‘La la land’: para que vale investir en cultura

escena-de-apertura-de-la-la-landCésar Lorenzo Gil.

Hai dúas semanas, Constantino Bértolo, editor do libro Cartas desde la revolución bolchevique, de Jacques Sadoul, publicado en castelán por Turner, afirmaba no excelente programa Biblioteca Pública, de Radio Nacional, conducido polo excelente Manuel Sollo, o seguinte: “Na batalla do imaxinario, na creación do que é necesario ter, o ideario comunista non gañou. Gañou o imaxinario capitalista”. Esta frase, alén de recordarnos algún dos motivos polos que as ideas socialistas non son atractivas malia seren as que sustentan conceptos como educación e sanidade pública e universal ou dereito ao traballo e á vivenda, serve tamén para entendermos por que a cultura é, quizais, o gran campo de batalla simbólico e por que as sociedades que non a protexen e a defenden, perden a súa identidade. Porque a cultura é inherente ao ser humano e se os propios trazos culturais esmorecen, outra cultura potente ocupará o lugar deseguido.

E que ten que ver isto co filme La la land? Coido que algo. O filme favorito para os Oscar 2017 (ten 14 candidaturas, marca histórica, empatada con TitanicAll about Eve) demostra o valioso que é o campo de batalla cultural para os EUA e, especificamente neste caso, para California, capital da industria do imaxinario, por dicilo coas palabras de Bértolo.

O filme de Damien Chazelle (por certo, fillo dun investigador en Computación que traballa en Princeton) ten catro punto de interese que o converten nunha modernísima actualización dese imaxinario occidental e da reivindicación da cultura estadounidense como ideoloxema estándar.

A industria do cinema

La la land é, antes de nada, unha reivindicación da propia industria do cinema. Nun momento no que a innovación e a atención do público están nas mans da televisión (especificamente grazas ás canles de pagamento: Netflix, HBO, etc), Chazelle homenaxea as propias raiceiras do cine como espectáculo total. O musical foi a primeira grande aposta da pantalla escura para monopolizar o concepto espectáculo: crisol de todos os xéneros dramáticos, reprodución perfecta e accesible da tensión no escenario dunha noite no teatro. Fronte ao modelo imperante de cinema de efectos dixitais (cinema videoxogo), esta película escolle a vía auto-referencial para reclamar o cinema como protagonista absoluta da xeneralización da cultura audiovisual. Esta pegada simbólica non está só na forma senón tamén no guión. Cando o pragmático John Legend intenta convencer o personaxe de Ryan Gosling de que o jazz necesita reiventarse para gañar públicos,en realidade parece un executivo dos grandes estudios defendéndose ante a sensación de que no cine só se pode ver algunha película da todopoderosa Disney en calquera das súas subtramas (Marvel, Star Wars…).

O jazz como música patriótica

O patriotismo cultural dos EUA gañou xustamente pola súa sutileza. O mito que callou universalmente non foron o Rambo que interpretaba Sylvester Stallone. Ese e outros son de consumo interno, figuras sólidas que perpetúan a fascinación obrigatoria pola guerra nun país cuxo exército é unha das principais fontes de traballo (capitalismo de Estado). Non, o cinema fraguou unha fascinación polos EUA en base ás súas artes e filosofías. En La la land, a arte que maior publicidade recibe é o jazz. É unha película didáctica que procura crear novos consumidores para esta música e fortalecela como sinal de identidade estadounidense. O jazz ten, ademais, outro punto de interese. Nun momento de gran polarización social no país, a industria audiovisual californiana volve apostar polo modelo integrador, o sistema de cara amable e progresista no simbólico que propuxo Barack Obama, especialmente na súa primeira campaña presidencial. O jazz non deixa de ser unha música de ex escravos.

la-la-landPerseguir o soño

O soño americano é un dos grandes ideoloxemas culturais que triunfou. Parafraseando a Bértolo, o común da xente que non coñece polo miúdo a sociedade estadounidense pasa por alto que no país das oportunidades o benestar é un luxo, non un dereito, que as clases sociais son ríxidas (máis do que en Europa) e que o racismo é estrutural. Por que? Porque desde que John F. Kennedy o converteu na súa marca persoal, a vontade individualista parece capaz de todo. Tamén nesta película aínda que o fundamento do soño dos protagonistas é, neste caso, máis de autorrealización ca económico. Nun momento da película, a personaxe que interpreta Emma Stone dille a Sebastian: “Fai o que queres facer e xa verás como alguén se interesa polo que fas. Que lle dean á xente!” Esta é unha postura culturalmente afouta aínda que comercialmente acaída. Só abrindo o camiño para novos públicos é posible lograr novos nichos de mercado. Repetindo clixés, imitando unicamente non hai posibilidade de innovación. Baixo esta filosofía, La la land reivindica eses EUA que inventan, que deseñan, que fantasean. Mais, velaquí a clave, para innovar, para inventar, para encontrar novos mercados, cómpre tempo e diñeiro. Polo tanto, perseguir o soño e ter os pés quentes a un tempo require mecenado e investimento.

Xeografía e imaxe de marca

Quen coñece Los Angeles sabe que, en xeral, ten o mesmo atractivo ca (aquí o lector pense nese seu sitio feo preferido e así eu aforro quedar mal coa veciñanza das localidades que me veñen á cabeza agora mesmo). O cartaz de Hollywood é pequerricho, o paseo da Fama é en realidade unha feira de tendas chinesas e os angelinos pasan máis da metade da vida nalgún atasco na freeway. Mais vas ver La la land e ficas fascinado pola cidade que se intúe máis do que se mostra. Até o tránsito infernal da capital acaba sublimado grazas a unha espectacular coreografía masiva. Moita xente pensa que o cinema estadounidense é autónomo, que non recibe axudas públicas. Nada máis lonxe da realidade. Na verdade é a industria cultural máis subvencionada do mundo. Existen ducias de organismos estatais, locais e federais que se encargan de repartir subvencións. A intención e os resultados están claros. A marca California é das máis valoradas.

Na película de Chazelle hai un breve pero intenso protagonismo para París. Xa hai anos, un alto cargo francés de Cultura con moito sentido do humor, en plena crise diplomática con Washington a conta da guerra de Irak do 2003, dixo: “Non importa que boicoteen o noso queixo e o noso viño por uns meses; moita publicidade gratuíta levan feito de Francia grazas ao cinema”. Que a capital francesa ou Nova York sexan capitais eminentemente turísticas está intimamente relacionado coa fascinación audiovisual. Só hai que seguir o rastro que deixa no turismo a localización da serie Xogo de tronos ou fixarse na curiosa historia da serie xaponesa de debuxos animados Sora no Oto, que escolle como paisaxe as iconas de Cuenca, cidade manchega que recibe desde a emisión da serie, até dez mil visitas xaponesas por ano.

Política cultural en Galicia

A cultura galega é vista polo goberno de Feixoo como un estorbo, un sector económico prescindible e doado de eliminar polo silencio xeral. Seguramente ten razón pero é un luxo para a sociedade deixala esmorecer e non tirarlle os réditos simbólico e económico que pode dar de si. Porque malia o autoodio e a ignorancia, Galicia ten unha cultura construída durante séculos, que se concretou nos monumentos, na paisaxe e nas tradicións, que compuxo unha literatura autónoma e potente, con nomes de altura mundial en todas as épocas e que ten pendente o grande pulo á modernidade a través do audiovisual. Nunca hai que menosprezar a creación, nunca esquecer que somos fantasía e imaxinación e que non podemos camiñar sen símbolos. Un exemplo: nun recente traballo publicado pola especialista en Onomástica Ana Boullón, atribúe o aumento de Noas e Breixos como nome de pía ás novelas de Alfredo Conde.

Ide ver La la land. Dúas horas de alegría, mil horas de ganas de bailar sobre o capó dos coches.

Advertisements

Un comentario en “‘La la land’: para que vale investir en cultura

  1. Galicia véndese soa…eu chamo o efecto rebote a que xente de fóra, sempre eles, son os que poñen en valor a nosa terra, as nosas xentes e polo tanto a nosa cultura para que os de aquí se enteren…os desprezos abundantes dos acomplexados non fan falta que os relate, todos os que vivimos aquí os temos que escoitar cáseque todos os días -soplagaitas, atraso, acento, lingua, mal tempo, estamos tan aislados…-, por iso é unha grande oportunidade a que da internet e a GLOBALIZACIÓN, xente de fóra cosmopolita que namórase do noso a primeira vista sen que acomplexado abra a bocaza. Unha mágoa pero é a realidade!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s