Tres narradores estadounidenses non demasiado coñecidos

Jim Harrison.

Jim Harrison.

Manuel Veiga Taboada.

O desprezo do mundo rural ou o seu tratamento curto de miras é algo que non existe nos Estados Unidos ou, cando menos, non está tan implantado como aquí. O mundo rural norteamericano pertence ás grandes extensións e a uns modos de propiedade alleos aos nosos, pero a súa literatura reflicte o mesmo interese pola natureza e o mesmo, talvez máis, interese polas necesidades e os obxectos primarios. É un rural menos historiábel pero moi centrado na materia. A conciencia desa materia primaria –as plantas, as rochas, os alimentos, a roupa usada, o modo de beber auga cando sentimos moita sede, o frío– está moi representada. E iso por dous motivos: a sociedade norteamericana é fundamentalmente materialista (tanto no sentido bo, empírico, como no mao, o que ten que ver coa cobiza) e tamén é unha sociedade moi evolucionada na que, por contraposición, os obxectos e hábitos primarios resultan máis visíbeis.

Jim Harrison

Jim Harrison, autor falecido non hai moito e nacido en Michigan en 1937, foi dado a coñecer entre nós cando xa tiña a maioría dos seus libros publicados. A súa prosa soa tan natural como os temas tratados. Harrison fíxose a si mesmo como narrador, igual que un agricultor aprende a arar, sen ningún cursiño nin adestramento técnico. Non por iso resulta simple. Esa idea só podería vir dunha suposición prexuizosa. Xa Otero nos avisou das similitudes entre certas prácticas campesiñas e o barroco. A liña recta e a simplificación –por suposto, tamén a da linguaxe– son características máis industriais.

Regreso á terra e unha das novelas de Harrison. En De volta á casa observamos certos convencionalismos narrativos, descricións e escollas temáticas que non nos resultan novas e que fan que a obra perda algo de interese.

David Vann

fredag-david-vann-oplaesning1

David Vann.

O seguinte escritor do que queremos falar, David Vann é bastante máis novo. Naceu en 1966, en Alaska. Gustáronme moito dúas das súas novelas: Caribou Island, ambientada precisamente en Alaska, e Crocodilo, a experiencia nun porto mexicano, marcado polo narcotráfico. A primeira, en plena natureza, trata as vicisitudes dunha familia con problemas e poucos vínculos sociais. A segunda, unha narración con moitos máis personaxes, resulta interesante, aínda que sofre algo a visión colonial de certo tipo de novelas, das cales O ceo protector, de Paul Bowles, sería un dos máis característicos expoñentes. En poucas palabras, diriamos que trata o encontro entre o “occidental” e os “nativos misteriosos e pouco fiábeis”. A pesar diso, e polo acerto da súa prosa, Crocodilo é unha novela moderna que merece ser lida.

Goat Montain non está tan lograda coma as dúas anteriores. Presenta algunha inxenuidade narrativa e algún problema de verosimilitude. O tema é unha caza de cervos que pronto se converte en traxedia. Igual que Caribou Island, desenvólvese por completo en medio da natureza. Deste modo, ambas enlazan coa narrativa de Harrison. Vann, non embargante, ofrécenos unha prosa máis actual e, de paso, demóstranos que os novos escritores saben atender tan escrupulosamente os matices como os seus predecesores. Os que temían que as novas xeracións caesen na simplificación poden esquecer a idea.

En Terra, David Vann mestura os dous ámbitos: familia e natureza, aínda que quizais dun modo que non consegue interesarnos tanto, sen deixar de mostrar que é un grande escritor.

John J. Sullivan

img_8948-1024x682

John Jeremiah Sullivan.

Por último, John Jeremiah Sullivan (Kentucky, 1974), e do que só coñecemos unha obra, ratifica, igual que Vann, que as novas xeracións –a pesar da televisión e outros adminículos– tamén nos poden ofrecer narracións poderosas. Pulphead reúne longas reportaxes xornalísticas. Cada unha delas daría case para un libro. Trátase, en todo o caso, dun xornalismo convertido en plena literatura.

Desde a historia do mozo electrocutado cunha guitarra até a visita a un parque Disney, Sullivan retrata con precisión un país que coñecemos moito menos do que pensamos.

Pulphead está escrita nunha linguaxe contemporánea, polo tanto moi próxima –niso lembra, por exemplo, a Foster Wallace– e, ao mesmo tempo, densa.

A pesar da súa idade, Sullivan acadou xa os cumes da prosa, esa que é clara na exposición pero profunda no significado.

Advertisements

5 comentarios en “Tres narradores estadounidenses non demasiado coñecidos

  1. A Vann linlle Sukkwan Island e pareceume terriblemente mala: tremedista, efectista e baleira. E nunca máis, aínda que houbo uns anos aí atrás en que se falou bastante del.

    • Sukwann Island forma parte da súa etapa de aprendizaxe. Eu nin a rematei. O tema volve moito máis logrado en Caribou Island, que xa é unha boa novela. Despois están, claro, os gustos, o tema, o estilo.
      O seu último libro “Acuario” gustoume. Está ben feito. Podería ter incluso un público amplio. Creo que Vann é un bo escritor. Na entrevista de hoxe en El País dase algunha clave. Frase corta, no ronsel dos relatos de Hemingway. E ideas non suxeitas a convencións.
      Saúdos e grazas por comentar.

  2. Manuel, onte dedicábanlle ‘La Contra’ de La Vanguardia ao segundo dos autores que reseñas (http://www.lavanguardia.com/lacontra/20170116/413398554743/tengo-en-mi-familia-cinco-suicidas-y-un-asesino.html), e que eu non lin, como tampouco lin aos outros dous. Onte pasei por unha das tres bibliotecas que teño por costume visitar e do Vann este tiñan duas novelas (unha delas Cocrodilo), pero non collín nengunha das duas porque… postos a coller… había que ir con un camión polo menos. E o tempo para ler tanto como se publica…

    Fun pasar dous días ao povo por un asunto fúnebre e viñen co teu último libro, recomendado polo César. Fúnebre o títular da entrevista co Vann, fúnebre o asunto polo que fun ao povo, espero que non fúnebre o teu libro. Seguro que non. A literatura sempre é o mellor remedio contra tanto funebrismo.

    Saúdos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s