‘Vinte fragmentos…’ de relatos sen cocer

Vinte fragmentos de mocidade voraz, de Tito Pérez Pérez, publicado por Toxosoutos, reúne relatos de corte realista e cotián. Vinte olladas costumistas sobre a Galicia de hoxe en día. Vinte estampas que non alcanzan brillo literario, materia prima que o autor non soubo transformar.

Esta primeira obra de Pérez Pérez (A Coruña, 1983) está baseada en dúas estratexias narrativas: o relato con sorpresa final e mais o recorte de realidade. Na primeira categoría o autor non consegue rachar a liña de previsibilidade e circunscribe o truco final case sempre aos dous últimos parágrafos, nun xogo que acaba por aborrecer o lector e que, as máis das veces, non ten forza abonda para abraiar. As frases están construídas sen fluidez, pexadas por unha sintaxe artificiosa, ás veces confusas, incapaces de plasmar o momento ou a atmosfera das situacións. Nos máis destes relatos dá a sensación de que todo era moito máis bonito na imaxinación do autor mais que ao trasladar esas ideas ao papel, non deu topado o fluxo, o ton nin a solidez narrativa.

Na liña das estampas, Pérez Pérez consegue algo máis de acerto. Un dos relatos máis extensos do libro, “O traslado”, podémolo considerar o mellor da colección. Malia erros nas descricións e na definición do ambiente do relato, o autor consegue dúas cousas que debería explotar en proxectos futuros: crear inquedanza a través dun relato cotián e amosar, aínda que con algúns tópicos, conflitos persoais, familiares e incluso sociais (cun uso alternativo do galego culto, o galego máis popular e o castelán acastrapado bastante ben fiado). Estas calidades vense tamén no relato “Mímese”, que empata co Manuel Rivas de Un millón de vacas.

Mais no resto tropeza cos mesmos defectos de sempre: renuncia á ollada propia, conformado só en recrear vivencias en base só aos elementos obvios, superficiais ou xeneralizados. Anécdotas ou situacións que buscan ser choqueiras pero que non se axustan ao rexistro narrativo. É un libro que se conforma co aroma dos primeiros traballos de Suso de Toro, un aroma que por desgraza se esvaece demasiado rápido.

♦ Vinte fragmentos de mocidade voraz, de Tito Pérez Pérez. Toxosoutos, 2016. 95 páxinas. ♠13€

César Lorenzo Gil.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s