‘Os fillos da fame’, a ferida do sal

maxresdefaultIsmael Ramos gañou o Premio Johán Carballeira 2015 c’Os fillos da fame, un libro de poemas moi valioso que serve para atopar unha voz e un texto que actualizan a habitual seiva nova da que leva gozando a nosa lírica desde hai moito tempo. Este libro, editado por Xerais, consegue trascender as voces xa coñecidas e recoñecibles e propoñer un novo pacto literario, un contundente achado artístico en cada poema.

Poema sen verso

Logo de moito tempo escribindo poesía sen rima, o verso é coma o guión que precede os diálogos nas novelas, un hábito moitas veces innecesario. Así o entende Ramos, quen propón poesía en frase corrida en moitas ocasións, sen pausa gráfica. O verso ten o seu sentido se serve para marcar o ritmo, a música da palabra. Mais non é o único método para conseguilo, como demostra Os fillos da fame, cuxos poemas gardan o latexo da súa cadencia, unhas veces grazas á modulación entre frases curtas e frases longas e noutros casos mediante a propia forza semántica dos enunciados, que inmediatamente deixan no lector ou no oínte unha automática secuencia entre palabra e silencio.

O presaxio

N’Os fillos da fame hai unha fascinante combinación de rutina e épica, coma un presaxio que acompaña todas as lecturas, capaz de converter unha tarde de praia condenada a repetirse por toda a infancia nun recordo único que permanece connosco para sempre. E é que Ramos consegue en moitos momentos dotar á súa poesía dese alento literario poderoso que evoca e estremece: “Eu non oio nada pero é como se enterrasen un rei todos os días” (p. 12); “Decátaste, nunca terei fillo co que encher ese cuarto. Nunca sangue dabondo para volver pintar as paredes” (p. 40).

A presenza da morte é sutil, coma un segredo que se bisba nos recantos, coma unha lufada de ar que sorprende ao tempo que se espera. Esa aceptación do tráxico está tratada con moita madureza e deixa unha pegada de dureza na ollada que Ramos deita sobre a realidade sobre a que escribe. E denantes da morte, a ausencia, a espera. Esa espera pola felicidade que talvez non chegue, esa espera ameazada pola posibilidade de que xa non haxa ninguén polo que esperar. “Coma os deuses, os fillos dos mariñeiros van medrando na cabeza do pai. Pero son homes de rostro distinto os que agardan en terra, dentro de camisas brancas, cando regresan” (p. 21).

Contra o mar

O mar e a súa mitoloxía son temas principais neste libro. O autor contempla o mar desde o alto (desde a montaña, di el). É un mar afastado pero próximo, un mar que se espía desde a xanela cunha mestura de atracción e pánico. Mais Ramos non é un poeta instintivo, é consciente do lugar que pretende ocupar na tradición galega e incluso se propón rebater a poesía mariña da nosa cultura: “Negar o azul é máis que nomealo. Non falarei do mar: xa non se pode”. (p. 47).

Mais no entanto, ese mar como contedor de historias e imaxes, cóase en moitos versos, axuda a esculpir con sal o universo que evoca o libro. Os paxaros, os mariñeiros, as viúvas, os fillos que medran esperando o pai chegar do mar… É unha paisaxe ferida de sal que o autor completa con elementos propiamente mitolóxicos (para a cosmogonía propia sobre a que se alicerza este libro) como o templo, a dupla ameazante do oso e do león ou eses deuses que camiñan por entre os humanos de camisa branca. “Imaxina que houbese un león agora mesmo na cidade. Salvaríame a adoración polo teu corpo de morrer devorado?” (p. 15).

En definitiva, Os fillos da fame é unha lectura que reconcilia coa boa saúde de certa literatura galega, que se coñece e se reforza procurando novas voces. Neste texto ecoan a ollada ampla de Manuel Antonio ou de Lois Pereiro mais a mecánica precisa de María do Cebreiro ou Xohana Torres.

♦ Os fillos da fame, de Ismael Ramos. Xerais, 2016. 52 páxinas. ♠12,50€

César Lorenzo Gil.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s