Isaac Xubín: “No futuro só haberá dous sabores: doce e salgado”

Isaac Xubín. DAVIDE CABALEIRO.

Isaac Xubín. DAVIDE CABALEIRO.

César Lorenzo Gil.

Isaac Xubín (A Coruña, 1978), logo duns anos exercendo como tradutor (grazas a el desfrutamos dalgunhas obras moi valiosas escritas en éuscaro, por exemplo), inicia afianza arestora a súa traxectoria como escritor logo de traballos menores. Gañador do Premio Lueiro Rey de Poesía 2017 con A cadencia da fractura (que publicará proximamente Xerais), falamos desta volta con el sobre Non hai outro camiño, a súa primeira novela, publicada tamén por Xerais, na que propón un universo propio, con referencias literarias diversas e moi evocadoras.

O deseño de Non hai outro camiño non responde ao habitual proxecto narrativo que se publica maioritariamente hoxe en galego. De onde xorde a idea desta obra?

A miña primeira idea era escribir unha colección de relatos que nunha primeira fase do traballo tiñan moito de autobiográfico. Chegou un intre, perfilados a meirande parte dos personaxes principais, en que me decatei de que realmente estaba a traballar cunha novela. E supoño que é daquela primeira idea dos relatos do que xorde a estrutura da novela e que se mantivo porque me axudou a presentar nas páxinas iniciais da obra os protagonistas que habitan a cidade e as situacións que se producen.

O auténtico protagonista da obra é a cidade de Staro Selo, un porto con evidente ar balcánico, do que incluso vostede deseñou a vista urbana que se pode ver na capa do libro. É un trasunto ou unha compilación de cidades?

O deseño da capa é fundamental, penso que é unha introdución coa que enceto o ‘estrañamento’ que tamén se produce mediante a onomástica empregada na novela.

En Staro Selo hai moitas cidades, moitos espazos que forman parte da miña historia vital. Por mor do traballo do meu pai, a nosa familia viuse na obriga de cambiar de residencia en numerosas ocasións (Espinosa, Astorga, Xixón…), unha forma de vida que despois eu tamén adoptei e que me leva agora a residir en Sheffield, unha cidade que me está a ensinar moitísimo. Quizais Staro Selo é unha amálgama de Vigo, Cork, Bilbao…

Que papel real ten Iugoslavia como referente para a trama?

Iugoslavia non ten ningún papel na novela, simplemente me pareceu un xeito adecuado para conducir o lector ao punto correcto: que lese a novela coa percepción e coa bagaxe cultural inconsciente que a min me interesaba.

Non adoita ser axeitado ler novelas durante as diferentes etapas de escrita dunha novela, para que esa organización básica individual non se vexa afectada.

Dicía hai pouco Edmundo Paz Soldán que para falar do presente case nunca é boa idea utilizar a literatura realista. Non sei se foi o seu caso.

A verdade é que non son consciente de ter pensado “escribirei unha obra ao xeito da nova narrativa galega” ou “fuxirei de escribir unha novela realista”… simplemente era moi consciente de onde quería pór o foco de atención. Quizais cadaquén escribe segundo unha organización básica que ten na súa cabeza e que vén dada polas lecturas previas ou aquelas que fai durante o proceso de lectura e, se cadra, é por iso que non adoita ser axeitado ler novelas durante as diferentes etapas de escrita dunha novela, para que esa organización básica individual non se vexa afectada.

Esta é unha novela na que a política ten unha grande importancia mais case nunca abandona o plano do cotián, do diario. Os personaxes pasan moitas páxinas na rutina: o sexo e sobre todo a comida son partes moi importantes no argumento. Cal é a súa intención literaria?

A miña intención non é pontificar con esta novela, quero que o lector o pase ben e que se emocione e ría coas mesmas cousas que a min me emocionaron ou me fixeron rir. Agora ben, a política está no que facemos, no que executamos cada día. Canto máis conscientes e coherentes sexamos con esta situación máis conseguiremos que entre o individuo e a administración haxa un tecido máis mesto e heteroxéneo. Unha sociedade así, participativa e consciente, é moi difícil de enganar, porque está organizada. E cando digo participativa non me refiro a ter o carné dun partido e asistir a asembleas, que tamén, quero aludir ao xeito en que nos divertimos, onde mercamos a nosa comida ou os nosos xoguetes,… as xoguetarías foron substituídas por tendas de telefonía móbil.

A obra foi moi gabada por Xosé Luís Méndez Ferrín. Dixo que era “pura literatura” e relacionou Non hai outro camiño coa nova narrativa da que vostede falaba hai un cacho e, polo tanto, coa súa propia obra. Non sei se é unha carga doada de levar ser apadriñado como ferriniano?

Que a novela teña boa a acollida pola crítica ten un bastante de desabafo, que á xente lle guste o teu traballo e que o pase ben é unha sensación moi agradable. E se as boas palabras e apoio, como no caso que comentas, vén da boca e pluma dunha persoa coa que gocei até o máximo coas súas obras… Creo que o peso real das cargas vén imposto pola presión propia, por unha mala xestión dos acontecementos.

Está vostede de acordo en que esta novela forma parte desa tradición literaria? Como opera na súa creatividade literaria a tradición galega?

Síntome moi parte desa tradición literaria porque me acompañou durante unha época en que eu, parafraseando a Chao Rego, renacía galego. Pero tamén me sinto, de xeito humilde e aguerrido, como todos e todas as que decidimos en escribir en galego e só en galego, partícipe de toda a tradición galega… en Non hai outro camiño hai homenaxes evidentes a Blanco Amor, a Ánxel Fole e á literatura oral.

Séntese partícipe dela (aínda que sexa en parte) ou busca os seus referentes fóra?

Quizais o feito de ter vivido tanto tempo fóra e estar en contacto directo durante longo tempo con realidades que non son a galega deume facilidade para acceder a materias, recursos e experiencias que me axudan no proceso creativo e a tomar conciencia de proporcións e perspectivas diferentes. Algo que por outra banda, na actualidade, non é tan difícil de adquirir cun computador e moitas ganas. Cando eu marchei ao País Vasco xa sabía algo de éuscaro grazas a un curso en liña da universidade de Deusto.

Volvamos ao termo literario. Hoxe cando unha editorial lle pon a unha novela o apelido “literaria” case sempre é para definila como “rara”, para minorías. Pensa vostede que a literatura está marxinada na ficción a día de hoxe? 

Isto vén sendo o eterno debate das etiquetas, unha situación que o uso das novas tecnoloxías axuda a implementar, semella que cada vez máis estamos obrigados a acumular información dentro e fóra das nosas cabezas e as etiquetas son efectivas, para o bo e para o malo. Non sei até que pundo a literatura está marxinada da ficción, o que é seguro é que vivimos nun tempo que foi inaugurado pola fast food e que dende aí se contaxiou a moitos aspectos da nosa sociedade. O seguinte paso de implementación viría inaugurado, tamén coa gastronomía, co ‘menú para nenos’. Isto é: destrución da cultura alimentaria do país e dos tecidos, tamén económicos, que soportan esa cultura. Por non falar de que os gastrónomos e xentes adicadas á nutrición alertan de que de seguirmos con estas actitudes, sen experiencias, no futuro só haberá dous sabores nas nosas opcións alimentarias: doce e salgado.

Hai pouco, Xosé Monteagudo, aquí mesmo, dicía que sen estimular novas linguaxes é imposible gañar novos lectores para a lingua galega literaria, que quizais quedara presa do modelo de lecturas recomendadas para o ensino. Gustaríame saber que opina desta afirmación e tamén como valora a experiencia diante dese mesmo lectorado logo de publicar esta súa primeira novela que xustamente explora novas vías expresivas.

Eu son neofalante, comecei a escribir en galego antes que a falalo e fíxeno como un xeito de adestramento antes de botarme á oralidade. Despois descubrín que me gustaba crear e que non se me daba mal. Foi un camiño, falar e escribir en galego, que naceu dun pensamento que adquirín durante a adolescencia: se non falamos, se ninguén tenta darlle a volta á situación, se ninguén se pasa do español ao galego, o galego desaparece. Este era o pensamento que me aguilloaba e eu non quería que o galego desaparecese e, coherentemente, paseime ao galego. O que me fixo poñerme en movemento foi un argumento negativo ou pesimista, a sensación de perda, de morte. Adoito escoitar moito a idea: “temos que ser positivos e non pesimistas porque o optimismo contaxia”. Ben, eu sei que non ten absolutamente nada que ver, podes ser pesimista ou optimista, o asunto é o que fas con esas sensacións.

E no tocante á afirmación de Monteagudo, pois considero que estou de acordo, porque na situación en que nos atopamos é necesario que se note que estamos presentes e, ademais, considero que é a actitude da mellor cultura galega: Gómez Charino, Sarmiento, Rosalía, as Irmandades, Manuel Antonio, Blanco Amor… todos eles e máis, dispararon a un futuro que non era, quizais, previsible, pero dispararon.

Vostede é tradutor. Arestora están nos andeis os seus traballos para Faktoría K (Tempo de exilio, de Joseba Sarrionandia) ou para Rinoceronte (A boca pobre, de Flann O’Brien), por dar dous exemplos. Cómo ve o estado da tradución en Galicia logo de que tras unha época de certa esperanza, hoxe se publiquen menos textos e a través de coleccións con menor tiraxe e capacidade de promoción.

Evidentemente, todos os proxectos culturais en Galicia vense influídos pola situación da lingua e pola competencia de oferta, que non é pouca, na actualidade. Pero, na miña opinión, a existencia destas editoriais que traducen é unha pequena proba de que podemos gañar. Estamos tan afeitos á derrota que poucas veces reparamos en que hai máis opcións ca resistir ou conformarnos co que temos, que realmente é unha sorte de derrota. Eu considero que estas editoriais fan traballos de primeira calidade, en todos os aspectos: desde a busca de autores até o soporte en que lles veñen presentadas ao lector.

Nunha situación de minorización e acoso como a vasca e a galega, a vitalidade da lingua vai da man da cultura e viceversa.

Gustaríame determe no seu traballo na obra de Sarrionandia. Do meu punto de vista, é un dos mellores escritores contemporáneos. Por favor, axúdeme a recomendar a súa lectura entre os lectores de Biosbardia.

Sarrionandia é o punto de apoio, o lugar onde a luz e a sombra se separan, a cerimonia de dar e recibir. É un mito que describe e responde a todas as arestas do que damos en identificar co nome de Euskal Herria: a terra do éuscaro.

Vostede coñece a literatura vasca actual. Como avalía a súa calidade? Hai voces críticas que defenden que é superior á galega en canto á innovación creativa e ambición de estilo e enfoque.

Esta é a razón pola que anteriormente, falando de literatura, contestei coa lingua. Nunha situación de minorización e acoso como a vasca e a galega, a vitalidade da lingua vai da man da cultura e viceversa. A vitalidade da cultura vasca (de toda a cultura, non só da literatura) vén dada pola recuperación da lingua, gañan falantes, e o xeito en que se sacudiron o autoodio que hai unhas décadas tamén existía en Euskal Herria. É unha sociedade moi activa, moi implicada que foi quen de pór sobre a mesa das urxencias a cuestión da lingua cunha actitude que vén reflexada na mítica canción de Oskorri: que os acompañou no camiño: “xa é hora de que decidamos se queremos gañar esta guerra ou non”. Foi a Administración quen respondeu con apoio a esas demandas mediante traballos e éxitos e non, como moita xente en Galicia pensa, ao revés: a sociedade vasca, no tocante á lingua, non foi dinamizada pola Administración.

Que voces nos recomenda para estarmos ao día?

Como recomendación abonda con que diga dous nomes: Ekhine Eizagirre e Juanra Madariaga. Pero quero facer énfase en que aprender éuscaro é moitísimo máis sinxelo do que poida parecer e que calquera persoa que se achegue a esta lingua, especialmente aqueles que se queiran adicar á filoloxía, atopará un feixe de tesouros e de recompensas que non se poden dar con calquera outra lingua.

Dígame que está lendo agora mesmo.

Acabei con En memoria de tanto milagre, unha escolma de estudos dedicados a David Mackenzie. Comecei con A Oseira (publicado por A Chan da Pólvora), de Antón Blanco.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s