A arte, unha proposta para a fraternidade

Otero Pedrayo ensaísta (VIII bis). Un descanso

Xesús González Gómez.

leon-tolstoi-800x445

Lev Tolstoi.

Este verán, nunha das miñas pescudas por librarías de vello, atopei e comprei, por un prezo case que ridículo, a versión española, de 1902, de Que é a arte?, de León Tolstoi, publicado pola Editorial Maucci en versión de Augusto Riera. Un libro difícil de atopar, así que o lector interesado pode buscalo en Google, onde atopará diversas edicións en pdf.

O texto de Tolstoi publicouse por vez primeira nunha revista moscovita, en dúas entregas, alá polo 1898. O texto é, no fondo, unha especie de manifesto íntimo que levou, confésao el propio, durante quince anos e do que fixera múltiplos esbozos sen nunca conseguir levalo a cabo. Finalmente realizouno e o resultado foi unha bomba en forma de capítulos notabelmente coherente e áxiles, mais non todos convincentes.

Segundo os biógrafos do escritor ruso, o seu texto provocou escándalo entre os estetas; entre os seus máis fieis e conspicuos seguidores, a consternación. A tese que percorre o libro tolstoiano é coñecida: o exercicio da arte –especialmente da literatura –está organicamente vinculado a unha experiencia relixiosa. Mais, hai que precisalo, non a unha consciencia relixiosa inmutábel, senón, pola contra a unha consciencia relixiosa cuxos imperativos, se quere ser viva, esixen, en cada época da humanidade unha realización particular. Para o conde ruso, traballar a prol da unión fraterna para a felicidade de todos os homes.

Toda arte, toda literatura que non contribúa a este obxectivo non é máis que unha caricatura da arte verdadeira, da verdadeira literatura. De aí que Tolstoi xulgue todas as producións artísticas do seu tempo (agás Dickens e Lembranzas da casa dos mortos, de Dostoievski) como iso, como caricaturas da verdadeira literatura, como manifestacións dun estado de dexeneración cuxo punto de partida sería o Renacemento: a arte, segundo o ruso, perdeu o seu poder de fecundidade espiritual e non é máis que un elemento de gozo para as clases socialmente privilexiadas. Consecuencia, tanto para arte como para a literatura: empobrecemento dos temas; converterse en exclusiva dunha intelligentsia e separada do pobo; perder todo contido ético e, pola lóxica desta degradación, só se desenvolveu baixo o signo de tres constelacións funestas: pretensión individual do artista, sexualidade, asco da vida.

Máis aínda: a arte e a ciencia manteñen entre si unha estreita relación, “como o pulmón e o corazón”, e se unha está pervertida a outra non tarda en sufrir os efectos. E así, segundo Tolstoi, a ciencia do seu tempo tamén está pervertida, entregándose a investigacións de realidades estrañas á única que importa: a felicidade dos homes. Se a ciencia está pervertida, como podería a arte escapar a este proceso de deterioro; deterioro que se manifesta, ante todo, por unha busca desesperada de orixinalidade? En apoio da súa tese, o escritor ruso arremete contra os artistas e os poetas máis salientábeis do XIX: Wagner, os impresionistas e, na sección poesía, Baudelaire, Verlaine e Mallarmé (porque, supomos, con coñecía nin a Rimbaud nin a Lautréamont). Como o primeiro é o máis importante e o máis representativo, será o albo da súas arremetidas –ben que nin Mallarmé nin Verlaine se salvan delas.

A quen vén Tolstoi neste traballiño sobre Otero? Penso que o lector o adiviñaría. Se para o ruso o exercicio da arte, da literatura, está vinculado organicamente a unha experiencia relixiosa, para Otero, no fondo, a cuestión é idéntica. Mais as visións sobre Baudelaire que teñen un e outro, son completamente diferentes. Antes de “comparalas” digamos algunha máis a respecto de Toltsoi e Baudelaire.

baudelaire

Charles Baudelaire.

Tolstoi repróchalle ao francés, en poucas palabras, a vontade de semellar excéntrico, buscar a escuridade na expresión –na que, no fondo, non ve (o ruso) máis que unha forma de impotencia– e, finalmente, aínda que todos os poemas d’As flores do mal non alcanzarían o grao de escuridade das pezas que “analiza” (ou incrimina) Tolstoi, “non hai un só que sexa bastante simple para ser comprendido sen un certo esforzo, e este esforzo non se ve recompensado ordinariamente, porque os sentimentos expresados polo poeta non son belos e pertencen, en xeral, a unha orde abondo vulgar”. Apreciación que confirma o que el denomina “detalles pornográficos, que ninguén antes que eles [Baudelaire e Verlaine] se atreveu a usar: iso chegou para que os considerasen como grandes escritores os críticos e o público das clases elevadas”.

Para comprendermos a incompresión de Tolstoi a respecto de Baudelaire abondaría con comparar as vidas dos dous e os momentos políticos que ambos viviron: son, en certa maneira, o antípoda un do outro. Un, señor e soberano de todos os poderes: rango social, saúde, cartos, propiedade rural, capacidade sexual, familia numerosa, facultades mentais, etc., e a vivir nunha sociedade en plena evolución despois de 1812. O outro cun desfase familiar e materno de saída, un sistema nervioso vulnerábel, unha non inserción social que se agrava cos anos, a pobreza que o levará ás beiras da miseria, a tutela financeira, a sífilis, a impotencia, unha dificultade crecente para falar e para crear, etc.  E todo isto nunha situación política, que despois das  revoltas de 1830 e 1848, cada día é máis hipócrita e reaccionaria baixo o mandato do terceiro Napoleón. Trazo por trazo, o inverso da situación de Tolstoi, que, paternalista, non podía entender a filiación (“a malta presidial”, que di Otero) do poeta francés. Non a podía comprender; como non puido comprender, por exemplo, poemas como “Os ollos dos pobres”, “Un voyage a Cythère” e tantos outros nos que a solidariedade coa dor dos outros, a piedade e o amor están presentes.

E aquí é onde se diferencian as visións sobre Baudelaire de Tolstoi e Otero: os dous utópicos dunha utópica república campesiña; os dous fondamente relixiosos, mais as súas visións sobre o poeta son diferentes, non só no que respecta, digamos, á forma dos poemas, senón da “expresión” destes, do que din. E, tamén, do home Baudelaire. Espiguemos algunhas opinións de Otero: “Si os homes deben seren coalificados polos seus renunzamentos e naves queimadas, Baudelaire xurde na sua procurada soedade como un heroe das aventuras metahistóricas da intelixencia”; “Baudelaire, descobre deica as derradeiras cordas abouradas do seu corazón e fuxe da ironía quezáis por siñificare un vieiro retorno para surprender e enfeitizar un público esdenado”[1]; “Pois ben logo foille outorgado a Baudelaire o privilexio terrible de sentir ó seu redor o valeiro, reinado do fastío e a soia podente realidade da morte”; “Baudelaire: a beleza do verso conquerida pola frol do desespero desabrochándolle na alma o sentir do mundo mao nun evidente xansenismo desconcertante para os críticos aprobados e recibidos, e o dandismo, igual a un ascetismo”, etc.

León Tolstoi é un inmenso escritor mais é un deses críticos “aprobados e recibidos” de que fala Otero. Tolstoi, como Otero, vincula a arte, a literatura, a unha experiencia relixiosa, mais o ruso faino dogmaticamente e o galego con plena liberdade, sen condenar a aqueles que ama aínda que estea en desacordo con eles. Nas opinións de Tolstoi sobre os grandes da arte e da literatura do XIX temos unha proba mais de cómo enganan as aparencias. Non se sei o ruso foi, como escribiu Lenin, o “espello da revolución rusa” (mirando o que aconteceu despois, talvez si sexa certo que foi o espello de tal revolución). Foi, como se dixo, un grande escritor que abriu posibilidades á novela, mais tamén agacha unha mente preguizosa, retrógrada e, no fondo, ultramoderada. Otero talvez non sexa nunca o espello dunha (im)posíbel revolución galega, mais a súa mente non era nin preguizosa, nin retrógrada, nin ultramoderada –e estamos, tanto para o ruso como para o galego, a referírmonos á literatura, á arte.

Otero non será o espello dunha (im)posíbel revolución galega: continuar a ser espello para unha literatura galega de altos valores artísticos e morais.

[1] Lembremos que para Gramsci a ironía era unha xerga de literatos para literatos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s