Apuntamentos para un estudo da literatura subalterna galega (e II)

Filomena Fraga.

Filomena Fraga.

Xesús González Gómez.

Polo que se dixo na anterior entrega, acho que o lector pode deducir doadamente que o apartado IV está por estudar, e mesmo por catalogar. Penso que desde 1975 até o 2015 se publicaron case un milleiro, ou máis, deste tipo de libros. É máis, hai autores que teñen publicados varios libros, como Ramón Antonio Pérez Poza (Silabario), S. Alcalde Xil “O Rinxeiro” (Contra vento e marea; Follas murchas e serodias, etc.) ou Xaimín Hermida (A miña sogra vai ao muíño a cabalo dun porquiño; Que risa!, coa xente do meu pobo), que nunca apareceron nin en historias nin en dicionarios de literatura galega. Pero hai moitos: Sarcos (Un garabelo de contos), David Garrido Castromán (Da terra, do mar e do ceo), Daniel Hortas (Lerias do Leiras), Brais de Castro (Nomearte), José Rodríguez Ferrer (Amencidas de Valdeorras, etc), Leopoldo González Agis (Os contos do tío Ramón, e algúns máis), E. V. Calo (Latexos dun aurosán, leva, como mínimo, tres entregas), Salvador Rodríguez (Fins do mundo), Xoán García López (Abonda coas palabras), Javier Rodríguez Vergara (Suspiros de un ceiderés, versos en galego e castelán), Ricardo Timiraos (Se Deus se namorase), Xoan Neira (Memoria e soño), Ramón Fernández López (Lembranzas dun poeta), Manuel Arias Gómez (Monta. Unha vaca unha vocación), Rosa Cortiñas Bóvedas (O ceo é unha beleza), Manuel Anxo Rei Chao (Tempo no espello, novela), María Magdalena Domínguez (A quen lle dou unha estrela?, Retrancas, Sementeira de Soños, etc., até un total de case 15 libros), Filomena Fraga (A cancela, contos, poesías e pezas curtas; coñécese unha segunda edición), Xosé Carlos O’Framinor (Alma de aprendiz), Xoán Corral (De todo corazón), Xosé Rois Froján (Anaquiños de min), e cito só estes porque senón este pequeno artigo debería reducirse a unha lista de autores e obras que acabaría aborrecendo o lector. Ou, caso curioso: en 1987, en Vigo, Ramón Fernández Lorenzo publicou un libro de poemas, O mar do cerne, conxuntamente con Xesús Pena Fernández, que no mesmo volume entregaba dous poemarios: Seis meses en altamar e Malenconía de terra firme. Pois ben, o primeiro publicou nunha editorial seria (sic) ou “institucionalizada” un libro desa cousa denominada literatura infantil, o que lle valeu aparecer no volume dedicado aos autores do Diccionario da literatura galega dirixido por Dolores Vilavedra (Galaxia, 1995); o seu compañeiro, que comparte nome en portada, non aparece por parte ningunha.

[Estudando toda unha serie de libros, tanto poéticos como narrativos, do que denominamos literatura subalterna, talvez si se poderían tirar uns trazos diferenciais moi claros que os distinguirían da literatura “canónica” ou “institucionalizada”. Trazos estes dos que seguramente gozan moitos dos libros considerados como literatura “canónica” ou “insitucionalizada”, xa que a literatura subalterna sería, ou é, en certa maneira, un pálido reflexo, ou unha mala imitación, das obras menores dos grandes nomes da literatura institucionalizada –por exemplo, de Rosalía imítase Cantares gallegos, nunca, ou raramente, Follas novas. Ora, os maiores trazos diferenciais que se dan na literatura subalterna son, serían sociolóxicos e, mesmo, psicolóxicos a “nivel” autorial. Explícome. Xa dixemos atrás que a literatura subalterna, os creadores desta literatura, aceptan, na súa máis ampla maioría, a dominación literaria. É dicir, non intentan introducirse no que un profesor de literatura bourdieniano –que ao mellor de socioloxía non ten a mínima idea– denominaría “campo literario”; noutras palabras, estes autores/as non intentan introducirse na institución literaria, conscientemente aceptan non pertencer a ela, aínda que nunca loiten contra ela e, por suposto, nunca a neguen, senón que, en verdade, a aceptan e perante ela se axeonllan: sería o seu escuro obxecto do desexo que nunca alcanzarán, e disto son plenamente conscientes. E aquí é onde entrarían os trazos psicolóxicos, trazos compensatorios. Trazos compensatorios porque ao seren conscientes do baixo nivel de aspiracións (literarias), este (o baixo nivel) axuda a reducir a frustración ou mesmo a superar a frustración que sufría como “poeta”, “narrador”, etc. É dicir, a simple publicación, aínda que sexa en autoedición, cumpre as súas expectativas. Todo o contrario que pode acontecer cun autor que quere institucionalizarse, ou mesmo se institucionaliza, máis non é “recoñecido”, non son recoñecidas as súas aspiracións: a frustración é grande e a publicación, aínda que sexa “institucionalizada” deixa de ser compensatoria, etc.]

Para estudarmos esta literatura subalterna nun período determinado (estudar ou simplemente, catalogar a literatura subalterna galega desde o Rexurdimento até os nosos días só pode ser traballo dun amplo equipo de investigadores: a tarefa, é difícil precisamente por falta de estudos anteriores) o sinalado antes, por exemplo, de 1975 ao 2015, o primeiro que habería que facer sería catalogar todos os libros que se desen atopado. Unha das fontes primordiais serían as bibliotecas da vilas de Galicia, bibliotecas que adoitan ter estes libros por os autores se dirixiren, en primeira instancia, como dixemos, aos moradores do seu contorno[1]. Tamén se trataría de pórse en contacto coa maioría das asociacións culturais das diferentes vilas, xa que moitas veces libros autoeditados levan como editor o nome destas asociacións, ou das concellarías de cultura dos diversos concellos, ou dunha editorial que nunca publicou un libro máis; unha editorial que se dedica a editar os cultores das musas dun lugar ou bisbarra determinada, etc. Evidentemente, nas grandes bibliotecas de Galiza (Fundación Penzol, Cidade da Cultura, Biblioteca da RAG, etc.) debe haber tamén libros deste tipo. Unha vez feito o catálogo, habería que dividir os diferentes libros por xénero, que maiormente adoitan ser, como se avanzou, poesía e narración (conto), mais non podemos desbotar outros xéneros (monografías locais, “memorias”, etc.). Outro lugar para procurar libros autoeditados e que se poden considerar literatura subalterna, son os informes de literatura do Centro Ramón Piñeiro. Moitos destes libros autoeditados gozaron, ás veces, dunha pequena recensión, entrevista ou dunha noticia, nas edicións locais ou comarcais dos xornais “nacionais” ou “provinciais”, mais raramente pasaron de ser noticia local[2]. Un terceiro momento sería, se nas lapelas ou contracapas do volume se indica, clasificar os autores por profesión e, por último, eliminar todos aqueles autores que posteriormente puidesen entrar no “campo” literario galego, é dicir, que fosen editados por editoriais comerciais e/ou institucións, ben que estes datos habería que consignalos, porque de aí pódese tirar un apartado ou acápite do traballo que facer: que porcentaxe de escritores subalternos alcanzan a categoría de escritores “canónicos”  ou institucionalizados –cando nestas liñas falamos de escritores canónicos ou institucionalizados referímonos, como se decataría o lector, a aqueles que entran ou acaban entrando nas nóminas das historias ou dicionarios de literatura–; aínda que algúns destes autores “institucionalizados” poderían introducirse dalgunha maneira dentro da literatura subalterna. Por último, un pequeno comentario crítico de cada libro catalogado: ao mellor hai sorpresas.

Evidentemente, para un traballo destas características non se pode usar o método (sic) bourdieniano sen nos levarmos un “chasco”, xa que as análises bourdienianas se conducen case exclusivamente sobre as loitas das posicións dominantes nos dous polos do campo literario: o polo puro e o polo comercial. E na literatura subalterna ou dominada non existen polos, nin puros nin comerciais. Por outra parte, e isto sábeo quen lese dúas ou tres traballos dos bourdienianos, as análises sociolóxicas deste tipo adoitan ser máis precisas cando abordan as loitas no polo puro, que adoita ser o polo dominante do campo: as análises do polo comercial adoitan non ser nin moi precisas e, en verdade, poucas, ou case ningunha se fixeron sobre este polo, ben porque se lles escapa das mans, como a case todo o mundo, ben porque é un traballo ímprobo e de pouca vistosidade.

Se a socioloxía bourdieniana non é quen de producir análises precisas sobre o polo comercial, menos o é cando trata do polo que poderiamos denominar, ou denominamos, subalterno. E isto por unha causa que deixamos albiscar liñas atrás: medidos coa vara dos dominantes, os dominados son considerados como deficitarios e tenden a ser pensados como un conxunto indistinto. En tanto que “gustos de necesidade” (en comparación cos “gustos” de liberdade dos membros da clases superiores), son, efectivamente, gustos por defecto, obrigados e limitados pola falta de recursos económicos e culturais, e dos que están excluídos pola posibilidades de “elección”. Nesta perspectiva, a análise non pode acceder á diversidade de gustos dos membros das clases dominadas[3].

 

A literatura subalterna é unha póla (ou un polo) importante en cantidade na literatura galega, polo que non se entende que o seu estudo estea completamente descoidado. Talvez máis dun lector se achegou á nosa literatura mediante estes escritores, maiormente locais e que non teñen máis ambicións que ser lidos polos seus amigos e veciños, e que, como xa dixemos, aceptan con consentimento a dominación. Dominación da que, tanto no caso galego como en case todos os outros países do mundo, só é quen de liberar a institución editorial, sexa privada sexa institucional (maiormente Xunta, Fundacións e talvez Deputacións e, en ínfima medida, Concellos e Asociacións culturais), aínda que estaría por verse, sería necesario un estudo cualitativo e comparativo, se no caso galego a publicación por parte dunha institución non axuda á dominación (agás as excepcións regulamentarias: cando as institucións manteñen coleccións continuadas, o que, infelizmente, no noso país non adoita acontecer desde hai ben anos). Persoalmente, penso que a publicación  de libros de ficción por parte de institucións axuda á dominación literaria. E axuda a esta dominación porque a publicación de libros de ficción por parte de institucións públicas (Concellos, Deputacións, Xunta, etc.) é a confirmación da dominación. Expliquémonos e engadamos algo máis.

A construción da lexitimidade literaria –da institucionalización– realizouse nos últimos trinta e cinco anos mediante a xerarquización construída polas editoriais ricas en capital simbólico, como diría un Bourdieu calquera. (Non vou nomear estas editoriais: o lector galego, e máis o escritor, ben as coñecen.) E a axuda do mediador por excelencia, é dicir, o crítico. Mais este capital simbólico non é tan simbólico, senón que é totalmente efectivo no momento en que publica, unha desas editoriais, un libro de ficción: dispáranse as referencias e as recensións na prensa diaria e noutros lugares: a calidade do produto dá o mesmo, non ten case importancia. O importante é que ese autor (poña o lector o nome que máis lle agrade, ou desagrade) é publicado por esas editoriais. Se ese mesmo autor, ese mesmo texto, fose publicado por editoriais cuxo “capital simbólico” (e capital efectivo, é dicir, en cartos) é menor, ou é case nulo (e non quero referenciar ningunha destas editoriais: tamén as coñecen os lectores e os escritores do país) ese autor, ese texto, pasan desapercibidos na prensa e outros medios –ou, como moito, merecen noticias no apartado “local” dos xornais; ás veces, porén, mesmo son comentados nas páxinas literarias dos xornais e revistas: sería curioso ver se estes autores, estes textos publicados por estas editoriais, non son máis “maltratados” pola “crítica” que os textos publicados pola editoriais con gran capital simbólico. Sería un divertido e clarificador traballo este[4].

O traballo de xerarquización das editoriais en función do seu capital simbólico presidiu en gran parte a construción da cualificación de lexitimidade literaria no noso país durante os últimos trinta e cinco anos, por non ampliar as datas[5]. E este traballo de xerarquización, que nos enredou a case todos, fixo que textos importantes pasasen desapercibidos e que textos de unha nulidade total fosen condecorados con todas as medallas posíbeis.

[1] Un autor autoeditado que viva en Chantada, adoita entregar o seu libro á biblioteca da súa vila. Un exemplo “extraterritorial”: en diversas bibliotecas municipais de Barcelona, no apartado literatura galega, en galego, teñen o libro de poemas Anaquiños de min, de Xosé Rois Froján, editado en Cataluña: téñeno as bibliotecas galegas?

[2] Un dia, alguén, deberá explicar a que vén a edición destes informes do Centro Ramón Piñeiro –felizmente, hoxe xa non en papel, polo que algo, supoño, se abarataron os custos– e, sobre todo, dúas cousas: a) o seu custo real e b) a que intereses serve. Evidentemente, está claro que serve os intereses das editoriais institucionalizadas, en primeira instancia; en segunda, talvez a algúns autores determinados, e isto nótase nos resumos tanto do libro como das recensións, e, en terceira, aos seus directores ou coordinadores. Porque os resumos das recensións son parciais, que non pasa nada, mais si completamente partidarios, e isto habería que explicar por que. Un exemplo persoal. Procurando, precisamente, títulos que podería incluír na literatura subalterna galega, dei con isto:

Rodríguez Fer, Claudio, A loita continúa (dores, amores e clamores), Vigo: Edicións Xerais de Galicia, maio 2004, col. Poesía, nº 3, 92 pp. (ISBN: 84-9782-162-9).

Poemario de Claudio Rodríguez Fer (Lugo, 1956) articulado en catro partes, algunhas delas xa publicadas, como Rastros de vida e poesía (2000) e Gran Tirano: na primeira o poeta tira da súa experiencia biográfica, mentres na segunda, en forma de apéndice esperpéntico e histórico, satiriza os grandes sátrapas do século XX. ‘A loita continua’ é outra das partes do volume e na que se reivindican as raíces sobre as que construír unha nova sociedade. Trátase dunha poesía integral sobre a vida a través da autenticidade, do coñecemento e da radicalidade. [O resumo en realidade é unha recensión crítica favorábel, o que non é de recibo. xgg.]

Recensións:

[… ]

X.G.G., ‘Rodríguez Fer e os riscos da poesía social’, A Nosa Terra, nº 1.134, ‘Cultura’, 24 xuño 2004, p. 27.

Informa da publicación do novo libro de poemas de Claudio Rodríguez Fer, A loita continúa. Opínase del que quere ser un renovamento da poesía social. Infórmanos, ademais, de cales son os motivos da estrutura do libro, así como das pretensión (sic) do autor para con el.”

 

O lector que tope con este resumo pode pensar que o comentarista (XGG, é dicir, eu) é un pouco parvo, xa que falar, segundo o resumo, dos “motivos da estrutura do libro”, así como das “pretensións do autor para con el” (que xa gustaría a min saber que significa isto) sen sinalar se se di algo dos “resultados”, só demostraría a parvoíce do comentarista, de XGG. A recensión que fixen no seu día dicía exactamente o que segue:

“RODRÍGUEZ FER E OS RISCOS DA POESÍA SOCIAL

Título: A loita continúa.

Autor: Claudio Rodríguez Fer.

Edita: Xerais.

Hai anos, un poeta galego cuxo nome non lembro (ou non quero lembrar, hei consultar o psicanalista) afirmaba nunha entrevista que facía a poesía coas ‘vísceras’. Así lle debía saír, supoño, xa que, como o meu colesterol é alto, o médico tenme prohibido consumir tales produtos. Agora, Claudio Rodríguez Fer, no seu novo libro de poemas, no que abre o volume, ‘Poesía é acción’, escribe, entre outras, cousas como: ‘A poesía nunca está nas palabras. / A poesía non está nestas palabras, / Senón nos actos que conlevan. /Por iso este poema é un acto radical / Ou non e nada […] A poesía ou é acción ou non é nada’. Talvez o lector, inxenuo, pense que a poesía se cadra non é acción (A poesía non ritmará coa acción, irá por diante dela, Xoán Arturo), que este poema non é un acto radical. Nunha palabra, talvez o lector, parvo, pense que a única acción que conlevan as palabras da poesía é dupla: a súa escrita e a súa lectura, ou tripla: a súa impresión no papel. Ou cuádrupla: a súa lectura en voz alta para aborrecer os oíntes (un é, niso dos recitais, gombrowiczián). O lector, inocente, e como tal paga a patente, acaso pense que a poesía está nas palabras, naquilo que pasan a ser as palabras, sen deixaren de ser palabras, cando chegan ao profundo do ser humano. É dicir, cando as palabras de cada día transforman as cousas ao operar sobre elas. Nunha palabra, a poesía faise, aínda, con palabras (maiormente, non entramos na leria da poesía visual), ou con ausencia de palabras –mais presentes por ausencia. O demais, ganas de pasear pola Ferradura sen dar unha no cravo.

Alén diso, este novo, no tempo, libro de poemas de Rodríguez Fer quere ser, sen conseguilo, un renovamento da poesía social, mais…

Non falaremos da falta, absoluta, de ritmo nos poemas, das pegadas doutros poetas, do esquecemento, curiosamente, da solidariedade entre poética, ética e política; esquecemento que é tamén esquecemento do suxeito, que conduce a un pensamento débil (sobre todo no Apéndice escénico Gran Tirano) da historia e do político que compensa a súa apoética mediante unha poetización do propio discurso, aínda que o autor pense que hai historia porque se declara “militante da memoria”. Pois non.

Un exemplo, o libro que dá titulo ao volume (digamos que este se divide en catro libros) consta de cinco poemas, ou dun poema dividido en cinco partes: ‘Dende a memoria do mundo’, ‘Dende 1936’, ‘Dende a solidariedade’, ‘Dende a conciencia’, e ‘Dende min’. Como todo o volume, este poema, ou estes cinco poemas, son a negación da poesía e algo máis. Algo máis porque dá a impresión, nunha primeira, nunha segunda, e até nunha terceira lectura, que se introducen os asasinados, os perseguidos, para lles conferir importancia aos sentimentos do poeta (léase integramente ‘Dende min’), que non teñen nada que ver con eles [os asasinados, os perseguidos], e que non están descritos, e así se evita unha verdadeira experiencia individual, dando a impresión de solidariedade coa experiencia colectiva.

Máis cousas como a presente se poderían dicir deste volume de poemas. Versos como ‘Eu medrei rodeado por feixes de asasinos […] Porque foi indigno vivir cos cómplices da tiranía, cos colaboracionistas do medo, cos cómplices retóricos do terror, cos vasalos da vesanía […] Pero o peor de todo foi convivir cos criminais’ –ademais de confirmar o que se di acima– nacen, curiosamente (?), deses outros, inzados dunha pobre ironía –a non ser que o poeta tente crer que é humor negro–, integrados no poema ‘Memorial dos  foxos de Lugo’, onde logo de reseñar a aqueles que lles deron cuneta, algúns mencionados con nomes e apelidos, din: ‘Así se fixo o Plan Nacional de Estradas/ de mil novecentos trinta e seis’.

Non sei se a poesía leva a algunha parte. Nunca, infelizmente, conduciu á acción. Pode ser que a ela nunca conduza. Quizais, soamente, lle abonde con levarnos cara a aquilo que non sabemos ver.”

Como comprobará o lector, o que eu escribín e o que di o idiota (ou a idiota –sempre este substantivo no seu máis puro sentido etimolóxico: “persoa privada de habilidade profesional”–; os seus nomes están censados no inicio para lecer dos lectores) de tal informe, teñen tanto a ver como o touciño coa velocidade, que diciamos na miña xa afastada mocidade. É dicir, nestes informes os nomes “canónicos” (ou supostamente tales), que veñen case sempre a ser nomes de escritores que teñen vocación de cóengos, son intocábeis. Se, por outro lado, o/a resumidor/a atopa cunha recensión que pon polas nubes un escritor non publicado por ningunha das editoriais fortemente institucionalizadas (públicas ou privadas), ou o libro foi publicado en edición de autor, e o autor esta fóra do que eles/as consideran canon, nunca as frases de recensións que aluden encomiasticamente a ese/a escritor/a serán reproducidas nestes informes pagados con cartos públicos, e que só serven para encheren os petos de alguén e, supomos, as vaidades duns cantos. E, póndonos máis serios, estes informes son un intento de catalogar cada ano a literatura galega: os novos “axentes” só serán aceptados nestes informes se son protexidos polas editoriais institucionalizadas ou polos responsábeis últimos de tales informes. Esperemos que un día alguén se atreva a escribir un libro sobre o poder “intelectual” no noso país, para desenmascarar, dunha vez por todas, a aproveitados, manipuladores, impostores e, usemos por unha vez o léxico stalinista, renegados.

[3] A partir do conxunto de gustos alimentarios, Grignon dá a ver concretamente os efectos redutores da maneira en que Bourdieu aprehende os gustos populares: “De dúas cousas unha: ou ben os obreiros teñen tamén, por pouco que sexa, a ‘elección’ –por exemplo, a elección, ao mesmo custo, entre comer fabas ou comer patacas (cocidas)–, e os seus gustos son gustos de liberdade, da mesma natureza (senón no mesmo grao, mais esta non é a cuestión) que os dos gastrónomos das clases dominantes, que abalan entre o lumbrigante e a lagosta […]. Ou ben os obreiros non teñen a elección: deben comer fabas e non outra cousa (supondo que ese ano as patacas estean carísimas); e neste caso, non existe ningunha maneira de facer intervir o seu ‘gusto’ eventual pola fabas para explicar que comen fabas porque, acurralados como o están entre a necesidade biolóxica (isto ou morrer de fame) e o límites da súa carteira (isto e máis nada), están forzados de calquera maneira a comer fabas” (C. Grignon e J.-C Passeron, Le savant et le populaire. Misérabilisme et populisme en sociolgie et en littérature, París, Éd. du Seuil, 1989, p. 139).

[4] Neste apartado das recensións, sería curioso anotar os nomes dos comentadores de libros pertencentes ao que vimos denominando literatura subalterna. Normalmente, estes “comentaristas” (ou “críticos”) adoitan ser “espontáneos”, por usarmos a xerga taurina, ou, se non o son, adoitan facer uns comentarios máis ou menos laudatorios, escribindo cousas como esta: “Libros de poesía como este deben entrar na maré literaria da actualidade; non son obras de gabinete; non fuxen de dialectismos; non se normatizan; reflexan a vida e as leituras dos poetas maiores de Galiza, especialmente de Rosalía. Son ‘o diferente’ no mercado literario”. O comentarista non se decatou de que estes libros adoitan non entrar nunca no “mercado literario”. Por outra parte, sen querelo, pon sobre a mesa unha serie de cuestións e de problemas que, acho, nunca se debateron en Galicia. A normatización (ou normativización) sepárase da base dialectal e, xa que logo, o escritor vese obrigado a usar unha lingua de alta cultura –sintética, plástica, química– separada moitas veces, por non dicir sempre, da base dialectal (tanto na normativa do ILG, como na consensuada, como na lusista), e máis cando a base dialectal perde locutores día tras día. Outra cuestión, ou problema, é o que o comentarista denomina “obras de gabinete”: ao fuxir da base dialectal, o escritor galego debe, dentro a súas posibilidades e do talento persoal de cada un, incorporar todo o que esta dispoñíbel na literatura mundial, porque o dispoñíbel ao seu arredor foxe cada vez máis del, ou está, como está, a piques de desaparecer, de aí que as obras dos escritores galegos sexan cada vez máis de gabinete, e serán estas obras de gabinete as que dean, se a sociedade galega así o desexa, verdadeiro esplendor á nosa literatura. As outras obras, por moi vividas que sexan, non nos enganemos, nunca son vívidas e nacen mortas, porque os seus autores, simplemente, queren expresar vivencias e só con vivencias non se fai literatura.

[5] Outro tema que está por estudar ou, cando menos, aínda que só sexa, por sinalar, é o que se podería denominar “institucionalización pagada”; fenómeno este que está a alcanzar certas proporcións, dentro da nosa pequeneza editorial;.desde o 2009-2010, é dicir, o inicio da forte crise económica no occidente cristián, e non só nel. Que queremos dicir con “institucionalización pagada”? Simplemente que existen autores que publican en editoriais de gran capital simbólico –que, no noso país e en moitos outros, adoita ir acompañado este capital simbólico do capital financeiro puro e duro, como xa dixemos– ou son publicados por estas editoriais fortemente institucionalizadas por dous motivos: a) os autores pagan a súa edición ou b) as editoriais saben que eses autores, no seu contorno familiar e social, e talvez alén, venden un determinado número de exemplares; número de exemplares que, a fin de contas, lle fai o produto rendíbel á editorial de marras.

Advertisements

Un comentario en “Apuntamentos para un estudo da literatura subalterna galega (e II)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s