Francisco Coimbra: “O Estado-nación aniquila a diversidade cultural e lingüística”

César Lorenzo Gil.

Crónica Córnica é a primeira novela de Francisco Coimbra (Madrid, 1986). Obra finalista do Premio Xerais 2016, incorpora este autor que aprendeu o galego de adulto na historia das nosas letras. Conta que escribe literatura en galego porque lle peta pero non oculta a influencia da nosa tradición na súa decisión de converterse nun narrador galego.

Crónica Córnica desenvolve un misterio: por que de socato o pobo de Cornualle (Kernow en lingua córnica) se levanta falando a súa lingua vernácula desaparecida no século XVIII e non o inglés. Mais o argumento non é de novela de intriga, precisamente. De onde xurdiu a idea? Como enfocou esa idea para tirar dela unha novela de case 300 páxinas?

Fixen unha novela de 280 páxinas e se os xefes do detective Viswanathan tivesen máis paciencia, aínda habían saír 600 páxinas ou quiñentas trinta e sete mil catrocentas, para entrevistar a todos os habitantes de Kernow. Falando en serio, a idea xurdiu de extrapolar un feito cotián: cada día, cada un de nós decide falar ou quedar calado consonte a situación lle faga sentirse libres ou non. Para aqueles que falamos máis dunha lingua, multiplícanse as escollas, podendo calar ou falar nunha ou noutra. Pois ben, que pasaría se esa elección persoal e cotiá fose feita por todos os membros dunha comunidade e de maneira irreversible? Se decidisen falar sempre na lingua de seu. Se cadra serviu de inspiración o xesto de Joana Carda, personaxe da Jangada de Pedra, de José Saramago, que risca o chan cunha vara de chopo negro; facer un risco e dicir até aquí chegamos e imos ver o que pasa agora. Así xurdiu o primeiro capítulo que, ao meu ver, é case un conto e podería ser lido de maneira independente. O resto da Crónica narra a resposta que esa decisión colectiva recibiu.

O libro ten moitos atractivos para os lectores, tanto desde o punto de vista estilístico como das intencións ou motivos. Empecemos polo estilo: eu mesmo definino como baseado na solemnidade irónica e no dominio do ritmo sintáctico. Non sei se coincide comigo en que son características queridas por certa tradición literaria británica. Por que lle interesaba a vostede este estilo?

Lembro a túa definición e coincido con ela para caracterizar o estilo que impregna as páxinas do libro. Emporiso, non vexo a ligazón coa tradición británica. Son un grande ignorante das literaturas en lingua inglesa, das cales lin verdadeiramente poucas obras.

Na novela os diálogos están inseridos no propio relato da crónica, sen guións. Ten a ver a idea coa salvagarda dese ritmo?

Os guións realmente son pouco necesarios e, xaora, creban o ritmo e até a disposición do texto. José Saramago foi eloxiado e criticado por os non usar e hoxe vexo que moitos autores e autoras tampouco poñen guións. Simplemente non atopei a necesidade deles.

No aspecto temático: A novela descóbrenos un Reino Unido menos “unido” do que se podería pensar no plano cultural. Fálase moito do centralismo francés que liquidou a diversidade lingüística no seu territorio pero en cambio a Gran Bretaña parece máis “federal”. Déame a súa opinión.

Sempre digo que o Kernow da Crónica serve coma metáfora de calquera outro pobo asoballado; así, o Reino Unido tamén aparece aquí coma metáfora. Seica iso é moi xusto pois foi a maior potencia colonial da historia. Non coñezo suficientemente as leis nin as políticas internas do Reino Unido no seu desenvolvemento cronolóxico, pero os resultados saltan aos ollos. Kernow perdeu a lingua de seu; o gaélico foi varrido de Irlanda e de Escocia. Só o galés tivo un fado algo máis leve. No décimo capítulo, fálase do signo, que era unha forma de punir o uso das linguas celtas na escola inglesa. Iso non saíu do meu maxín senón que está documentado. Probablemente o problema non sexa Reino Unido, Francia ou España; seica o problema é o Estado-nación que aniquila a diversidade cultural e lingüística impondo unhaidentidade idéntica” a todos os seus cidadáns.

No libro, a raíña é o símbolo dunha unidade que pivota ao redor do poder do imperio cuxo motor é o inglés. Mais nalgún momento fálase de que a lingua dos reis de Inglaterra foi, por moito tempo, o francés, por exemplo. Canto hai de construción moderna na consideración do inglés como lingua de prestixio? Neste sentido, gustaríame que me dese a súa opinión sobre a importancia de Shakespeare no proceso. En como se aproveitou o seu peso cultural para fortalecer o inglés mais tamén como o feito de el escribir en inglés consolidou a súa posición no canon universal.

Son cuestións interesantísimas e habería persoas moito mais preparadas para contestalas. Non vou dar a resposta dun crítico literario ou dun profesor de literatura, mais dun lingüista que é o que eu son: o inglés é un crioulo con boa fortuna. Esa afirmación relaciónase co grao de elementos gramaticais e léxicos que esa lingua incorpora tanto da base anglosaxoa, como do latín, do anglonormando e do nórdico; combinados seguindo unhas regras sintácticas de lingua illante e cunha morfoloxía mínima. Daquela, como acadou inglés o seu actual prestixio? O inglés tivo o que todas as linguas hexemónicas tiveron: unha armada de guerra. No seu caso, unha especialmente potente e numerosa. O inglés ocupa hoxe unha posición hipercentral no mundo globalizado por ser a lingua das maiores potencias económicas e militares dos dous últimos séculos. Shakespeare ocupa unha posición central no canon literario inglés, certamente por méritos propios; daquela, Shakespeare ha ocupar unha posición central no canon literario internacional. Nese aspecto, a coroa mostra na Crónica o seu sentido pragmático: cando o anglonormando servía ben aos propósitos da elite que gobernaba Gran Bretaña, foi mantido como lingua da chancelaría rexia; cando o inglés medio, lingua de porqueiros e cociñeiras, serviu mellor a eses mesmos intereses políticos, foi trocado un polo outro.  O escocés Walter Scott, escribiu en Ivanhoe unha pasaxe interesante que dialoga co que eu dixen: explica os nomes dos animais domésticos que son chamados con palabras anglosaxoas cando eran coidados polos servos (pig, cow, sheep etc.) pero os señores chamábanos con palabras normandas cando comían a súa suculenta carne nos festíns (pork, beef, mutton…).

Logo de ler o seu libro, confirmamos que en realidade os celtas foron os auténticos bárbaros, no sentido de marxinalizados e “estranxeiros” para a cultura europea, xa que primeiro os romanos e logo os xermanos tentaron (e conseguiron en parte) liquidar o seu patrimonio cultural. Por que se deu este fenómeno e que papel tivo o cristianismo?

A construción dunha identidade integrista pasa en parte pola deshumanización do outro. A palabra “bárbaro” refai unha onomatopea “bla bla” que atopamos tamén no verbo balbucir. Os bárbaros, os estranxeiros son os que están privados da palabra, elemento constitutivo da nosa condición humana. Falando un pouco máis de etimoloxía, welsh, wallon e Cornwall, compartillan a mesma raíz que os conquistadores xermánicos usaron para se referir aos pobos do sur, celtas ou latinos. Nese sentido, concordo en dicir que os celtas son os estranxeiros da cultura europea aínda que fosen eles os que desenvolveron as ferramentas agrarias que serían usadas no continente até a chegada da revolución industrial. O cristianismo apropiouse dos ritos e deidades pagás e condenou aquelas que non puido asimilar. Cara á fin da Crónica, nárrase que os celtas regresarían pero non para entrar na roda da historia, no eterno ciclo de vencedores e vencidos, de dominadores e dominados; senón para o crebar. Tamén se di que os bárbaros entraron nas nosas casas, pois os bárbaros somos nós. “E estes bárbaros serán os valentes guerreiros que virán salvarnos da barbarie exacerbada que é a civilización no seu grao máis refinado”.

A novela é tamén unha apelación aos lazos das nacións celtas. Loxicamente, a través do rastro lingüístico mais tamén seguindo a pegada das influencias históricas e demográficas a través do Atlántico. Neste encontro tamén ten un papel Galicia malia ser a nosa lingua latina.

Nin todas as palabras prerromanas foran varridas do galego e a Crónica até fai unha listaxe das voces que os filólogos clasificaron de orixe celta. Pola súa banda, en córnico e nas outras linguas britanas (bretón e galés) hai palabras latinas como testemuño do bilingüismo secular acaecido durante a ocupación romana. O libro reflexiona sobre a comunicación como acto volitivo, emanado de querer oír e entender o noso interlocutor para, logo, falar e responder. Daquela, se existe solidariedade entre as nacións celtas, haberá comunicación con independencia das linguas goidélicas, britanas ou até románicas (no caso do galego) que falen uns e outros. Esa idea dialoga coa talasocracia, ou goberno do mar, que autores coma Anxo Angueira e Méndez Ferrín presentaron para falar do meu libro. No entanto, a solidariedade non se limita ao universo celta, senón que pobos e comunidades de todo o mundo se suman á revolución das gorxas e iso quizais sexa o elemento máis revolucionario e internacionalista da narración.

O celtismo, de feito, foi consubstancial ao rexurdimento do nacionalismo galego. Incluso no nivel popular (desde o trisquel ao Celta de Vigo e Breogán de Lugo) triunfou ese elemento. Que opina vostede do uso (ou abuso) do concepto celtismo?

Na Crónica aparece o personaxe dun libreiro que ten medo de que, agora que todo o mundo volveu falar en córnico, este deixe de ser a lingua esquecida da literatura antiga e se transforme nunha lingua ordinaria, falada por adolescentes. Cando unha comunidade se apropia dunha lingua ou dunha cultura para artellar os referentes da súa vida, está facendo, ao meu ver, unha manifestación democrática. No caso da Galiza, se o celtismo serviu de alicerce para o Rexurdimento e penetrou na cultura popular quere dicir que ten vimbios fortes. A identidade constrúese, refaise e transfórmase; hai un celtismo que está nos castros e outro no Festival Intercéltico do Morrazo. E entre os dous existe todo un continuum, unha rede que absorbe influencias foráneas e reformula as relacións entre os seus elementos.

Nese vínculo, chama a atención o uso da materia de Bretaña na tradición literaria galega, renovada e actualizada de xeito maxistral por Cunqueiro ou Méndez Ferrín. Non sei se podemos inscribir Cornualle nese universo mítico a partir deste libro?

O meu desexo é que se inscriba nesa tradición. Atopamos a materia de Bretaña na novela medieval francesa do rei Pontus, atravesa Na noite estrelecida de Ramón Cabanillas, é actualizada por Cunqueiro e Ferrín e chega até a marabillosa Morgana en Esmelle de Begoña Caamaño. Certo que hai outras obras e autores que tamén participan  desa mesma tradición. Cornualle é unha peza constitutiva dese territorio narrativo britano; lembremos que este condado, que outrora fora ducado e denantes reino, é a terra de Tristán e Iseo. Así pois, a miña Crónica pode ampliar ese universo xa que narra o capítulo en que o pobo córnico decidiu recuperar a lingua do rei Artur na friaxe dunha mañá de xoves ou venres.

De feito, a Crónica Córnica pode lerse como unha metáfora da situación lingüística de Galicia. Hai moitos momentos nos que simplemente cambiando algúns nomes e escenarios, pensariamos que estamos a falar do galego e non do córnico. Éralle máis doado ou máis interesante facer de Cornualle un trasunto de Galicia?

Érame máis doado facer de Kernow un trasunto da Galiza que, asemade, servise como alegoría ou representación de calquera outra comunidade asoballada. A diferenza doutros países, Kernow non ten, no mundo real, unha historia tan fortemente marcada. Imaxinemos que a Crónica non fose córnica senón catalá, ou irlandesa, ou sarda. A Historia, con hache maiúsculo, tería un peso que cumpriría atenuar ou, polo menos, considerar para gañar a liberdade de contar a miña historia. Se a Crónica fose galega e non córnica sería un conto insoportable chocando contra a realidade do país e dicindo como deberiamos comportarnos ou non en canto comunidade. Ademais, coa “Lei Mordaza” do goberno español, as personaxes da coroa e da raíña serían inviables por levar o apelido Borbón. Quen sabe se non me vería obrigado á autocensura. Daquela, Kernow acolleume coma un país alén do espello que proxecta a realidade próxima a nós.

Como se documentou sobre a Cornualle? Fixo como Cunqueiro: inventou a xeografía ou visitou Kernow hoxe en día?

Nese aspecto, hai un diálogo bastante claro entre as Crónicas do Sochantre de Cunqueiro e a miña novela que se pode percibir até no título. Deica hoxe, non tiven oportunidade de visitar Kernow e na Crónica non hai un compromiso de novela histórica ou naturalista. O meu Kernow parécese máis a Galiza, Irlanda e Bretaña, países celtas que si coñecín na súa xeografía. Documenteime consultando enciclopedias e os mapas do Google para varias cuestións de distancias, nomes de vilas, cidades e toponimia. É incrible o que hoxe podemos pasear co Google, polas rúas de calquera cidade do mundo. Coitado de don Álvaro, na súa época non existía esa posibilidade.

A súa novela é tamén unha reivindicación do ecosistema global das linguas. Como filólogo, que opina das teorías ecolingüísticas? Pensa que viviremos no futuro inmediato cambios na percepción social global desta diversidade?

Non sei se trata propiamente dunha teoría ou, máis ben, dun conxunto de reflexións que entende os feitos da linguaxe, e as súas dinámicas, coma se conformasen un ecosistema. Non me caben dúbidas de que as linguas e as súas variedades se relacionan entre si, de maneira máis ou menos xerárquica, no seo dunha comunidade. Na Crónica prodúcense dous procesos de revolta de maneira paralela sen que saibamos se teñen unha orixe común: a chamada revolución das gorxas, vinculada á recuperación da lingua; e mais a revolución do mundo vexetal, que agroma e crece vizoso no condado transformando chairas en fragas. O respecto pola diversidade lingüística e cultural está asociado á conservación do ecosistema na medida en que para que os primeiros existan é necesario manter o medio que lles garante a súa forma de vida. Por exemplo, no Brasil, a destrución do medio ambiente e a expansión do agronegócio obriga as comunidades indíxenas a abandonar as súas terras ancestrais para se dirixiren ás grandes cidades, onde ocuparán subempregos e deberán morar nas periferias. O mundo de hoxe vive dinámicas centrífugas e centrípetas, unhas tenden á vindicar diversidade humana, outras conflúen cara a formas culturais hexemónicas. Nese embate, a resolución dependerá da relación de forzas e, sobre esas hipóteses futuribles, reflexionan os persoeiros que o detective Viswanathan entrevista na Crónica Córnica.

“Non depender economicamente das vendas dos teus libros permíteche máis liberdade como escritor”

 Vostede naceu en Madrid e coido que non ten familia galega. De onde lle veu o interese pola lingua? Cando ese interese se converteu en compromiso para escribir unha novela nunha lingua que aprendeu xa de adulto?

Eu son galego por narración. Escribín a Crónica en galego porque si, porque me petou e porque así me saíu da cachola. Escribila en galego e dar forma a esa materia lingüística produciume un enorme pracer. O meu pai é da contorna de Aliste, na provincia de Zamora, a aldea onde naceu chámase Gallegos del Río, con ese nome podes imaxinar a orixe dos poboadores. De cativo, iamos alí todos os veráns. A miña avoa paterna, que non tivo acceso á cultura letrada, falaba a lingua do lugar. Un lingüista diría que era unha variedade de leonés con influencias portuguesas e galegas. Nesa lingua, os niños son rapaces, coma en galego; e os bolsillos, bolsos; para irse se di marchar etc. Pero a ela ninguén lle dixo nunca que tiña unha lingua de seu, dixéranlle só que falaba mal castelán. Disque as Portelas de Zamora fan parte da Galicia irredenta e a comarca de Aliste non. Durante a presentación que fixen na Universidade de Vigo, referín os límites difusos que teñen as linguas no espazo e no tempo, un tema que tamén é abordado na novela. Até aquí van as miñas orixes galegas ou a falta delas; mais estaremos de acordo en que a identidade é algo que se constrúe e que non depende do pedigree. Aprendín galego adulto, e tamén italiano, francés, portugués e un pouco de romanés e occitano, o castelán e mais o catalán xa viñan de infancia. Tampouco teño familia en Galiza, mais teño amigas e amigos marabillosos, algúns naceron aló e outros non.

A escritora Eva Moreda afirma que cando empezou a escribir literatura en inglés e non na súa lingua materna, o galego, sentiuse liberada e puido operar co fundamento da súa escrita, a lingua, sen o peso da tradición. Non sei se a vostede lle pasa o mesmo ou en cambio si é consciente da tradición literaria e lingüística de Galicia.

Non coido que liberación e consciencia sexan dous conceptos ben demarcados; para min, a suspensión da consciencia da tradición, na que -querendo ou non- nos inserimos, non está vinculada coa liberdade do narrador. Escribir é un acto de liberación e o feito de facelo en galego foi un acto de consciencia, quixen escribir a Crónica Córnica nesa lingua pois so nela tiña sentido. A miña obra dialoga coa tradición literaria galega, como xa dixen, e tamén dialoga coa lingüística naquelas partes en que trato de representar a linguaxe popular usada polos veciños e veciñas de Kernow. Pero o lector poderá atopar outras referencias a tradicións e autores máis ou menos próximos: hai un diálogo coas literaturas lusófonas, coas outras linguas románicas, coas linguas clásicas e tamén co contexto británico e, por tanto, anglófono. O diálogo coas linguas e culturas celtas é unha constante ao longo das páxinas; así vemos que, cando chegan os bretóns en barca para visitar os seus curmáns córnicos, aparecen frases de Tri martolod, unha canción popular bretoa que fala sobre a viaxe de tres mariñeiros. A tradición que recibimos e que estimamos non é un peso nin unha cadea senón a forza, a mantenza do acto libertario que nos propomos facer na narrativa.

Hoxe hai moitos escritores que empezaron facendo literatura en galego mais que preferiron cambiar ao castelán en posteriores obras. Non se que opina desta postura.

Eu non son quen de xulgala. Seica a eles non se lles esixe que dean explicacións por escribir en castelán. Non sei se alguén preguntou algunha vez a Emilia Pardo Bazán, a Camilo José Cela, a Gonzalo Torrente Ballester ou a Ramón María del Valle-Inclán porque non usaron o galego nas súas obras capitais. Seica ninguén llo preguntou porque vían “natural” pasarse á lingua hexemónica, abandonar o barco do galego que ía cara a ningures. Que tolo quere investir nunha lingua que non maximizará a ganancia, unha lingua condenada á banca rota, como se di na mesma Crónica. Naturalizar esa postura non di moito sobre a posición subalterna asumida polo sistema cultural galego e sobre os preconceptos dominantes? Eu escribo en galego como o fixera Federico García Lorca e Afonso X, o Sabio, e cada un que escriba como considere que debe facelo.

Vostede xa está considerado como un escritor galego logo de publicar Crónica Córnica. Mais non sei se vostede pretende desenvolver toda a súa carreira literaria na nosa lingua.

Eu tampouco sei, escribín a Crónica no exilio da miña xeración que foi obrigada a marchar e que nos queimaron as naves que acaso habían de permitirnos tornar. Como ía imaxinar que a obra dun exiliado que pouco tempo da súa existencia pasara na Galiza xeográfica chegase a ver a luz, a ser publicada por unha editorial coma Xerais? A xenerosidade da publicación e a acollida da obra (que eu xulgo moi positiva) son dúas forzas que me convidan a tecer novas historias en galego. Hai outras narrativas que tamén teño na cabeza pensadas noutras linguas románicas. Malia ter algúns borradores e fragmentos no computador, aínda estou lonxe de concretalas. Oxalá teña tempo e oportunidade de o facer.

Na súa escolla lingüística pesaron algúns nomes da literatura galega? Cales?

No segundo ano da universidade, fixen varias optativas de literatura galega e así coñecín os narradores do século XX. A variación lingüística é unha forma de democracia e, por iso, fascinábame ler eses autores que se servían de formas diferentes uns e outros: Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole, Xosé Neira Vilas, Xosé Luís Méndez Ferrín e tamén os membros do Grupo Nós, coma  Vicente Risco e Otero Pedrayo. Admiro particularmente as figuras e as obras de Eduardo Blanco Amor e Castelao; e, por sobre todos eles, a figura de Rosalía, que é unha fonte inesgotable de inspiración e de consulta.

Nas últimas semanas, diferentes voces están opinando sobre o futuro da literatura adulta en galego. Gustaríame coñecer a súa opinión. Que problemas detecta vostede como lector e investigador? Que potencialidades? Que poderiamos facer para atraer lectores conscientes?

Seguín en certa medida estas discusións e entendo a preocupación expresada por varias desas voces. En Biosbardia, Manuel Veiga Taboada escribiu un texto do que me gustaría entresacar un fragmento: “Se aínda lle podemos dicir a un visitante exterior que a literatura galega existe é porque unha persoa que se chamaba Blanco Amor decidiu escribir A esmorga, sen pensar en absoluto no público que a ía recibir (minúsculo, en todo caso, dada a época) ou porque outra persoa, chamada Méndez Ferrín, decidiu escribir Arraianos, simplemente porque sentiu a necesidade interior de facelo, non porque o mercado llo demandase”. Son un gran descoñecedor do mercado editorial e das súas demandas ou imposicións; pero, dende as miñas limitacións, creo que debemos crear e escribir o que quixermos como quixermos. Xaora que non depender economicamente das vendas dos teus libros che permite máis liberdade.

Dígame que libro está a ler neste momento.

Estou a ler Nordeste, de Daniel Asorey (Galaxia) e estou a gustar. Acabei recentemente Sumisión, de Michel Houellebecq. Esa novela deixoume abraiado pola superficialidade, a misoxinia e as torpezas narrativas, que contrastan con algúns apuntamentos certreiros do estado da descomposición capitalista e neoliberal de Europa. Decidín, ademais, ler só un libro de José Saramago por ano cando el morreu e na quenda do 2017 están Memorial do Convento ou A viagem do elefante, aínda non decidín. Tamén quero reler Capitães da areia, de Jorge Amado e encarar A República dos sonhos, de Nélida Piñón.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s