Huston e Preciado, dúas formas contrapostas de entender o feminismo

Mulleres traballando. CARSTEN TEN BRINK/FLICKR.

Manuel Veiga Taboada.

Os homes sempre dominaron as mulleres pero, en cambio, o movemento liberador que chamamos feminismo é moi novo. Por que? É unha pregunta que pouca veces se formula, a pesar de que salta á vista.

As historias feministas insisten en recordar determinados feitos históricos, en todo caso bastante recentes, como o sufraxismo, así como o papel dalgunhas figuras individuais. Estes estudos, inspirados en parte na socioloxía marxista, resaltan tamén a importancia da entrada das mulleres nas fábricas, durante as dúas guerras mundiais, en substitución dos homes, un papel que en Galiza xogou, non a guerra, senón a emigración.

É visíbel o desexo e o esforzo do feminismo, nos últimos anos, por buscar e encontrar un pasado de toma de conciencia e reivindicación, desexo que, porén, non parece aínda suficientemente satisfeito.

Na súa obra, Feminismos, Olga Castro e María Reimóndez lembran que, hai un século, as mulleres constituían a man de obra principal nas conserveiras galegas e nas fábricas de tabaco e louza, aínda que cobraban menos, dado que o seu salario era considerado só un “complemento” da retribución familiar. Esta idea deu pé tamén a que, en épocas de menor emprego, fosen acusadas polos homes, de quitarlles o traballo. Mais, non parece, que esta discriminación tivese xerado moitas protestas singularizadas nin formas de organización propias e aínda menos unha conciencia específica.

Beatriz Preciado.

Intentemos responder xa á pregunta: por que o feminismo se desenvolve, cunha forza e un éxito inusitados, a partir da II Guerra Mundial, pero sobre todo a partir dos anos sesenta? Por que nese momento e non antes?

Existe unha resposta, pero non é social, senón científica. A explosión feminista coincide coa extensión xeneralizada da pílula anticonceptiva e coa posibilidade de realizar abortos con garantías sanitarias. Como di a novelista e feminista de primeira hora, Nancy Huston: “Grazas á confianza que lles confire a contracepción e o aborto, as rapazas modernas poden comportarse como nunca na historia as femias da especie humana se comportaran”.

Estas dúas novidades permiten unha verdadeira incorporación da muller ao mundo laboral e logran, por primeira vez, un grande avance na igualación da muller a respecto do home. A muller achégase á igualdade a costa da bioloxía. De feito, o movemento feminista nunca se sentiu cómodo coa maternidade, déixaa nunha marxe. Esa maternidade que é precisamente o principal factor diferenciador entre homes e mulleres.

Nancy Huston, na súa obra Reflexos no ollo dun home, trata de recordar aínda así que a natureza existe e que a bioloxía é importante. E dicir isto, recalca, non nos fai máis de dereitas ou conservadoras, porque a diferenza ideolóxica non está en recoñecer a realidade senón no que fagamos despois a partir dela. O home non pode ser culpado pola súa erección, bioloxicamente programada, pero o machismo pode reducirse se, por exemplo, participa máis na educación e coidado das crianzas.

Nun lugar distinto, ás veces oposto a esta concepción, encóntrase Beatriz Preciado. Nun ton a medias entre a autobiografía e o ensaio, en Testo Ionqui relata como ela mesma introduce testosterona no seu corpo, ao mesmo tempo que explica e analiza as súas razóns. Preciado intenta levar até as últimas consecuencias a definición fundacional de Beauvoir de que non se nace muller, senón que o xénero é algo que se vai construíndo.

O libro anticipa, case como nunha obra futurista, unha sexualidade á carta, que permitiría tantas identidades sexuais como individuos. O medio para facelo é sobre todo químico, hormonas e outras substancias, e cirúrxico, no que afecta á estética e á conformación externa do corpo. Como sabemos, nin a concepción e o embarazo se libran dos avances da técnica, de modo que a propia idea de maternidade quedará probabelmente alterada ou, como mínimo, matizada.

Esta idea, a do xénero como construción social, que en Preciado aparece levada ao extremo, é talvez a máis seguida hoxe polo movemento feminista. Entre nós, e na mesma liña, contamos coa obra de Teresa Moure, Queer-emos un mundo novo.

Preciado ve a heterosexualidade en claro declive, nunha sociedade que cada vez comercia máis co corpo e coas súas representacións, no que denomina o “mercado fármaco pornográfico”, pero encontra tamén nisto unha posibilidade de experimentar e de desenvolver micropolíticas que superen a dicotomía tradicional entre sexos. Algo que, en boa medida, xa estaría sucedendo.

Nancy Huston.

Houston, en cambio, chega a cualificar a teoría do xénero non só de elitista, senón tamén de irresponsábel, posto que seguen existindo maioritariamente homes e mulleres e cando unha muller sente, no medio dunha rúa escura, que a poden violar, non pensa na multiplicidade de sexualidades posíbeis, senón que pensa nun home.

Son ambos enfoques conciliábeis? Quizais si, máis do que parece. Huston refírese a algúns aspectos da teoría do xénero, non a todos. Por outra parte, hai razóns biolóxicas que seguirán sendo importantes durante moito tempo e a pesar da evolución técnica.

En todo o caso, trátase de dous textos magnéticos e brillantes que mostran a riqueza actual da reflexión feminista e cuxo contido queda aquí só moi sucintamente apuntado.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s