Lembranza de Ramiro Fonte, emblema clasicista da poesía dos oitenta

fonte2Manuel Veiga Taboada.

Hai sesenta anos, naceu Ramiro Fonte. O seu pasamento anticipado interrompeu unha liña clasicista, imprescindíbel en todas as literaturas.

“Quero deixar un clásico”, díxome cando acababa de publicarse a triloxía sobre a súa vila natal, Pontedeume. Pode parecer unha declaración pretensiosa, quizais inxenua. Pero, o certo é que a prosa de Os meus ollos, Os ollos da ponte e As pontes no ceo é tan depurada e precisa como a de calquera bo poeta, mantendo, ao mesmo tempo, as características descritivas e de ritmo longo propias da narrativa.

Nestas tres obras, que figuran entre o último que produciu, encontramos tamén a mellor prosa galega das últimas décadas. Unha verdadeira lección, por exemplo, para quen desexe aprender a escribir ou simplemente mellorar –e non é pouca cousa– a súa sintaxe.

Ramiro Fonte chegou a dominar o estilo. Por vontade e formación, era un clasicista. Non viviu moitas oscilacións ao longo da súa traxectoria. Sempre estivo onde quixo estar. Vangardismos, os xustos e necesarios. Unha lírica avanzada pero aferrada ao canon. Nada que ver, por exemplo, con Lois Pereiro ou con Antón Reixa, compañeiros de xeración que deseñaron a outra cara da moeda e que con Fonte –e algúns outros, como Cáccamo ou Forcadela– completan os 360 graos do sistema literario galego do momento.

A Fonte faltáballe, non obstante, non xa a picardía, a transgresión real, que conteñen sempre os clásicos, senón, sobre todo, esas epifanías, esa inspiración case sobrenatural, que necesita unha obra verdadeiramente destacábel.

Fonte era un bo barco que nunca chegou a partir, a desprenderse das seguridades terreas. Non creo que o lograse de ter podido escribir durante uns anos máis. Esa limitación estaba no seu carácter e na maneira de interpretar a súa época.

Algúns dos derradeiros poemas que escribiu e que querían ser aceirados, incluso comprometidos, ao vello estilo, resultaban, no entanto, demasiado explícitos nas palabras e demasiado xenéricos no fondo.

A súa vontade clasicista é ben visíbel nun dos poucos ensaios que deixou: As bandeiras do corsario. O libro contén o perfil de trece poetas. Están os que deben estar. Pola selección e os criterios expresados, a obra ten toda a intención de reflectir un canon e, sobre todo, de explicalo, tamén con conceptos aceptados. Un libro escrito por quen coñece a boa poesía, moi útil para internarse na mellor lírica do século XX, pero lonxe, por exemplo, das contribucións dos novos estudos culturais, anticoloniais ou feministas. Dos trece, só Pasolini podería ser incluído dentro dalgún destes novos grupos.

Un ensaio, en todo o caso, valioso, que recomendo ler, igual que convén repasar o resto da súa obra. Mágoa que, a pesar de todo, Fonte nunca fose capaz de afastar de si a monotonía.

Fonte, o que anuncia bandeiras corsarias, fala de proscritos –nun dos seus últimos poemarios– e tenta describir as grandes paixóns, semella preso, sen decatarse, do “ennui”, do tedio, que padeceron certos autores do pasado.

Fonte é un escritor coidadoso, con ambicións éticas demasiado limitadas pola realidade. “Corsario” e “proscrito” non son máis xa que expresións da rebeldía romántica, asimiladas hai moito pola literatura.

Lembro tamén a Fonte dándolles consellos paternais a persoas que apenas superaba en idade. Esta non é unha característica propia, senón de boa parte dos autores da súa xeración. Premiados e recoñecidos desde moi novos por un sistema literario que os necesitaba para superar o deserto anterior –un deserto moito máis evidente aquí que en Madrid ou Cataluña–, eles, os mozos poetas, sentíronse obrigados a vestir, con menos de trinta anos, o traxe de certo academicismo. Tiñan que servir de referencia. De aí, en parte, o seu clasicismo tonal, o seu requintado léxico e o seu compromiso equilibrado. Xogaron un importante papel que hoxe empezamos a xulgar con distancia.

Advertisements

Un comentario en “Lembranza de Ramiro Fonte, emblema clasicista da poesía dos oitenta

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s