras que alí traballaban na rodaxe dunha película que se ía titular “Yo escogí el infierno”. O resultado final foi que non houbo sobreviventes nin entre a pasaxe nin da tripulación. Os 32 pasaxeiros falecen e, todos, resultan na práctica carbonizados. Entre eles o fiscal Ramón Rivero de Aguilar e a súa muller María Teresa Díaz de Rábago.

En Barajas agardaba par recollelo o seu irmán José María que vivirá in situ o accidente, e máis tamén acaba de se informar que no mesmo avión viaxaba o seu outro irmán, farmacéutico na rúa da Calderería compostelá, Rafael Rivero de Aguilar. Mentres, en Santiago a noticia transcende esa mesma noite e para a mañá do seguinte día xa circulan os nomes dos falecidos no accidente. As primeiras edicións da prensa dan a coñecer a identidade dos mortos, homes e mulleres case todos galegos, mais, sobre todo, destacan por medio de numerosas crónicas a inesperada e brutal morte do fiscal Rivero de Aguilar e da súa dona. Nunha delas, extraordinaria, a firmada polo xornalista Borobó, e baixo o título de “Relato de una hora dramática”, nárranse os momentos últimos e anécdotas varias dos pasaxeiros do Bristol accidentado. Entre elas algunha referente ao farmacéutico Rafael Rivero de Aguilar, a quen Borobó define ese día como un “bonachón” e do que outros poderían lembrar como, ben distinto ao seu irmán fiscal, firmara un manifesto de profesionais e académicos galegos contra as penas de morte que diversos tribunais militares solicitaran en 1935 contra obreiros implicados nos sucesos de Asturias do 34.

Despois de realizada unha investigación por parte das autoridades militares, que descartaron de plano a posibilidade de atentado ou presenza de artefactos explosivos, todas as sospeitas se centraron no motor dun avión que, en picado, caeu a escasos seis quilómetros de Barajas. En poucos días, despois de recoñecidos polos familiares os corpos dos falecidos, e anunciarse que os seus herdeiros cobrarían 125.000 francos ouro, os cadáveres retornan separadamente a Galicia. No caso dos da familia Rivero de Aguilar, por xestións ante Renfe de José María, o seu antigo director, os seus féretros viaxarían en dous vagóns enganchados extraordinariamente ao tren expreso destino Santiago. Un preparado como capela ardente e o parello como coche sala adxunto. Para o enterro, malia que Ramón, a conta de dereitos adquiridos vía os Gutiérrez de la Peña (o segundo apelido do seu pai), mantiña o privilexio de ser soterrado na chamada “Capilla del Alba” da catedral compostelá, que era da súa posesión, serán os seus fillos —a parella tivera sete— quen decidan que fose o panteón da familia dos Díaz de Rábago, na Pobra do Deán (Caramiñal), o que acolla os restos mortais do temido fiscal do Tribunal Supremo franquista. Actos fúnebres, e máis tamén homenaxes públicas de recoñecemento programadas por distintas autoridades franquistas galegas —tamén por parte da igrexa— a un home que morría a idade de 55 anos despois dunha traxectoria profesional e ideolóxica sempre marcada polo amparo e defensa da súa clase social.

É o que se lle recoñece, e el mesmo admite, cando dous anos antes, en xaneiro de 1955, se lle organiza por parte de Enrique Otero Aenlle, o alcalde falanxista de Santiago, unha homenaxe, supostamente sorpresa, a un Ramón Rivero de Aguilar que viña de obter destino de fiscal no Tribunal Supremo. Foi a desculpa para que se reunisen “vellas glorias” do Dereito anteriores a 1936, e máis tamén o grupo de incondicionais sempre disposto a se axeonllar ante a familia Rivero de Aguilar y Otero. Otero Aenlle, daquela tamén catedrático, atreveuse a afirmar, nese día, que o antigo fiscal militar “prestixiaba la Escuela Jurídica Compostelana”, e que as liñas xurídicas por el impartidas sempre estiveran “hermanadas con el amor cristiano”. A contestación do fiscal do Supremo pasaría por unha previa e impostada confesión. Cando soubo do seu nomeamento o primeiro que fixera, asegurou no seu discurso, foi dirixirse á catedral para “postrarse ante los pies del Apostol”. Esquecían, todos, el se cadra tamén, que a memoria de moitos dos fusilados e encarcerados aínda permanecía viva e presente en tantos dos que, pasmados, puideron ler na prensa franquista as noticias deste cerimonial de infamia. Tal e como, quince anos despois, se lle se escoitaba recitar ao poeta Carlos Oroza: “La sociedad era feliz y tenía un fiscal para acusarme/ La sociedad era feliz y tenía un fiscal para lucirse”.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s