Alfredo Conde: “Son un escritor sen parroquia”

large_alfredo_condeCésar Lorenzo Gil.

Alfredo Conde (Allariz, 1945) é un dos meirandes novelistas contemporáneos en lingua galega. Garda premios do valor do Nacional Español de Literatura, o Grinzane Cavour á mellor novela traducida ao italiano ou os da Crítica, tanto galega coma española. A súa obra publicouse en contextos tan exóticos coma Australia ou Rusia, país no que a súa obra Xa vai o Griffon no vento se converteu nun best-seller. Arestora mantén no andel de novidades O beato (Xerais), aínda que confesa que ten practicamente rematadas outra novela mais un libro de relatos. “Morrerei escribindo”, afirma. “Quero dicir que hei escribir mentres poida; non sei vivir sen a literatura”.

No seu último libro, O beato, vostede novela a vida do beato Sebastián de Aparicio, un emprendedor galego no México contemporáneo a Hernán Cortés que é moi adorado aló e que se considera o patrón dos chichimecas xa que amais da súa vida piadosa, ao morrer cedeulles ás clarisas a súa fortuna. Que foi o que lle interesou deste personaxe?

Varias cousas. Aparicio, que eu converto na miña novela en Xiao de Chaguazoso, é un dos poucos exemplos de galego que estivo nos primeiros momentos da conquista de América, non como soldado ou saqueador senón como comerciante e industrial. Aparicio tiña unha visión moi lóxica do mundo e cando se encontrou naquel vasto territorio soubo aplicar os coñecementos que aprendera durante a súa vida en Galicia para melloría da vida dos indios e da súa propia. El vía vacas e prados e entendía que alí había un negocio que podía prosperar. El vía que os indios non sabían tirarlle rendemento á roda e el apréndelles a aproveitala. No fondo, o beato non foi máis que unha especie de protoemigrante, un galego que ten que buscar a vida coma os centos de miles que o fixeron tres séculos máis tarde por todos os portos de América.

A novela está escrita en primeira persoa pero non é o Xiao quen a conta senón a pantasma do beato que se observa a si mesmo desde o presente. Isto dálle o libro un ar de comedia.

Eu necesitaba romper o xénero da haxiografía dalgún xeito e case sempre o que mellor funciona é a parodia. Na historia oficial de Aparicio dise que non fixo uso do matrimonio porque era un virtuoso e só buscaba compañeiras que coidar. Mais a min cásame mellor a historia de que el había ter algún problema irreversible que lle impedía consumar. Fronte ao ente divino das vidas de santos, eu quería propoñer un personaxe moi humano e con moita retranca galega.

Fronte ao habitual formulamento de choque cultural entre conquistadores europeos e indíxenas, vostede propón un encontro favorable para as dúas partes. Incluso describe a Hernán Cortés, habitualmente considerado un conquistador sanguinario como un estadista e até un libertador.

A historia de Aparicio indícanos que el, en efecto, respectou os indíxenas. E fíxose respectar polos chichimecas, que estaban considerados os indios de México máis feros. Puiden comprobar que en efecto el fixo comunidade ao redor deles, que os tratou ben e que os fixo partícipes dos seus avances técnicos e comerciais. A min este punto interesábame moito destacalo porque estou canso do mito do galego individualista, o galego que mira o veciño con desconfianza. Non é certo iso. A cultura galega é moi comunitaria, só hai que pensar na organización da recollida da pataca ou do viño, no sistema de regadío ou nas quendas para a matanza. Esa mancomunidade fórona levando os galegos canda eles. Fixémonos na pegada nosa en Cuba, na Arxentina ou no Brasil. O exemplo do beato é moi interesante porque el aprende nahúatl para falar cos seus novos veciños e organiza xunta a eles as necesidades colectivas.

En canto a Cortés, si penso que era un estadista. O mito españolista fálanos dun home que cunha manchea de homes dobregou o imperio azteca. Mais na verdade, o seu mérito foi unificar todas as nacións que se opuñan a ese imperialismo. Foron esoutros indíxenas os que venceron en México grazas á intelixencia e liderado dun home que tiña unha gran cultura, cuxa memoria reivindico neste libro.

Este libro encádrase no xénero histórico. Vostede ten unha dilatada traxectoria como novelista histórico. Que o motivou para volver mergullarse no pasado nesta novela?

A motivación é a mesma desde a primeira, hai máis de 30 anos. Cando souben que durante a ditadura arxentina (1976-1983) non houbera nin un só represor de orixe galega, nun país con tantos descendentes de galegos, quedei impresionado. Investiguei e descubrín que a Inquisición, en todos os séculos que actuou en Galicia, non puido encontrar nin un só verdugo entre os galegos e cando quería executar algún reo tiña que traer o matador de Valladolid ou de onde fose. Quedei fascinado e ese foi o xermolo de Xa vai o Griffon no vento (1984). Pero o realmente importante para min foi decatarme de que había toda unha historia de Galicia por descubrir, que tiñamos moitos feitos que dar a coñecer. Para min, escribir novela histórica é a mellor maneira de vivir nun tempo que non podo vivir fisicamente. Sempre digo que son o galego que viviu en máis séculos porque desde o século XVI até o XX penso que os novelei todos e nos procesos de documentación enchoupeime da vida de cada período: a Ilustración e a revolución industrial en Azul cobalto (biografía novelada de Antonio Ibáñez, marqués de Sargadelos); da época isabelina e da protociencia forense en Romasanta. Memorias incertas do Home Lobo ou da emigración en Sempre me matan e O fácil que é matar.

Chama a atención que vostede recreou épocas e personaxes (María Pita en María das batallas, por exemplo) posteriores ao 1500. Non lle apetece achegarse á Idade Media, un período rico en acontecementos relativos ao territorio galego?

A cuestión é que eu son un novelista histórico que estimo moito o rigor. Necesito que todas as cousas que aparecen nas miñas novelas, sexan inventadas ou non, teñan unha correspondencia real. Se algo sucede ten que poder documentarse. E na Idade Media fáltanme as fontes. Por suposto que hai excelentes traballos e ano tras ano aumenta o noso coñecemento sobre o que aconteceu na Galicia deses séculos pero o novelista que se enfronte a esa época ten que confiar aínda moito na súa imaxinación. E iso a min créame incomodidade. Eu, por exemplo, sería incapaz de poñerme a novelar a vida de Rosendo de Celanova.

Nesa pesquisa literaria e histórica, cal foi a súa principal conclusión?

Que Galicia non era un país esfameado. Constrúe os pazos un país esfameado? Os mosteiros? As fachadas barrocas? Non digo que o capital non estivese mal repartido pero había riqueza. Na primeira metade do século XIX, a revolución industrial en Galicia non tiña nada que envexarlle á do resto de Europa. Durante moito tempo, a taxa de analfabetismo entre os varóns galegos (entre as mulleres é outro cantar, está claro) era a máis baixa de toda España. Aborrezo esa imaxe paternalista que se deu de Galicia. Poñamos por exemplo o caso Romasanta. O asasino era un home cunha cultura equivalente á dun cura de aldea. Un asasino en serie que sabía moi ben o que facía e que se valeu do mito do atraso de Galicia para se finxir un home lobo e enganar a raíña en Madrid ou o Dr. Phillips e así salvar o pelico a conta dunha idea atávica dunha Galicia salvaxe e sobrenatural.

“Na infancia inventaba continuacións para as novelas que máis me prestaban”

Vostede reivindícase alaricano pero viviu moi pouco en Allariz.

Marchei con tres meses para Pontevedra. O meu pai era membro do Partido Galeguista e logo do golpe foi detido e quedou á espera de que o claudiasen, que era como lles chamaban na zona de Ourense aos paseos dos falanxistas. Sorte que o meu avó, Luís Conde, era un home con influencias, de dereitas, monárquico, e conseguiu que lle liberasen o fillo. Mais a cambio de sobrevivir tivo que vivir sempre marcado. Chegou a ser anestesista mais cando a esta especialidade se lle deu rango de titulación médica, a el negáronlla por roxo. Viviu toda a vida amargado e cunha profunda frustración. Sempre lle tiven moita lei e un profundo cariño. Gardo o seu carné do partido coma un tesouro. Na miña infancia a miña familia pasou tempo de apuro e andei no camiño entre Ourense e Pontevedra. Cando había necesidade, os meus pais, que fixeron a vida en Pontevedra, mandábanme coa miña avoa materna a Ourense capital. Esta miña avoa era falanxista e sempre me falaba mal de meu pai. Daquela a min gustábame moito ir a Allariz. Dicíalle á avoa que baixaba xogar á Alameda do Cruceiro e ía apañar o coche de liña do Villalón, pasaba unhas horas en Allariz co meu avó e cos curmáns e logo voltaba sen que ela se decatase. O Villalón colleume tanto cariño que máis dunha vez eu perdía o último coche de liña e el mesmo mandaba que un autobús me levase a Ourense. Imaxina o rufo que eu entraba na cidade como único pasaxeiro dun autobús. Un autobús para min só!

É na infancia onde nace o apetito de escribir?

Eu era un cativo lector e inconscientemente tiña vontade de amplificar o pracer que me provocaba a lectura de novelas. Gustábame inventar continuacións para que nunca rematasen as historias dos libros ou crear outras novas cos personaxes dos que me fixera cómplice. Pero ese desexo non pasaba dun instinto. Miña avoa a falanxista era unha gran lectora. Recordo que cando eu era pequeno foi gobernador civil de Ourense un tal José María Quiroga de Abarca que viña ser irmán da escritora Elena Quiroga. Así que miña avoa, por cercanía e simpatía ao réxime, se empezou a afeccionar polas novelas dela e, por conseguinte, tamén as lin eu. E foi léndoa a ela e a outros autores digamos costumistas que me dei conta de que se podía falar das novelas de xente coma nós, de persoas ás que lles podía pasar o mesmo que a nós. E foi nese intre cando me decatei de que eu podería escribir. Autores como Quiroga ou Valle Inclán foron fundamentais nese espertar aínda que os seus universos, por reaccionarios, non me interesaron nunca. A Galicia que pinta Valle paréceme irreal, unha caricatura clasista pero o seu xeito de escribir si me interesou.

Cales son as súas referencias. Que recoñece como influencias na súa obra?

Levo lido tanto! Facendo un esforzo de síntese, coido que a literatura que máis me marcou foi a rusa. Lin moito os clásicos rusos. Recoñézome en Dostoievski e en Shólokhov.

Faloume do seu instinto literario e das súas influencias. Que fai carburar todo o proceso para que dea o paso e se converta en novelista?

Dunha maneira inconsciente, se queres, eu ía creando un xeito de entender o mundo, unha concepción estritamente galega que necesitaba verter dunha maneira literaria. Dixo Aristóteles que a literatura ten como función permitir coñecernos mellor a nós mesmos. Coido que ademais nos debe servir para cultivar a autoestima. Ollando con perspectiva, eu quería reivindicar esa estima polo noso a través da escrita. Nos EUA estudan a miña novela Breixo como unha obra atlántica e céltica.

Séntese máis recoñecido fóra que dentro de Galicia?

Non coido produtivo dar unha opinión. Podo falar de sentimentos e se queres, falarei diso. Pero no referente a datos, quizais houbo unha serie de circunstancias que definiron a miña posición como escritor en diferentes planos no sistema galego e fóra del.

Déame eses datos.

Cando a miña xeración empezou a escribir e logo a publicar, en Galicia xa se establecera a xeración anterior con moita potencia. É a xeración de Méndez Ferrín e Casares, a da Nova Narrativa. Tiña un perfil colectivo moi marcado polo momento no que xurdiu e pola indubidable calidade da súa obra. Eu quizais quedei só, non teño con quen compararme nin a quen unirme, descolocado entre os maiores e os menores que nos anos inmediatamente posteriores volven brillar como colectivo. Na narrativa podemos considerar a Suso de Toro e a Rivas, entre outros autores que son entre dez e quince anos máis novos ca min. Esa soidade xeracional complementouse co meu propio carácter, o meu perfil público, con factores que ían máis alá da literatura. Son un escritor sen parroquia.

En cambio, fóra de Galicia, o meu perfil foi eminentemente literario. Cando gaño o Nacional co “Griffon”, a novela esperta interese fóra. Hai unha figura fundamental neste proceso, o tradutor, profesor e crítico australiano Roy Charles Boland, que le a novela e decide traducila ao inglés. Logo de que el se interese xorde outra figura crucial, a profesora e tradutora rusa Elena Zernova, artífice da edición nestoutro idioma do libro. O “Griffon” foi un acontecemento en Rusia naquel tempo. A min entrevístame o xornalista televisivo máis seguido na información cultural no que era daquela a Unión Soviética. Logo dunha hora de conversa, en tradución simultánea de Zernova, o programa recibiu 300.000 chamadas. A repercusión foi tal que chega Umberto Eco ao país e pregúntanlle nun xornal se leu a miña novela. E Eco di que non pero que a quere ler. Teño que ser sincero, esa sona en Rusia minguou pero mantívose durante moito tempo. Estudouse a miña obra na universidade, non só en Rusia senón noutros moitos países. Eu dei conferencias en moitos lugares do mundo, conseguín que me traducise ao italiano esta novela da que falamos Giuseppe Tavani, o grandísimo medievalista.

Xa vai o Griffon no vento é hoxe unha novela descatalogada en galego. Como se asume este contraste?

Con resignación. Por suposto que me gustaría que a reeditasen, igual ca outras que tamén xa non se poden atopar nas librarías pero penso que é un signo dos nosos tempos en Galicia. O escritor perdeu gran parte do peso social que tivo no pasado e o país, en conxunto, non está demasiado preocupado polo devalo cultural en moitos campos. E non digo isto para me reivindicar persoalmente. Insisto en que o comprendo e o asumo. Pero si me chama a atención que figuras como Suso de Toro non estean a publicar opinión nas principais páxinas periodísticas do país ou que en xeral estean esquecidas ou sen aprecio figuras do tamaño dos poetas da década do 1980.

“O meu nome estivo nas deliberacións finais do Nobel de Literatura”

O seu nome soou para o Nobel en varias ocasións. Gustaríame saber se foi un canto de serea ou se hai substancia detrás dunha etiqueta tan paradigmática.

O primeiro que falou de min como posible premio Nobel foi Camilo José Cela. Eu era amigo del e el foi lector meu. Cando gañou o certame, seica lle preguntaron en Estocolmo por un escritor ao que el lle daría o premio. E, segundo el me dixo, el deu o meu. Xa nese momento había persoas da Academia Sueca que leran a miña obra e outros interesáronse nese intre. Cela dicíao con moita graza: “Non tes case ningunha oportunidade de gañalo pero o 95% dos escritores do mundo non teñen sequera ese case”. A posibilidade, polo tanto, é seria pero remota. Durante uns anos, dábase por imposible que un autor galego puidese optar ao Nobel sen que antes gañase un autor de expresión portuguesa. Así que cando o recibiu o meu amigo José Saramago, a min abríuseme unha posibilidade. E comenteino con Boland, o meu tradutor ao inglés, quen me dixo que era hora de que o meu nome se instalase nas quinielas. Ao redor de 30 universidades de todo o mundo apoiaron a miña candidatura e, até onde eu teño coñecemento, nun par de ocasións, falouse de min até as deliberacións finais. Algunha vez vou gañar o Nobel? Seguramente non. Aínda que o merecese por talento, non teño ao meu dispor unha estrutura de presión que me axude a conseguilo.

Vostede publica hoxe en día indistintamente en galego e en castelán. Como vive esta situación creativa?

Son sincero. Eu fun durante máis de vinte anos un escritor monolingüe e sempre me defendín como escritor galego. En todas as traducións que me publican esixo que figure que a lingua orixinal das miñas obras é o galego. E incluso hoxe, no plano literario, a lingua orixinal dos meus textos é a miña, é dicir, a galega. Por exemplo, c’O beato gañei o Premio Ateneo de Valladolid 2015 pero Xerais tiña o orixinal en galego da novela antes de me presentar a este certame e se o traducín foi porque eu son escritor profesional e necesito ingresos. Este factor económico, son realista, inflúe moito na escolla do idioma, especialmente no meu labor xornalístico. Escribindo artigos de opinión en castelán son máis lido e teño acceso a oportunidades que en galego non alcanzo.

É dicir, que empezou a escribir en castelán por diñeiro.

Non. Fíxeno por despeito. Mira, a causa foi unha carta que publicou Damián Villalaín en El País onde minimizaba o interese que había en Galicia pola miña obra. Seguramente Villalaín tiña razón pero naquel momento sentinme mal, saíume esa parte do meu carácter arroutada, que non as pensa, que toma decisións graves e quizais irreversibles. E decidín que xa non me interesaba o sistema literario galego, que estaba farto, que non me pagaba a pena aquela lealdade canina que mantivera nas décadas anteriores. Pero o caso é que sigo a ser un escritor galego e en galego. E se me tocase a primitiva, á parte de cumprir algúns soños para min e para as miñas tres fillas, dedicaríame só a escribir novela. Mais de momento, teño que gañar a vida.

En que está a traballar agora?

Teño acabados dous libros, un de relatos e unha novela. Unha obra na que un grupo de vellos aproveitan as sesións de rehabilitación cardíaca para rememoraren as súas vidas.

Terá algo de autobiográfica. Vostede sufriu un infarto hai uns anos.

Estiven en coma. Con certeza, aquel episodio valeume para darme de conta de moitas cousas, de relativizar a vida. Agora sei que morrerei escribindo.

Recordo hai anos que durante unha entrevista na TVG con Silvia Jato, vostede recoñecía que era un poeta pésimo, que nunca había escribir máis poesía logo da publicación no 1968 de Mencer de lúas. Mais no 2015 publicou Colección AN. 69 poemas de amor (Trifolium). Que foi o que lle fixo mudar de opinión?

En realidade non mudei de opinión. Sigo pensando o mesmo da miña poesía. O que ocorre é que tras ese problema de saúde do que falabamos, sentín a necesidade de ofrecerlle un agasallo de amor á miña muller e grazas ao meu amigo e editor Xan Arias, convertemos este poemario nun regalo para o seu aniversario. Son 69 poemas, non porque eu tivese esa idade cando compuxen os textos nin polo simbolismo sexual da cifra. Ou si. E insisto, penso que son un pésimo poeta pero neste caso coido que me saíron os poemas bastante ben.

“Casares é o meirande polígrafo galego da segunda metade do XX”

Amais do seu labor literario, vostede ten pasado político. Foi deputado autonómico e conselleiro de Cultura. De onde procede a súa vocación pública?

Miña avoa pretendía que eu fose o gobernador civil máis novo de España; gobernador franquista, claro. Fóra coñas. Eu fun piñeirista. Acreditei (e sigo pensando que estaba no certo) na estratexia de galeguizar todas as forzas políticas que operaban en Galicia. A min tocoume entrar no PCE e durante unha época conseguín que se denominase PCG, pouco máis. Por outra banda, meu pai inculcoume a idea de que Galicia merecía un parlamento de seu, así que me sentín un privilexiado cando fun escollido como deputado para o parlamento de Galicia. E meu pai consideraba que Galicia merecía un goberno de seu, así que sentín como un obxectivo cumprido formar parte dese Goberno como conselleiro.

Que balance fai da súa etapa como conselleiro de Cultura?

Coido que intentei facer moitas cousas: naquel tempo iniciáronse proxectos de calado e consolidáronse outros. Fun o primeiro, por exemplo, en incluír a Academia Galega nos orzamentos da Xunta, que até entón estaba abandonada economicamente. A miña intención era profesionalizar o sector cultural e darlle prestixio e autoestima. Só estiven no posto dous anos. Non deu tempo a facer todo o que pensaba facer. Pero si hai unha cousa que tiña e teño claro que debeu ser feita: reformar o sistema de subvencións á edición de libros. Non é normal aplaudir a publicación de calquera libro comprando 300 exemplares. Perdeuse a necesidade de demostrar a excelencia dunha obra. Pero tocar ese tema, naquel momento, era tabú.

Cal era a súa proposta?

Eliminar as subvencións. Non discuto que se deba apoiar a creación e a difusión das obras en galego pero o modelo de subvencións non serviu para que haxa un público lector crítico de dez mil persoas adultas. Polo tanto, visto en perspectiva, fracasou. Cando eu era conselleiro empezaba a funcionar a radio e a televisión en galego, había publicacións periódicas en galego… Pasaron 30 anos e nada se avanzou. Hoxe non hai periódicos en galego porque non hai mil persoas que os sustenten cunha compra militante.

Amais de Piñeiro, unha figura moi importante durante o seu compromiso político foi Carlos Casares. Mais el estivo próximo a vostede noutras ordes; foi o seu editor, por exemplo.

Carlos Casares foi moitas cousas para min, todas próximas. Foi o meu grande amigo, o meu irmán. Vivimos xuntos moitas cousas. Pasámolo moi ben! E logo rifamos e estivemos moito tempo sen nos falar. De non morrer Casares tan novo, habiámonos amigar de novo, de alí a pouco, estou seguro… E si, el foi o editor do “Griffon”, fixo un gran traballo de corrección.

Por que se distanciaron?

Pensa en min no ano 1987. Teño 42 anos, gaño o Premio Nacional de Literatura, publico con éxito no estranxeiro, noméanme conselleiro de Cultura… Coido que tivo ciúmes. E de seguro eu cometín erros, fixen ou dixen cousas inapropiadas. A pesar de todo, eu sempre admirei a Casares. Penso que é o maior polígrafo galego da segunda metade do século XX. Fixo de todo e todo o fixo ben: novela, xornalismo, ensaio, biografía… Atreveuse con moitos xéneros e en todos destacou. Estou feliz de que este ano, por fin, lle concedesen o Día das Letras.

Segue vostede a literatura galega actual?

Sigo. Non tanto como me gustaría porque non teño tanto tempo para ler coma noutros tempos pero si coñezo e admiro moitos autores.

Por exemplo?

As novelas de Domingos Villar e Pedro Feixoo. Tamén me interesa moito a obra de Anxos Sumai e de Marica Campo e de Jaureguizar. Leo con agrado a Manuel Portas. Suso de Toro paréceme un autor espectacular. Esquézome doutros nomes e estou constantemente descubrindo textos novos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s