‘A ira dos mansos’, unha “maldita” novela dun “puto” policía

estebanUn puto poli ten que enfrontarse a un fodido caso de asasinato na maldita cidade de Vigo. O madeiro é tan espabiletas que en 45 páxinas xa ten resolto o crime pero para os lectores aínda quedan outras 144 páxinas de tópicos, déjà vu argumentais e torpezas narrativas.

A ira dos mansos, de Manuel Esteban, gañou o Premio Xerais 2016. Pode ser, talvez, a peor novela publicada pola editorial viguesa o ano pasado. Velaquí o porqué.

A inverosimilitude

Non se pode escribir no día de hoxe ignorando todo o que se escribiu antes. A honestidade do escritor remata cando prescinde desta máxima e se dedica a imitar rexistros, argumentos, personaxes e escenarios, cando renuncia a colocar o seu propio elo na longa cadea da tradición artística. Sen ollada propia non hai literatura. E nesta novela non hai literatura, só eco doutras letras, doutras imaxes.

Neste libro só hai un personaxe, o inspector Carlos Manso, composto como un clixé, un monicreque que non evoluciona ao longo da trama, previsible, dotado polo autor duns poderes de anticipación e relación que lle permiten saír airoso das súas investigacións. Non é demérito de Esteban, é a mesma figura que a televisión vén consagrando desde Jessica Fletcher en horario de tarde. Súmalle adicción polo café negro, un AX (un modelo de hai máis de 25 anos, famoso pola súa chapa de mala calidade e os seus motores de curta vida pero que resulta que é o único vehículo que pode pagar un funcionario do Estado do grupo A, sen cargas familiares e que só ten como gasto fixo o aluguer dun piso de 50 metros cadrados) e un xeito de construír as frases tomado de Hardcore Pawn e xa tes protagonista.

As relacións que establece Manso son de cartón. Chama a atención (por feble) o flirte platónico que pretende establecer o autor entre o policía e Lorena, a educadora, un irrisorio proceso amoroso que nos deixa frases desta altura: “…pedín unha botella de Rosal, ese vino (sic) albariño de espírito aínda que non de etiqueta que tan ben comprendo por ser case unha metáfora de min mesmo. Durante un par de eternidades dedicámonos a beber, comer e charlar de parvadas… (p. 110).

Os escenarios son simplemente decorados. Podería ser incluso interesante que Esteban renunciase á novela social e intentase unha sorte de narrativa pop posmoderna influída polo cómic, un pouco na liña das primeiras novelas de Diego Ameixeiras. Mais se no caso do ourensán, había consciencia de parodia e un profundo coñecemento do xénero negro e policial. o escritor vigués compón unicamente un mapa superficial que provoca grima nalgúns momentos, caso da escena na que o policía describe un bar das Neves no que se serven “cuncas de ribeiro”. De ribeiro en pleno corazón do Condado? Por cazapos coma este e non polos inverosímiles motivos da novela debería haber algunha morte!

Os remendos

Esteban compuxo un relato de 45 páxinas, un esquema resolto con apuro e mecánica inorgánica que o autor decidiu estirar. Quizais a súa primeira tentación foi multiplicar as páxinas deste primeiro embrión mais preferiu algo diferente na literatura galega: coserlle un remendo. De seguro que o escritor pensou que o seu carismático policía podería enredarse noutra maldita aventura no país da “xente humilde e desconfiada” (p.142).

O problema é que amais do engadido, Esteban quixo probarse a si mesmo que esta era unha novela que ía máis alá do “Quen o fixo?” do clásico policial e pretendeu compoñer unha trama na que de cando en vez aparece un refacho de filosofía kantiana, alusións a Maquiavelo e un recendo a Confucio, xa saben, o que inventou a “confución”. Incluso ensaiou a aparición dunha nova voz, nunha historia paralela e prescindible que unicamente serve para quitarlle o mínimo engado que o lector podería manter para continuar coa lectura.

O estribo do Down

Como está de moda na mercadotecnia editorial contemporánea, esta novela non se intentou vender con ningún argumento literario (loxicamente non o había) senón co compoñente sociolóxico. Era supostamente a primeira novela que trataba a síndrome de Down, escrita por quen fora vicepresidente dunha asociación deste colectivo. “Unha viaxe de superación dos prexuízos”, afirmou a acta do xurado do premio Xerais.

Non sei se esta é a primeira novela na que algúns personaxes moi secundarios son membros do colectivo Down. É irrelevante. Non ten ningún valor. É certo que o autor intenta en varios momentos usar o Down como estribo, como trapo vermello co que atrapar a sensibilidade do lector. Mais non hai aquí ningunha novidade. O epílogo que ao tema lle dedica Esteban é un texto propio da wikipedia sobre a síndrome e o achegamento persoal é condescendente e paternalista. Tanto que o policía perverte, nas dúas ocasións nas que se resolven os crimes da novela, os feitos para que o sentido da xustiza xeral e aplicable ao conxunto da cidadanía se faga máis estrito ou comprensivo segundo os intereses dos Down implicados.

♦ A ira dos mansos, de Manuel Esteban. Xerais, 2016. 189 páxinas. ♠16,85€

César Lorenzo Gil.

Advertisements

3 comentarios en “‘A ira dos mansos’, unha “maldita” novela dun “puto” policía

  1. Fiuuuuu!!! Cheira esta crítica a: “eu presenteime ao Xerais pero non mo deron”. Basta ler a novela motivadora desta resentida opinión para chegar a esta conclusión. Onde queda o “rigor, independencia e profundidade” Só o que escribiu isto sabe a verdade … Reflexionade se acertei

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s