Quintela Bóveda, o asasino de anarquistas, e outras historias de policías

Quintela Bóveda, con gafas, asiste ao enterro en 1949 de Oswaldo Blanco Gregorio, un axente galego da súa brigada morto en enfrontamento coa guerrilla anarquista en Cataluña.

Quintela Bóveda, con gafas, asiste ao enterro en 1949 de Oswaldo
Blanco Gregorio, un axente galego da súa brigada morto en
enfrontamento coa guerrilla anarquista en Cataluña.

Xosé Enrique Acuña.

Policía na monarquía restaurada primeiro, deseguido entusiasta axente na ditadura de Primo de Rivera, en nada funcionario eficaz durante a República e encuberto colaborador das forzas policiais da Generalitat. Hábil tamén para non quedar atrapado na Barcelona do 36, Eduardo Quintela, reconstrutor da policía secreta de Franco foi, sobre todo, todo un mestre de torturadores nunha ditadura como a franquista na que acadará os maiores honores tras exercer durante trinta e seis anos como un axente policial especializado en “delincuencia social”.

Galegos represores en Catalunya

Eduardo Quintela Bóveda nace o 13 de outubro de 1891 como fillo de Purificación Bóveda e, todo parece indicar, de Antonio Quintela López, mestre da escola “completa de niños” de Cea, na provincia de Ourense. A nai, tamén de oficio mestra, deu aulas por moito tempo en Oseira, despois dun paso por Monterroso, e cando morreu lembrana polo seu “singular espíritu varonil”. A prensa provincial ourensá ben que se encargou de que se soubese que o fillo da mestra de Oseira quería ser policía. Que ía opositar ao “Cuerpo de Investigación y Vigilancia” e mesmo que nas probas celebradas en 1917 o opositor consegue praza cunha nota de 12,6 puntos. Tamén que, alí destinado, aos poucos xa era axente, dos de paisano, nunha gran capital como Barcelona onde a actuación policial contra o movemento obreiro estaba na boca de todos. Tempos —de pura loita de clases— nos que unha serie de monárquicos galegos, tanto desde a política como desde a milicia, acadarían triste sona pola relevancia da que se dotaron por reprimir, coa máis dura das mans, o activismo obreirista en Cataluña. Desde aquel José Millán Astray, xefe da policía en Barcelona en 1911, ao ministro Gabino Bugallal que protexe e anima o terrorismo patronal en Barcelona. Con eles, a sumar figuras galegas sinistras, o gobernador civil de Barcelona Severiano Martínez Anido, empeñado en masacrar as grandes figuras do anarcosindicalismo desde a organización, coordinado con boa parte dos patróns cataláns, dos chamados sindicatos libres. Máis tamén —todo un teórico da investigación policial— o noiés Gerardo Doval, que sendo xefe da policía barcelonesa, non dubidou en permitir a lei de fugas contra os cenetistas que, como líderes, destacaran na folga xeral que se declarou en 1919 á par do conflito da compañía La Canadiense. Nomes e apelidos estes últimos presentes e actuantes nos primeiros pasos de Eduardo Quintela Bóveda como axente policial e dos que non é para nada descartable que tivesen que ver, nalgún caso, co seu rápido e protagónico percorrido no “Cuerpo de Investigación y Vigilancia”.

Marca a Eduardo Quintela a vinganza que os anarquistas cumpren en setembro de 1919 matando en Barcelona o odiado xefe policial Manuel Bravo Portillo despois de que este organizase, coaligado coa patronal, unha banda irregular que executaba sindicalistas,. Durante anos, transmitiuse, Quintela chegou a ter colgada no seu despacho unha foto deste mando policial que sempre vira como un exemplo para seguir. A relevancia dos servizos nos que andou implicado ten comezo mediático en 1920, cando se lle concede un papel importante na detención dunha muller de nome Rosa Maestre que lle encargara, baixo engano, a colocación dunha bomba a un menor alcumado “El Chimo”. Un caso, de aparente delincuencia “común”, que gozou dun especial tratamento nas revistas gráficas do momento e que reportou a presenza por distintas publicacións de retratos do axente Quintela Bóveda e máis dun policía natural de Cambados con el actuante nestas detencións. Tratábase de Ángel Guiance Pampín que, morto por causas naturais en 1934 cando estaba destinado en Ferrol, non chegaría a coñecer o procesamento, xunto a Alexandre Bóveda, do seu irmán Amando Guiance, un dirixente socialista pontevedrés que, nun consello de guerra, sería condenado en 1936 a unha severa pena de prisión. No xuízo que se lle abriu á citada Rosa Maestre os letrados da defensa apuntaron dúbidas sobre a validez de certos métodos de actuación empregados polo policía galego. Todo un adianto dos sonoros desencontros que, en anos posteriores, tería con avogados da altura de Ángel Samblancat ou Eduardo Barriobero (despois fusilado polos franquistas) cando estes defendían os militantes da CNT procesados desde os atestados abertos por Eduardo Quintela.

En agosto de 1926 o xeneral Primo de Rivera sofre o que semellou ser un intento de atentado mortal. Unha nota do “gabinete de censura do goberno civil de Barcelona” faría pública unha descrición dos feitos acontecidos que pasaron polo lanzamento dunha navalla cabriteira por parte dun individuo contra o coche descuberto que transportaba polo mesmo centro de Barcelona o ditador. O condutor que guiaba o automóbil de escolta dirixe o vehículo contra o agresor até o punto de atropelalo e pasarlle unha roda do vehículo por riba dunha das pernas. No auto policial viaxaba Eduardo Quintela que, xunto a catro policías que se lle suman, lánzanse sobre o ferido para reducilo. Logran así deter a Domingo Masachs Torrente, traballador da fábrica de fíos Vidal Hermanos. Un anarquista de corenta e cinco anos e do que Quintela coñecía polo miúdo un historial militante previo no que destacaba o seu paso pola Escuela Moderna, a Asociación Libre de Pensadores de Gracia e, como preso, polo Penal de Santa María. Nesta incidencia policial, cuberta a toda plana pola prensa, Quintela actúa acompañado doutro policía galego destinado en Barcelona, Manuel Morgade Gándara, que, na brigada político social no franquismo chegou a ocupar o cargo de comisario xefe de Santiago de Compostela en 1953.

O policía Eduardo Quintela Bóveda nunha fotografía de 1920.

O policía Eduardo Quintela Bóveda nunha fotografía de 1920.

Un policía do que se fala nas Cortes republicanas

Logo dun breve paso en 1930 destinado en Ferrol, cidade á que chega como “agente de 1ª clase”, Quintela Bóveda retorna ao seu posto en Barcelona onde, acomodado ao tempo republicano, en 1933 volve a se manifestar na crónica de sucesos. O 13 de xaneiro dese ano, cando faltaban quince minutos para que fosen as doce da noite, na rúa San Juan de Malta, no barrio do Clot, Quintela Bóveda foi tiroteado, díxose que a traizón, por uns anarquistas. Como policía de paisano realizaba en solitario un “servicio de reconocimiento relacionado con sucesos de carácter terrorista” e, nun bar de nome “Centellas”, tomou unha consumición, pagou e deseguido saíu do establecemento. Aínda non dera dous pasos (sempre segundo as crónicas dos reporteiros que vivían das informacións fornecidas desde a xefatura policial barcelonesa) cando tres individuos apostados lle fixeron unha descarga das súas pistolas. Quintela, sentíndose ferido, tamén sacou a súa arma e cruzou disparos cos seus agresores que escaparon durante o tiroteo. A cura urxente das dúas feridas de bala que presentaba, unha delas na cacha dereita e a outra nun brazo, tería a sorte que foron efectuadas de inmediato nun dispensario situado ao carón xusto lugar no que se produciran os feitos. Nun acto público celebrado días despois, cando xa estaba recuperado, as autoridades entregáronlle unha “cartilla de ahorros”. Gratificación que, trece anos antes, fora de 300 pesetas por coller unha suposta bomba colocada na rúa e depositala dentro dun coche policial blindado.

En xuño de 1934 o nome de Quintela Bóveda sairá a relucir nas propias Cortes da  República cando é citado nun discurso de Antonio Goicochea, o dereitista e monárquico líder do partido Renovación Española, que en palabras dirixidas ás bancadas catalanistas, atrévese a citalo como fonte certa de que en Barcelona se tentara asasinar a José María Albiñana, daquela figura da extrema dereita española. Igualmente en Madrid, no xuízo que se lles abriu aos membros da Generalitat, incluído Lluís Companys, polos feitos secesionistas de outubro de 1934, o inspector Quintela sería chamado a declarar como testemuña de acusación. Ante o tribunal chegou a declarar que na Consellaría de Gobernación en Barcelona el observara “allí armas abandonadas, impactos, ampollas de líquidos inflamables, cajas de dinamita, etc”. Nese mesmo ano, practica novas detencións como xefe que era, en pleno bienio negro, do “grupo de persecución de atracadores”. Durante todo o período republicano, na maioría dos casos, estes “atracadores” non eran outra cousa que anarquistas expropiadores ligados á FAI ou aos sindicatos anarcosindicalistas. Quintela participa, entre outras moitas, nas detencións dos asasinos do xerente e dous obreiros da fábrica Tesla, na dos atracadores de farmacéutica “Hijos del Doctor Andreu”, na captura do faísta Juan Figueras Soler e, en plena rúa, dun suposto grupo de atracadores entre os que figuraba Antonio Rodríguez López, un xornaleiro de trinta e tres anos natural de Sarria, Lugo.

Xa fose porque estivese de vacacións en Galicia, o que é probable, ou por outra causa que nunca se propagou, o certo é que Eduardo Quintela Bóveda salvouse de ser localizado naquela Barcelona que fixo fronte con éxito ao golpe de estado militar en xullo de 1936 e que, na práctica, quedara nas mans dos seus inimigos os anarquistas. Nesta cidade o seu destino probable non sería outro que sufrir a vinganza dos que perseguira con saña desde 1919 como a que houberon de padecer tantos implicados nos asasinatos perpetrados polo terrorismo da patronal. Sábese, pola contra, que o inspector Quintela Bóveda reaparece en maio de 1937 en Valladolid destinado nos “Servicios Especiales”, e que nesta cidade da zona baixo o control franquista formará parte do grupo de policías encargado de reconstruír o corpo policial, puramente represivo, que en breve precisaría o novo réxime do xeneral Franco.

Ao servizo de Franco contra o anarquismo

Desde o mesmo día da entrada das tropas franquistas en Barcelona comeza, coa colaboración dos quintacolumnistas e por medio de informacións dunha dereita que rexorde, a persecución contra todos aqueles militantes republicanos e obreiros que, sen poder fuxir cara a Francia, se destacaran nas actividades de resistencia ao golpe militar ou que se significaran en actividades militares contra o exército franquista. Desde este primeiro momento as forzas de ocupación dispuxeron dun grupo especializado para esta función e que —alimentados polas delacións, o estudo da prensa dos dous anos anteriores e da documentación oficial que incautan— pasan a executar grandes redadas e detencións. A xefatura directa deste “Rondín antimarxista” (de tal xeito foi denominado) foi exercida por un militar de nome Manuel Bravo Montero que era fillo, nada máis e nada menos, daquel Bravo Portillo que tanto admiraba Eduardo Quintela Bóveda, asasinado polos anarquistas.

Quintela aparece na Barcelona ocupada para realizar unha misión para a que, desde había meses, o estaban a preparar en Valladolid. Instálase de novo na xefatura policial, encargado de realizar, por parte dos xefes policiais ao servizo das novas autoridades militares, un amplo informe sobre a persistencia na capital catalá de activistas da CNT e da FAI.

Os métodos aplicados polo capitán Bravo Montero e o seu infausto “rondín” pasaban polas execucións irregulares, aplicación da “lei de fugas” e o uso indiscriminado da tortura e os abusos sexuais. Xeito de actuar para un grupo de tarefas integrado por militares, falanxistas e tamén policías da nova camada de axentes que Quintela Bóveda e os seus superiores estaban a formar en Barcelona. Con todo, a política de terra queimada de Bravo Montero contradicíase coas certas tácticas habituais nun Quintela que, moi no seu estilo, procuraba sobre todo a división e o enfrontamento entre os resistentes e, por medio do terror, a captación de informantes e delatores. O certo é que destes primeiros meses de represión a cargo dun militar como Bravo Montero —en plena fase de ocupación de Barcelona— pásase tamén en 1939 a estruturar un corpo policial de investigación “social” que se desenvolve cos métodos cos que Quintela Bóveda sempre se atopou cómodo e que, no plano represor, a maiores de levar ao fusilamento de resistentes, acumulaban informacións vitais para actuacións policiais no futuro. Mentres, Bravo Montero, amigo íntimo do propio xeneral Franco, pasaría a novos destinos nos que seguiu a dar mostras do seu ánimo terrorista. Tivo responsabilidades en en Galicia, como executor directo de catro guerrilleiros na provincia de Lugo en decembro de 1942.

O extenso informe preparado por Quintela en febreiro de 1939 pasou a ser fundamental para a formación de consellos de guerra, e o seu contido foi por veces anexado ás causas como documentación probatoria. A procura dos máis significados anarquistas que participaran nas patrullas de control obreiro nos barrios populares de Barcelona foi a especialidade de Quintela Bóveda. Desde ela conseguirá a condena a morte ou a imposición de altas penas de prisión de numerosos militantes en consellos de guerra sumarísimos nos que, en moitos casos, participa como fiscal militar o avogado pontevedrés Nazario Lois ou, como membro do “Cuerpo Jurídico Militar”, o monfortino Francisco Eyré Fernández (despois lugartenente da “Guardia de Franco”, avogado da CNS e presidente do Centro Gallego na cidade condal), e fillo á súa vez do xuíz de carreira Francisco Eyré Varela, moi ligado a Chantada e Escairón quen, por eses mesmos anos, participa igualmente da xustiza represiva franquista en Barcelona a máis de emparentar, vía casamentos familiares, con Pilar Franco, irmá do ditador.

Dous policías colaboradores de Quintela Bóveda. Polo Borreguero, condecorado en 1952 e, á dereita, retrato de Manuel Morgade Gándara que chegaría a ser xefe da policía de Santiago en 1953.

Dous policías colaboradores de Quintela Bóveda. Polo Borreguero,
condecorado en 1952 e, á dereita, retrato de Manuel Morgade Gándara
que chegaría a ser xefe da policía de Santiago en 1953.

Un asasino á fronte dun grupo de asasinos

Como inspector xefe da Brigada de Investigación Social, Eduardo Quintela non deixa de desenvolver operacións para saldar contas con anarquistas que coñecera e perseguira antes do 36 e así poñelos a disposición da xurisdición militar. Coa colaboración no seu equipo do inspector Polo Borreguero, toda unha mala besta, (falouse tamén dun ex boxeador de apelido Ureta como o torturador principal da brigada) os testemuños sobre a brutalidade aplicada cos detidos por parte de Quintela —referendada por recentes estudos históricos— circulaban por toda Barcelona. Dureza nos interrogatorios, con torturas habituais, e máis tamén violencia nos operativos para practicar detencións que, tantas veces, remataron coa morte a tiros de resistentes a mans dos homes do inspector Quintela Bóveda.

O historiador Pere López Sánchez [Rastros de rostros en un prado rojo (y negro), 2013] recolle fontes directas dun episodio acontecido en 1942 no barrio barcelonés de Can Tunis, con presenza explícita de Eduardo Quintela, e que conduciría ao asasinato do anarcosindicalista Blas Zambudio: “Esperaron a que saliese de la taberna, alrededor de la cual y en cada una de las esquinas se montó un discreto servicio que le impidiera cualquier escapatoria. A eso de las siete, Blas, ya en la calle, fue encañonado y, aunque desoyó la conminación a levantar los brazos, no tuvo tiempo a disparar su arma, pues el agente más próximo a él lo derribó de un certero disparo que le atravesó la muñeca derecha. Ya en el suelo, le apuntaron a la cabeza y lo remataron con dos proyectiles. Dejó de ser peligroso, se jactó Quintela”.

Neses primeiros anos de réxime franquista o poder que o policía Quintela Bóveda tiña en Barcelona permitíalle mesmo investigar feitos acontecidos antes da guerra civil ou interrogar presos con condenas en firme mediante sesións realizadas no interior dos propios cárceres. Foi sonora a súa insistencia en procurar a detención e condena dos anarquistas que atentaran en abril de 1936 contra Miquel Badia. Quintela tratárao directamente en función do cargo que este nacionalista catalán ocupara na Comisaría Xeral de Orde Pública da Generalitat republicana, e non dubidou en reinvestigar, xunto ao seu compañeiro da brigada social Polo Borreguero, que traballara para Badia, aquel asasinato. O caso era levar a prisión, sentar no garrote vil ou conducir ao paredón o maior número posible de anarquistas. Foi o que aconteceu con Justo Bueno, o faísta que quixo vingar, coa morte de Badia, todos os compañeiros vítimas das actividades represivas contra o obreirismo anarcosindicalista de Barcelona.

Tantos anos de destino en Barcelona, e tantos deles dedicados a perseguir o movemento libertario, permitíanlle a Eduardo Quintela gozar da confianza dos seus superiores e dunha sorte de patente de corso para actuar con total impunidade en días que a vinganza dos vencedores era o norte da conduta gobernamental. Os métodos deste policía pasaban por unha infiltración continuada que tantas veces logra despois de “quebrar” con torturas e ameazas a algúns dos moitos anarquistas que detiña. Un dos seus grandes éxitos policiais chegará cando consegue render a conciencia dun anarcosindicalista de certo nivel e convencelo, mediante graves presións tras a detención, para que actuase infiltrado no seo da CNT. Foi deste xeito como Eliseo Melis, para evitar a súa execución, pasou a actuar ar ordes de Quintela e ser o seu home incluso dentro de comités directivos da organización anarcosindicalista clandestina. O proceso de infiltración de Melis permite desde 1941 a caída continua de cadros orgánicos da CNT que, ante a sorpresa de todos, eran periodicamente detidos pola brigada social de Quintela Bóveda. Ante esta situación, a dirección cenetista atou cabos para chegar á conclusión certa de que Eliseo Melis traballaba directamente para Quintela e que, dirixido politicamente, pulaba por atraer traballadores cara ao sindicato do réxime. A gravidade dos feitos levou a que a organización libertaria decidise a súa eliminación física seis anos despois. Un comando do Movimiento Libertario de Resistencia chegado desde Francia deu conta del nunha rúa de Barcelona o 2 de xullo de 1947, e tras un tiroteo no que Eliseo Melis, que ía armado, tamén feriu de morte un dos seus atacantes, acabaron coa vida do infiltrado principal do inspector Quintela Bóveda. A CNT quixo deixalo claro nunha nota oficial reivindicativa baixo o epígrafe de “O camiño dos traidores”. Nela caracterizaba a Melis como “todo un símbolo da confidencia” e insistía que a súa execución non era a morte dun traidor calquera. O comunicado remataba cun serio aviso: “Os demais traidores non deben esquecer esta advertencia”.

O atentado

Esta acción da resistencia armada libertaria minguou por un breve tempo o rendemento policial de Quintela Bóveda que, un ano antes, pola ampla serie de detencións e mortes de anarquistas que a súas investigacións produciran, recibira a “Medalla de Plata del Mérito Policial”. Mais o seus sabuxos continuaron a acosar a todos aqueles que armados cruzaban a fronteira para se enfrontar á Ditadura. Un dos seus “servizos” máis sonoros vai conseguilo en xuño de 1948, cando nun enfrontamento a tiros en Barcelona logra a morte de Raúl Carballeira, un anarquista arxentino con orixes galegas, que actuaba en España desde os días da guerra civil e que, desde o exilio francés, penetrara en Cataluña en acción clandestina.

O caso é que Eduardo Quintela, xa odiado polos cenetistas e a FAI desde as décadas dos vinte e trinta, pasou a ser sinalado como como o policía que había que eliminar. A orde chegará cando desde 1948 xa adquirira a categoría policial de comisario xefe e xunto a Pedro Polo Borreguero conforma o máis cruel dúo da Brigada Político Social de Barcelona. O uso continuo da tortura e dos malos tratos, a facilidade deles e dous seus axentes para disparar a matar conduce a unha decisión que, os exiliados anarquistas implicados na loita armada, tomarán en 1949. Unha operación deseñada para atentar contra Quintela Bóveda por medio dun comando clandestino que se desprazaría con este específico fin a Barcelona. Os encargados de executar a misión serían os integrantes do grupo coñecido como “Los Maños” xunto a outro encabezado polo mítico guerrilleiro libertario catalán Quico Sabaté. Del formaban parte Josep —irmán do Quico— Simón Gracia, Carles Vidal Passanau, Wenceslao Jiménez Orive e o anarquista galego José López Penedo.

Penedo, ourensán como Quintela Bóveda —nacera en 1915 no lugar de Paredes, parroquia da Cidá, no concello do Irixo—, estudou cos seus compañeiros os datos que lle traspasara a resistencia libertaria sobre os costumes do xefe policial e, en especial, os movementos que este realizaba en automóbil. O 2 de marzo de 1949 foi o día que escolleron para atentar contra o responsable dos “sociais” de Barcelona Agardarían o paso do coche no que, desde a sede policial da Vía Laietana á súa casa no barrio do Carmel, Quintela viaxaba habitualmente. Quico Sabaté escolleu un punto na rúa da Marina onde o grupo decidiu estacionar unha camioneta que semellaba estar aparcada con problemas mecánicos, e máis outro automóbil onde se situaría o resto dos comandos. Por causas que nunca lograron aclararse, xusto ese día, Quintela Bóveda no viaxaba no coche oficial que divisou o grupo anarquista, que, confundido, metrallou, tal como planearan, aos seus ocupantes. Na vez de Quintela os realmente tiroteados foron uns xerarcas falanxistas que circunstancialmente por alí pasaban a bordo dun auto semellante ao do policía. O resultado final da balaceira foi a morte dun dos franquistas, tamén do seu chofer, mentres que o outro resultaría ferido.

Como era de agardar, Quintela botou contas de que o destinatario real das balas dos anarquistas non era outro ca el e os rumores que detectaron os confidentes que se movían nos ámbitos cenetistas confirmaron a súa suposición. Deter os participantes pasou a ser o principal reto da súa brigada e do resto das forzas policiais de Barcelona que pasaron a efectuar numerosos rexistros e detencións. O 9 de marzo, cando estaba agachado nunha casa de Hospitalet á espera de poder retornar a Francia, José López Penedo foi sorprendido pola policía franquista xunto a Josep Sabaté. Para evitar a detención defendéronse coas armas. Sabaté logrou fuxir no medio dun intenso tiroteo. Pola contra, López Penedo recibiu un disparo no pulmóns e foi capturado ferido de gravidade. En novembro dese mesmo ano xa foi sometido a un consello de guerra onde foi condenado polas mortes dos falanxistas. O albanel Penedo—tamén coñecido como Liberto López– sería fusilado no Campo da Bota o 4 de febreiro de 1950, xunto ao seu compañeiro no atentado, Carles Vidal. Tempos de execucións, desarticulacións e detencións dos resistentes contra a Ditadura que se correspondían en non poucas ocasións coa morte de policías ás ordes de Quintela Bóveda —caso do galego Oswaldo Blanco Gregorio en 1949— que de inmediato eran vingadas polos funcionarios da Brigada Político Social (a quen acusaron de matar a Blanco—o anarquista Wenceslao Jiménez Orive— sería, en xaneiro de 1950, “cazado” e morto en plena rúa).

Cando en xaneiro de 1952 lle impoñen a “Cruz del Mérito Policial” ao comisario Polo Borreguero, a maiores que o condecorado insistira nese día en que o oficio de policía “tiña semellanza co sacerdocio”, nas arengas destacouse que o “mestre de todos” non fora outro que o seu xefe Eduardo Quintela a quen, un ano despois, lle chega o momento da xubilación. Na homenaxe que lle realizan os seus compañeiros, estes solicitáronlle á “superioridade” que unha placa co seu nome se instalase nos despachos da Brigada Político Social de Barcelona. Tamén neste acto, recolleuse na prensa, Quintela Bóveda realizou unha intervención na que “con gran amenidad, entre citas poéticas y algún refrán gallego, narró hechos acaecidos en muchos de los servicios prestados, sin olvidar su pequeña dosis de fina ironía”. Dábase de baixa no servizo un policía do que se ten escrito que o xeneral Franco, nunha visita a Barcelona, quixo coñecelo para lle agradecer os servizos prestados. Realidade ou ficción, o que si é certo que a traxectoria policial de Quintela Bóveda no franquismo —tamén na República— non foi máis ca un empeño continuado e obsesivo por perseguir o movemento anarquista e procurar liquidar, calquera que fose o método, as estruturas e líderes das súas diversas organizacións.

Dous dos guerrilleiros anarquistas que morreron en pleno franquismo vítimas dos homes de Quintela Bóveda. O galego José López Penedo, á esquerda, e o arxentino de orixe galaica Raúl Carballeira.

Dous dos guerrilleiros anarquistas que morreron en pleno franquismo
vítimas dos homes de Quintela Bóveda. O galego José López Penedo, á
esquerda, e o arxentino de orixe galaica Raúl Carballeira.

Non se sabe se coa súa xubilación Quintela Bóveda retornou á súa Galicia natal e nin sequera se sacou tempo en maio de 1943 para asistir ao enterro da súa nai no cemiterio da parroquia da Canda, en Piñor de Cea. Federico Gallo, xornalista falanxista que remataría sendo presentador da TVE e gobernador civil franquista de Barcelona, en 1960, por encargo do ABC, realizou unha ampla reportaxe na revista Blanco y Negro sobre a morte do guerrilleiro libertario Quico Sabaté. Gallo, na súa esaxerada e novelesca narración dos feitos, chega a afirmar que “pese a estar jubilado desde hace varios años y tener sesenta y ocho años [Quintela Bóveda], se presentó espontaneamente en la zona de la lucha”.  Segundo Gallo, Quintela viaxou á zona da provincia de Girona onde se perseguía a quen en 1949 liderara o grupo anarquista que tentara metrallalo. Gallo recrea máis se cabe a presenza do policía retirado nos días previos ao asasinato de Sabaté: “Don Eduardo Quintela ha llevado a su perro Bood-Hunde, que recorre doce kilómetros, en el monte y en plena noche, rastreando”. Todo un síntoma, de se axustar a verdade, de que o vello policía perseguidor de anarquistas quería ver o Sabaté morto.

Eduardo Quintela Bóveda faleceu en Barcelona oito anos despois (vivía coa súa muller, Balbina Fernández, na rúa La Viña de Barcelona, e foi soterrado no cemiterio do Sudoeste). Era o ano 1968 e os berros que se escoitaba polas rúas da gran capital catalá lembraban moito ás palabras e accións libertarias que el tanto perseguira. Toda unha derrota para un home que de seguro non había comprender que nas universidades e nas fábricas persistían e volvían con forza os ideais da liberdade. E que mesmo, desde eses mesmos días, se comezaba a restaurar entre as novas xeracións a memoria de moitos dos anarquistas que el tanto fixera para levar á morte, e mais tamén dos que foron torturados nas salas da brigada da que chegou a ser xefe. Xa o dicía el, como serio aviso, cando os xornalistas de sucesos lle pedían os nomes dos detidos ou baleados nos seus servizos: “No escriban biografías para el futuro!”. O caso é que si se escribiron. E moitas.

Advertisements

3 comentarios en “Quintela Bóveda, o asasino de anarquistas, e outras historias de policías

  1. Acabo de rematar de leelo e é impresionante. Non falo só da documentación senón do estilo que te engancha. Grazas por compartir coñecementos.

  2. Pingback: El comisario Quintela. – Anarquismo, anarcosindicalismo y otros temas sobre el movimiento libertariio.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s