Antón Reixa e as vangardas na poesía dos 80

670_1335526733anton_reixa651Manuel Veiga Taboada.

Podemos estar de acordo cos que cren que todo movemento inercial na arte convive –ou sucede, nun curto período de tempo– cun movemento de avance. Así, a austeridade clásica e o barroco, a ilustración e o romanticismo ou o academicismo e as vangardas. Non se trata só dunha reacción, senón de que un movemento se nutre do outro e ambos son necesarios ao mesmo tempo, como o equilibrio e o contraste na pintura. Zizek interpretando a Hegel afirma que tese e antítese coexisten na mesma situación. Trátase, por suposto, dunha lectura diferente da de Marx, quen coloca o centro de gravidade na síntese que é a superación do choque, da contradición.

Vén isto a conto da poesía galega que viviu unha notábel eclosión nos oitenta, ao abeiro da regulación do idioma e do novo estatus político. Tense sinalado o perfeccionismo buscado por esa xeración, a súa pulcritude, as súas referencias canónicas e o seu esforzo por elevar e fortalecer a lingua. Pero quizais deixamos de lado outra tendencia non menos importante polo seu significado, aínda que seguramente inferior en cantidade, se contásemos os versos producidos.

Falo, sobre todo, de Lois Pereiro e Antón Reixa, que teñen o seu paralelo, na narrativa, en Suso de Toro. Podemos dicir que xuntos compoñen un triunvirato de vangarda, ao que quizais chegou o momento de recoñecerlle todo o seu valor.

De Lois Pereiro e Suso de Toro temos falado aquí mesmo, en Biosbardia. Reixa está aínda por encadrar de todo neste marco. A publicación de Viva Galicia Beibe (Xerais), compendio das súas letras compostas para Os Resentidos e algún outro grupo, supón unha oportunidade moi adecuada para completar o labor.

Non é agora o momento de comentar a longa historia da poesía feita para ser acompañada por música. Lembremos, simplemente, o último Nobel a Dylan.

As letras-poemas de Reixa, realizadas neste contexto son suficientes, como se ve, para compoñer un groso volume. Algunhas son perfectamente hábiles, outras, como é natural, resultan máis pasaxeiras.

É Reixa profundo, tanto como se lle esixe a un poeta? Esta é a pregunta principal. A este respecto debemos aclarar algo. A literatura moderna culmina un proceso iniciado no século XIX, ben é verdade que sobre todo na narrativa, que consiste en achegar materialidade aos termos ideais, mesmo etéreos, que até ese momento nutrían, en boa medida, a arte. Se queremos trivializalo, diriamos que a literatura se volve máis sociolóxica (non necesariamente social) e menos relixiosa. Isto lévanos a formular outra pregunta: que significado ten a transcendencia hoxe? Acaso non é transcendente o poema reixiano sobre o astronauta soviético que permanece no espazo mentres desaparece o seu país e as regras nas que se formou a súa vida? Por que non o podemos considerar tan misterioso como algúns poemas de Blake? Que significado teñen hoxe en día o diaño e o inferno, a fin de contas?

Tamén podemos preguntarnos se unha parte do que habitualmente se nos facía pasar por transcendencia ou profundidade non era máis que un xogo das agachadas que o autor practica cos seus lectores, ocultando arbitrariamente as súas referencias, non para ampliar o poder de evocación dos seus pensamentos, senón simplemente para situarse nun plano máis elevado que o faga digno de admiración.

En Reixa late a vangarda, tal e como se podía formular nos anos 80 e 90. Late con forza, sen moitos límites. O seu poder irónico é revelador, descobre o dobre fondo da sociedade e ás veces tamén das persoas. Rompe canons lingüísticos, déixase contaminar por outros universos, sempre para atraelos cara a si.

Sen poetas como Reixa e Pereiro, ambos por suposto moi diferentes entre eles, a poesía galega deses anos estaría coxa. As letras-poemas que moi oportunamente nos ofrece este libro de recompilación son ademais un excelente piar sobre o que as novas xeracións poden apoiarse para sentírense máis cómodas, tanto desde o punto de vista lector como creador.

Sen as vangardas sufririamos unha permanente distopía clasicista, por unha parte sólida e rica, pero por outra demasiado estábel, como un desacougante día da marmota.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s