Literatura e mercado: noticias de Portugal

Agustina Bessa Luís

César Lorenzo Gil.

Infórmome polo meu caro António Alves, libreiro resistente de Vila Real, de dúas noticias que así xuntas me valen para comentar a difícil relación entre arte e rendibilidade. Pensei en engadir ao título o adxectivo tristes pero pensándoo ben, até poden ter o efecto de espertar conciencias e de aclarar debates.

Por unha banda, a prensa publica o preito entre a familia da escritora portuguesa Agustina Bessa Luís e o grupo editorial Babel, no que practicamente ten toda a súa obra, O caso é que os libros da brillantísima autora xa non venden o doutras épocas e a editorial decidiu dúas cousas: primeiro conxelar o salario de 1.500 euros mensuais que lle outorgaban á autora como extra aos dereitos de autor pola súa importancia e prestixio para a empresa. E a seguir, eliminar da libraría insignia do grupo, a tamén dita Babel, que ocupa un espazo na Biblioteca Nacional de Lisboa, todos os libros dela, unha decisión que foi noticia porque até hai ben pouco, a Babel consideraba a Bessa Luís a súa autora de referencia.

Ambas as medidas nin sabemos como lle sentaron á escritora, que padeceu un accidente cardiovascular hai dez anos e cuxa representación pública levan a filla, Mónica Baldaque, e a neta, Lourença Baldaque. E a elas doeulles. Moito. De momento a cousa pode acabar nos tribunais se non hai acordo mais a explicación da Babel é ben plausible: as obras de Agustina Bessa Luís non se len. E o que non se le non se compra e o que non se compra non pode estar nun lugar privilexiado da principal libraría do grupo na capital. A familia cala e non confirma que por debaixo haxa outras razóns menos pragmáticas e un horizonte no que renegociar á baixa o contrato da escritora. Mais en realidade dá o mesmo.

Bessa Luís é, de feito, a máis importante escritora viva de Portugal. A pesar de ser moito máis famoso António Lobo Antunes, crítica e comunidade literaria defenden o valor da autora como renovadora da lingua portuguesa e construtora dun poderoso universo, que inclúe a narrativa e o ensaio histórico, as viaxes e sempre un compromiso por ir máis alá na creación. Orgullo da biblioteca da Lusofonía mais na realidade suxeita á dinámica mercantil do mercado portugués, altamente dependente das lecturas recomendadas no ensino (a que me soa iso?).

A Babel explicou que o salario de 1.500 euros ficou difícil de dar logo de que A Sibila, a obra máis famosa de Bessa Luís, saíse dos planos de estudo. Aínda que entrou outra obra súa, Dentes de rato, que grazas a iso consegue esgotar anualmente unha edición de 2.000 exemplares, a rendibilidade da autora quedou mancada. O tesouro literario nacional depende do que as autoridades escolares deciden que é conveniente para as crianzas. É comprensible que unha autora de tal calibre, que foi sementando prestixio obra a obra, agora padeza esta boladura? É razoable que a editora teña que adecuar os custos e beneficios para poder seguir publicando outros autores?

Poetria

Pola outra, desta volta do Porto, chega unha reportaxe que me dá a coñecer a libraría Poetria, especializada en poesía aínda que mantén unha cota marxinal de publicacións de teatro. A propietaria, Dina Ferreira, ten toda a luz no rostro, a luz dunha muller que leva 14 anos poñéndolle remendos ás contas furadas. Ela conta como nunca a libraría foi negocio, de como vive ameazada polo peche a todas as horas, de como xa no pasado tivo que recorrer ao porta-a-porta para salvar o proxecto do esquecemento. Nese punto, Portugal aínda ten un pase. Cando a cultura está en agonía, aínda hai quen pasa a deixar uns euros e non se conforma con soltar responsos no facebook cando xa non hai remedio.

É normal, diría meu pai, pensar que se pode vivir de vender poesía? Nunha cidade como o Porto, que nos últimos anos está a vivir unha revolución turística e a eclosión de moitos xeitos de negocio pequeno que procura a imaxinación para ter clientes, quizais vender poesía non estea tan desencamiñado, na práctica. Era Vicente Risco quen dicía que os auténticos idealistas eran os empresarios, non os poetas, capaces de idear no aire cento e un proxectos que só os sustenta a euforia das cifras no papel. A métrica das previsións de rendibilidade fronte ao verso libre que case ninguén quere comprar.

Cartel na porta da libraría Poetria do Porto

A poesía é hoxe, igual ca sempre, materia viva no oído e na fala (di Dolores Vilavedra que a poesía triunfa nas listas musicais) mais incapaz de conciliar ao redor de si, cando é de papel, máis ca os moi afectos. E os poetas. Di o poeta Carlos da Aira que foron os poetas, autoeditados e non, os que inventaron o micromecenado, que levan facendo décadas, nun sutil e tácito xogo de amiguiños si pero a vaquiña polo que vale para manter en pé a edición de versos. Hai público para algo máis? Nos últimos tempos, selos como Frida apostan pola poesía facebook: o equivalente en verso á prosa dos best-sellers máis preguicistas, é dicir, aquelas lecturas que buscan aqueles lectores que lle din á libreira: “dame algo que non me rompa a cabeza, eh!”. Esta nova-vella poesía do obvio pescuda nas catro emocións de sempre, está claro, igual ca Ismael Ramos ou Alejandra PIzarnik, pero haiche boa diferenza en como cada panadeiro coce partido da mesma masa.

A Poetria quedará como reserva de culto: é a libraría onde compra poesía Válter Hugo Mãe. Mais unha suba de repente do aluguer ou a falta de reserva monetaria da Dina Ferreira poden convertela nun ronsel de hiperoptimismo. Non hai que dramatizar. Antes de que peche, acabarán as aventuras empresarias de dúas ducias de tendas de camisetas e dese gastro-bar tan chic que calculou mal o investimento en palés personalizados. E mentres tanto, a orgullosa dona pode ir onda o meu pai a dicirlle: é normal pensar en vivir, cadaquén coa súa teima. Non é?

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s