Miguel Sande: “Gústame mover os marcos entre os xéneros literarios”

César Lorenzo Gil.

Miguel Sande (Pastoriza, Arteixo, 1961) gañou o Premio García Barros de Novela 2016 coa obra A candidata (Galaxia), unha historia, quizais a primeira escrita en galego, que reflexiona sobre os danos da crise económica do 2008. Neste caso, o autor céntrase en como a degradación económica lle dá paso a unha devastación persoal e familiar sobre unha nai, un pai e unha filla. Con esa trama, Sande constrúe unha obra que supera a prevalencia da historia para atopar como cerne o alento emocional das personaxes.

Cal é a orixe d’A candidata? Quería vostede escribir unha novela sobre a crise?

Quería reparar, sobre todo, en dous fenómenos: como a crise lle cambia a vida a unha familia de clase media, até un punto que nin eles poden prever. E tamén como, a medida que o pacto sociopolítico se debilita, xorden outras formas, formas políticas, de relacionamento e tamén de obxectivos ideolóxicos.

A novela está construída cunha estrutura de trepia, con tres voces: a nai, a filla e o pai, a través dunha situación de gran dificultade económica mais tamén de profundo dano persoal, até o punto de rachar a familia dun xeito quizais definitivo.

Quería reflectir unha historia que vivín máis ou menos de perto. Eu coñecín unha muller que me inspirou a personaxe da nai. Non quero dicir que esta sexa a súa historia pero si está baseada nesas vivencias que lle fun escoitando ao longo do tempo. Logo a seguir imaxinei as voces da filla e do pai pero o motor principal xa o tiña e era real. Eu necesito ter unha base real para escribir, non me abonda unicamente coa imaxinación.

Mais esta novela non é de acontecementos, máis ben é de pensamentos. Está construída, en gran medida, en base a monólogos interiores. E o peso lévano dúas figuras femininas, ademais. Que dificultades ten pórse no corpo dunha muller e contar as súas emocións máis íntimas?

Eu non atopei dificultades por mor do xénero. O importante para min era dar coa voz e coa ollada. Iso é o que me importa da literatura. Neste caso, coido que o maior desafío foi converter en lírica esa intimidade, en especial a da filla. Eu tiña claro que quería afondar no máis recóndito de si pero debía evitar que o texto acabase sendo escatolóxico. Hai pasaxes que, de escribilos sen esa estratexia poética, habían parecer antiliterarios. E nese sentido, a min vénme ben ser amais de narrador, poeta e autor de teatro. Gústame mover os marcos entre os xéneros literarios. No noso tempo cómpre saber pular as fronteiras expresivas. A miña parte de dramaturgo está moi presente na construción do monólogo, que é un xénero dramático ben recoñecido xa. A miña faceta poética valeume para construír o universo das personaxes cunha altura que a cotidianidade non me daba por si mesma. Sinceramente, para min o máis difícil é xustamente iso: atopar o ton idóneo para contar as cousas que quería contar con altura literaria. Deille moitas voltas antes de chegar ao resultado final.

Explíqueme a que se refire con “atopar a voz e a ollada”.

É o que eu denomino Teoría da Lúa. Canto tempo hai que a humanidade olla para a lúa? Velaí está desde sempre. Desde sempre miraron para ela os seres humanos e desde sempre escribiron sobre o que vían. Ninguén que olle para a lúa e ignore o que xa se escribiu sobre ela pode chamarse escritor. O importante, en realidade, non é a lúa senón a ollada. A ollada é a parte da escrita na que temos que traballar para intentar conseguir dicir algo novo. Nesta novela, a voz da filla era a que eu consideraba crucial para encontrar esa novidade: tanto por esa intimidade da que veño falando como pola parte política da que se fala nese tramo.

En efecto, fronte ao estrago moral e económico que vive a familia, a parte da política é algo así como unha porta á esperanza.

É iso. A crise serviu tamén para que a mocidade, principalmente, se decate de que debe cambiar moitas cousas, de que debe encontrar un novo sistema e pelexar por el.

Mais vivimos tempos volátiles. A mensaxe novidosa que naceu canda o 15-M xa parece frustrada, vella.

Non falo na novela de partidos ou estratexias concretas. Estou de acordo en que propostas con siglas definidas xa pasaron da etapa da ilusión á do abatemento pero coido que hai unha ideoloxía que xurdiu tras a crise que segue en pé, que segue a ser útil e necesaria para o futuro. Na novela, de feito, hai algo así como un programa ideolóxico posto por escrito. E eu penso que segue a ser válido hoxe e que permanecerá por moito tempo. E que se agora hai partidos que non cumpren as expectativas mañá haberá ponlas nacidas dese e doutros movementos que si florecerán e que recollerán esa necesidade de esperanza que naceu cabo da situación de derrota xeneralizada.

Fáleme de vostede como escritor. É prolífico?

En 30 anos publiquei ao redor de 15 títulos. Non coido selo. A min cústame moito escribir. Dáme preguiza, non sinto pracer ao facelo. Onde encontro pracer é na lectura. Aí si. Reláxome, desfruto. Mais a escrita é outra cousa. Cando penso en escribir, sempre me pregunto: para que? Realmente teño que facelo? Vou dicir algo diferente ao que xa se dixo? É o que che falaba da mirada propia. Só sinto a necesidade de escribir cando teño clara esa mirada.

Axúdao a lectura a encontrar esa ollada?

Sempre. A lectura é fundamental en moitos aspectos. Levo 12 anos lendo o Ulises, de James Joyce e aínda non rematei. Vou parágrafo por parágrafo subliñando, comprendendo a súa feitura. Logo dese libro, non podemos tomar á lixeira a escrita. Xa non. Mais ao mesmo tempo, ler sérveme para centrarme, para atopar folgos. É como correr. Cando saio correr, encontro a mente despexada e as ganas para poñerme a escribir.

Vostede é xornalista. O normal sería que se inspirase nas historias que seguro ve a diario.

Pola porta dun xornal entran historias incribles, historias reais que parecen máis inverosímiles que moitas novelas de aventuras. Mais a historia non serve de nada, insisto, se non hai esa capacidade para facela nosa mediante a ollada.

É metódico escribindo?

Non. Mira, eu non me considero un novelista. Nin sequera son un gran lector de novelas. Prefiro a poesía e o teatro. Intento estar ao tanto de todo o que se vai facendo, si, pero encontro a narrativa ás veces fría, demasiado prefabricada. Así que eu escribo narrativa coma se escribise poesía: por arrautos, sempre en papel, a bolígrafo, nos cafés e na cafetaría da autoestrada, en servilletas ou sobre os espazos brancos dos xornais. Escribo cando me nace e sen plan. Fago un esquema mínimo para orientarme e logo vou construíndo a obra de cero. É que se non, aburriríame. Respecto a quen o fai pero eu son incapaz de pórme a elaborar un relato do que xa sei o final. O bonito, do meu punto de vista, de escribir, é ignorar cara a onde vas, que vai saír de todo o que fas. Nin imaxino escribir na casa, tantas horas ao día, sobre a pantalla do ordenador.

E corrixe moito?

A candidata ten 13 versións. Gardei a primeira para comparalas. Hoxe son novelas diferentes, tanto que podería publicar ambas e apenas habería semellanzas, un pouco as personaxes, iso é todo.

E cando sabe onde parar?

Cando me aburro. Se o texto xa non me motiva é hora de parar.

Vostede é xornalista. Ultimamente son moitos os colegas de profesión que publican literatura, principalmente por mor da crise, que os deixou con máis lecer do que habían desexar. Incluso a profesora Dolores Vilavedra prognostica que no futuro inmediato esa impronta profesional hase notar na escolla de temas e de estilos. Está de acordo?

Non sei. Si é certo que hai máis xornalistas sen traballo e que iso pode motivar que teñan máis tempo para escribir literatura. Pero non acredito en que haxa un tipo de literatura “de xornalista”. O que si penso é que durante moito tempo a literatura galega mostrou unha realidade acomodada. Os temas que primaron eran os propios de quen ten máis ou menos a vida resolta. Coido que no futuro si intervirán novas voces que viven o paro e a precariedade, novos ámbitos narrativos aos que as nosas letras foron alleos nos últimos tempos.

Que opina da polémica sobre a literatura habitual hoxe en día en galego, a raíz do artigo de Manuel Veiga Taboada, aquí en Biosbardia?

Só dúas cousas. O ensino como viveiro para novos lectores non está a funcionar. Por facer un símil: se nós plantamos a semente dunha árbore e non dá medrado, teremos que pensar que algo falla, que a seiva non alimenta a planta como debera, non si? Tempo houbo para saber que a mocidade que le en galego no instituto, en chegando á universidade, abandona a lectura en galego. Eu non sei por que pasa pero pasa.

E outra cousa, non son capaz de pensar no público cando escribo. A min sáeme o que me nace, co talento limitado que poida ter. E esfórzome en facer algo que me parece interesante pero moitas veces heime equivocar e outras os meus libros non han atopar lectores. Pero coido que para chegar a eles debo ser fiel ao xeito no que xorden as obras en min. Porque como lector son igual. Aborrezo os libros que non teñen pegada, que non buscan máis ca repetir esquemas.

Que libros lle interesan actualmente?

Sempre estou buscando autores que me descobren un mundo, o seu. Cando consegues entrar nun universo literario, a sensación é boísima. Interésame moito a nova narrativa hispanoamericana, concretamente a arxentina e máis especificamente a composta por mulleres: Selva Almada e Ariadna Harwicz (autora de Precoz ou La débil mental), por exemplo. Tamén a chilena Lina Meruane (que escribiu Sangre en el ojo).

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s