Mercedes Corbillón: “Para facer literatura cómpre ler o que se escribe agora mesmo”

corbillonCésar Lorenzo Gil.

“É a libreira que máis le”, dinme escritores, xornalistas, editores, comerciais e lectores. Recíbeme á luz da libraría Cronopios, en Pontevedra, un espazo diáfano, acugulado de libros mais con aire suficiente entre as mesas e os andeis para que poidan voar os soños. Mercedes Corbillón (Pontevedra, 1969) converteu o seu soño nun éxito. Falamos con ela do presente das librarías, de lectura e do estado da literatura galega.

Nestes anos, as librarías eran noticia habitualmente porque pechaban. Dá gusto entrar nunha libraría que triunfa, que vende.

A libraría como concepto comercial quizais quedara anticuado hai uns anos. Había dous modelos: a libraría que en realidade era unha papelaría na que o persoal non entendía de libros ou ben esas librarías onde apenas entraba a luz e os libreiros te miraban mal se preguntabas por un best-seller.

Cando nós pensamos en abrir Cronopios en Pontevedra tiñamos claro que había que traer a Galicia o modelo que xa estaba a triunfar en Londres e demais capitais de Europa: establecementos pensados para o comercio, que coidan o escaparate, que saben o que venden, que che permiten estar ao teu ar entre libros pero que contan con persoal que che pode recomendar o que precisas, que envolven cun papel de regalo bonito, que conciben a libraría como un espazo vivo onde se fan presentacións, entrevistas, clus de lectura, actos para crianzas… Esas librarías, se conseguen ter todo isto, poden ser rendibles.

É o caso de Cronopios?

Cronopios ten dúas librarías, unha en Pontevedra e a outra en Santiago. A compostelá medra cada ano; a de Pontevedra temos a sorte de que funcionou moi ben case desde o principio. A clave do “éxito” é o seu equipo humano, libreiros divertidos, interesantes, sorrintes, amables, cariñosos e lectores, todos diferentes e todos especiais. Estou moi orgullosa de mín mesma só por unha cousa: por saber rodearme de xente máis intelixente e con máis encanto ca min, persoas das que aprendo algo todos os días.

Agora seguro que a todo o mundo lle parecerá moi doado pór a andar Cronopios pero seguro que no seu momento non era tal.

Cronopios é un proxecto familiar. Meu pai tiña unha inmobiliaria neste local e no 2008 coincidiron dúas circunstancias, unha socioeconómica: o estourido da burbulla inmobiliaria, e outra biolóxica: que el fixo os 65 anos. Así que meus irmáns e mais eu decidimos que era o momento para apostar. Así abrimos a libraría no 2009. Meu irmán sempre di que cambiamos o ladrillo polo libro. E ambos se parecen. Aproveitamos que tiñamos alugado este establecemento grande, acabado de reformar e que todos queriamos darlle un xiro ás nosas vidas. Como eu vivo en Santiago, apetecíame tamén levar este modelo á cidade na que estou acotío. De aí nace a idea de sumarmos o espazo de Santiago.

Vostedes convertéronse en moi poucos anos na referencia en Pontevedra. Como o conseguen, grazas ao labor comercial ou a albergaren moita vida cultural todos os meses?

O certo é que sen éxito comercial, entendendo éxito como unha mínima obriga de rendibilidade, sería imposible levar a cabo as acción culturáis, pero son estas as que nos confirman. No noso ADN levamos o afán de ser unha libraría viva porque doutro modo dedicaríamonos a algunha actividade con maior marxe de beneficio. Ora ben, para nós acción cultural é tamen o intercambio cos clientes. Coñecer a un bo puñado de lectores, un por un até formarmos ese exército silencioso que confía en nós para as súas lecturas, é das cousas máis gratificantes do feito de ser libreira.

O espazo de Pontevedra é moito máis comercial e o de Santiago máis cultural e literario. Nese sentido as dúas librerías compleméntanse moi ben. En Pontevedra adoitamos facer un acto cultural ao mes, máis ou menos. Temos un acordo con Onda Cero polo que eu participo nun programa radiofónico todas as semanas, que conduce Susana Pedreira, quen se encarga das presentacións, actos literarios e entrevistas aquí na libraría. Pouco e pouco convertémonos na referencia para as editoriais tanto galegas coma españolas, que contan connosco na promoción das súas novidades. Por aquí pasaron autores de moito éxito e uns chaman polos outros. Nese sentido, Susana Pedreira é unha grande aliada. Varios autores famosísimos, deses que quizais levan mil entrevistas en toda a súa vida activa, teñen dito que nunca lles fixeran unha entrevista tan boa coma a que lles fixera Susana. Cando Susana fai programa para toda España con “Un alto en el camino” facemos xuntas unha sección que lle chamamos ‘Lecturas en la maleta’ onde relaciono libros con cidades (encántame viaxar).

En Santiago, o ambiente cultural é meirande e iso permítenos manter un calendario de un ou dous actos por semana. Como é a capital, moitos autores é doado telos en Compostela para presentacións. Mais tamén estou moi orgullosa do noso club de lectura. Xa lemos obras do nivel de Meridiano de sangue, de Cormac McCarthy ou Corrección, de Thomas Bernhard.

Un club de lectura que leu Meridiano de sangue? Pensei que neses clubs non había lugar para lecturas esixentes.

E Bernhard, insisto. Teño a sorte de contar con lectores marabillosos. Pero tamén che digo, non imos abrir un club de lectura para ler e comentar O tempo entre costuras, de María Dueñas. Porque para facer iso, case mellor quedamos para comentar o telefilme que poña Antena 3 as fins de semana polas tardes, non si?

Que importancia ten o libro infantil neste novo modelo de libraría?

Nos últimos tempos, o libro infantil gañou prestixio e moita calidade na edición. Son álbumes e libros ilustrados que chaman a atención xa non só da rapazada senón tamén das persoas adultas. Tanto en Pontevedra coma en Santiago temos un espazo concreto, deseñado por especialistas en Belas Artes, onde se transmita esa aposta pola beleza e a fantasía.

Que porcentaxe de libros vende en lingua galega?

Facendo cálculos non creo que pase do 5% da nosa facturación, e iso grazas á literatura infantil e ás presentacións. É a nosa gran conta pendente aínda que penso que é a conta pendente do país en xeral. É ruborizante pero a miúdo escoito a xente que me consta  que é lectora dicir que “en galego non son capaces de ler…” Cóntoche unnha anécdota real: unha clienta pide un libro de Haruki Murakami, Adriana, a libreira, pregúntalle se o quere en galego ou en castelán. A clienta alporízase e responde: “en castelán claro, é que as traducións non me gustan”.

Nun recente artigo en Biosbardia, Manuel Veiga Taboada reparaba xustamente na incapacidade de facer atractivo para o lectorado a literatura galega. Non sei se vostede ten opinión sobre este tema.

Como atallar isto? Como mellorar as vendas en galego? A verdade é que non teño nin idea. Supoño que as persoas responsables da edición e da promoción do libro en Galicia saben cales son as medidas que se poderían lanzar pero quizais non se poden pór en práctica ou a relación da sociedade co galego é complicada a moitos niveis e polo tanto teriamos que coordinar moitas estratexias para conseguir cambios. Por exemplo, como lectora si estraño que haxa máis clarificación nas coleccións e nos xéneros, que saibamos que tipo de libros hai nesta ou noutra, como sucede en castelán, onde unha editorial como Planeta garda o literario para Seix Barral e vai espallando por outros selos os seus libros máis comerciais dándolle a cada un unha identidade. Tamén coido que (e sigo falando como lectora) deberiamos poder encontrar autores galegos máis ambiciosos e máis en liña do que se está a facer a nivel internacional. Para facer literatura cómpre ler o que se escribe agora mesmo e en moitas ocasións noto que hai escritores galegos que len moi pouco ou que só len libros dos seus grupos de colegas. E iso tense que notar na escrita. A literatura galega colleu fama de farragosa, desconectada da lingua natural, que se escoita na rúa, sen modernidade. E iso aparta os lectores, abúrreos.

Xosé Monteagudo di que a literatura galega se converteu nun xénero en si mesma.

Seguro. En galego ten que haber de todo. Para iso é importante o que fai Pedro Feixoo, por exemplo, con libros pensados unicamente para entreter pero tamén debe haber un pulo á tradución e á calidade. É imposible que unha editorial galega consiga rendibilidade traducindo a Elena Ferrante ou a Emmanuel Carrère ou a Lucia Berlin pero a oferta en castelán ten arestora un nivel que dificilmente se consegue en galego, así que as persoas que lemos habitualmente estamos abocados a facelo en castelán. En Catalunya todas esas novidades importantes están publicadas en catalán e para conseguir iso cómpren axudas institucionais que normalicen a edición en galego. Por iso eu admiro o labor que fixo Galaxia co Ulises, de James Joyce, un proxecto enorme que teño entendido que non supuxo perdas para a editora. E tamén é de admirar o traballo de editoras pequenas como Rinoceronte, Irmás Cartoné ou Faktoría K, aínda que non teñen a potencia necesaria para traernos todo o bo que se está a publicar xusto agora. E as edicións dos libros galegos teñen que ser modernas, atractivas… Hoxe non se pode editar como hai 20 anos. É moi importante traballar os textos e tamén o libro como produto. No libro infantil ese paso xa se deu mais dubido que fose así no de adultos.

Cando falo de calidade, coido que o podo explicar mellor cun exemplo. Pensemos en Juan Tallón. Pensemos nos seus libros. Pois ben, Tallón era un escritor galego que escribía en galego pero que non encontrou o seu lugar entre as editoriais galegas e tivo que saír fóra para encontrar recoñecemento. De verdade el e outros non teñen sitio no noso sistema? Podemos permitirnos o luxo de perder autores así?

Fale con quen fale, todo o mundo me di que é vostede a libreira que máis le e que mellor recomenda en Galicia.

Recomendar, penso que recomendamos ben todos os libreiros. Se non che gustan os libros, non podes pórte a vendelos. Eu si leo moito. Son impulsiva e durmo pouco, así que polo xeral leo tres libros por semana. Gústame recibir os autores cos seus libros lidos e gústame ler. Hai tanto bo para escoller!

Nos últimos tempos estase dando un fenómeno novidoso. Editoriais pequenas conseguen best-sellers a pesar de competiren cos todopoderosos Planeta ou Random House. Falo de James Rhodes, Angelika Schrobsdorff ou Elizabeth Strout. Como se explica isto?

Primeiro porque se mellorou moitísimo na calidade da produción editorial. As capas, as tipografías, as ilustracións… En editoriais pequenas como Errata Naturae ou Blackie o nivel é altísimo. E logo coido que inflúe o libreiro. Hoxe os libreiros somos prescriptores. Hai un segmento do público que necesita recomendación, que se fía do que lle di a libreira, que fai gasto non nos libros que están híper promocionados nos medios senón nos que esa persoa de confianza insiste. É unha tarefa difícil, ten os seus límites e todas temos libros que nos encantan e que non damos colocado pero si que noto que hai esa demanda, cousa que ao mellor antes non había.

Arestora publícanse centos de libros cada día en España. Como se xestiona con éxito un negocio que ten unha marxe comercial case nunca superior ao 30% e obrigada a renovar o stock tan acotío?

É difícil. Gústame esa metáfora que fala do mercado do libro como dunha cita transportadora que vai a tal velocidade que se pestanexas, ese libro no que te fixaches xa quedou fóra do sistema. Para as librarías, o ideal sería poder ter mellor marxe para apostar por menos títulos pero tamén recoñezo que o factor “novo” é fundamental no impulso de compra cando entras nunha libraría.

Recoméndelles aos lectores de Biosbardia algúns libros recentes.

América, de Manuel Vilas, que me encantou. O monarca das sombras, de Javier Cercas, que me parece unha novela de non ficción moi precisa e Segundo veña o xogo, de Joan Didion.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s