As letras galegas e a zona de conforto

Detalle da Árbore das Ciencias da fachada da sede do CSIC en Santiago.

Detalle da Árbore das Ciencias da fachada da sede do CSIC en Santiago.

César Lorenzo Gil.

Ultimamente está moi de moda o concepto zona de conforto. Inventado pola psicoloxía e espallado pola autoaxuda, vén ser algo así como o espazo abstracto no que unha persoa se considera máis cómodo para actuar porque acumulou experiencias que lle permiten reaxir con maior efectividade que noutros eidos nos que non domina os parámetros. Eu uso moito a frase para evitar a bricolaxe na casa: “iso está fóra da miña zona de conforto”.

O que ocorre é que non só as persoas podemos acomodarnos a facer só aquilo que pensamos que dominamos. Tamén pode ocorrer con colectivos e incluso con sistemas. Eis o que lles sucede ás letras galegas á hora de decidir en que xéneros participa activamente e a cales renuncia.

A produción editorial galega actual ten en efecto unha zona de conforto, ou varias, por sermos exactos. A máis confortable é a lectura recomendada ou obrigatoria para o ensino. É un colchón económico que estimula a creatividade dos autores que ven neste campo máis factible realizárense como escritores amparados por un lectorado aparentemente dinámico.

A ficción narrativa, en xeral, é un xénero no que o galego se sente cómodo. A fortaleza da nosa tradición serve de estímulo permanente para enriquecer a listaxe de novelas e conxuntos de relatos. Tamén a poesía goza de boa saúde. Non tanto polo volume de vendas senón polo consenso cultural de que Galicia é un país de poetas. Esta idea refórzase grazas ao bo número de certames (case todos de patrocinio institucional local) que favorece que aparezan novos títulos decontino.

Mais ao deixarmos a divisa da ficción, a cousa cambia. Xéneros como o ensaio ou o libro de divulgación téñeno difícil na nosa lingua. Quizais a excepción haxa que buscala nos libros de cociña, mais a eclosión do fenómeno Larpeiros non favoreceu o conxunto como para pensarmos que no futuro inmediato poida funcionar como xénero comercial e de edición habitual.

Contra o que sucede nas linguas normalizadas, o galego non penetra apenas na non ficción pensada para “case todos os públicos”. Aínda que en castelán (por falarmos do idioma que ocupa o mercado do libro en Galicia) segue a ser a ficción narrativa o xénero maioritario tanto na edición coma na lectura, na guerra de novidades cada mes hai máis espazo para o libro de non ficción: historia, física, biografía, psicoloxía, autoaxuda… Editoriais grandes e pequenas intentan conseguir títulos que “se len coma novelas” (sempre se pon iso nas lapelas) mais que non son novelas. Mary Beard, James Rhodes, Christophe Galfard ou Nacho Carretero coaron os seus libros entre os máis vendidos do 2016 a través da historia, a auto (biografía, axuda), a cosmoloxía e física ou o xornalismo.

Son textos diversos pero que teñen dúas cousas en común que até agora faltan en galego:

Escola anglosaxoa

Nos países de cultura anglosaxoa déuselle moita importancia á formación básica autodidacta. Incluso nos estudos regrados, iso que se denomina agora o itinerario curricular foi flexible e lles permitiu aos estudantes diversificar as súas materias de interese. Para “tocar todos os paus”, o xénero divulgativo é moi útil. Panorámicas xerais, Big History e outras obras escritas con rigor pero con ánimo xeneralista que gozan de prestixio e especialistas criados nunha tradición de case dous séculos.

Por suposto, non todos os grandes divulgadores que hoxe conseguen títulos de éxito, traducidos en moitos idiomas, son de nacionalidade estadounidense ou británica pero calquera aspirante a compoñer este tipo de libros debera aprender deles. Peter Frankopan, Philip Hoare ou Karen Armstrong son autores interesantes para quen guste deste xeito de “narrar” a realidade.

Conexión coa actualidade

O libro de non ficción que triunfa sempre atopa unha conexión coas preocupacións actuais. Os autores sempre presumen de que eles “xa estaban a estudar o tema desde anos antes” pero a oportunidade editorial sempre encontra o momento xusto para que o universo do que falan se proxecte nas necesidades intelectuais do momento. Ás veces ese elo é directo e obvio (Patrick Cockburn falando do ISIS ou David Graeber co seu magno En débeda, por exemplo) ou recorrente (Antony Beevor e as súas monografías sobre a II Guerra Mundial).

Editoriais como Capitán Swing, Errata Naturae, Crítica, Debate, Turner ou Ático de los Libros, con diferentes rangos, son dos selos máis interesantes para seguir estes traballos en castelán. Editan moitos libros deste estilo cunha gama ampla de puntos de interese.

Algunhas preguntas e case ningunha resposta

Pode competir o galego nalgún destes espazos? Seguindo o modelo actual non. Primeiro porque as letras galegas aínda son moi autorreferenciais. Véndese máis o traballo de autores galegos que poden actuar eles mesmos como vehículos de promoción. A tradución, en xeral, segue a ser unha materia atrofiada.

E segundo porque (e aí imos ao da zona de conforto), as letras galegas non se perciben aínda polo escaso lectorado como autosuficientes a todos os niveis. Produtos subordinados, incapaces de competir en igualdade de condicións, marxinais nas tendencias xerais dos mercados editoriais mundiais e con baixa autoestima á hora de competir por textos de referencia. Neste sentido, hai que valorar a valentía de catálogos como o de Laiovento, malia a súa irregularidade. Tamén iniciativas coma a colección ‘Libro X’ de Xerais, unha magnífica porta aberta cara á divulgación de textos xeneralistas de calidade coa vantaxe do seu baixo prezo.

E agora as preguntas:

Grazas a Kalandraka, o libro ilustrado infantil ten un forte peso e prestixio no mercado interno. A potencia da estratexia da editora pontevedresa animou outros selos (Oqo, Patas de Peixe, Sushi…) a competiren por dous conceptos: publicar en galego o máis interesante deste xénero e, se for preciso, traducilo ao castelán desde aquí, creando riqueza industrial en Galicia.

É posible ampliar o marco e conseguir o mesmo co libro divulgativo para adultos? Kalandraka intentouno (esperemos que o siga intentando). Tres títulos de Faktoría K foron excelentes apostas: A utilidade do inútil, de Nuccio Ordine, Cuestionando a economía. Conversas de David Barsamian con Richard D. Wolf A cidade dos nenos, de Francesco Tonucci. Poder contar con textos deste xénero, tanto creados para o espazo galego coma de influencia global debera ser un piar estratéxico do Goberno.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s