‘Laura das neves’, letras que morden

Pasi Ilmari Jääskeläinen.

Lombodalebre é unha vila o suficientemente grande como para acoller a principal comunidade literaria de Finlandia. Baixo a influencia da mítica escritora e recuperadora da tradición folclórica autóctona Laura das Neves, un grupo de escritores foron aprendidos desde crianzas para se converteren nos principais narradores do país. Agora, este colectivo con aires místicos está pronto para recibir un novo membro: Ella Amanda Milana, unha profesora que escribe relatos no seu tempo de lecer e que a partir de ser incorporada ao selecto club, empezará a ver como a vida lle cambia até converterse nunha sucesión de eventos entre fantásticos e aterradores.

Con este plan comeza Laura das Neves e a Sociedade Literaria dos Nove, do finlandés Pasi Ilmari Jääskeläinen, que publica en galego Urco en tradución de Tuula Ahola Rissanen e Tomás González Ahola. Esta obra eleva o nivel medio do selo compostelán especializado en literatura de xénero (principalmente fantasía, ciencia-ficción, terror e demais ponlas das letras fantásticas) e insire na biblioteca galega un autor moi orixinal e que demostra nesta novela un absoluto dominio das técnicas narrativas. Mais non só iso.

Laura das Neves… é unha obra chea de pregas, con varios niveis de lectura, con preguntas, moitas, e case ningunha resposta. Unha novela moderna, das que favorecen que sexa o lector quen complete a mensaxe mercé a esa atmosfera na que se estica sen remorsos a pura imaxinación.

Jääskeläinen constrúe as personaxes cunha mestura de rigor humano e evocación lírica. Destacan principalmente as figuras da protagonista, Ella Milana, e de Martti Terrafría.

Milana está debuxada con tantas facetas que nin ao rematar a obra o lector pode saber a ciencia certa cal é o motor do seu carácter. Esta sensación de descoñecemento da personaxe é un dos mellores achados do libro, que prefire susurrar, perfilar, achegarse de esguello aos desexos e motivacións da profesora metida a detective literaria.

No caso de Terrafría, o autor logrou algo ben difícil: superar o xogo de identificación ou contraposición cara a el. É dicir, o lector non é quen de elaborar un ditame moral sobre a súa conduta, ás veces ódiao, ás veces admírao, ás veces respecta os seus principios vitais, ás veces pensa que non é máis ca un pallaso. Nunha novela popular, pensada para ser accesible, estas composicións complexas agradécense, dado o ambiente de proliferación de prototipos de cartón que adoitan ocupar este tipo de libros.

Outro acerto da novela é encarar a peito descuberto o reto de facer unha novela con intriga e suspense a base dun universo creativo que xira ao redor dos libros. A novela é unha reivindicación do libro pero sobre todo da literatura como a única arte que é quen de expresar dun xeito intelixible o máis íntimo. Cunha serie de metáforas que resultan ser operativas e eficaces no desenvolvemento da trama, Jääskeläinen dános pé como lectores a reflexionarmos sobre o sentido real da experiencia literaria, o valor da escritura no noso tempo e a relación entre experiencia real e ficción.

Nesta obra, a literatura é un organismo vivo, unha pulsión que morde a quen a executa, unha maneira de entender a vida que nunca pode ser inocente nin ocupar o “lecer” dos escritores. Só as letras que mancan, parece dicirnos o autor, deixan pegada e seguen pairando na nosa memoria moito tempo despois de telas lido.

Malia as súas virtudes, á novela sóbranlle páxinas. Logo dun inicio perfecto, a narración entra nunha meseta que por momentos nos deixa area nos ollos mais que logo de tentear o seu camiño, encontra un final que compensa a espera.

Novela adulta mais moi recomendable para adolescentes, chega desta volta cunha tradución impecable e arriscada (sobre todo a tradución da onomástica da novela), que se fai máis próxima aos nosos ollos de periferia occidental europea para entendermos un pouco máis a cultura desoutra periferia, desta volta setentrional, que representa Finlandia.

♦ Laura e a Sociedade Literaria dos Nove, de Pasi Ilmari Jääskeläinen. Tradución de Tuula Ahola Rissanen e Tomás González Ahola. Urco, 2016. 330 páxinas. ♠19€

César Lorenzo Gil.

Advertisements

Un comentario en “‘Laura das neves’, letras que morden

  1. Adorei esta novela. A arañeira de personaxes está tecida dun xeito exquisito. O fío narrativo do Xogo é espectacular e o debullar final do argumento é perfecto. Non é de estrañar que Pasi non teña claro o que facer con Terrafría e que este teña tantos matices e sombras, non deixa de ser a súa propia fotografía 😉 Unha obra moi recomendable e que, como dicides, sube moito o nivel do traballo de tradución que a familia Ahola está a facer en Urco.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s