A infantilización da literatura galega e o seu perigo de desaparición

cat-readingManuel Veiga Taboada.

Que a literatura galega está en perigo é unha evidencia: non hai público. O público capacitado e favorábel a ler en galego desertou ou nunca chegou a sumarse. Hai que preguntarse por que.

Certo que se producen libros, que existen premios e que a nómina de autores é máis ampla que nunca. Certo que hai editoriais que fan un esforzo considerábel de difusión. Pero o problema non está aí. O problema está en que todo iso que podemos chamar o noso sistema literario respira e vive en función do ensino, nunha porcentaxe alarmante. Fóra diso quedan as presentacións de libros, onde os amigos do autor exercen un mecenado que dificultosamente consegue xerar un número mínimo de vendas. As novas técnicas de impresión que facilitan a edición de tiradas moi pequenas son sen dúbida o elemento que evitou que a literatura galega dese xa en quebra, é dicir que se limitase a publicar narracións con destino exclusivamente escolar.

A desaparición do público, xa de por si historicamente escaso por razóns coñecidas, creo que ten que ver coa infantilización progresiva do estilo e dos argumentos. É dicir, o sector seguiu, cando menos en parte, unha estratexia equivocada.

Se aínda lle podemos dicir a un visitante exterior que a literatura galega existe é porque unha persoa que se chamaba Blanco Amor decidiu escribir A esmorga, sen pensar en absoluto no público que a ía recibir (minúsculo, en todo caso, dada a época) ou porque outra persoa, chamada Méndez Ferrín, decidiu escribir Arraianos, simplemente porque sentiu a necesidade interior de facelo, non porque o mercado llo demandase.

Estamos aquí ante un paradoxo que é propio da arte, aínda que non dos iogures nin do pan de molde. A arte que significa algo acaba producindo o seu público. A arte non se deseña como produto de consumo, aínda que pode acabar por selo e iso é, ademais, positivo e necesario. Pero o importante sucede ao principio. A creatividade é, por definición, estraña aos gustos presentes no momento no que nace, pero xera gustos que acaban formando un mercado.

Certo que os bos autores non aparecen cando un quere. Hoxe non temos un Casares nin un Cunqueiro nin os podemos fabricar. A propia literatura española está falta de virtuosos. E o mesmo sucede con algunhas outras literaturas importantes e ben amparadas, fronte ás cales, a galega, por dicilo con palabras de Galeano, non é máis que un neno á intemperie.

Necesitada a literatura galega dun bo arroupamento, e refírome aquí positivamente á escola, aos premios e ás ganas de escribir de moitas persoas, creo que o proceso non chegará non obstante a bo fin, nin sequera pode subsistir, sen literatura con maiúsculas. É dicir, sen autores de verdade, dos que arriscan a cambio de pouco, dos que deixan saír á luz o seu inconsciente.

A que se denomina literatura galega hoxe en día está demasiado preocupada por agradar, por facilitar o acceso dos lectores aos seus argumentos –sempre manexábeis e oportunos– e por iso mesmo se ve insincera, superficial e claramente superada por outros libros que compiten no mesmo mercado.

Hai que dicilo: a clave da literatura encóntrase nos autores, eles son os que crean. E aos autores hai que dicirlles que escribir non é un xogo fácil, precisa tempo, maduración, abrir as entrañas e, saber que aínda en caso de cumprirse todo iso, moi poucos chegarán a escribir un libro verdadeiramente importante ou, cando menos, significativo.

A proba do algodón da falta de seriedade de moitos escritores ante o seu propio proxecto –da súa infantilización, paralela á do resto do sistema– está en que apenas len. Cando se lles pregunta polas súas lecturas, a maioría acostuma citar dúas ou tres novidades da mesma editorial na que editan ou doutra similar, quizais porque esperan recibir un tratamento recíproco.

Críanse pequenas redes. Pero alguén se preocupa dos seus propios libros? ¿Alguén lembra que a orixinalidade é un principio básico que vai necesariamente unido á palabra literatura? ¿Alguén está disposto a narrar algo que o individualice, en lugar de intentar regalarlle supostos caramelos a un público a estas alturas perfectamente informado dos perigos da diabete? De verdade cremos que non existen lectores adultos? Porque, de ser certo que non existen, tampouco se venderían outros libros e ninguén entraría nas librarías.

Advertisements

18 comentarios en “A infantilización da literatura galega e o seu perigo de desaparición

  1. Pingback: Manuel Veiga: “A literatura galega está demasiado preocupada por agradar, por iso se ve insincera e superficial” | Letra en Obras

  2. Imensa lucidez e verdades do tamanho de verdadeiros castelos. E, como sobram pessoas a escreverem em galego, ainda se acrescenta a censura normativa. Parabéns, Manolo.

  3. Bótelle unha ollada á ‘novela’ contra(de)cadencia, editada por Laiovento, coido que pasa todas esas probas do algodón das que fala, aínda que a non moitos vai agradar.

  4. Teño a impresión de que ás veces, cando falamos de literatura, perdemos de vista a dimensión real deste país. Que nun lugar do tamaño e da poboación Galicia aparezan nun ano libros como ‘Todo ser humano é un río’, ‘O deserto’, ‘Percorridos por unha teoría do desexo’ ou algunha das últimas de Diego Ameixeiras fai que a situación sexa máis ou menos análoga á das literaturas de arredor. É certo que a discriminación lingüística é un factor inexistente en Portugal ou na literatura española, pero tamén o é que as posicións hexemónicas desas literaturas están ocupadas por obras tan infantís e irrelevantes como as de Francisco Castro, as últimas de Conde ou esa manda de vindicativas novelas históricas de terceira que anega os andeis das librarías. A literatura galega non é peor que as demais, é igual (de mala ou de boa, aquí xa cada unha…).

    E, por certo, falando de Conde e a propósito do artigo de Vega: é pavero que o autor de ‘Xa vai o griffón no vento’ cite como lecturas en galego a autores (Jaureguizar, De Toro) que, nun intre ou outro, falaron ben del ou saíron a defendelo da súa presunta “marxinación”. Fagan a proba en Google.

  5. CULTURA CRÍTICA
    Me parece un análisis bastante “axeitado” de como funciona la cosa. Varios profesores en sus ratos libres escriben libros en gallego normativo, subvencionada al 100% su edición, que otros profesores y amigos recomiendan a sus alumnos, y llegamos a ese fenómeno editorial, que en otros lares supuestamente más cultos, han entronizado obras como la de “Quién se ha comido mi queso?”… creando una literatura infantilizada, y que en realidad cultura “de mercado” orientada.
    A eso nos lleva la empresa editorial industrializada, y cada vez más robotizada. Lo contrario es la literatura de autor artesana, en la que cada vez me encuentro más cómodo, aunque cueste mucho esfuerzo y muchas trabas para salir a la luz, la llamada “autoedición”.
    Es como romper la estructura interna del idioma para alcanzar palabras llenas de sentido.

  6. Manuel Veiga Taboada navega aquí nesa onda dun país cheo de desgrazas no que por desgraza vivimos (ten moito éxito a súa visión, pois está moi estendida, penso que xa é un lugar común). Din sempre que neste país non se fai nada, que nos comemos os uns aos outros, que todo se fai mal (ou vai desparecer, como a literatura de noso), etcétera, etcétera. Demostrar que nada funciona é a súa maneira de facer a análise.

    A análise crítica é a única maneira que temos de combater o tópico.

    Non comparto o que di. Non no sentido de dar un salto (sen avisar) desde un contexto colonial a outro que non o é. A literatura española ou a inglesa, polo que sei, viven tamén da novidade, do best-seller e do ensino, se usamos termos e cifras cualitativas. En cantidade non poderemos competir nunca.

    Os libros non aguantan máis dun ano en ningures, non sei nos países ex-socialistas ou en Escandinavia ou Canadá; en canto saen do escaparate corren perigo de descatalogarse. Si: é o capitalismo serodio o que provoca iso (a espectacularización da literatura), e non ten fronteiras, pero no caso galego hai que engadirlle o condicionamento nacional e de clase, por dicilo á antiga.

    Cando aparecen grandes libros en galego ás veces nin sequera gañan ese lectorado fiel que garante un Estado propio ou unha burguesía propia. Nunca deixou de habelos, eses grandes libros! É certo que non hai un Cunqueiro nin un Blanco-Amor, nin sequera nas literaturas veciñas, xa lles gustaría. Pero Casares? Se falamos de calidade e non de facilidade, e sabemos que a facilidade de Casares era froito do esforzo (non a despreciamos, é unha meta difícil), pois cinguíndonos só aos prosistas Lopo é bastante mellor, Anxo Angueira tamén, e Emilio Araúxo e Manuel Darriba, e Manuel Rivas cando quere vai ben máis alá do que foi Casares, que evoluíu do XX ao XIX para gañar lectores, unha estratexia tan lexítima como acomodaticia… Certo que nos 50, máis aínda ca nos 60, ocorreron cousas incribles, inexplicables. Pero escribir para ninguén, ou para o futuro, dá moita liberdade. Practicamente ninguén lía eses libros; era fácil reprocharlles o seu (case forzoso) desprecio polo público.

    Unha literatura aliméntase de todo, simultaneamente. Do quiosco, da tradución do Ulises, dos libros de Ferrín, dos clásicos que aguantan, do populismo, do best-seller sen escrúpulos… Pero culpar a literatura do contexto sociopolítico é tan absurdo como esixirlle que sexa liberadora ou deixe de selo. A nosa é precaria, aguántase por fíos de milagre e de cando en vez dá sinais, coma un foguete, e volve a noite. Temos o deber de ser críticos con todo, incluída a literatura, o que implica responsabilizarnos e non laiarnos de máis, e temos ese deber sen perder de vista que somos a vítima e pretendemos correr todas as probas atléticas cunha mao e ás veces cun pé atado ás costas.

    • En absoluto pretendía minusvalorar -tampouco sobrevalorar- a literatura de Suso de Toro (De Toro, se só escribimos o apelido). Simplemente quería dar un exemplo evidente disto que sinala o propio Veiga no artigo: “A proba do algodón da falta de seriedade de moitos escritores ante o seu propio proxecto –da súa infantilización, paralela á do resto do sistema– está en que apenas len. Cando se lles pregunta polas súas lecturas, a maioría acostuma citar dúas ou tres novidades da mesma editorial na que editan ou doutra similar, quizais porque esperan recibir un tratamento recíproco”.

      Saúdos

  7. Acho que o artigo toca um factor essencial do escasso prestígio da literatura galega actual (não da clássica se se pode usar este qualificativo). Mas acho também que um factor determinante para essa projecção infantilizada (eu chamaria-a “secundarizada” por se dirigir aos alunos de secundária) é o método de financiamento da literatura na Galiza em normativa oficial. As editoriais grandes não têm qualquer inconveniente para publicar títulos sem um mínimo de qualidade porque nunca perdem. Se ademais conseguem dirigir o consumo para um público cautivo nas aulas de secundária, eis um bom negócio.
    Mas, como sinala o autor, há uma responsabilidade dos mesmos criadores que não arriscam. Tendem a banalizar a experiencia literária e fazer produto fácil consumível, na corrente do que hoje impera por toda a parte, salvo honrosas execpções.

  8. Pingback: ¿Cara a onde vai a literatura galega? | euseino.org

  9. En Galiza vivimos menos de tres millóns de persoas. A inmensa maioría, simplemente, non le (botar unha ollada ós titulares da Voz e o Marca non é ler) e, dos que temos costume de ler, a inmensa maioría non len en galego.

    Ese é o problema do libro galego (non só a literatura) e, se a iso lle engadimos que, fóra das humanidades, apenas hai libros en galego, as consecuencias son as que son.

    Nada a ver co libro catalán (literatura ou non) e, aínda que no outro extremo, tamén nada a ver co libro asturiano ou occitano.

    Bos autores témolos. Desde Castelao até Beiras (Sempre en Galiza ou O atraso económico de Galiza) e desde Blanco Amor até Fernández Ferreiro, por falar só de prosa. Pedrayo é fariña doutro saco. Quen lle dera a moitas literaturas teren un vulto como Don Ramón! En catalán Manuel de Pedrolo e en Occitano Max Roqueta pódenselle igualar. Iso si, batemos coa mesma pedra sempre: o catalán, o galego ou o occitano son idiomas (románicos) minorizados.

  10. La literatura gallega está basada en amiguitos, subvenciones, amiguitos, subvenciones, premes de poesía amañados, más amiguitos y más subvenciones. Punto final.

    • A literatura GALEGA é marabillosa e está basada-inspirada nun fermoso país desprezado por zánganos e ignorantes que se cren cosmopolitas e non son mais que novos provincianos ou cosmopaletos…un país que da ao mundo a Castelao, Álvaro Cunqueiro, Otero Pedrayo, Valle-Inclán, Emilia Pardo Bazán, Agustín Fernández Paz, Manuel Rivas, Curros Enríquez, Camilo José Cela, Torrente Ballester, Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Blanco Amor…incrible o que hai que ler!!

  11. Pingback: ferradura en tránsito » saíndo do rego

  12. Pingback: saíndo do rego ( máis sobre a realidade da literatura galega) – Libraría Aira das Letras

  13. Pingback: Manuel Veiga: “A literatura galega está demasiado preocupada por agradar” – Libraría Aira das Letras

  14. Pingback: Decálogo definitivo para vender tantos libros coma Paulo Coelho - Libraría Aira das Letras

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s